Saltar ao contido

Herdanza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lendo o testamento, cadro de David Wilkie (1820)

O termo herdanza é usado en Dereito para se referir ao acto xurídico mediante o cal unha persoa que falece traspasa os seus bens, dereitos e obrigas a outra ou outras persoas, que se denominan herdeiros. Así, enténdese por herdeiro a persoa física ou xurídica que ten dereito ao total ou a unha parte dos bens dunha herdanza.

O herdeiro pode ser o que como tal figura nun testamento, ou, aqueles a quen a lei lle recoñece tal condición legal, así sexa por ausencia de testamento ou por aplicación de normas imperativas como as lexítimas.

Facultades do herdeiro

[editar | editar a fonte]

Ao herdeiro a lei atribúelle diversas facultades, entre elas:

  • Aceptar ou renunciar á herdanza, ou aceptala a beneficio de inventario.
  • Dispor por actos inter vivos ou mortis causa da mesma, aínda antes de entrar na súa posesión.
  • Lexitimidade para impugnar o testamento, oporse ao mesmo e cantas accións xudiciais considere necesarias para defender os seus dereitos.

Outras acepcións

[editar | editar a fonte]

Tamén se denomina herdanza, por extensión, ao conxunto de bens, dereitos e obrigas que se traspasan. Este conxunto de bens e dereitos, en ocasións, recibe o nome de caudal hereditario (caudal relitio). O caudal hereditario fórmao o patrimonio do causante no momento da morte, eliminando aqueles bens, dereitos e obrigas que se extinguen polo feito da morte (dereitos e obrigas personalísimas, por exemplo). Este caudal relaciónase no inventario de bens co seu correspondente pasivo.

Doutra banda, desde o punto de vista do herdeiro, denomínase herdanza ao conxunto de bens, dereitos e obrigas que recibe, que pode ser unha porcentaxe menor do total do caudal hereditario.

Neste último caso (desde o punto de vista do herdeiro), enténdese que unha herdanza se refíre a unha parte xenérica do patrimonio do testador. Por exemplo, a metade ou o total do caudal hereditario. Cando o testador decide dar uns bens concretos a un herdeiro, isto recibe o nome de legado e o herdeiro sería un legatario. O herdeiro, ás veces, confúndese coa figura do legatario. Con todo, un legatario, como receptor dun simple legado, non ten os mesmos dereitos de defensa da herdanza có herdeiro, e non sucede ao causante a título universal.

Características das herdanzas

[editar | editar a fonte]

Sendo a herdanza unha materia profusamente regulada, existen, con todo, dous tipos de normas aplicables á mesma:

  • Normas dispositivas, que rexen en ausencia de vontade do testador (sucesión intestada).
  • Normas imperativas, que rexen en todo caso, limitando a vontade do testador.

Segundo cada tipo de ordenamento xurídico e ao maior ou menor grao de normas imperativas, darase maior ou menor ámbito de actuación ao testador. Deste xeito, existen ordenamentos xurídicos moi limitativos á vontade do causante, impondo figuras como a lexítima, e outras que permiten a case total disposición por parte do causante dos seus bens.

Efectos fiscais

[editar | editar a fonte]

A herdanza como acto xurídico é tamén un feito impoñible. Ao ser unha fonte de ingresos para o herdeiro, a maioría dos estados grávana en maior ou menor medida mediante impostos.Cando se tramita unha herdanza hai que ter en conta que existen seis meses, desde a data da defunción, para liquidar todos os impostos que da herdanza dimanen.

Nalgunhas administracións pódese pedir, con antelación, unha prórroga no pago dos impostos, perante os organismo correspondentes, xustificando sempre a causa do atraso e evitando así sancións.

É de vital importancia asesorarse ben sobre o pagamento dos impostos, xa que ao estar transferidos no Estado Español ás Comunidades Autónomas, é cada unha delas a que regula o pagamento das mesmas. Polo xeral, depende a cantidade para liquidar de tres factores principais, último enderezo do causante ou lugar de falecemento, cantidade que conforma a masa hereditaria e o grao de parentesco co causante de cada un dos herdeiros. No caso das herdanzas con bens en varios países o tratamento fiscal complícase, xa que hai que estudar as implicacións en varias lexislacións.

Tamén en certas comunidades e segundo o grao de parentesco adoita haber exencións fiscais na súa totalidade; no caso da Comunidade de Madrid para o primeiro grao de consaguinidade ou reducións, como na Comunidade de Andalucía, de ata 175.000 euros da masa hereditaria para primeiro grao de parentesco, ou reducións por enderezo habitual etc...

É importante, non esquecer o imposto sobre o incremento do valor dos bens urbanos máis coñecido como plusvalía, imposto que se líquida en cada un dos concellos nos que o causante tivese unha propiedade urbana, e que dependen do valor catastral e dos anos de tenza do mesmo.

É importante ter sempre en conta o concepto de fiscalidade cando se ten dereito sobre unha herdanza, xa que hai catro anos e seis meses nos que llos poden reclamar e canto máis se tarda en liquidalos maior é a sanción que incrementa os mesmos

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]