Independentes Terras do Asma
Independentes Terras do Asma (INTA) foi un partido político fundado en Chantada no 2011 por Manuel Lorenzo Varela Rodríguez. O partido gobernou Chantada tralas municipais de 2011 e 2015, neste último caso con maioría absoluta, e en Monterroso tralas de 2015, pero en maio de 2019 a súa actividade finalizou definitivamente.
Historia do Partido
[editar | editar a fonte]Anteriormente, Manuel Lorenzo Varela Rodríguez fora militante do PPdG e alcalde de Chantada entre 1996 e 2007. Porén, após perder o goberno local ante socialistas e nacionalistas, nas eleccións ao congreso local do PP de Chantada, en novembro de 2008, foi derrotado por Susana López Abella, o que o levou a formalizar o abandono do grupo municipal xunto con outros 3 concelleiros en outubro de 2009, ao igual que o grupo popular da Deputación de Lugo. O venres día 4 de marzo do 2011 ás 20h presentouse esta nova agrupación política no Restaurante Mogay acudindo mais de 250 persoas. O nome procede do chantadés río Asma.
Nas eleccións municipais de 2011 foi a lista máis votada (con 5 de 13 concelleiros) e Manuel Varela foi investido alcalde, revalidando o cargo no 2015, desta vez con maioría absoluta (7 de 13 concelleiros).
Nos comicios de 2015, INTA presentou tamén candidatura en Monterroso logrando grandes resultados: conseguiu a maioría absoluta (con 7 de 11 edís) e Jesús Otero, histórico militante do PSdG-PSOE local, accedeu á alcaldía.[1] Con todo, en outubro de 2016 Otero foi inhabilitado como rexedor en cumprimento dunha condena por tráfico de influencias durante a súa etapa como subdelegado do goberno en Lugo (2004-2009).[2] Foi relevado polo seu compañeiro Miguel Rico.
A mediados de 2018 foron confirmados contactos dos principais representantes de INTA co alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, para unificar as súas candidaturas e expandir o proxecto, coa perspectiva de conseguir representación na Deputación,[3] sopesando tamén a posibilidade de incorporar o exalcalde taboadés José Ramos Ledo,[4] pero finalmente non se levou a cabo.[5]
O ocaso de INTA chegou na primavera de 2019, cando o alcalde de Chantada, Manuel Varela, anunciou o regreso ao Partido Popular,[6] o que foi retribuído coa súa inclusión nas listas do partido ao Senado para as eleccións xerais de abril [7], como o propio Varela recoñeceu.[8] Após conseguir a acta de senador, nas municipais de maio de 2019 obtivo a maioría absoluta en concelleiros no consistorio chantadés, repetindo como alcalde.[9] Nestas eleccións, tampouco se conformou candidatura de INTA en Monterroso,[10] finalizando, por tanto, a súa actividade política como partido.
Referencias
[editar | editar a fonte]- ↑ "Os independentes de Monterroso e Chantada, a pola Deputación" Arquivado 12 de marzo de 2016 en Wayback Machine., artigo en La Voz de Galicia.
- ↑ "El alcalde de Monterroso deja el cargo para cumplir una condena de un año de inhabilitación". 5/11/2016. Consultado o 26/2/2021.
- ↑ "Continúan los contactos para crear una candidatura independiente provincial". 16/6/2018. Consultado o 26/2/2021.
- ↑ "Los independientes tientan a Ramos Ledo para la candidatura de Taboada". 24/10/2018. Consultado o 1/3/2021.
- ↑ "El alcalde de Becerreá descarta una candidatura única con los independientes de Chantada y Monterroso". 29/1/2019. Consultado o 26/2/2021.
- ↑ "El PP recupera al alcalde de Chantada y mete presión en la carrera por la Diputación". 19/3/2019. Consultado o 26/2/2021.
- ↑ "El alcalde de Chantada quiere ser senador para trabajar por la autovía Lugo-Ourense". 23/3/2019. Consultado o 26/2/2021.
- ↑ "Varela admite que "algo ayudó" ir en la lista al Senado para volver al PP". 27/3/2019. Consultado o 26/2/2021.
- ↑ "Elecciones municipales 26M. Chantada. La Voz de Galicia". 26/5/2019. Consultado o 26/2/2021.
- ↑ "El alcalde de Monterroso renuncia a presentarse a las elecciones". 17/4/2019. Consultado o 26/2/2021.