Isoglosa
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2015.) |
Unha isoglosa é unha liña imaxinaria que divide xeograficamente a existencia de dous fenómenos lingüísticos distintos.[1] Os trazos poden ser fonéticos, fonolóxicos, morfolóxicos, sintácticos e mesmo pragmáticos. Partindo como exemplo do galego actual, as isoglosas dos principais fenómenos (plurais dos substantivos e adxectivos rematados en -n e -l, variantes no paradigma dos verbos, na estrutura fonolóxica, nas realizacións fonéticas, gheada, seseo, etc.) contribúen a delimitar o territorio dos tres bloques lingüísticos: occidental, central e oriental. Porén, unha isoglosa pode internarse non só nas falas dun determinado idioma, senón en dominios pertencentes ao que se consideran linguas distintas. Este fenómeno tipifica as áreas ocupadas por dialectos procedentes dun tronco común, de aí que cando se trata de describir tecnicamente as variantes desde o punto de vista sincrónico non sexa apropiado referirse a linguas, senón a fenómenos dialectais que se van sucedendo a través de continuum[2] lingüísticos.
Os problemas na definición de lingua proceden dunha súa característica: a continuidade. En lingüística fálase de continuum lingüístico na Romania (onde se falan linguas románicas ou neolatinas), debido a que existen trazos (chamados variantes) que xeograficamente se perden nun límite e outros que se perden noutro. A estas fronteiras distribucionais ou isoglosas poden agruparse (e polo tanto se chamarán substitutivas ou consecutivas) ou aparecer illadas (e se chaman constitutivas, difusas ou graduais):
- a caída do f- inicial latino, a ditongación do e breve latino e a existencia da realización fricativa palatal xorda como fonema (que nós escribimos <x>) aparecen xuntas de norte a sur en Castela moi preto das fronteiras con Galicia e Portugal (vermello fronte ó resto no mapa);
- pero a isoglosa da existencia da gheada é interna de Galicia (en diagonal) excluíndo (horizontal) a Portugal, ademais de propia do castelán (verde escuro e vermello fronte ó resto);
- mentres que a isoglosa do seseo (existencia dunha realización fricativa interdental xorda como fonema, o "z") é interna dentro de Galicia (en diagonal) incluíndo a Portugal (verde escuro e marrón fronte ó resto);
- así como hai isoglosas entre Portugal fronte a toda Galicia e Castela (o verde escuro fronte a marrón e mais azul: existencia de sibilante sonora, o /z/ portugués, ou da fricativa palatal sonora, o /j/ portugués);
- ou tamén isoglosas dentro de Portugal incluíndo Galicia por unha banda (entre o marrón e o azul: existencia do fonema con articulación africada palatal xorda, o <ch>, ou a ditongación de "ferreiro").
Como se ve, as isoglosas poden concentrarse en determinadas rexións ou aparecer illadamente: no primeiro caso chámanse fronteiras lingüísticas constitutivas e no segundo substitutivas ou consecutivas. As fronteiras das linguas románicas na Península Ibérica son constitutivas na súa parte setentrional (galego e asturiano, asturiano e castelán ou castelán e aragonés) e substitutivas na súa parte meridional (portugués e castelán. Isto pasa tamén na fronteira entre as linguas iberorromances e a Galorromania, pois tamén se dá así entre o aragonés e o catalán no norte ou castelán e catalán en Valencia no sur. Normalmente na Península Ibérica, as fronteiras interlingüísticas máis importantes agrúpanse na dirección norte-sur, mentres que as intralingüísticas se desenvolven na dirección este-oeste.
Exemplos de isoglosas na lingua galega
[editar | editar a fonte]-
Seseo
-
Gheada
-
Cheísmo-teísmo
-
ti-tu
-
el-il
-
isto-esto
-
ons-os-ois
-
cantabamos-cantábamos
-
cantades-ás-ais-andes
-
colleu-colliu
-
colliches-eches-estes
-
partiu-parteu
-
irmán-irmá-irmao
-
mazán-mazá
-
llo-llelo
-
moito-uito-uto-utio
-
catro-cuatro
-
ver-mirar
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para isoglosa.
- ↑ VV.AA. "FilóbLogos". Consultado o 30/05/2015.