Xosé Cuíña
Estatua de Xosé Cuíña en Lalín. | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 25 de febreiro de 1950 Prado, España |
Morte | 28 de decembro de 2007 (57 anos) Santiago de Compostela, España |
Causa da morte | morte natural |
Deputado do Parlamento de Galicia | |
1989 – 2007 | |
Presidente da Deputación de Pontevedra | |
1987 – 1990 ← Fernando García del Valle – César Mera → | |
Alcalde de Lalín | |
1979 – 1990 (dimisión) ← Luis González Taboada – Xosé Crespo Iglesias → | |
Conselleiro da Xunta de Galicia | |
Actividade | |
Ocupación | político |
Partido político | Partido Popular |
Familia | |
Fillos | Rafael Cuíña |
Irmáns | Eladio Cuíña Crespo |
Xosé Cuíña Crespo, nado en Prado (Lalín) o 25 de febreiro de 1950 e finado en Santiago de Compostela o 28 de decembro de 2007, foi un empresario e político galego.
Traxectoria política
[editar | editar a fonte]Alcalde de Lalín
[editar | editar a fonte]Fillo de Luis Cuíña Fondevila, muiñeiro,[1] e Isolina Crespo Taboada.[2] Fixo o bacharelato no Instituto Laboral de Lalín. Trasladouse a Medina del Campo para facer estudos na área agrícola e despois fixo algúns anos da carreira de Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela. En 1971 foi nomeado concelleiro de Lalín continuando no posto ata 1979, e accedeu como independente á alcaldía de Lalín nas primeiras eleccións democráticas.
Posteriormente ingresou no Partido Popular de Galicia co que continuou á fronte da alcaldía dezá gañando as eleccións municipais de 1983 e 1987 con maioría absoluta, posto que simultaneou co de presidente da Deputación de Pontevedra entre 1987 e 1990, e co de deputado no Parlamento de Galicia dende 1989.
Conselleiro de Obras Públicas
[editar | editar a fonte]Logo das eleccións que lle outorgaron a maioría absoluta ao Partido Popular de Manuel Fraga, en 1990, Xosé Cuíña converteuse no home forte do executivo ao ocupar a carteira de conselleiro de Obras Públicas. Desde este cargo, impulsou unha rede de vías de alta capacidade entre as que se atopan: a autoestrada A-55 A Coruña-Carballo, a autoestrada A-57 Vigo-Baiona, a autovía Ferrol-As Pontes, o corredor central Lalín-Chantada-Monforte CRG2.1, a vía rápida do Salnés VRG-4.1 e a vía rápida da Barbanza VRG-1.1. Tratábase con elas de poñer fin ao tradicional déficit galego en comunicacións terrestres. Así mesmo, dispuxo a redacción da Lei 10/1995 de Ordenación do Territorio de Galicia, aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia aínda que de escaso desenvolvemento e execución. Co fin de poñer fin ao caos urbanístico de Galicia e frear a desaparición da arquitectura rural asinou coas sete cidades de Galicia, así como como outros concellos diversos e a FEGAMP o Acordo Marco para a reforma do urbanismo de Galicia de data 27 de xullo de 2001.[3] Froito dese acordo foi a Lei 9/2002 de 30 de decembro de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia. Esta lei supuxo unha maior protección do litoral coa ampliación da servidume de costas de 100 aos 200 metros desde o dominio público marítimo terrestre. A través do Instituto Galego da Vivenda e Solo e as empresas públicas Xestur creou máis de 6 millóns de metros cadrados de superficie neta industrial e comercial nos 39 parques construídos.[4] Puxo en marcha uns programa de rehabilitación de vivenda rural e a erradicación do chabolismo e da infravivenda con máis de 30.000 actuacións.[5] Espallou pola xeografía do país diversas actuacións en materia de equipamentos urbanos (Conservatorio de Lalín, edificio multiúsos de Vilalba, recinto feiral de Pontevedra, Sala de Congresos e exposicións de Baiona, auditorios de Cerceda, Cangas, Vilagarcía de Arousa, Ourense,...). Creou o ente Portos de Galicia a través do que dispuxo a mellora ou construción de peiraos, fondeadoiros, lonxas e instalacións náutico-deportivas.
Secretario Xeral do PPdG
[editar | editar a fonte]Simultaneou o cargo de conselleiro de Obras Públicas co de secretario xeral do partido incidindo na liña galeguista aberta por Manuel Fraga consonte o concepto de autoidentificación e a proposta de administración única. Así, na asemblea do PPdG de 24 de abril de 1991, defendeu un nacionalismo ben entendido "ata a fronteira da autodeterminación".[6] A súa popularidade tiña como expresión os baños de masas da romaría do Monte Faro, concibida como unha xornada festiva e de reafirmación galeguista do PPdG que concentraba na súa Comarca de Deza aos máximos dirixentes do Partido.
Caída
[editar | editar a fonte]A partir de 1999 o seu poder comezou a esluírse. Primeiro foi substituído no cargo de secretario xeral do PPdeG en 1999 por Xesús Palmou, e logo, en 2003, do posto de conselleiro por Alberto Núñez Feijóo.[7] A súa destitución, producida o 13 de xaneiro de 2003, foi derivada da crise do Prestige, e estivo supostamente motivada pola venda, por parte dunha empresa da súa familia de 8.500 traxes de auga e 3.000 pas aos equipos de limpeza do fuel a empresa Tragsa. Porén, estas acusacións nunca chegaron a probarse xudicialmente. O certo é que na Xunta "houbo serias discrepancias entre un bando encabezado por Cuíña, que avogaba por actuar máis e con autonomía respecto do goberno central e outro que prefería ir a remolque do que decidise Madrid".[8]
Cuíña, que abandeirara posturas galeguistas dentro do Partido Popular, tentou reunir apoios para recuperar a presidencia do Partido Popular á marcha de Fraga. Porén, e malia diversos contactos con Xosé Luís Baltar, non conseguiu xuntar as sinaturas necesarias para competir polo posto. Mantivo a súa acta de deputado no Parlamento pola provincia de Pontevedra ata o seu falecemento.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Foi nomeado fillo predilecto de Lalín en 2008.[9]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con María Carmen Aparicio Rodríguez e foi pai de Rafael e María Cuíña Aparicio. Faleceu aos 57 anos vítima dun choque séptico como consecuencia dunha pneumonía.[10] O seu cadaleito foi sepultado coa bandeira de Galicia e logo de que se interpretase o himno galego.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ O Muíño de Cuíña
- ↑ Madre y testaferro de Cuíña
- ↑ Galicia 2003, Xunta de Galicia ISBN 84-453-3459-X pax. 333
- ↑ Galicia 2003, opus cit. pax 340
- ↑ Galicia 1997, Xunta de Galicia ISBN 84-453-1915-9, pax. 275
- ↑ A gran historia de Galicia, XIV, Volume 2, Os primeiros pasos da autonomía. Ed. La Voz de Galicia, 2007, pax. 125. ISBN 978-84-96931-32-9
- ↑ Artigo en El Mundo sobre o destacado papel de Cuiña na política galega con mención á rebelión dos deputados ourensáns. (en castelán)
- ↑ A Gran Historia de Galicia, opus cit. pax.193
- ↑ Xosé Cuíña ya es hijo predilecto de Lalín por acuerdo unánime Arquivado 25 de abril de 2008 en Wayback Machine., El Correo Gallego, 25/04/08
- ↑ Xosé Cuiña deixa orfa a dereita galeguista Arquivado 24 de setembro de 2019 en Wayback Machine., Galicia Hoxe
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Dicionario biográfico de Galicia. Ir Indo Edicións. 2010-2011.
- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Barrera, F., ed. (2002). Gallegos. Quién es quien en la Galicia del siglo XXI (en castelán). El Correo Gallego. ISBN 84-8064-113-4.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Predecesor: Luis González Taboada |
Alcalde de Lalín 1979 - 1990 |
Sucesor: Xosé Crespo |
Predecesor: Fernando García del Valle |
Presidente da Deputación de Pontevedra 1987 - 1990 |
Sucesor: César Mera |
Predecesor: Antolín Sánchez Presedo |
Conselleiro de Ordenación do Territorio e Obras Públicas 1990 - 2003 |
Sucesor: Alberto Núñez Feijóo |
- Alcaldes de Lalín
- Alcaldes de Galicia polo PPdeG
- Alcaldes de Galicia de candidaturas independentes
- Alcaldes de Galicia durante a democracia
- Presidentes da Deputación de Pontevedra
- Conselleiros da Xunta de Galicia
- Deputados do Parlamento de Galicia polo PPdeG
- Nados en Lalín
- Nados en 1950
- Finados en 2007
- Deputados da III Lexislatura do Parlamento de Galicia
- Deputados da IV Lexislatura do Parlamento de Galicia
- Deputados da V Lexislatura do Parlamento de Galicia
- Deputados da VI Lexislatura do Parlamento de Galicia
- Deputados da VII Lexislatura do Parlamento de Galicia