Saltar ao contido

Joseph Merrick

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJoseph Merrick

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(en) Joseph Carey Merrick Editar o valor en Wikidata
5 de agosto de 1862 Editar o valor en Wikidata
Leicester, Reino Unido Editar o valor en Wikidata
Morte11 de abril de 1890 Editar o valor en Wikidata (27 anos)
Whitechapel, Reino Unido (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaCity of London Cemetery and Crematorium (en) Traducir (1890–) Editar o valor en Wikidata
Outros nomesElephant man Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónartista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1884 Editar o valor en Wikidata - 1885 Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteObálky knih, Editar o valor en Wikidata
Musicbrainz: be5ad3fa-ee23-4c81-b8a1-3ea04fa0ba5b WikiTree: Merrick-2209 Find a Grave: 7339523 Editar o valor en Wikidata
Joseph Merrick en 1889.

Joseph Carey Merrick nado en Leicester, Inglaterra o 5 de agosto de 1862 e finado en Londres o 11 de abril de 1890, tamén coñecido como "O Home Elefante", fíxose famoso debido ás malformacións que padeceu desde o ano e medio de idade. Condenado a pasar a maior parte da súa vida enrolado no mundo da farándula, só encontrou sosego nos seus últimos anos de vida. A pesar da súa desgraciada enfermidade, sobresaíu polo seu carácter doce e educado, así como por unha intelixencia superior á media que só puido demostrar nas súas postrimerías. Aínda que non se sabe con absoluta certeza, crese que Joseph puido padecer unha grave variación da síndrome de Proteus.

No museo do Royal London Hospital, actualmente non se exhibe o esqueleto de Joseph, pero si algunhas pertenzas súas: un sofá con rodas que tivo nas súas dependencias no hospital, cartas manuscritas súas, o libro de admisións do Hospital coa súa entrada, o gorro co trapo cosido que lle cubría a cara e a cabeza (fabricado por Tom Norman) e baleirados de xeso que lle realizaron unha vez morto.

O director estadounidense David Lynch levou ao cine a vida de Joseph Merrick na película The Elephant Man no ano 1980. Nela, John Hurt interpreta a Joseph Merrick.

Joseph Carey Merrick era fillo do matrimonio conformado polo comerciante Joseph Rockley Merrick e Mary Jane. Empezou a presentar os primeiros síntomas da súa enfermidade aos 18 meses. A partir dos 4 ou 5 anos de idade, no seu corpo comezaron a formarse vultos e os ósos das súas extremidades e o seu cranio desenvolvéronse de forma anormal.

Segundo o seu propio testemuño, de cativo nunca puido xogar cos seus compañeiros de escola posto que as súas pernas e a súa cadeira deformadas llo impedían. A partir de entón, a coraxe e a valentía por sobreporse á súa enfermidade serían as constantes que definirían a súa vida. Súa nai, Mary Jane, empeñouse en que asistise á escola. Ela, aínda que procedía do campo e de familia moi humilde, sabía ler e escribir e estaba moi ligada á igrexa bautista de Leicester. Colaboraba dando clases dominicais aos nenos que non podían acudir á escola durante a semana porque tiñan que traballar.

Como as deformacións de Joseph empezaban a ser xa espectaculares, moitas persoas agrupábanse na rúa para observalo, feito que fixo que Mary Jane o levase e trouxese persoalmente do colexio. Tamén o levaba consigo cando daba clases na escola dominical. Así, Joseph pasou toda a súa infancia ao lado da súa nai, o que lle provocou unha gran dependencia dela. De maior, sempre a recordou como unha nai moi cariñosa e entregada aos seus fillos.

Joseph tivo dous irmáns máis novos que el: William, nacido en 1866 e que faleceu de escarlatina en 1870, e Marion Eliza, nacida en 1867 e morta en 1870. Os seus irmáns máis novos eran sans e non presentaron ningunha deformación.

O pai de Joseph, que sempre se gañara a vida como cocheiro, abriu por 1870 unha pequena mercería que rexentou xunto á súa muller até 1873, ano no que ela faleceu a causa dunha broncopneumonía. Segundo Joseph (que tiña por entón 11 anos), ese foi o peor suceso da súa vida, incluso peor que a súa enfermidade, xa que súa nai fora a única persoa que lle dera amor verdadeiro e o coidara. Quedou totalmente só, e nese punto é cando empezaron os seus maiores padecementos.

Pouco tempo despois, seu pai volvería casar cunha viúva que tiña dous fillos; con iso, as súas desgrazas recruáronse, entrando así nunha das etapas máis infelices da súa vida, xa de por si tráxica. A súa madrasta e medio irmáns non o aceptaron e, ademais das vexacións continuas que lle propinaban e ignorando todas as dificultades que lle ocasionaban as súas deformidades, esixíronlle que traballase e gañase diñeiro para contribuír ao sustento da familia. Reprochábanlle continuamente que se escudaba nas súas malformacións para non ter que traballar. Joseph recordaba que a súa madrasta adoitaba sacarlle o prato de comida cando aínda o tiña medio cheo recriminándolle que, co pouco que achegaba ao fogar, o que comera era moito máis do que merecía.

Ante a insistencia da madrasta, e grazas á colaboración do seu tío Charles Merrick, conseguiu empregarse nunha fábrica de cigarros. Nela, estivo traballando durante dous anos, até que a súa xigantesca e deformadísima man dereita lle impediu seguir atando follas e, consecuentemente, despedírono.

As continuas humillacións das que era vítima na súa casa, levárono a escapar varias veces de casa. Seu pai saía a buscalo e Joseph só accedía a regresar se seu pai lle prometía que o tratarían mellor. Nestas fuxidas tampouco conseguiría aliviarse nada, pois sufría unha grave deformación na cadeira que, unida a unha pronunciada escoliose, tiña que facer un esforzo adicional para manterse en pé. Seu pai, ao que posteriormente na súa autobiografía lle reprocharía que nunca o quixo como un fillo, conseguiulle unha licenza de vendedor ambulante. Cun carro, Joseph percorría as rúas de Leicester vendendo artigos da mercería de seu pai. En plena etapa adolescente, as súas doenzas empeoraron e o seu aspecto era xa impactante. A súa imaxe xa causaba sorpresa e, evidentemente, o seu labor como vendedor foi un fracaso total.

Por eses días, a mandíbula de Joseph xa estaba deformada e un gran tumor íalle crecendo xusto encima da boca facendo que a súa maneira de falar fose case inintelixible. Ao final da súa vida, Merrick describiría como nese novo periplo polas rúas de Leicester, nenos e maiores se apiñaban ao seu redor berrándolle e insultándoo. Ao non vender nada, na súa casa as cousas non melloraron e, ás veces, Joseph devolvíalle ao seu pai o diñeiro que lle daban para a comida facéndoo pasar como se fosen cartos obtidos nas vendas, así que prefería pasar o día sen comer antes que soportar as reprimendas da súa madrasta.

Finalmente, a insoportable presión familiar, os sucesivos ultimatos da súa madrasta cara ao seu pai e un castigo físico fixeron que Joseph se fose da casa para sempre, levando canda el as súas poucas pertenzas no seu carro de vendedor á idade de 15 anos. Tras marchar da casa, continuou vendendo durante o día as mercancías da mercería que levara consigo e pola noite durmía na rúa. Seu tío, Charles Merrick, irmán máis novo de seu pai, rexentaba unha barbería e alertado por veciños da situación do seu sobriño, saíu a buscalo e tívoo na súa casa durante dous anos. Joseph sempre lembrou o bo trato que recibiu dos seus tíos. O seu tío, quen faleceu en 1925, sabía e falaba do mal trato que recibiu Joseph por parte da súa madrasta e o total abandono do seu pai. Este feito fixo que as relacións entre Charles e seu irmán fosen moi tensas. Tamén mencionaba Charles Merrick a gran vontade do seu sobriño, a quen vía saír todos os días a vender co seu carriño aínda sabendo que regresaría coas mans baleiras.

En 1879, a vida de Joseph volveu complicarse. O gremio local de vendedores ambulantes denunciou que Joseph Merrick daba "mala imaxe" ao sector e pediu que non se lle renovase a licenza para vender. Joseph ignoraba esa queixa e cando foi renovar a súa licenza atopouse con que lla negaban. A casa do seu tío era moi pequena e Charles e súa esposa esperaban un fillo. Joseph pensou que era unha carga moi grande para eles e que non debía abusar da súa amabilidade. Aínda en contra da opinión do seu tío, Joseph decidiu ingresar na Leicester Union WorkHouse a finais de 1879. As condicións de vida das denominadas Workhouse (casas de traballo) eran sumamente duras e Joseph resistiunas durante 12 semanas. Saíu, pero só por dous días. Cando se deu de conta de que xamais encontraría traballo como unha persoa normal, tivo que regresar e permaneceu alí durante catro anos.

Joseph sempre falou da súa estancia nese local con medo e horror. Ao cuarto ano de estar alí, a protuberancia que lle medraba na cara xa lle impedía comer e os responsables da Work House creron conveniente levalo á "Leicester Infirmary" para que o operasen e de paso, que quedasen con el, xa que na Work House non se daba asilo a aqueles que non podían gañarse a comida e a cama que lles ofrecía o Estado inglés a cambio de traballo.

Na Leicester Infirmary, operárono da protuberancia en forma de trompa de elefante que deu orixe ao seu alcume. Joseph recordaba que a operación foi moi dolorosa pero que lle conseguiron quitar medio quilogramo de tecido e que puido volver comer mellor e falar con máis claridade. Mentres se recuperaba da operación, acrecentouse o seu desexo de non regresar á Work House e pensou como podía gañarse a vida. Exhibirse nas feiras ambulantes da época era a única saída para el aínda que non lle gustaba a idea. Merrick soubo por un xornal que un coñecido promotor de feiras chamado Sam Torr estaba en Leicester e decidiu escribirlle contándolle a súa situación e que estaba interesado en traballar para el. O promotor, en canto o viu, soubo que ía facer negocio. Inmediatamente incorporouno na súa feira e así Joseph empezou en 1883 o seu tránsito por Inglaterra exhibíndose. O seu número era unha grande atracción.

De Sam Torr pasou á feira do empresario Tom Norman. Da súa etapa nas feiras ambulantes, non tiña un mal recordo e incluso chegou a facer amizades con outros compañeiros de traballo. Con Tom Norman chegou a Londres a finais de 1884. Norman conseguiu alugar un local fronte do "Royal London Hospital" (Hospital Real de Londres) onde exhibiu a Joseph durante unhas semanas. Foi por ese tempo que o médico Frederick Treves viu a Joseph por primeira vez debido a unha recomendación duns estudantes de medicina que coñecían o seu interese por todo o relacionado coas enfermidades deformantes. Treves quedou fortemente impactado co aspecto de Joseph Merrick e solicitoulle a Tom Norman que lle deixase facerlle un recoñecemento médico. Treves observou a primeira vista que Joseph fora operado na cara posto que lle notou a cicatriz e o queloide conseguinte que se lle formara sobre o labio superior.

Treves deulle unha tarxeta de visita a Tom Norman que lle permitiría poder entrar no hospital sen cita previa e sen preguntas. Grazas a esa tarxeta, Tom Norman levou a Joseph Merrick discretamente ao hospital e alí Treves tívoo durante varios días facéndolle recoñecementos e mostrándoo á comunidade científica do hospital e doutros centros médicos. Quedando patente que a enfermidade era incurable e que non podía quedar no hospital, Joseph tivo que abandonar o establecemento. Durante ese tempo, Joseph por timidez, medo e porque non se expresaba ben debido á súa boca deformada non mantivo case conversación con Treves. Tal foi o seu mutismo que Treves pensou que tiña atraso mental.

A exhibición en Londres continuou até case a primavera de 1885, cando foi cerrada polas autoridades. Non era a primeira vez que a exhibición de Joseph era clausurada por encontrala "indecente" debido ao sorprendente aspecto que tiña. En case todos os lugares onde traballaba, a súa exhibición era cerrada. Nesta situación, Tom Norman coñeceu un promotor italiano chamado Ferrari quen lle propuxo levar a Joseph polo continente europeo. Debido a que Joseph Merrick xa non podía traballar en Inglaterra, Norman decidiu que este marchase con Ferrari.

Era costume por entón que os promotores gardasen as ganancias das súas atraccións, así que Norman lle deu as 50 libras que Joseph gañara sen que este protestase. Ferrari e Joseph embarcáronse rumbo a Bélxica en xuño de 1886. O que ningún esperaba é que en Europa as leis sobre a exhibición de persoas con deformidades eran moi severas.e por iso as exhibicións de Joseph eran clausuradas aos poucos días de ser abertas non tendo case ganancias nin para sustentarse. Indo de cidade en cidade, perseguidos polas autoridades, chegaron á cidade de Bruxelas. Alí, Ferrari abandonou á súa sorte a Joseph, levándose as 50 libras que Merrick obtivera tras dous anos de traballo.

Só e sen coñecer o idioma francés, conseguiu empeñar unhas poucas pertenzas. Con gran dificultade chegou a Ostende, onde mercou unha pasaxe para regresar a Inglaterra. Tivo problemas para que o deixasen embarcar xa que un capitán non o quixo no seu barco. Logrou ao final que o deixasen subir nun barco, pero baixo a condición de que non se mesturase co resto dos pasaxeiros. Como facía mal tempo, tivo que quedar escondido na cuberta á intemperie durante as dez horas de viaxe (a maior parte delas de noite), o que lle provocou bronquite. Atracou na cidade de Dover, onde tomou un tren cara a Londres. No tren tamén procurou subir nun vagón baleiro, e agochouse nun recuncho para non ser observado á vez que evitar un tumulto.

Merrick chegou á estación de Liverpool Street en Londres ás sete da mañá dun día de decembro de 1886. Ao baixar do tren, a xente deuse conta da súa presenza e empezárono a increpar, a rodealo e a intentar quitarlle a gorra co veo que escondía a súa cara. Joseph intentou escapar inutilmente. Cando chegou a policía, Merrick estaba ao bordo dun ataque de loucura, falaba atropeladamente e non se podía facer entender. Non coñecía absolutamente ninguén en Londres e non coñecía a cidade, xa que a pesar de ter percorrido toda Inglaterra, xamais saía da súa caravana ou do seu lugar de exhibición. Ás preguntas da policía só acertou en ensinar a tarxeta do doutor Frederick Treves que conservara durante case dous anos. Treves foi chamado á estación e levouno con el ao London Hospital. Alí ingresouno de modo fraudulento, o que lle trouxo problemas cos seus superiores.

O director do hospital entendeu a situación de Joseph, pero o London Hospital non aceptaba por entón enfermos crónicos. Considerouse a posibilidade de envialo a algún asilo, pero en todos o rexeitaron. Joseph Merrick suxeriu que o mandasen á instalación dun faro marítimo ou a un asilo para cegos e pediu reiteradamente que non o mandasen a unha "Work House". Segundo Treves, sentía pánico ante a idea de poder volver a unha institución semellante. Solicitar ir a un faro era porque nese momento Joseph tiña auténtico pánico á xente, e o ir ao asilo de cegos era para poder relacionarse con xente sen a angustia de que o visen e así o tratasen con normalidade.

Non obstante, o director do hospital tivo a idea de pór un anuncio na prensa solicitando axuda económica para poder facer un fondo para Joseph e así xustificar poder telo aloxado de por vida. A resposta da sociedade inglesa foi un éxito; recibíronse cuantiosas sumas de diñeiro. Solucionado o tema económico, habilitáronse unhas habitacións para Joseph que se converterían no seu último fogar.

Novamente logrou gran repercusión cando a propia Alexandra, Princesa de Gales, e o Duque de Cambridge, se interesaron persoalmente pola sorte do infortunado Merrick. Sería aí onde Merrick, unha vez alcanzada a paz que tanto ansiara, se dedicou ás súas dúas grandes paixóns: a lectura de novelas románticas e a escritura. Tamén, pronto, e persuadido polo doutor Frederick Treves, Merrick comezou a recibir visitas, ás cales sempre sorprendeu coa súa extraordinaria educación e sensibilidade. De entre as numerosas personalidades coas que se entrevistou destaca a da Princesa de Gales, a quen recibiu en varias ocasións.

Frederick Treves, o médico que se ocupa de Joseph Merrick

Falecemento

[editar | editar a fonte]

Na mañá do 11 de abril de 1890, aos 27 anos de idade, na etapa máis feliz da súa vida, Joseph Carey Merrick foi encontrado morto na súa cama. Treves, tras un exame, concluíu que faleceu por asfixia ao quedar durmido. A cabeza de Merrick era enorme e só con esforzo conseguía mantela erguida. O seu desmesurado peso e tamaño impedían que Merrick puidese durmir tumbado, obrigándoo sempre a que o fixese sentado e nunha posición especial; doutra forma as deformidades comprimíanlle a traquea e dificultábanlle gravemente a respiración. Non obstante, actualmente, tras análises máis detalladas do seu esqueleto, máis que por asfixia, estímase como a causa máis probable da súa morte que repentinamente a súa cabeza se inclinara debido ao seu desproporcionado peso e se lesionara a caluga.

A personalidade

[editar | editar a fonte]

En todos as homenaxes á súa persoa sempre se cita como o trazo máis significativo do seu carácter a coraxe que soubo impoñer desde o primeiro momento á inhumana crueldade da súa enfermidade. Tampouco deixou de marabillar os seus interlocutores co trato doce e educado que dispensaba, así como a sensibilidade especial coa que Merrick adoitaba tinxir as súas impresións. Chegou a transcender amplamente o episodio no que, xa no final da súa vida, despois de que unha muller lle dera por primeira vez a man, Merrick rompera a chorar pola intensa emoción que lle produciu non sentirse rexeitado; sentimento ao que habería que unir a especial admiración que sempre sentiu polo sexo feminino. Mais postumamente, o trazo que maior interese espertou da personalidade de Joseph Merrick é como despois das humillacións, as malleiras e o ostracismo ao que foi sometido, se mantivera desprovisto de rancor, e sempre conseguise sobrepoñer o seu carácter doce e inocente. Tanto é así que Ashley Montagu, recoñecido antropólogo da Universidade de Princeton, escribiu un estudo acerca deste incrible aspecto da súa personalidade titulado The Elephant Man: A Study in Human Dignity ("O Home-Elefante: Un Estudo acerca da Dignidade Humana"). Por outro lado, e aínda que durante moito tempo da súa vida se ignorou esta outra destacable cualidade, a Joseph Merrick recoñecéuselle unha intelixencia superior da media.

A sociedade do momento quixo transformar a Merrick nun monstro; pero el co seu carácter humano desvelou á sociedade como tal.

Tiña un vocabulario extenso e, a pesar de ter pasado a maior parte da súa vida no ambiente da farándula, non só sabía ler e escribir correctamente, senón que tamén o facía con estilo notable; feitos que, no Londres vitoriano de finais do século XIX, resultarían sobresalientes para calquera persoa de clase media ou baixa. Precisamente é dos estudos dos seus escritos de onde se deduce unha persoa de carácter inxenuo e infantil, e de mirada marabillada e simplificadora. É tamén imprescindible subliñar o profundo amor que nunca deixou de sentir pola súa nai, cuxa morte sempre recoñeceu como a traxedia máis grande da súa vida. Quizais porque coa súa ausencia se foi todo o amor que recibía, e porque foi a única que viu tras el a persoa.

Merrick era por natureza, destro. Pero a deformidade da man dereita obrigoulle a volver aprender a escribir coa esquerda e logrou facelo, coa gran vontade que o caracterizaba, cunha caligrafía elegante e perfectamente lexible. Asinaba sen rúbrica, simplemente escribía "Joseph Merrick".

O doutor Treves sorprendeuse de que Merrick coñecera a obra de Jane Austen á que admiraba. Durante parte dos séculos XIX e XX, Austen non era unha escritora tan coñecida como pode ser hoxe en día, e só os moi iniciados en literatura inglesa a coñecían, o que demostra o nivel de lectura de Merrick. Gustáballe gardar recortes de periódicos de artigos ou anuncios que lle interesaban. Algúns gardounos desde os tempos nos que vivía nas feiras e conservounos até a súa morte.

A enfermidade

[editar | editar a fonte]
Fotografía de Joseph Merrick tomada para o estudo da enfermidade en 1888, a derradeira fotografía que lle tomaron.

Merrick, sempre baixo unha mirada simplificadora e inocente, creu que a causa das súas deformacións procedía do ataque, durante unha feira, dun elefante á súa nai cando esta estaba embarazada del. De acordo coas súas propias palabras:

Vin a luz por primeira vez o 5 de agosto de 1862. Nacín en Lee Street, Leicester. A deformidade que exhibo agora débese a que un elefante asustou a miña nai; ela camiñaba pola rúa mentres desfilaba unha procesión de animais. Xuntouse unha enorme multitude para velos, e desafortunadamente empuxaron a miña nai baixo as patas dun elefante. Ela asustouse moito. Estaba embarazada de min, e este infortunio foi a causa da miña deformidade.

Desde un punto de vista científico, inicialmente creuse que Merrick padecía filaríase, comunmente denominada elefantíase, e cuxa causa é un verme que actúa a modo de parasito. Mais a filaríase é unha enfermidade tropical que non tiña presenza nas illas británicas, e en ningún caso produce as graves deformacións óseas que sufriu Merrick. Posteriormente, rediagnosticóuselle o caso e pasouse a crer que padeceu neurofibromatose, tamén coñecida como enfermidade do home elefante. Tempo despois, tamén se descartou esta posibilidade, pois algúns síntomas característicos da neurofibromatose entran en clara contradición con evidencias encontradas no caso de Merrick. Actualmente, e de forma maioritaria, a comunidade médica cre que a enfermidade que padeceu foi unha severa variación da síndrome de Proteus. Aínda así, non se descarta que realmente se tratase dunha enfermidade nova, e da cal Merrick tivera o infortunio de ser o único caso rexistrado até agora.

O propio doutor Frederick Treves encargouse da súa autopsia e de preparar o seu esqueleto para a exhibición. Tamén gardou en formol unhas mostras de tecido de Joseph pero desgraciadamente perdéronse durante un bombardeo na segunda guerra mundial. Treves fíxoo coa esperanza de que os avances da medicina puidesen desentrañar no futuro que enfermidade afectou a Merrick. Grazas á excelente conservación do esqueleto, puidéronselle facer probas radiolóxicas que sinalan que o mal que sufría Joseph Merrick podería ser a síndrome de Proteus.

No historial clínico do Royal London Hospital describíanse así as deformacións de Joseph Merrick:

... unha enorme e deformada cabeza, a extremidade superior dereita e ambas as extremidades inferiores moi torcidas, acentuando alongamento e hipertrofia da maior parte dos dedos da man dereita, escoliose e unha pronunciada coxeira na cadeira esquerda. Presentaba innumerables nódulos e masas papilares, a xeito de coliflor, amplamente diseminadas na pel e tecidos brandos do coiro cabeludo, parte dereita da cara, costas, pousadeiras e extremidades. Do maxilar superior sobresaía unha masa de óso, creando unha aparencia peculiar a xeito de probóscide; esta masa recidivara despois da súa resección aos 20 anos.

Merrick chegou a describirse a si mesmo do seguinte xeito:

O meu cranio ten unha circunferencia de 91,44 cm, cunha gran protuberancia carnosa na parte posterior do tamaño dunha cunca de almorzo. A outra parte é, por describila dalgunha forma, unha colección de outeiros e vales, como se a tiveran amasado, mentres que o meu rostro é unha visión que ningunha persoa podería imaxinar. A man dereita ten case o tamaño e a forma da pata dianteira dun elefante, medindo máis de 30 cm de circunferencia no pulso e 12 nun dos dedos. O outro brazo coa súa man non é máis grandes que o dunha nena de dez anos de idade, aínda que ben proporcionados. As miñas pernas e pés, ao igual que o meu corpo, están cubertos por unha pel grosa e con aspecto de masilla, moi parecida á dun elefante e case da mesmo cor. De feito, ninguén que non me teña visto, crería que unha cousa así non pode existir.

Merrick e a arte

[editar | editar a fonte]

Unha das personalidades que máis axudou a Merrick foi unha actriz, de apelido Kendall. A señora Kendall sensibilizouse moito polo caso de Joseph e mobilizouse para axudar a recadar fondos para el. Aínda que pareza insólito, Merrick e a señora Kendall nunca se coñeceron en persoa, posto que ela por aqueles días estaba de xira por Inglaterra e Estados Unidos. Carteábanse e unha vez Joseph comentoulle que sempre lle tería gustado aprender o oficio de cesteiro. A señora Kendall contratou un artesán cesteiro para que lle ensinara. Aínda tendo serias dificultades coa súa man dereita, aprendeu rapidamente o oficio. Pasaba moito tempo fabricando cestos e outros utensilios de vimbio que logo regalaba a todo aquel que tiña amizade con el ou que o trataba con amabilidade e respecto. Era a súa maneira de sentirse útil. A pesar de que a súa man esquerda era pequena e fráxil como a dun neno de doce anos e a dereita enorme, tiña unha grande habilidade e paciencia para os traballos manuais. Isto demostrouno coas construcións de cartón que fixo e que regalaba a todo aquel que era amable con el. Sobreviviu unha, que está exposta no London Hospital e representa a igrexa que Merrick podía ver desde a fiestra da súa habitación no hospital, e destaca pola minuciosidade dos seus detalles. Foi un regalo para a propia señora Kendall.

O poema de Watts

[editar | editar a fonte]

Joseph Merrick sempre impresionou pola súa especial sensibilidade. Un reflexo dela é un cuarteto que escribiu e que uniu a outros catro versos do poeta e pastor protestante Isaac Watts, que escribiu tres libros de poesía. Os baptistas acostuman usalos como himnos cantados nos seus servizos relixiosos. Este en concreto, que parece o favorito de Joseph, atópase no libro segundo de Horae Lyricae. É un fragmento dun poema titulado False Greatness ("Falsa Grandeza") cuxos catro primeiros versos son de Merrick e os catro últimos de Watts:

Is true that my form is something odd,

But blaming me is blaming God;
Could I create myself anew
would not fail pleasing you.

If I could reach from pole to pole
Or grasp the ocean with a span,
I would be measured by the soul

The mind´s the standard of the man.
É certo que a miña forma é algo estraña,

pero culparme a min é culpar a Deus;
se puidese crearme a min mesmo de novo
procuraría non fallar en compracerte.

Se eu puidese alcanzar de polo a polo
ou agarrar o océano coa palma da man,
sería medido pola miña alma,

A mente é a valor do home.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • The Illustrated true history of The Elephant Man, de Michael Howell e Peter Ford. Ed. Penguin Books, 1984.
  • The Elephant Man. A study in human Dignity, de Ashley Montagu. Ed. Acadian House, 1996.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]