Julien Offray de La Mettrie
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 12 de decembro de 1709 Saint-Malo, Francia |
Morte | 11 de novembro de 1751 (41 anos) Potsdam, Alemaña |
Lugar de sepultura | Friedrichstadt (en) |
Relixión | Ateísmo |
Educación | Universidade de Rennes |
Director de tese | Herman Boerhaave (pt) |
Actividade | |
Campo de traballo | Medicina, neurociencia, epistemoloxía e filosofía política |
Ocupación | filósofo, escritor de non ficción, médico, escritor |
Membro de | |
Movemento | Ateísmo e Materialismo |
Descrito pola fonte | Allgemeine Deutsche Biographie (pt) Biblioteca dixital BEIC Enciclopedia de Otto |
Julien Offray de La Mettrie nado en Saint-Malo en 1709 e finado en Berlín en 1751, foi un médico e filósofo francés.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nado no seo dunha familia de comerciantes, foi educado cos xesuítas e estudou medicina en París e Reims. Despois de estudar teoloxía e ser un fervente xansenista, marchou a Leiden en 1733, e, baixo a guía do famoso médico e fisiólogo Herman Boerhave, seguidor das doutrinas de Spinoza, dedicouse a estudar medicina; isto conduciuno ao materialismo, ao que lle daría a forma máis sistemática e lóxica. Médico militar en París en 1742, enemistouse con todos os seus colegas a causa dalgúns despectivos textos polémicos.
A súa primeira obra filosófica, Historia natural da alma, foi publicada en 1745 na Haya, por conflitos cos medios eclesiásticos tivo que saír de Francia. Causou polémica a súa interpretación materialista dos fenómenos físicos, que o levou a negar a existencia de Deus e a alma humana. Refuxiado nos Países Baixos, foi igualmente expulsado deste país trala publicación do seu libro O home máquina. Finalmente viuse ben acollido na corte de Frederico II de Prusia, da que foi médico, quen o introduciu na Academia de Berlín. Porén, pouco despois e de forma inesperada, faleceu dunha indixestión.
Pensamento
[editar | editar a fonte]O mecanicismo radical quedou exposto na obra O home máquina, ensaio no que interpreta o pensamento como o resultado da acción dos compoñentes do cerebro e propón unha continuidade entre os animais e o home. Tamén propuxo considerar a certos criminais como enfermos. Tipicamente ilustrado, o seu pensamento pon unha fe sen límites no progreso científico e ataca con saña a relixión e a ignorancia médica. Entre as súas obras de medicina destaca Observacións de medicina práctica.
A partir do seu tratado sobre a alma, o materialismo de La Mettrie aparece fundamentado en observacións fisiolóxicas e, en consecuencia, procedentes da física de Newton. A vida orgánica e incluso os actos da conciencia, mera función físico-química do cerebro, poden quedar suficientemente explicados pola materia. Iso exclúe, en cuanto que inútil hipótese, a alma como substancia.
La Mettrie considera a existencia de Deus como unha suposición innecesaria, que se comprace nunha moral libremente materialista, que exalta por riba de todos os restantes o pracer dos sentidos, aínda cando tamén deduce do mesmo individualismo (a través do sentimento da honra) o criterio da subordinación do interese privado cara ao público e, en consecuencia, a posibilidade dunha norma de conduta moral.
Obras
[editar | editar a fonte]Na obra O home máquina a súa obra máis famosa, La Mettrie funda toda a actividade consciente do home na teoría do automatismo animal, e esténdese ao ser humano o que Descartes considerara evidente só nas bestas; convencido do desenvolvemento dos órganos mediante o exercicio e a educación, La Mettrie xulga incluso a ensinanza da linguaxe dos monos.
Posteriormente escribiu O home-planta (1748), onde afirma que os vexetais posúen, como o home, a sensibilidade, e Les animaux plus que machines (1750), para demostrar, en oposición a Descartes, que a conciencia dos animais ten a mesma natureza que a humana.