Saltar ao contido

Kom Ombo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaKom Ombo
Imaxe

Localización
Mapa
 24°28′00″N 32°57′00″L / 24.4667, 32.95
EstadoExipto
GobernaciónAssuão (pt) Traducir
Markas of Egypt (en) TraducirKom Ombo (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Capital de
Kom Ombo (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación71.596 (2006) Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Altitude108 m Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario

Kom Ombo é unha vila agrícola de Exipto duns 60.000 habitantes no río Nilo, situada a 40 quilómetros ao norte de Asuán e a 165 quilómetros ao sur de Luxor. Existe unha poboación nubia numerosa procedente de desprazados pola construción do lago Nasser. A localización é coñecida na actualidade polo seu templo de época greco-romana, máis concretamente tolemaico.

Na súa orixe, foi un asentamento chamado Ombos, do exipcio nubt, que significa Cidade de Ouro (que non se debe confundir coa cidade ao norte de Naqada do mesmo nome). Pola súa situación, gozaba do control sobre as rutas comerciais que se dirixían dende Nubia ata o Val do Nilo, se ben a súa importancia medrou coa construción do templo no século II a.C..

Na antigüidade, a cidade estaba na Tebaida, a capital do nomo Ombites, na ribeira leste do Nilo. Ombos foi unha fortificación militar baixo todas as dinastías exipcias, cos faraóns, os ptolomeos e os romanos e gozaba de moita sona pola grandiosidade dos seus templos e a súa inimizade tradicional cos habitantes de Tentira.

Os templos

[editar | editar a fonte]
Plano do templo

Subsisten dous templos, construídos coa pedra obtida das canteiras veciñas de Hadjar-selseleh. O máis notorio dos dous érguese sobre un outeiro areoso e parece ter sido unha especie de Panteón dado que, de acordo coas inscricións coñecidas, fóralle dedicado a Aroeres (Apolo) e as demais deidades do nomo de Ombites polos soldados acuartelados alí. O templo máis pequeno, no noroeste, estaba dedicado a Isis. Ámbolos dous son dunha arquitectura impoñente e aínda conservan as brillantes cores coas que os adornaron os seus construtores.

Columna do templo.

Datan da época tolemaica, coa excepción dunha entrada de calcaria, construída dentro dunha parede de ladrillo. Formaba parte dun templo construído por Thutmose III na honra do deus con cabeza de crocodilo, Sobek.

O templo de Kom Ombo, coñecido tamén como templo de Sobek e Haroris está en ruínas, mais resulta impoñente, especialmente pola súa situación, que o fai destacar á beira do Nilo. Foi escavado por Jacques de Morgan cara a 1893. É un edificio infrecuente, completamente simétrico, con dúas entradas, dúas salas hipóstilas e dous santuarios. Isto débese a que está dedicado a dous deuses: o lado esquerdo ao deus falcón Haroris (Horus o vello ou o grande) e ao dereito a Sobek, divindade local coa cabeza de crocodilo. Comezouno a construír Tolomeo VI no século II a.C., sendo Kom Ombo capital dun nomo do Alto Exipto, e rematouno Tolomeo XII no século I a.C.. O emperador romano Augusto acrecentoulle o pilono da entrada cara ao ano 30 a.c.. No local houber un santuario máis pequenos da época de Thutmose II atopándose vestixios que datan da dinastía XVIII (1550 a 1063 a.C.).

Descrición

[editar | editar a fonte]

A planta, parecida á do templo de Edfu, consta dun patio, dúas salas (unha delas, o pronao) e tres vestíbulos (en vez dos dous de Edfu); ten, porén, dous ambulacros misteriosos (só hai un en Edfu), dispostos en tres lados arredor das cámaras.

A fachada conta con dúas entradas, e a cada unha delas correspóndelle unha teoría de portas paralelas entre si. A pesar desta bipartición arquitectónica estrita, as dúas partes están unidas, moitos recintos son comúns e mesmo en ambas as dúas se tributaban honores ás dúas divindades. O pilono está decorado con figuras do emperador romano Domiciano facéndolle ofrendas á tríade de Sobek.

O templo dende o Nilo.

O patio está en ruínas, cos muros laterias e o pórtico destruídos. Nas dúas portas que conducen ao interior hai inscricións e figuras co nome de Tiberio. A ámbolos lados da dobre porta hai representacións de Tolomeo XII Neo Dionisio sendo purificado por Horus e Thoth en presenza de Sobek (á dereita) e de Haroris (á esquerda).

Desde el, dúas portas levan á primeira sala hipóstila, o pronao. Nela, hai gravadas escenas protagonizadas por Haroris no muro esquerdo e por Sobek no dereito. As columnas están talladas co loto do Alto Exipto e o papiro do delta do Nilo. Nas paredes, representacións rituais relacionadas coa purificación do rei, a consagración do templo e as dúas tríades, cos nomes de Tolomeo VIII Everxetes II, Cleopatra II e Tolomeo XII Neo Dioniso.

Na segunda sala hipóstila, as paredes mostran escenas de ofrendas co nome de Tolomeo VI Filométor e Tolomeo VIII Everxetes II. A continuación sitúanse tres vestíbulos.

Nos santuarios vense decoracións semellantes ás da fachada. No corredor interno da esquerda están representadas as divindades do Nilo. Hai tamén figuras alegóricas dos distintos territorios agrícolas. Na parte norte hai cartuchos de Nerón e de Vespasiano. Vense representadas tamén todas as fases da construción do templo e as técnicas usadas, así como un grupo de instrumentos cirúrxicos, xa que o templo acollía doentes. No chan, no exterior do santuario, ficaron gravados taboleiros de xogos para matar o tempo.

Diante do templo atópase o Mammisi, ou templo do nacemento de Horus, construído por Tolomeo VIII Everxetes II, moi deteriorado polo Nilo. A capela de Hathor está tamén ao sur do templo e nela hai varias momias de crocodilo que proveñen da necrópole de crocodilos próxima ao templo. No ano VII de Domiciano foi decorada na honra da deusa romana Afrodita.

Ao norte do templo de Kom Ombo hai unhas ruínas coptas e outro templo dedicado a Sobek construído polo emperador Caracalla.