Libra escocesa
Moeda de 6 libras escocesas
Xacobe VI (1567-1625) | |
---|---|
· IACOBVS · 6 · D · G · R · SCOTORVM ·, escudo de armas coroado. | · SALVS · POPVLI · SVPREMA · LEX · 1602; espada e cetro coroados, flanqueados por cardos. |
Sword & sceptre (= 6 libras escocesas) . 1602. AU. 29 mm. 5,09 g. [1] |
A libra escocesa (en inglés: pound scots; en scots: pund scots) foi unha moeda escocesa base do sistema monetario do Reino de Escocia con anterioridade á súa unificación co Reino de Inglaterra en 1707.
Historia
[editar | editar a fonte]A libra escocesa foi introducida no século XII polo rei escocés David I (1124-1153), tomando como modelo a moeda de Inglaterra e de Francia, e dividiuse desde entón en 20 xilins, e cada un destes en 12 peniques (240 peniques por libra).[2][3][4] A moeda escocesa sufriu posteriormente un proceso de desvalorización en relación coa libra esterlina e xa en tempos de Xacobe III (1460-1488) esta última equivalía xa a catro libras escocesas.
O penique (penny) foi a única denominación monetaria deste sistema cuñada ata 1280, cando comezaron a emitirse moedas da metade do seu valor (half penny) e tamén da súa cuarta parte (farthing), introducidas por Alexandre III (1249-1286). As emisións baseáronse neses tres valores ata a reforma monetaria de David II (1329-1371), producida en 1357, que deu lugar á aparición de novos valores en ouro (como o noble, de 6 xilins e 8 peniques) e en prata (como o groat, de 4 peniques).[5]
A partir de aí, nos séculos seguintes xurdiu unha ampla variedade de denominacións en cobre, billón, prata e ouro, como fraccións e múltiplos da libra escocesa e co seu valor expresado en xilins e en peniques (bawbee, merk, unicorn, etc).[6]
Coa subida do monarca escocés Xacobe VI (1567-1625) ao trono de Inglaterra, co nome de Xacobe I de Inglaterra, en 1603, reformouse o sistema monetario escocés para o harmonizar co sistema inglés, e estableceuse unha equivalencia de 12 libras escocesas por cada libra esterlina.[7]
Logo da Lei de Unión de ambos os reinos de 1707, a libra escocesa foi abolida e substituíuse pola esterlina mantendo a mesma relación de 12 a 1 (unha libra escocesa equivalía, xa que logo, a 1 xilin e 8 peniques ingleses), e a libra escocesa continuou utilizándose e Escocia unicamente como unidade de conta ao longo de todo o século XVIII, en tanto que a moeda real era xa a unificada para todo o Reino Unido.[8]
A partir dese momento non volveu existir unha libra escocesa diferente da libra esterlina. Así e todo, os tres bancos principais de Escocia (Royal Bank of Scotland, Bank of Scotland e Clydesdale Bank) imprimen aínda hoxe os seus propios billetes. A denominación do seu valor facial está, no entanto, expresada en libras esterlinas e os billetes teñen curso legal en todo o Reino Unido (aínda que se atopan con máis frecuencia en Escocia), e representan o mesmo valor en libras esterlinas que os billetes emitidos polo Banco de Inglaterra en Inglaterra e en Gales.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Sword and Sceptre Piece - James VI". Numista.
- ↑ Stewart, I. (1955). Páxina 1.
- ↑ Mackay, J.; Mussel, J. (2016).
- ↑ Bateson, D. (1987).
- ↑ Stewart, I. (1955). Páxinas 16-34.
- ↑ Véxase a sección "Denominacións" no artigo Moeda escocesa.
- ↑ Stewart, I. (1955). Páxina 101.
- ↑ Stewart, I. (1955). Páxinas 120 e seguintes.
- ↑ "Banknotes". Committee of Scottish Bankers.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bateson, D, (1987). Scottish Coins. Shire Publications Ltd. ISBN 0-85263-847-7
- Burns, E. (1887). The Coinage of Scotland. Volume I, volume II, volume III. Black, Edimburgo.
- De Cardonnel, A. (1786). Numismata Scotiæ or a series of the scottish coinage, from the reign of William the Lion to the Union. Edimburgo. G. Nicol.
- Frey, A. R. (1916). A dictionary of numismatic names; their official and popular designations. American Journal of Numismatics. Vol 50.
- Grierson, P. (1991). Coins of Medieval Europe. Seaby. Páxina 158. ISBN 978-1852640583
- Grueber, H. (1899). Handbook of the Coins of Great Britain and Ireland in the British Museum. Londres. [Reimpresión en 1970; ISBN 1-4021-1090-1]
- Holmes, N. (1998). Scottish Coins. Edimburgo. NMS Publishing. ISBN 1-901663-02-7
- Keay, J. (2000). "Coinage". En Collins Encyclopedia of Scotland. HarperCollins. ISBN 978-0007103539
- Klütz, K. (2004). Münznamen und ihre Herkunft. Viena. Moneytrend Verlag. ISBN 3-9501620-3-8
- Mackay, J.; Mussel, J. (2016). Coin Price Guide to British Coins. Token Publishing Ltd.
- Martinori, E. (1915). La moneta. Vocabolario generale Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.. Roma. Istituto italiano di numismatica.
- Seaby, P.; Purvey, F. (1984). Coins of Scotland Ireland and the Islands. Sanford J. Durst. ISBN 978-0900652646
- Stewart, I. (1955). The Scottish Coinage. Londres. Spink & Son.