Mars 1
Mars 1 / Sputnik 23 | |
---|---|
Mars 1 | |
Tipo | Orbitador de Marte |
Data de lanzamento | 1 de novembro de 1962, 16:14 GMT[1][2][3] |
Foguete portador | Molniya[2][4] |
Sitio de lanzamento | Cosmódromo de Baikonur[2][4][5] |
Obxectivo da misión | Estudo de Marte.[2][4][5] |
NSSDC ID | 1962-061A |
Masa | 893,5 kg[2] |
Mars 1 foi unha sonda espacial da Unión Soviética lanzada o 1 de novembro de 1962 mediante un foguete Molniya desde o cosmódromo de Baikonur cara Marte despois de facelo uns meses antes unha nave xemelga, denominada Sputnik 22, que fallou por un problema do foguete lanzador.[1][2][4][5][3]
Características
[editar | editar a fonte]Mars 1 era unha sonda de tipo Mars 2MV-4, derivada das sondas Venera e formada por un cilindro central de 3,3 m de longo e 1,1 m de diámetro presurizado a 1,1 atmosferas e con paneis solares e radiadores, así como antenas para a comunicación coa Terra. En total tiña unha masa de 893,5 kg. O cilindro central estaba dividido en dúas seccións: a parte inferior, de 0,6 m de longo, contiña a instrumentación científica, mentres que os 2,7 m superiores contiñan os sistemas de guiado, propulsión e comunicacións, que tiñan lugar mediante unha antena principal parabólica de 1,7 m de diámetro e varias antenas omnidireccionais e semidireccionais. Os paneis solares tiñan unha superficie de 2,6 m2 e alimentaba unha batería de cadmio e níquel cunha capacidade de 42 Amperio-hora. As comunicacións tiñan lugar en tres sistemas de radio con lonxitudes de onda de 1,6 m, 32 cm e 5 e 8 cm. Os instrumentos científicos a bordo incluían un magnetómetro, unha cámara de televisión, un espectrorreflectómetro, sensores de radiación, un espectrógrafo para o estudo do ozono en Marte, un radiotelescopio e un detector de micrometeoroides.[1][2][4][5][3]
A nave mantivo 61 sesións de comunicación coa Terra durante as cales transmitiu datos científicos do espazo interplanetario. Deixou de transmitir cando estaba a unha distancia de 106 760 000 de km da Terra, posiblemente debido a fallo do sistema de orientación da nave, e antes de chegar a Marte. Mars 1 pasou a unha distancia mínima de Marte o 19 de xuño de 1963, a unhs 193 000 km da superficie, pasando de longo e entrando nunha órbita heliocéntrica.[1][2][4][5][3]
Resultados científicos
[editar | editar a fonte]Mars 1 rexistrou un impacto de micrometeorito cada dous minutos a alturas entre 6000 e 40 000 km debido á choiva de estrelas das Tauridas, atopando densidades similares a distancias de entre 20 e 40 millóns de km. Medíu intensidades do campo magnético de entre 3 e 4 gammas cun máximo de entre 6 e 9 gammas no espazo interplanetario. As medidas que fixo dos raios cósmicos mostraron que a súa intensidade duplicárase desde 1959. Tamén confirmou a presenza de zonas de radiación arredor da Terra, así como a súa intensidade.[1][2][4][5][3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 N2YO (2023). Real Time Satellite Tracking, ed. "MARS 1" (en inglés). Consultado o 3 de xullo de 2023.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 NASA (28 de outubro de 2022). "Mars 1" (en inglés). Consultado o 3 de xullo de 2023.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Letter dated 21 December 1962 from the Permanent Representative of the Union of Soviet Socialist Republics addressed to the Chairman of the Committee on the Peaceful Uses of Outer Space" (PDF) (62-30705). 28 de decembro de 1962: 2. Consultado o 3 de xullo de 2023.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Gunter Dirk Krebs (2023). Gunter's Space Page, ed. "Mars 1 (2MV-4 #1, 2)" (en inglés). Consultado o 3 de xullo de 2023.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Mark Wade (2023). "Mars" (en inglés). Consultado o 3 de xullo de 2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mars 1 |