Miñato negro
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Miñato negro | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Miñato negro en Bangalore, India | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Milvus migrans (Boddaert, 1783) | |||||||||||||||
Laranxa: verán no norte
Verde: todo o ano Azul: Verán no sur | |||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||
5, see text | |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
|
O miñato negro,[2] tamén nomeado como miñato queimado[3][4] ou millafre negro,[5] (Milvus migrans) é unha ave de rapina da familia Accipitridae. Á diferenza do seu parente, o millafre real, ten unha área de distribución moi ampla, que inclúe boa parte da zona paleártica, África, o sueste de Asia e Australasia.
Descrición
[editar | editar a fonte]Medidas corporais
[editar | editar a fonte]As medidas corporais varían, segundo a subespecie e o sexo, entre 46 e 68 cm e a envergadura das ás entre os 120 e os 153 cm. Os machos da raza máis pequena, M. m. affinis, pesan 500 gramos escasos; os da meirande, M. m. lineatus, uns 850. As femias máis pesadas desta última subespecie poden pesar máis de 1.000 gramos.
Descrición da subespecie tipo M. m. migrans
[editar | editar a fonte]A plumaxe do millafre negro tipo é pouco contrastada, case uniformemente escura. Só a cabeza, a gorxa, a caluga e unha banda na parte superior das ás, amosan unha tonalidade máis clara que as diferencia claramente do resto. O lombo é castaño escuro, as plumas do papo e a barriga son algo mais claras, a miúdo mesmo castaño avermelladas. As partes superiores das plumas remeiras é de cor cinamomo. As plumas rémixes son moi escuras, case negras. A coloración de machos e femia é semellante.
As patas dos exemplares que xa adquiriron as cores definitivas son amarelas coas unllas negras; a parte superior do bico é negra, a inferior amarela. A cera do peteiro é amarela brillante. Cando teñen polo menos sete anos de idade, a cor do iris ocular pasa do marrón ó amarelo das aves máis vellas.
Non adquiren a coloración adulta ata polo menos o quinto ano de idade. Os inmaturos teñen a cabeza e partes do pescozo agrisados, nalgúns casos (sobre todo en aves que están na muda anterior á que lles dará a plumaxe adulta) amarelados. A plumaxe dos máis novos é, en conxunto, algo máis clara e contrastada.
A cola ten só unha lixeira forma de galleto e, cando está aberta, ten un aspecto case triangular, cun barrado escuro pouco marcado que só se ve de moi preto.
En voo as ás do millafre negro destacan por seren estreitas, longas e anguladas, coas seis plumas rémixes primarias (cinco nalgúns millafres novos) moi definidas. Nalgunhas subespecies vese claramente unha marca escura na área da articulación carpiana. Voan de xeito moi elegante con golpes de ala relativamente rápidos. Planean con frecuencia, a diferenza do millafre real coas ás lixeiramente arredondadas cara a adiante.
Voz
[editar | editar a fonte]Teñen unha variedade ampla de sons que utilizan durante todo o ano, e non só na época de cría. Segundo o estado de ánimo varían entre tons suaves e melódicos e berros semellantes ós das gaivotas. A miúdo cantan a dúo. Un exemplo dos sons que produce pode escoitarse en:
Sistemática
[editar | editar a fonte]Subespecies
[editar | editar a fonte]O número de subespecies varía moito segundo as opinións dos diversos científicos. Ata ó presente describíronse doce, das que só seis son universalmente aceptadas. De entre elas a variedade M. m. lineatus considérase en ocasións coma unha especie separada co nome científico de Milvus lineatus (Millafre de oídos negros, opinión que non corroboran estudos recentes do seu ADN. As variedades da África tropical amosan unha grande diferenza das paleárticas, o que podería certificar a súa adscrición a unha especie propia Milvus aegyptius (Millafre de bico amarelo), situación que parecen certificar os estudos biomoleculares.[6] Nas zonas de contacto as subespecies hibridan sen problemas, dando lugar a exemplares de coloracións intermedias que foron en ocasións descritos como subespecies propias, coma nos casos de M.m. tienschanicus, ferghanensis, formosanus e outras.
Distribución das subespecies
[editar | editar a fonte]- Milvus migrans migrans, a forma típica cría en boa parte de Europa. O límite noroeste da súa área de cría é unha liña que pasa polo norte de Francia, norte de Bélxica e noroeste de Alemaña. Ó oeste e norte desta liña crían ocasionalmente. No norte de Suecia hai unha pequena zona illada de reprodución irregular. Tamén é irregular e local a súa presenza como reprodutor en Austria, na República Checa, Polonia, Ucraínae nos Balcáns. M. m. migrans reprodúcese tamén en Chipre e Sicilia, pero falta nas outras illas do Mediterráneo. En Asia o límite norte da súa distribución segue máis ou menos a fronteira do bosque pechado de coníferas. Cara ó leste chegan os Urais, dende onde se proxectan unha ampla zona de intergradación coa subespecies adxacente M. m. lineatus. O límite de distribución polo sur márcano os montes Atlas e continua cara ó leste ata Turquía, Oriente Próximo, Irán e Afganistán e, finalmente, ata o Himalaia onde entra en contacto coa subespecie M. m. govinda. No norte da península de Arabia entra en contacto coa raza M. m. aegyptius.
- M. m. lineatus. A variedade meirande e máis pesada. A cabeza e as partes do pescozo que son grises na raza M. m. migrans son nesta subespecie castaños claros. Ten unha mancha negra na zona dos oídos que lle da o nome vulgar de millafre de oídos negros. Na área da articulación carpiana distínguese unha mancha clara, case branca. O iris dos ollos non parece pasar da cor castaña á amarela nos exemplares máis vellos. É a raza máis semellante ó millafre real. Algúns estudosos considérana unha especie independente Milvus lineatus.
A súa zona de cría espallase ó leste dos Urais e acada a costa asiática do Pacífico. A fronteira setentrional está ó redor dós 65º norte, límite que atravesa claramente no curso medio do río Jana, onde pasa o círculo polar ártico. Polo leste cría en Sakhalín e case tódalas illas do Pacífico noroeste, incluídas as xaponesas. Polo sur chega ó límite norte dos Himalaias e segue cara ó leste, ata entrar en contacto no norte de Indochina coa subespecie M. m. govinda. Cría tamén no sueste da China, incluída a illa de Hainán. - M. m. govinda é máis pequena que a forma tipo e de cor castaña agrisada moi pouco contrastada, ás veces con coloración area sucia. As plumas da cabeza teñen un toque castaño avermellado. A mancha branca da parte inferior das ás na área da base da articulación carpiana está ben definida.
M. m. govinda está presente nunha zona grande de Paquistán, no subcontinente indio, na metade norte de Sri Lanka e dende Myanmar e Tailandia ata Malaisia. - M. m. affinis. A raza máis pequena, de cor castaño escuro relativamente uniforme. Na área dos ombreiros a coloración é algo máis clara e na parte superior das ás ten unha faixa diagonal.
Cría en Sulawesi e moitas das illas pequenas do arquipélago da Sonda coma Lombok, Sumba e Timor. A súa distribución continúa pola parte nordeste de Nova Guinea e por Australia. - M. m. aegyptius: raza algo máis pequena que os exemplares europeos da forma tipo. A plumaxe é castaña avermellada, a cola de cor cinamomo con algunhas bandas estreitas claras. A área branca da articulación carpiana é relativamente visible. O bico, negro nos xoves ata que teñen tres anos, faise despois amarelo.
Cría na península do Sinaí, ó longo do val do Nilo e o leste do mar Vermello, tamén en Somalia, Etiopía e posiblemente nalgunhas áreas da costa de Kenya. Os que crían ó sur da Península arábiga (ás veces clasificados coma subespecie M. m. arabicus) teñen as ás máis curtas e o peteiro negro ou amarelo segundo os individuos. - M. m. parasitus, é algo máis pequena que a anterior e de cor castaño mate. A parte inferior tena máis clara, de cor cinamomo escuro. A cola ten bandas ben visibles. O bico dos adultos é sempre amarelo brillante.
Espallada por África ó sur do Sáhara, incluíndo as illas Comores e Madagascar.
Hábitat
[editar | editar a fonte]Os millafres típicos que viven na zona paleártica teñen certa preferencia por hábitats preto de zonas acuáticas, en especial beiras do mar con árbores ou as renques de árbores das beiras dos ríos, onde se dan as concentracións meirandes de millafres. Pero mesmo nestas rexións poden vivir lonxe da auga, mesmo en áreas moi secas mentres dispoñan de árbores para face-los niños e de alimento dabondo.
Nas outras subespecies a afinidade coa auga é escasamente marcada, e limitan a elección do territorio ás dispoñibilidades alimentarias e reprodutoras. A variedade dos hábitats correspóndese con estas premisas e vai dende mangleiral e beiras de ríos, a terras agrícolas e estepas secas en altura coma os montes Altai. Algunhas variedades, en especial as africanas, amosan unha vinculación estreita coas zonas con presenza humana, vivindo nos límites das cidades onde comparten con outras aves os restos dos vertedoiros. A subespecie austalasiática M. m. affinis leva unha vida nómade dentro de territorios que inclúen mesmo as beiras dos desertos.
Alimentación
[editar | editar a fonte]Son aves oportunistas, cun espectro alimenticio moi amplo. Comen tanto presas produto da caza como animais mortos ou restos procedentes de vertedoiros. Poden cazar amíferos ata do tamaño dunha lebre e peixes vivos que pesan tanto coma eles mesmos, pero as súas presas adoitan ser máis pequenas. A composición da súa dieta depende evidentemente do hábitat no que viven. En zonas preto da auga predominan nela os peixes vivos ou mortos. Nalgunhas poboacións centroeuropeas a porcentaxe dos peixes na dieta das parellas reprodutoras pode chegar ó 80%. A carón dos peixes forman parte das capturas roedores pequenos e medianos. En territorios secos predominan na dieta as aves, réptiles, anfibios e mamíferos pequenos, coma ourizos ou roedores. Nestes ámbitos as pombas e os córvidos poden formar unha parte grande do volume total das presas. Comen tamén regularmente insectos grandes, miñocas e caracois. A alimentación vexetal e parte ocasional da dieta dos que buscan alimentos nos vertedoiros. No oeste e centro de África os froitos da palmeira do aceite (Elaeis guineensis) poden ser unha parte significativa da dieta da subespecie africana M. m. parasitus e dos miñatos europeos invernantes.
Buscan alimentos voando a modo non moi lonxe do chan. Capturan os peixes, vivos ou mortos, da superficie da auga. O resto das capturas fainas case sempre no chan. raras veces atrapan aves en voo. Adoitan ser as primeiras aves en detectar os animais mortos, aproveitando tanto animais pequenos atropelados coma, xunta con aves máis especializadas, cadáveres grandes. M. m. parasitus e M. m. govinda están parcialmente especializadas en aproveitar os vertedoiros, nos que poden aparecer en grandes cantidades, o mesmo que en mercados e preto de matadoiros e fabricas de procesamento de peixe. Seguen ás veces as barcas de pesca costeira para aproveitar a borralla e ás veces rouban peixes rouban carne ou peixes dos mercados. Coma outras aves seguen a fronte dos incendios para capturar animais feridos ou mortos. Atacan tamén os enxames de langostas migratorias. A miúdo acosan a outras aves para obrigalas a soltar as súas presas e mesmo a vomitar as que xa tragaron. As vítimas máis habituais desta conduta son as gaivotas, pero tamén outras especies coma garzas, cegoñas e especies grandes de picapeixes.
Conduta
[editar | editar a fonte]Comezan a súa xornada pouco antes de saír o sol e adoitan volver ó seu lugar de descanso antes de que se poña. Só en casos axeitados, como para aproveitar a irrupción masiva de escaravellos, seguen activos ata as últimas horas do crepúsculo. As horas centrais do día pásanas coidando as plumas ou adurmiñados. Cando están criando o macho dorme preto do niño. O resto do ano pasan a noite en árbores, a miúdo en grupos que poden ser moi grandes. Son moi sociables, aínda que os exemplares migradores non adoitan mesturarse cos locais nas zonas de invernada, senón que forma bandos que nomadean polo territorio.
Os exemplares europeos e da Asia central e do norte son moi desconfiados fronte ós seres humanos e foxen en caso da molestia máis pequena. Os do sur de Asia e África, se non son perseguidos, chegan a face-los niños e durmir na veciñanza dos homes.
Migracións
[editar | editar a fonte]Os millafres negros do norte da zona paleártica son migradores de longa distancia; o resto son maioritariamente sedentarios ou fan migracións curtas. A subespecie M. m. affinis é nómade e non ten un territorio fixo. Voan aproveitando as correntes térmicas, polo que fan os desprazamentos migratorios só de día e en grandes bandos.
Os millafres europeos pasan o inverno en África ó sur do Sáhara, ata a provincia surafricana do Cabo, coa máxima concentración no suroeste do continente. Algúns exemplares deteñen a súa migración no sueste ou suroeste de Europa ou en Sicilia. En xeral aproveitan os estreitos para atravesa-lo Mediterráneo, aínda que uns poucos fan a ruta por Sicilia ou as illas do mar Exeo. As subespecies da Asia occidental M. m. migrans e M. m. lineatus voan atravesando Arabia e o mar Vermello ata chegaren ó leste e sur de África. Os do centro de Asia pasan o inverno no sur de Irán, Paquistán e centro e sur da India, os do leste de Siberia na China e o sueste de Asia.
A época de máis densidade migratoria dos exemplares do Paleártico norte e centro vai de finais de xullo a mediados de setembro. A finais de agosto xa acabaron de pasar por Xibraltar, mentres que no Bósforo esa época rexistra o momento de máis paso de aves. No leste do mar Negro seguen a verse millafres migratorios ata outubro.[7]
O regreso comeza a primeiros de febreiro e ten lugar seguindo aproximadamente as mesmas rutas da ida, aínda que un número meirande dos millafres do oeste escollen para a volta a ruta por Sicilia. os exemplares do centro e norte da zona paleártica chegan ós territorios de cría maioritariamente a finais de marzo ou primeiros de abril.
As aves de primeiro ano adoitan pasa-lo verán nos cuarteis de inverno. Segundo van facéndose adultos vanse achegando á área de cría ata volver nas súas proximidades cando xa son sexualmente maduros.
Reprodución
[editar | editar a fonte]Os millafres negros empezan a reproducirse cando teñen catro ou máis anos. Nos máis novos obsérvanse ocasionalmente cópulas e construción de niños, pero non se ten constancia de crías exitosas. As parellas poden ser estacionais ou durar varios anos. A causa dos casos da fidelidade non se coñece: poderían deberse a gran fidelidade pola zona de nacemento que amosa a especie. Non se sabe se as parellas migradoras seguen xuntas no inverno, pero parece claro que xa volven da viaxe migratoria emparellados. Durante a época de cría defenden o territorio máis próximo ó niño fronte ós conxénere con berros ou voos de ameaza. A agresión física non está documentada. As aves de rapina doutras especies e os animais que poidan roubar ovos e polos son atacados de xeito rápido e contundente. O comportamento dos millafres que crían en colonias foi pouco estudado: defenden territorios mínimos aó redor do niño e comparten os de caza.
Cortexo e construción do niño
[editar | editar a fonte]A construción do niño empeza tan axiña como chegan ó lugar de cría. en xeral son os machos os que comezan. ás veces limítanse a acondicionar un niño do ano anterior. Tamaño e forma son variables: poden ser estruturas relativamente pequenas e mal feitas ou construcións impoñentes dun metro de diámetro ou máis. A estrutura de base está feita de polas e ramallos e cuberta dunha capa de materiais brandos de procedencias diversas, dende herba, brión, pelos e plumas ata materiais recollidos nos vertedoiros. Traen sempre terróns ou lama para revesti-lo niño. Os machos traballan na construción máis cás femias.
Non parecen darlle importancia á especie de árbore á hora de escoller un lugar para o niño, e valoran máis a posibilidade de poder engalar nel sen problemas. Os niños están máis das veces onde se galla o tronco, menos veces nas gallas de polas laterais fortes. En ocasións crían en nichos nas penas ou acantilados e determinadas poboacións coma as dos montes Atlas ou as caboverdianas están especializadas neste tipo de niños. os niños no chan son extraordinarios, en cambio é habitual que as subespecies africanas críen en edificios.
En ocasións aproveitan os niños doutras aves coma os corvos mariños, outras aves de rapina e córvidos, ás que expulsan. De xeito inverso os seus niños son ás veces aproveitados por outras aves cazadoras.
Non son moi territoriais o que facilita que se vexan niños de millafres reais construídos a distancias curtas e non é raro que estean a menos de 100 metros dos doutras aves de rapina ou mesmo construídos dentro de colonias de garzas ou corvos mariños.
As cópulas empezan xa mentres constrúen o niño. Se o tempo é bo, fan voos de demostración sobre da área do niño, compostos de figuras acrobáticas, voos en parella collidos polas gadoupas e voos co lombo cara ó chan. Esta fase acaba cando empeza a desenvolverse o primeiro ovo. Durante a incubación e a primeira fase da cría as femias deixan de cazar e son alimentadas polo macho.
A posta e a incubación
[editar | editar a fonte]Comezan a choca-los ovos relativamente tarde. No centro de Europa, por exemplo, máis das postas teñen lugar nos últimos dez días de abril. Poden facer unha segunda posta se se malogra unha anterior feita moi cedo. Poñen 2 ou e 3 ovos, ó raro 4 ou 5, pero as niñadas dun ovo só non son excepcionais. Os ovos son brancos ou averdesados con manchas escuras. A forma e o tamaños son semellantes ós dos ovos medianos dunha galiña domestica.
A posta da cada ovo faise con dous ou tres días de separación e, en xeral, comezan a chocar cando poñen o primeiro. O macho choca os ovos son ocasionalmente e por períodos curtos. Os polos tardan uns 32 días en naceren e a distancia entre as postas de cada ovo provoca diferenzas de desenvolvemento notables entre os polos. Os irmáns mais vellos rouban o alimento ós máis febles e ás veces atácanos. A miúdo os pais aproveitan os pitos mortos para embicadar ós que seguen vivos. as primeiras dúas semanas o macho fornece de comida á femia e ós polos. Nesta época aliméntanse en xeral de presas que cazan, sobre todo pequenos mamíferos e paxaros. nas primeiras semanas non alimentan as crías con peixes. A femia comeza a axudar na alimentación cando os polos necesitan máis alimento. En ocasións obsérvanse outros millafres que non están criando e mesmo, aínda que raramente millafres vermellos, que colaboran cos pais na alimentación dos polos.
Os novos millafres comezan os exercicios de voo os 32 días de vida, e con 40 poden xa afastarse algo do niño. Estes tempos varían, porén, individualmente. Non son independentes ata que teñen entre 80 e 90 días, cando comezan a afastarse pouco a pouco do territorio onde naceron.
Hibridación
[editar | editar a fonte]Tense constancia de parellas mixtas de millafres negros e millafres reais que se reproduciron con éxito, como tamén o fixeron parellas de millafres negros e millafres híbridos. A hibridación entre exemplares das dúas especies mantidos en catividade é habitual.
Os cruces entre o millafre negro e o millafre de Cabo Verde (Milvus milvus fasciicauda ou Milvus fasciicauda) puido ter xa causado a desaparición deste último como variedade separada.[6]
Situación e perigos
[editar | editar a fonte]O millafre negro considérase a ave de rapina máis espallada polo mundo. segundo a IUCN non se considera unha especie en perigo. Calcúlase que en Europa hai entre 130.000 bis 200.000 exemplares. Fora deste continente a situación non é máis que parcialmente coñecida, pero a situación da especie na Rusia asiática parecen indicar que sofren unha evolución negativa. En Europa a especie está catalogada como "Vulnerable", sobre todo polo retroceso en España e nos países do suroeste do continente. Nalgúns países coma Francia ou Alemaña a situación é algo mellor.[8] A lixeira recuperación en Alemaña contrasta coa desaparición dalgunhas colonias de cría en Suíza onde os millafres negros parecen estar movéndose cara a zonas por riba dos 1000 m. de altitude.[9] A causa da redución das poboacións é sobre todo a perda de hábitats, coma a drenaxe de zonas acuáticas, a substitución do bosque natural polos cultivos monoespecíficos e a canalización dos ríos. A caza e os envelenamentos xogan tamén un papel importante no retroceso da especie. Miles de aves son cazadas cada ano, sobre todo nas zonas de paso durante as migracións.
Esperanza de vida
[editar | editar a fonte]O millafre libre máis vello que se coñece chegou os 24 anos. A esperanza de vida dos exemplares migradores de longa distancia é claramente máis baixa. ö redor dun 40% non pasan do primeiro ano. Coa idade a porcentaxe redúcese moito. A porcentaxe de exemplares que chegan á idade fértil é descoñecida.
Nomes vulgares noutras linguas
[editar | editar a fonte]- Alemán: Schwarzmilan.
- Español: Milano negro.
- Danés: Sort glente.
- Finés: Haarahaukka.
- Francés: Milan noir.
- Inglés: Black kite.
- Neerlandés: Zwarte wouw.
- Noruegués: Svartglente.
- Portugués: Milhafre-preto.
- Ruso: Chorny korxún (Чёрный коршун).
- Sueco: Brun glada.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ BirdLife International (2013). "Milvus migrans". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013.
- ↑ "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-06.
- ↑ Penas Patiño, Xosé Manuel (2004). Guía das aves de Galicia. Baía Edicións. ISBN 978-84-96128-69-9.
- ↑ Definición de miñato no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ Conde Teira, M. A. (1999). Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada (PDF). Chioglossa. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 17 de decembro de 2016.
- ↑ 6,0 6,1 Jeff A. Johnson et al.: Prioritizing species conservation: does the Cape Verde kite exist? (pdf, 360 kbyte)
- ↑ Rudolf Ortlieb: Der Schwarzmilan. S. 130 (s. Literatur)
- ↑ "Nabu: Rote Liste der Brutvögel Deutschlands" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de novembro de 2012. Consultado o 30 de agosto de 2007.
- ↑ Hans Schmid, Schweizerische Vogelwarte Sempach: Mail vom 25. September 2006
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Miñato negro |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- James Ferguson e David A. Christie: Raptors of the World. Houghton Mifflin Company Boston, Nova York 2001. pp 381–386; 92. ISBN 0-618-12762-3
- Rudolf Ortlieb: Der Schwarzmilan. Neue Brehm Bücherei Bd 100. Westarp Wissenschaften Hohenwarsleben 1998. ISBN 3-89432-441-4
- Jochen Walz: Rot-und Schwarzmilan. Flexible Jäger mit Hang zur Geselligkeit. Sammlung Vogelkunde im Aula-Verlag. Aula Wiebelsheim 2005. ISBN 3-89104-644-8
- Handbuch der Vögel Mitteleuropas. Bd. 4 Falconiformes. Aula-Verlag, Wiesbaden 1989 (2.Aufl.). S. 97-136. ISBN 3-89104-460-7
- Theodor Mebs und Daniel Schmidt: Die Greifvögel Europas, Nordafrikas und Vorderasiens. Biologie, Kennzeichen, Bestände. Franckh-Kosmos Verlags GmbH&Co. KG, Stuttgart 2006. S. 331-339. ISBN 3-440-09585-1
- Hans-Günther Bauer und Peter Berthold: Die Brutvögel Mitteleuropas. Bestand und Gefährdung. Aula-Wiesbaden 1998 S. 88-89. ISBN 3-89104-613-8
- Mark Beamman und Steven Madge: Handbuch der Vogelbestimmung. Europa und Westpaläarktis. Ulmer-Stuttgart 1998. S 181 und 232. ISBN 3-8001-3471-3
- Viktor Wember: Die Namen der Vögel Europas. Bedeutung der deutschen und wissenschaftlichen Namen. Aula-Wiebelsheim 2005. S. 62. ISBN 3-89104-678-2
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Factsheet von bildlife europe 2004 Arquivado 29 de setembro de 2007 en Wayback Machine. (inglés)
- Silueta do millafre negro voando