Saltar ao contido

Michel Ney

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaMichel Ney

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento10 de xaneiro de 1769 Editar o valor en Wikidata
Saarlouis (Reino de Francia) Editar o valor en Wikidata
Morte7 de decembro de 1815 Editar o valor en Wikidata (46 anos)
París (Restauración Francesa) Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepena de morte, ferida por arma de fogo Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaCemiterio do Père-Lachaise, 29 (década de 1820–) 48°51′32″N 2°23′46″L / 48.858772, 2.396071
Grave of Ney (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Par de Francia
Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónoficial Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1787 Editar o valor en Wikidata -
Carreira militar
LealdadeFrancia Editar o valor en Wikidata
Rama militarCabalaría e Infantaría Editar o valor en Wikidata
Rango militarMarshal of the Empire (en) Traducir
Q19918506 Traducir Editar o valor en Wikidata
Comandante de (OBSOLETO)VI Corps (en) Traducir e 3rd Army Corps (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
ConflitoBattle of Dennewitz (en) Traducir
Batalha de Borodino (pt) Traducir
Guerra da Independencia española
Guerras napoleónicas
Batalha de Elchingen (pt) Traducir
Q4090309 Traducir
Batalha de Ulm (pt) Traducir
Batalla de Jena
Batalha de Eylau (pt) Traducir
Battle of Guttstadt-Deppen (en) Traducir
Batalha de Friedlândia (pt) Traducir
Batalha de Dresden (pt) Traducir
Batalha das Nações (pt) Traducir
Battle of Laon (en) Traducir
Batalla de Waterloo Editar o valor en Wikidata
Obra
Arquivos en
Outro
TítuloDuque Editar o valor en Wikidata
CónxuxeAglaé Auguié Editar o valor en Wikidata
FillosNapoléon Joseph Ney, Michel Louis Félix Ney, Eugène Ney, Edgar Ney Editar o valor en Wikidata
PaisPierre Ney Editar o valor en Wikidata  e Margarethe Grevelinger Editar o valor en Wikidata
Condenado portraizón Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Ней Мишель)
Enciclopedia militar Sytin
Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1218531 WikiTree: Ney-80 Find a Grave: 1650 Editar o valor en Wikidata
Michel Ney, mariscal de Francia.
Casa natal de Ney, en Saarlouis, Lorena.

Michel Ney, Duque de Elchingen, Príncipe de Moscova, nado en Saarlouis (Lorena) o 10 de xaneiro de 1769 e finado en París o 7 de decembro de 1815, foi un militar e oficial francés que tivo unha destacada actuación ao longo das Guerras revolucionarias de Francia e durante as Guerras napoleónicas. Foi un dos 18 Mariscais de Francia nomeados por Napoleón I.

Os anos iniciais

[editar | editar a fonte]

Foi o fillo segundo de Pierre Ney, comerciante de licores e antigo veterano da Guerra dos Sete Anos. Ney, como moitos loreneses era bilingüe, pois o alemán, que era a lingua maioritaria na Lorena, convivía co francés.

Ney educouse no colexio dos agostiños, e en rematando os estudos pasou logo a traballar de escribán, e despois como inspector de minas e forxas. Como non lle seducise a vida civil, Ney alistouse, en 1787, como húsar no rexemento Colonel-Général de Metz, contra o parecer do seu pai.

Carreira nas Guerras Revolucionarias francesas

[editar | editar a fonte]

Logo do triunfo da Revolución, Ney serviu no Exército do Norte entre 1792-94, co que participou na batalla de Valmy e na batalla de Neerwinden (1793), así como noutros encontros bélicos. Ney foi transferido ao departamento de Sambre e Mosa (Sambre-et-Meuse) en xuño de 1794, sendo ferido no asedio de Maguncia. Dous anos despois foi ascendido a xeneral de brigada (agosto de 1796), pasando a mandar unidades de cabalaría nas frontes alemás.

O 17 de abril de 1797, Ney conduciu unha carga de cabalaría contra lanceiros austríacos que tentaban apoderarse de canóns franceses, rexeitándoos, mais sufrindo logo un contraataque austríaco; no transcurso do combate Ney foi derrubado da súa cabalgadura e feito prisioneiro. No 8 de maio seguinte, Ney foi trocado por un xeneral austríaco cativo á súa vez dos franceses.

Logo da toma de Mannheim, Ney foi ascendido a xeneral de división en marzo de 1799. A finais de 1799 Ney estivo ao mando da cabalaría nos exércitos que actuaban en Suíza e o Danubio, sendo ferido nunha coxa e nun pulso en Winterthur; mais antes aínda de recuperarse combateu na batalla de Hohenlinden, so as ordes do xeneral Moreau en decembro de 1800. Desde o mes de setembro de 1802 Ney pasou a mandar tropas en Suíza, cumprindo á par labores diplomáticas. O 19 de maio de 1804 Ney recibiu o seu bastón como mariscal do Imperio, que era o título napoleónico equivalente ao anterior de mariscal de Francia.

Carreira nas Guerras napoleónicas

[editar | editar a fonte]
Ney na batalla de Kovno.

Na campaña de 1805 Ney tomou o mando do VI Corpo da Grande Armée, sendo louvado polo seu comportamento na Batalla de Elchingen. En novembro de 1805 Ney invadiu o Tirol, capturando Innsbruck, que defendía o arquiduque Xoán de Austria.

Na campaña de 1806 Ney combateu en Jena, ocupando despois Erfurt. Máis tarde Ney cercou e rendeu Magdeburgo.

Na campaña de 1807 Ney foi quen de acudir con reforzos a tempo para evitar que Napoleón fose derrotado en Eylau, aínda que a batalla findou empatada. Posteriormente combatería en Güttstadt, loitando na ala dereita en Friedland.

O 6 de xuño de 1808 Ney foi nomeado duque de Elchingen .

Actuación na Guerra Peninsular

[editar | editar a fonte]

En agosto de 1808, Ney foi enviado á Península Ibérica, ao mando do VI Corpo. Logo da derrota francesa en Bailén, o mesmo Emperador decidiu entrar en España coa Grande Armée.

Á súa vez, a entrada de John Moore, desde Portugal, desencadea, unha manobra do exército napoleónico desexoso de derrotar un exército británico.

Moore vese obrigado a iniciar a retirada desde Valladolid cara ao noroeste, perseguido pola Grande Armée. Xusto detrás dos británicos camiña na mesma dirección o exército español do marqués de la Romana.

Desde Astorga, atraído por outros sucesos, Napoleón deixa dúas unidades en persecución de Moore: o II Corpo a mando de Soult e o VI Corpo a cargo de Ney. Ambos os dous chegan a tempo de enfrontarse aos británicos nos arredores da Coruña: é a batalla de Elviña, na que o mesmo Moore perde a vida.

Asentados os franceses en Galiza, Ney recibe ordes de controlar o norte do país e máis Asturias, para o que centra o seu campamento en Lugo. En marzo de 1809, Ney tenta someter a costa occidental galega, sen conseguir acabar coas partidas de guerrilleiros que acosan os destacamentos franceses. A finais de marzo dese ano foron recuperadas polos galegos as prazas de Vigo, Pontevedra e Tui, feitos que coutaban o enlace con Soult, entón en Portugal.

En maio, Ney tivo noticias de que o marqués de la Romana estaba en Asturias, polo que decidiu buscalo alí, porén foi unha manobra errada, pois o español retirárase para Galiza. O regreso de Soult desde Portugal até Ourense foi dificultoso. Reunidos Soult e Ney deciden unha nova estratexia. Ney parte cara a Vigo con intención de recobrar a cidade, mais na batalla de Ponte Sampaio entre os días 7 e 9 de xuño de 1809, as tropas francesas non poden cruzar o río Oitavén, véndose obrigadas a retirarse.

O fracaso de Soult no interior meridional de Galiza, e novos acontecementos no centro da península, onde Wellington ameaza entrar en Madrid, obrigan a saír a ambos os mariscais de Galiza. Ney faino por Pedrafita e o Bierzo. Cando se xuntan só lles fican 18.000 dos 53.000 homes cos que chegaran.

En 1810 Ney uniuse ao estado maior do mariscal Masséna para invadir de novo Portugal. Nesa campaña tomou Ciudad Rodrigo e Coa, e tomou parte na batalla de Buçaco, acción que foi desafortunada para as tropas francesas. Durante a retirada das topas luso-británicas para Torres Vedras, Ney foi destituído do seu mando por insubordinación [1].

De Rusia a Fontainebleu

[editar | editar a fonte]
Ney durante a retirada de Rusia.

Ney foi posto ao mando do III Corpo da Grande Armée durante a invasión de Rusia en 1812. Na batalla de Smolensk Ney foi ferido no pescozo, combatendo posteriormente no sector central en Borodino. Durante a retirada de Moscova, Ney estivo a mando da retagarda. Despois de ser separado do exército principal, Ney manobrou para se xuntar ao mesmo, con gran satisfacción de Napoleón. Por tal acción, Ney gañou o alcume de “o máis valente dos valentes”[2]. Ney participou na batalla do río Beresina, colaborando a manter a vital ponte Kovno, onde naceu a lenda de que Ney fora o derradeiro francés en cruzar a ponte e abandonar Rusia[3]. No 25 de marzo de 1813 outorgóuselle a Ney o título de Príncipe de Moscova [3].

Durante a campaña de 1813, Ney loitou en Weissenfels, foi ferido en Lützen, e mandou a á esquerda do exército en Bautzen. Logo combateu en Dennewitz e máis na batalla de Leipzig, onde foi ferido unha vez máis. Xa na campaña de 1814, en territorio francés, Ney participou en varias batallas e mandou diferentes unidades. En Fontainebleau Ney actuou como portavoz da revolta dos mariscais do 4 de abril de 1814 que demandaba a abdicación de Napoleón, informando ao Emperador de que o exército no desexaba marchar sobre París; Napoleón dixo entón “o exército obedecerame”, ao que Ney contestou “o exército obedecerá aos seus xefes” [4]

Na Restauración borbónica

[editar | editar a fonte]

Cando París caeu e foi reposta a dinastía Borbón, Ney, que presionara a Napoleón para que abdicase e aceitase o exilio, foi louvado e promocionado polo novo monarca Lois XVIII, que o nomeou par, porén aínda que Ney prometeu lealdade á restaurada casa real, a corte borbónica reaccionou con frialdade perante o ofrecemento por mor das súa orixe plebea. Pero cando soubo que Napoleón volvía do exilio en Elba, Ney decidiu manter a paz en Francia e mostrar a súa fidelidade á nova monarquía, polo que comezou a organizar forzas que detivesen a marcha de Napoleón cara París, e mesmo prometeu meter a Napoleón vivo nunha gaiola de ferro. Cando Napoleón soubo das intencións de Ney envioulle unha carta que entre outras cousas dicía: “Recibireite como despois da batalla de Moscova” [5]. A pesar da promesa feita, Ney acudiu a xuntarse onde Napoleón en Auxerre o 18 de marzo de 1815.

Durante os Cen Días

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Imperio dos Cen Días.

O 15 de xuño de 1815 Napoleón nomeou a Ney como comandante da áa esquerda do Exército do Norte. No outro día, Napoleón dividiu as súas tropas en dúas ás para presentar dúas diferentes batallas simultaneamente. Ney atacou a Wellington en Quatre Bras, mentres Napoleón atacou os prusianos de Blücher en Ligny. Aínda que Ney foi criticado por non tomar Quatre Bras máis cedo, aínda é obxecto de controversia en que momento quería Napoleón que se capturase o lugar. En Ligny, Napoleón ordenou o xeneral d’Erlon que movese a súa unidade cara a retagarda dos prusianos a por de cortarlles a retirada. D’Erlon iniciou a manobra mandada, máis a certa altura parou e comezou a moverse noutra dirección, para desgusto de Napoleón. A razón desa mudanza de movementos foi que Ney lle pediu a d’Erlon a súa axuda en Quatre Bras. Ao non efectuar a manobra contra Blücher, fixo que a vitoria francesa en Ligny ficase incompleta. Para ser xustos, debe saberse que Ney era o superior inmediato de d’Erlon, e Napoleón non informara a Ney dos seus planos.

En Waterloo Ney estivo de novo ao mando da á esquerda do exército. Sobre as 3:30 p.m., Ney ordenou unha carga cerrada de cabalaría contra as tropas anglo-holandesas. Os xinetes sobrepasaron as baterías, mais atopáronse a continuación coa infantaría formada en cadro, e sen apoio de infantes nin da artillaría, Ney foi incapaz de romper os escuadróns inimigos. Isto ten levado a fortes críticas sobre Ney, de xeito que hai quen sostén que foi a causa da derrota napoleónica en Waterloo[6]. A maiores os canóns deberían ter sido inutilizados pola cabalaría de Ney, pois levaban os cravos para facelo e non o fixeron[7].

Execución

[editar | editar a fonte]

Logo do destronamento e novo desterro de Napoleón no verán de 1815, Ney foi detido (3 de agosto de 1815). Foi xulgado pola Cámara dos Pares, por traizón, o 4 de decembro de 1815; un ano despois o 6 de decembro de 1815 foi condenado a morte, sendo fusilado o 7 de decembro de 1815, feito que dividiu daquela a opinión pública francesa. Refugou unha venda para tapar os ollos e foille permitido que dese el mesmo a orde de execución.

A execución de Ney foi un exemplo buscado intencionalmente para previr outros xenerais e oficiais napoleónicos, moitos dos cales foran amnistiados pola monarquía borbónica.

Carácter

[editar | editar a fonte]

Era unha soldado impulsivo e con carraxe. Ney é coñecido por personificar as virtudes do soldado, liderando ás tropas desde a fronte. Como exemplo, mandou a carga da cabalaría pesada francesa contra a infantaría británica na Batalla de Waterloo. Con todo, Ney non era tan só un exaltado, senón que ademais foi un comandante con moitas capacidades, con actuacións excelentes como en Elchingen (batalla na que obtivo o seu título de duque), e atribúeselle a vitoria da Batalla de Friedland para Napoleón.

Unha das máis espalladas, foi a lenda de que Ney tentou escapar ao Reino Unido conseguíndoo. Os defensores desta hipótese, argumentan que Ney era masón, e que usou os seus coñecidos masóns, incluíndo o mesmo duque de Wellington, para logralo. Segundo esta historia, os soldados encargados do seu fusilamento utilizaron balas de fogueo e colocaron bolsas de sangue arredor da área do corazón de Ney. Logo sacárono clandestinamente para Estados Unidos, onde continuou a súa vida como mestre de escola. Base para esta lenda foi a presenza nos Estados Unidos dun tal Peter Stuart Ney, que adoitaba contar, a amizades e estudantes, historias de glorias bélicas e aínda chufaba, ou polo menos non o negaba, que era o antigo mariscal.

Unha serie de dietarios privados que aínda mostran os seus descendentes semellan demostrar que todo isto non é un mero conto. Peter Stuart Ney ensinou en Carolina do Norte e do Sur, especialmente no Davidson College, para o cal deseñou o selo que aínda se utiliza nesa institución. Morreu en 1846, polo visto dicindo: “"Bessières está morto; a vella garda morreu; por favor, deixádeme morrer”. Na súa sepultura en Cleveland, Carolina do Norte, na Third Creek Presbyterian Church (igrexa presbiteriana de Third Creek) sobre a estrada de Third Creek Church , pódense ler as palabras seguintes: "(...) soldier of the French Revolution under Napoleon Bonaparte (...)" (...soldado da Revolución Francesa so Napoleón Bonaparte....).

O seu alcume 'Le Rougeaud' non era debido á cor do seu pelo, contra o que con frecuencia se cre, senón a que se puña vermellizo, especialmente cando excitado ou encabuxado.

Curiosidade

[editar | editar a fonte]

Despois de Guerra da Independencia moitos galegos bautizaron aos seus cans co nome de Ney, e tamén co de Soult, en recordo destes dous xenerais, costume que, nalgunha medida, pervive até os nosos días.

  1. Chandler. Dictionary of the Napoleonic wars, p. 314
  2. Chandler., Dictionary of the Napoleonic wars p.314
  3. 3,0 3,1 Chandler., Dictionary of the Napoleonic wars. p.314
  4. Gates., p.259
  5. Markham., p.261. The Battle of the Moskowa is the Battle of Borodino
  6. Chandler., 315
  7. Markham., p.276

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Atteridge, A. H. Marshal Ney: The Bravest of the Brave. Pen & Sword, 2005.
  • Chandler, David (editor). Napoleon's Marshals. Londres: Macmillan Publishing Company, 1987. ISBN 0-297-79124-9
  • Chandler, D. Dictionary of the Napoleonic wars. Wordsworth editions, 1999.
  • Gates, D. The Napoleonic Wars, 1803-1815. Pimlico, 2003.
  • Horricks, Raymond Marshal Ney, The Romance And The Real (ISBN 0-88254-655-4)
  • Markham, J. D. Napoleon’s Road to Glory: Triumphs, Defeats, and Immortality. Brassey’s, 2003.
  • Roberts, A. Waterloo, June 18, 1815: The Battle for Modern Europe. Happer-Collins Pub., 2005.
  • Tsouras, P. G. The book of Military Quotations. Zenith Press, 2005.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]