Miguel Solís
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 27 de marzo de 1816 San Fernando, España |
Morte | 22 de abril de 1846 (30 anos) Paleo, España |
Actividade | |
Ocupación | militar |
Carreira militar | |
Rango militar | Xeneral Coronel |
Miguel Solís Cuetos, nado en San Fernando (provincia de Cádiz) o 27 de marzo de 1816 e finado en Paleo (Carral) o 26 de abril de 1846 foi un militar español.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Foi educado na escola dirixida polo presbítero Feliú, un home ilustrado e de ideas liberais, o que motivou o peche da escola por orde do goberno absolutista do rei Fernando VII.
Ingresou na Mariña en 1829 cunha praza de garda na Real Armada, superando con brillantez os exames de ingreso e permanecendo ata 1836, cando tras unha carreira nos bergantíns Guadalete e Perla e no navío Soberano acadou o grao de alférez de navío, e en breve, o de capitán de artillaría de mariña. Durante as guerras carlistas pasou ó corpo de terra. Loitou contra o bando carlista en Aragón, onde acadou o grao de capitán e tenente coronel e pola súa actuación posterior en Molina de Aragón (1840) e participou nos levantamentos esparteristas de 1840 e 1842, polo que acadou o ascenso a segundo comandante e xusto antes da caída da Rexente María Cristina logrou -por mediación do seu tío e protector, Evaristo San Miguel, por entón Capitán xeneral de Madrid- o ascenso a coronel, que non obstante non lle sería recoñecido.
En 1842 ingresou no corpo do Estado Maior, sendo destinado a Donostia, onde se atopa cando estalou o pronunciamento de 1843, pero sendo contrario á sublevación, regresou a Madrid.
En 1844, na súa calidade de Coronel de Infantaría, e "en recompensa del mérito que contrajo en el alzamiento nacional" foille concedida a Cruz de Cabaleiro da Real Orde Americana de Isabel a Católica. En 1845 foi destinado á Coruña como primeiro comandante, accedendo ó Estado Maior da Capitanía Xeneral de Galicia, cuxo titular era Francisco Puig Samper, que posteriormente sería relevado por Villalonga. Na Coruña frecuentou os círculos próximos a Doña Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina, uníndose á conspiración dos liberais.
Revolución de 1846
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Revolución de 1846.
Miguel Solís encabezou un levantamento liberal en 1846, ó mando do Segundo Rexemento de Zamora, que se iniciou en Lugo o 2 de abril, xa que rexeitara facelo na Coruña para evitar ter que ser o que tivese que arrestar ó xeneral Puig Samper, polo que sentía un aprecio persoal. A este pronunciamento sumáronse tropas de Santiago de Compostela, Vigo e Pontevedra, as destas dúas últimas cidades baixo o mando de Leoncio Rubín de Celis.[1] O día 15 reuníronse en Santiago os presidentes das xuntas locais establecidas pouco atrás para constituír con carácter provisional a Xunta de Goberno de Galicia, da que Pío Rodríguez Terrazo foi designado presidente e Antolín Faraldo, secretario. Rubín e Solís foron nomeados mariscais de campo, pero a elección de Solís como Capitán xeneral de Galicia o 22 de abril, co mando supremo sobre todos os exércitos sublevados, provocou que Rubín se retirara da revolta, aínda que segundo algúns autores, e a raíz da súa actuación posterior, é posíbel que xa tivera decidido desvincularse da sublevación.
O 23 de abril, na batalla de Cacheiras, Solís foi derrotado polas tropas de José Gutiérrez de la Concha.[3] Refuxiouse en Santiago de Compostela, pero terminou entregándose ás tropas leais. Foi xulgado en Carral e fusilárono no adro da igrexa de Paleo. O 27 de abril rendíanse os sublevados de Lugo e poñíase fin á sublevación.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ ""Rubín de Celis y Oroña, Leoncio (Redondela, 1810)"". Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2018. Consultado o 12 de xaneiro de 2018.
- ↑ Barreiro 2007, p. 89.
- ↑ Luis Moure Mariño (1979) Temas gallegos. Espasa-Calpe.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Barreiro, X. R. (2005). "Solís y Cuetos, Miguel". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Barreiro, X. R. (2007). A gran historia de Galicia. Historia política da Galicia contemporánea. 2. De Isabel II á restauración (1833-1874). Tomo XI. La Voz de Galicia. pp. 76–91. ISBN 978-84-96931-00-8.
- Beramendi, Xusto G. (1991). "La aparición del galleguismo". Historia de Galicia (en castelán) 4. Faro de Vigo. p. 825. ISBN 84-404-9520-X.
- Casás Fernández, M. (1953). Episodios Gallegos, Ediciones Galicia.
- Fernández Teixeiro, Manuel María (2016) [1974]. Abril de lume e ferro (Obra de teatro) (2 ed.). Fundación Manuel María de Estudos Galegos. ISBN 978-84-944417-5-2.
- González López, Emilio (1980). Historia de Galicia. Biblioteca Gallega (Serie Nova) (en castelán). La Voz de Galicia. pp. 630–636. ISBN 84-85287-22-3.
- Obelleiro Piñon, Luís (1997). "Idade contemporánea (século XIX)". Historia xeral de Galicia. A Nosa Terra. p. 327. ISBN 84-89138-99-0.
- Parrilla García, José Antonio (1984). Breve Historia de Galicia (banda deseñada) . Caixa Galicia. pp. 52–53. ISBN 84-85620-08-9.
- Porto, Juan do (1846). Reseña histórica de los últimos acontecimientos políticos de Galicia (en castelán). Madrid: Imprenta de la Viuda de Burgos. Arquivado dende o orixinal o 19 de decembro de 2021. Consultado o 12 de xaneiro de 2018.[1]
- Tettamancy Gastón, F. (1908). La Revolución Gallega de 1846, Imprenta Regional de Carré.
- Tettamancy Gastón, Francisco (1912). Los Mártires de Carral (en castelán). Imprenta y Fotograbado de Ferrer.