Morriña
A morriña é un sentimento de tristeza, é a melancolía que se sente cando se está lonxe da terra en que se nace, a cal botas en falta[1]. Máis concretamente, a morriña é un estado de depresión vital ao que acompaña un sentimento psicolóxico de tristura. O estado vital contraposto é a euforia, á que acompaña o sentimento psicolóxico de ledicia.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]A palabra morriña procede do galaico-portugués morrinha (tristeza). Uns[quen?] pensan que a palabra morrinha provén do latín "mori" (morrer). Pero a morte non ten nada que ver co sentimento de tristeza que a morriña presenta. Segundo o dicionario etimolóxico Corominas, a palabra morriña podería vir de "morro" "emurria" (tristeza)[Cómpre referencia].
Diferenciación entre morriña e saudade
[editar | editar a fonte]Segundo Ramón Piñeiro, moitas veces, morriña e saudade empréganse como sinónimos, pero son sentimentos diferentes. A saudade é un sentimento que sempre resultou difícil de definir, identificamos a saudade propoñendo varios sentimentos como a nostalxia, a melancolía e a propia morriña; todos correspondentes á liña de tristura. Isto débese a que o carácter depresivo que ten a tristura favorece a interiorización, achega á intimidade e mesmo por iso, ten certo punto de contacto coa saudade. Pero non chegan a ser a mesma cousa.
Segundo Castelao a morriña é a saudade en conciencia: o desexo, posible ou imposible, de recobrar o que se perdera; mentres que a saudade sen morriña é devecer por algo que se ama sen telo coñecido. Tamén diferenza morriña e saudade dos termos noutras linguas coma nostalgia, homesickness ou mal du pays, ao consideralos restrinxidos ao individuo; mentres que a morriña e saudade é compartido por todos os membros dos dous pobos galego e portugués.[2]
A morriña pode ser, nalgún caso, unha consecuencia da vivencia da saudade. Cando o home sente saudade pode saír deste sentimento de dúas maneiras: ou entregándose a un pulo de transcendencia, o sentido final da cal é a procura do Ser, ou abandonándose a unha especia de pasividade interior "que conduce á caída na morriña" (melancolía).
Outras veces ocorre á inversa: séntese morriña por causas de orixe orgánica, psíquica, moral etc., e o seu efecto depresivo, xunto coa adherencia psicolóxica de tristura, tenden a producir un ensimismamento, unha interiorización anímica que nos pode levar ao sentimento puro da saudade.
Tanto nun caso como outro, o sentimento de morriña está próximo ao da saudade, pois non tenden á obxectivación, senón á interiorización do home en si mesmo. Pero a relación entre ambos sentimentos é de pura propincuiade, non de natureza. O que caracteriza á morriña é a tristura depresiva; o que caracteriza á saudade é a carencia de significación psicolóxica. O contraposto da morriña é a euforia; o contraposto de saudade é o éxtase místico (a contemplación do Ser).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para morriña.
- ↑ Narracións e outras prosas, Alfonso R. CASTELAO
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Hiraeth, concepto galés da morriña.
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Piñeiro, Ramón (1984). Filosofía da saudade. Vigo: Galaxia. pp. 35, 39, 59.