Saltar ao contido

PTEN

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
PTEN humana.

A fosfatidilinositol-3,4,5-trisfosfato 3-fosfatase (PTEN) ou fosfatase e homólogo da tensina (EC 3.1.3.67 ) é unha enzima que cataliza a reacción de hidrólise do grupo fosfato do carbono 3 do fosfatidilinositol-3,4,5-trisfosfato.

Figura 1. Fosfatidilinositol-3,4,5-trifosfato.

A PTEN é un supresor tumoral. Actúa como unha proteína fosfatase de dobre especificidade. Desfosforila as proteínas fosforiladas nos residuos tirosina, serina e treonina. Tamén actúa como unha lípido-fosfatase quitando o grupo fosfato da posición D3 do anel inositol do fosfatidilinositol-3,4,5-trisfosfato PtdIns(3,4,5)P3, fosfatidilinositol-3,4-difosfato PtdIns(3,4)P2, fosfatidilinositol-3-fosfato PtdIns3P e inositol-1,3,4,5-tetraquisfosfato Ins(1,3,4,5)P4. A orde de preferencia de substrato in vitro é PtdIns(3,4,5)P3 > PtdIns(3,4)P2 > PtdIns3P > Ins(1,3,4,5)P4.

A actividade lípido-fosfatase é crítica para a súa función supresora de tumores. Antagoniza a ruta de sinalización PI3K-AKT/PKB desfosforilando os fosfoinosítidos e, polo tanto, modulando a progresión do ciclo celular e a supervivencia da célula. A forma da PTEN desfosforilada coopera coa AIP1 para suprimir a activación da AKT1. O enzima desfosforila a quinase de adhesión focal fosforilada nun residuo tirosina e, inhibe a migración celular, a proliferación celular mediada polas integrinas e a formación da adhesión focal.

Xoga un papel como modulador clave na ruta de sinalización AKT-mTOR controlando o ritmo do proceso de integración das neuronas recentemente nadas durante a neuroxénese adulta, incluíndo o posicionamento correcto das neuronas, o desenvolvemento dendrítico e a formación das sinapses. Pode ser un regulador negativo da sinalización por insulina e do metabolismo da glicosa no tecido adiposo. A forma nuclear posúe máis potencial apoptótico mentres que a forma citoplásmica ten menos habilidade na supresión tumoral.