Paralelo
Denomínase paralelo ao círculo formado pola intersección da esfera terrestre cun plano imaxinario perpendicular ao eixo de rotación da Terra.
Sobre os paralelos, e a partir do meridiano orixe (Greenwich), medimos a lonxitude (arco de circunferencia expresado en graos sexaxesimais); esta poderá ser leste ou oeste, en función do senso de medida da mesma.
Existen cinco paralelos que determinan unha posición concreta da órbita terrestre no seu desprazamento ao redor do Sol e que por iso reciben un nome particular:
- Círculo Polar Ártico (66,5° N)
- Trópico de Cáncer (23,27° N)
- Ecuador (0° latitude)
- Trópico de Capricornio (23,27° S)
- Círculo Polar Antártico (66,5° S)
A Terra fica dividida así en cinco zonas:
- Unha zona tórrida comprendida entre os trópicos e que o ecuador divide en dous: norte e sur.
- Dúas zonas temperadas comprendidas entre os trópicos e os círculos polares.
- Dúas zonas glaciares comprendidas entre os círculos polares e as polares.
A zona tórrida coincide coa máxima e mínima declinación do Sol, atinxindo grandes alturas e culminando no cénit (altura máxima no ceo) dúas veces ao ano. Os raios solares inciden case perpendicularmente nesta zona e é por iso que é a máis calorosa. Nas zonas temperadas os raios inciden máis oblicuamente e o Sol nunca culmina no cénit, por iso son menos calorosas que a anterior. Nas zonas glaciares os raios inciden moi oblicuamente, quentando moi pouco. Nestas zonas os días e as noites teñen unha duración maior a medida que aumenta a latitude. Nos polos as noites e os días teñen unha duración de seis meses.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Paralelo |