Saltar ao contido

Paratiroide

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Situación das paratiroides.

A glándula paratiroide ou paratiroide está formada por un conxunto de pequenas glándulas endócrinas situadas na zona do pescozo, que producen a hormona paratiroide (PTH). Os seres humanos normalmente teñen catro glándulas paratiroides, localizadas na superficie posterior da glándula tiroide. As hormonas producidas por esta glándula controlan a cantidade de calcio presente no sangue e ósos.

Anatomía

[editar | editar a fonte]
Micrografía da glándula paratiroide con tinguidura de hematoxilina-eosina.

As glándulas paratiroides son catro ou máis pequenas glándulas ovais pardo-amarelas, de aproximadamente o tamaño dun gran de arroz (3–8 mm de longo, 2–5 mm de largo, e 0,5 a 2 mm de grosor) [1], situadas na superficie posterior da glándula tiroide. As paratiroides xeralmente pesan entre 25 mg e 40 mg cada unha nos humanos. Tipicamente hai dúas no lóbulo esquerdo da tiroide, unha sobre a outra, e outras dúas no dereito. En casos menos frecuentes, poden estar situadas dentro da propia glándula tiroide ou mesmo no peito, asociadas ao timo. As dúas glándulas paratiroides de cada lado que están situadas máis arriba (máis próximas á cabeza) denomínanse glándulas paratiroides superiores, e as dúas de máis abaixo son as glándulas paratiroides inferiores. Máis raramente as persoas poden ter seis, oito, ou máis glándulas paratiroides.

Están irrigadas polas ramas das arterias tiroides inferior ou superior ou polos vasos anastomóticos que se encontran entre elas. Os vasos linfáticos son os que drenan a tiroide. Os nervios proceden do plexo que rodea os vasos tiroides [2].

O nome paratiroide débese á súa contigüidade coa tiroide, pero a súa función como glándula é completamente diferente da realizada pola tiroide. Están separadas do tecido tiroide por unha cápsula conxuntiva fina, e o tecido capsular penetra na glándula, xunto con vasos sanguíneos, linfáticos e nervios. Ao microscopio as glándulas paratiroides distínguense doadamente da tiroide, xa que teñen células densamente empaquetadas, a diferenza da estrutura en folículos menos apertada da tiroide.[3] Porén, en cirurxía, son difíciles de diferenciar dos tecidos tiroides e adiposos que as rodean.

Histoloxicamente as glándulas paratiroides conteñen dous tipos de células:[4]

Nome Tinguidura Cantidade Tamaño Función
célula principal paratiroide máis escura moitas máis pequenas produce PTH (véxase máis abaixo).
célula oxífila máis clara poucas máis grande función descoñecida.[5]

As glándulas paratiroides foron descubertas primeiro no rinoceronte indio por Richard Owen en 1850.[6] O descubrimento destas glándulas nos seres humanos realizouno o estudante médico sueco Ivar Viktor Sandström en 1880.[7] Foi o último órgano principal descuberto nos seres humanos.

Fisioloxía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Hormona paratiroide.

A principal función das glándulas paratiroides é manter os niveis de calcio corporal dentro dun estreito rango de concentracións, para que o sistema nervioso e o muscular poidan funcionar correctamente.

Cando os niveis de calcio sanguíneos caen por debaixo de certo punto, actívanse os receptores sensibles ao calcio das glándulas paratiroides para estimular a liberación da hormona PTH ao sangue.

A hormona paratiroide (PTH) é unha pequena proteína que intervén no control da homeostase do calcio e fósforo, e na fisioloxía dos ósos. A hormona paratiroide ten un efecto contrario ao da hormona calcitonina. A PTH aumenta os niveis sanguíneos de calcio ao estimular aos osteoclastos para que destrúan tecido óseo e liberen así calcio. A PTH tamén incrementa a absorción de calcio gastrointestinal activando a vitamina D, e promove a reabsorción de calcio nos riles. A deficiencia de PTH pode asociarse cunha sensación de fatiga e ansiedade.

Enfermidades

[editar | editar a fonte]
Micrografía a grande aumento de paratiroide con adenoma de paratiroide (parte inferior dereita) tinguido con hematoxilina-eosina.

Hai moitas doenzas asociadas con trastornos da función paratiroide. Poden dividirse en dous grupos: causantes de hiperparatiroidismo, e causantes de hipoparatiroidismo[8]. As caracrterísticas comparadas dos principais tipos de trastornos son as da táboa:

Condición Calcio Hormona paratiroide
hiperparatiroidismo primario alto alto
hipoparatiroidismo primario baixo baixo
hiperparatiroidismo secundario normal alto
pseudohipoparatiroidismo baixo alto

Hiperparatiroidismo e condicións relacionadas

[editar | editar a fonte]

A principal doenza das glándulas paratiroides é a hiperactividade dun ou máis dos lóbulos paratiroides, que producen demasiada hormona paratiroide, o que causa un potencial desequilibrio grave do calcio. Isto denomínase hiperparatiroidismo, o cal produce hipercalcemia, cálculos renais, osteoporose, e outros síntomas, pero o síntoma máis común é a fatiga, e tamén son comúns a depresión, perda de memoria, e dor de ósos. O tratamento primario desta doenza é a extirpación da glándula defectuosa.

Outra condición relacionada é o hiperparatiroidismo secundario, común en pacientes de enfermidades renais crónicas sometidos a diálise. No hiperparatiroidismo secundario as glándulas paratiroides producen un exceso de PTH porque os riles fallan e os niveis de calcio e fósforo están desequilibrados.

Hipoparatiroidismo e condicións relacionadas

[editar | editar a fonte]

Embrioloxía e evolución

[editar | editar a fonte]
Esquema que mostra o desenvolvemento dos corpos epiteliais branquiais I, II, III, IV. Bolsas branquiais ou farínxeas.

As glándulas paratiroides orixínanse a partir da interacción do mesénquima da crista neural e o endoderma da terceira e cuarta bolsa branquial ou farínxea.

O coactivador transcricional Eya-1 e os factores de transcrición Six-1 e Gcm-2 foron asociados co desenvolvemento das glándulas paratiroides, e as alteracións dos xenes correspondentes alteran o desenvolvemento da glándula [9].

As paratiroides superiores orixínanse a partir da cuarta bolsa farínxea, e as inferiores da terceira bolsa farínxea. Durante a embrioxénese, as paratiroides orixinadas na terceira bolsa descenden por debaixo das orixinadas pola cuarta bolsa, polo que as paratiroides da terceira bolsa pasan a ser as paratiroides inferiores do adulto. Isto é significativo durante unha paratiroidectomía na que hai que preservar a función da glándula, porque tanto as paratiroides superiores coma inferiores están irrigadas pola arteria tiroide inferior. Se o cirurxián debe deixarlle ao paciente unha soa paratiroide funcional, debe asegurarse de preservarlle unha axeitada irrigación sanguínea á glándula.

Noutros animais

[editar | editar a fonte]

Todos os tetrápodos adultos teñen glándulas paratiroides, aínda que varían en número e na súa posición no corpo. Os mamíferos normalmente teñen catro paratiroides, e outros tetrápodos teñen seis.

Os peixes non teñen glándulas paratiroides, aínda que as glándulas ultimobranquiais, que se encontran preto do esófago, poden ter unha función similar e poderían mesmo ser estruturas homólogas das paratiroides dos tetrápodos. As glándulas ultimobranquiais están ausentes nos peixes máis primitivos, sen mandíbulas (ágnatos como as lampreas), que teñen esqueleto cartilaxinoso.[10]

A conservación da homoloxía de xenes e receptores sensibles ao calcio entre as branquias dos peixes e as glándulas paratiroides de aves e mamíferos, recoñécese en bioloxía evolutiva do desenvolvemento como un caso de uso evolutivo de xenes e redes de xenes antigas dun modo novo para xerar novas estruturas, que manteñen algunhas funcións similares xunto con funcións novas.

  1. D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 517-520. ISBN 84-7605-361-4
  2. G.J. Romanes Cunningham Tratado de Anatomía. 12ª edición (1987). Interamericana- Mc Graw Hill. Páxinas 634-635. ISBN 84-7605-359-2
  3. BUHistology|15001ooa
  4. BUHistology|15002loa
  5. OklahomaHistology|40_06
  6. A.J.E. Cave (1953). "Richard Owen and the discovery of the parathyroid glands" (PDF). En E. Ashworth Underwood. Science, Medicine and History. Essays on the Evolution of Scientific Thought and Medical Practice 2. Oxford University Press. pp. 217–222. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de xullo de 2011. Consultado o 2009-07-20. [1] Arquivado 15 de xullo de 2011 en Wayback Machine.
  7. Eknoyan G (1995). "A history of the parathyroid glands". Am. J. Kidney Dis. 26 (5): 801–7. PMID 7485136. doi:10.1016/0272-6386(95)90447-6. 
  8. "Parathyroid Disease: Diagnosis and Treatment". Arquivado dende o orixinal o 06 de abril de 2009. Consultado o 1 marzo 2012. 
  9. Irina V. Grigorieva, Rajesh V. Thakker. Transcription factors in parathyroid development: lessons from hypoparathyroid disorders. Annals of the New York Academy of Sciences Volume 1237, Skeletal Biology and Medicine I pages 24–38, November 2011 [2]
  10. Yuichi Sasayama. [Review] Hormonal Control of Ca Homeostasis in Lower Vertebrates: Considering the Evolution. Zoological Science 16: 857–869 (1999) [3] Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]