Saltar ao contido

Pesca en Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Barco pesqueiro en Ribeira.

O sector pesqueiro de Galicia, que abrangue todas as actividades relacionadas coa pesca extractiva, o marisqueo e a acuicultura, continúa a ser un dos primeiros eixos da economía galega.

Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), no ano 2004 a cifra de negocio deste sector bateu a barreira dos 1.000 millóns de euros. Ademais da facturación directa, esta actividade estimula o funcionamento doutros moitos axentes económicos en Galicia. De feito, do sector pesqueiro galego dependen non só os máis de 25.700 mariñeiros, acuicultores e mariscadores que faenan habitualmente senón tamén os traballadores de actividades como a industria conserveira, os estaleiros ou o comercio[1].

Introdución

[editar | editar a fonte]
Descarga de mexillóns na Illa de Arousa.

A particular importancia da pesca en Galicia vén condicionada pola súa situación xeográfica, en augas temperadas por mor da súa latitude media, e pola extensión da súa costa, con case mil cincocentos quilómetros. A primeira destas características, xunto á estrutura xeolóxica da costa formando profundas e numerosas rías, garante unha elevada e variada riqueza de recursos, especialmente mariscos (mexillóns, ameixas, ostras, nécoras, centolas) e aquelas especies de peixe de distribución costeira (como sardiña, xurelo ou pescada). Canto á segunda, a costa galega ofrece numerosas zonas apropiadas para usos portuarios e incrementa a área da plataforma continental, hábitat que buscan numerosas especies de peixes.

Por todos estes motivos, o desenvolvemento do sector pesqueiro galego é notable, tanto no volume da frota pesqueira (Galicia posúe case o 40% dos barcos españois) como no das estruturas e industrias auxiliares (portos, almacéns frigoríficos e industrias transformadoras). Isto pode explicar que Galicia sexa tamén a principal porta de entrada dos produtos da pesca procedente doutros países. Os principais portos galegos son o de Vigo (dos principais do mundo.[2]) e o da Coruña. Aínda así, a pesca en Galicia ve como vai minguando o número de capturas desde hai anos tanto polo esgotamento das pesquerías tradicionais como polas condicións políticas de acceso ás mesmas. Así, o total da pesca desembarcada está a minguar, mais mantendo o valor de mercado por mor da suba dos prezos.

Aspectos económicos

[editar | editar a fonte]
Peixes espada na lonxa de Vigo
Aparellos na Illa de Arousa
Bateas na ría de Vigo.
Acampada de afectados pola redución da cota da pesca de cerco antes os edificios administrativos da Xunta de Galicia en 2015.

En termos económicos, a pesca en Galicia vén representa-lo 10% do PIB galego, aínda cando a práctica totalidade desta actividade se concentre loxicamente na franxa costeira. No 2004, a facturación deste sector superou os 1.000 millóns de euros. Representa ademais unha fonte de actividade económica moi diversificada nos sectores industrial e de servizos, ata o punto de que o 12% do emprego galego depende directa ou indirectamente da pesca, o que converte a Galicia na comunidade europea máis dependente do sector pesqueiro. O número de traballadores directos neste sector supera os 25.700, entre mariñeiros, mariscadores e empregados no sector da acuicultura,[3] e estímase que cada emprego no mar crea catro máis en actividades en terra relacionadas co peixe, por exemplo nas industrias conserveiras (ó redor de 12.000 empregados) e conxeladoras (en torno ós 8.000 empregos).[4]

As actividades pesqueiras en Galicia podémolas dividir en pesca extractiva, marisqueo e acuicultura. O total de embarcacións, incluídos parques de cultivos flotantes e barcos auxiliares, supera as 8.000 unidades, das que máis de 5.200 son barcos de pesca, con case 118.000 toneladas de rexistro bruto. A gran maioría, 4.500 barcos, dedícase á pesca de baixura, fundamentalmente no interior das rías, mentres que o resto distribúese entre a frota do litoral, que realiza as súas capturas no caladoiro nacional (na costa galega, cantábrica e portuguesa) mediante artes de cerco e de arrastre e a frota de altura ou de grande altura. Estímase que un 25% da frota galega pesca en augas comunitarias ou internacionais (Gran Sol, Suráfrica e Suramérica, especialmente).

Pesca extractiva

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Pesca extractiva en Galicia.

O volume de capturas vendido nas lonxas galegas en 2007 foi de 172,2 millóns de quilogramos[5], dos que case 150 estiveron constituídos por peixes (o 86,83%), entre os que destacan, en volume e por esta orde, o xurelo, a pescada, a xarda, a sardiña e o lirio[6]. Por detrás estarían os moluscos bivalvos (o 5,97%) e os cefalópodos (5,61%). Debe terse en conta que boa parte dos produtos da pesca comercialízanse por outras vías (por exemplo, o mexillón ou a ostra van directamente ás industrias depuradoras ou conserveiras, sen pasar por lonxa).

Marisqueo

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Marisqueo en Galicia.

O marisqueo realízase principalmente de modo artesanal e a pé, na faixa costeira que queda ó descuberto co devalo da marea, aínda que tamén é significativa, nas Rías Baixas, a modalidade de marisqueo a flote. As principais especies capturadas son as distintas variedades de ameixa e o berberecho. Este último, con 4,7 millóns de toneladas, representa case a metade do volume dos moluscos vendidos nas lonxas, 10,3 millóns de toneladas en 2007[5].

Acuicultura

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Acuicultura en Galicia.

Finalmente, a acuicultura constitúe unha especialización da explotación dos recursos mariños cada día máis desenvolvida e prometedora en Galicia, en constante proceso de expansión. No ano 2005, Galicia achegou o 82% da produción de acuicultura española, sendo o mexillón a especie máis representativa, con case 300.000 toneladas, un 96% do total. A seguir estaría o rodaballo, con 5.700 toneladas.

  1. "Datos de emprego no sector pesqueiro". Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2012. Consultado o 23 de novembro de 2011. 
  2. Mosquera, Javier (11 de novembro de 2012). "El primer puerto pesquero del mundo". Faro de Vigo (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 29 de marzo de 2019. Consultado o 29 de marzo de 2019. 
  3. IGE. Macromagnitudes da pesca. Ano 2003-2004.
  4. Sector pesqueiro. Datos do emprego. Arquivado 28 de marzo de 2009 en Wayback Machine. Consellaría de Pesca.
  5. 5,0 5,1 Anuario de Pesca, 2007 (Servizo de Produción Pesqueira da Dirección Xeral de Recursos Mariños. Consellería de Pesca).
  6. Datos da produción. Arquivado 16 de outubro de 2008 en Wayback Machine. Consellaría de Pesca.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]