Pole
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2016.) |
- Este artigo fala do pole das plantas, para o artigo sobre o primeiro lugar na grella de saída dunha carreira nun circuíto véxase pole position.
O pole (do grego "pales" = "fariña" ou "po") é o conxunto dos minúsculos grans producidos polas flores das plantas anxiospermas (ou polas piñas masculinas das ximnospermas), que son os elementos reprodutores masculinos ou microgametófitos, onde se encontran os gametos que van fecundar os óvulos, para os transformar en froitos.
Os grans de pole son normalmente arredondados, aínda que os dos piñeiros sexan alados, e poden ser moi pequenos, só algúns micrómetros. O máis pequeno gran de pole coñecido é o do Myosotis, con cerca de 6 μm (0.006 mm) de diámetro. A forma e ornamentación dos grans de pole é típica de cada familia ou mesmo especie de plantas.
O pole contén unha gran proporción de proteínas (16 a 40 %) contendo todos os aminoácidos coñecidos, así como numerosas vitaminas, principalmente as vitaminas C e PP, sendo a principal fonte de alimentación das abellas. Outro importante produto fabricado con pole é a xelea real. Esta composición do pole pode ser responsábel das alerxias que lle son atribuídas.
O estudo do pole é a palinoloxía.
Estrutura e formación do pole
[editar | editar a fonte]Os grans de pole prodúcense por meiose no microsporanxio das plantas anxiospermas, que é o estame, ou a escama masculina das ximnospermas.
Cada gran de pole é un gametófito que contén dous núcleos haploides, un maior que corresponde a unha célula vexetativa e outro máis pequeno que é o verdadeiro anterozoide, que vai fecundar o óvulo.
Esta célula "dupla" encóntrase encerrada nunha cápsula de celulosa, a intina, recuberta por un envolucro moi resistente de esporopolenina, un biopolímero ligado a ceras e proteínas. Esta capa externa denomínase exina e está composta de tres partes:
- tectun, que contén os elementos esculturais que dan a forma exterior ao gran de pole;
- columelas, unha estrutura en forma de columnas; e
- base, unha estrutura sólida formada sobre a intina.
Este envólucro posúe aínda pequenas aberturas (puntos de menor resistencia) por onde sairá o tubo polínico, que penetra no estigma para fecundar o óvulo.
Polinización
[editar | editar a fonte]A transferencia dos grans de pole dos órganos onde se producen até a estrutura reprodutiva feminina (o carpelo das anxiospermas ou a escama feminina das ximnospermas) chámase polinización.
Durante o proceso evolutivo, as plantas desenvolveron varias estratexias reprodutivas, para asegurar a súa multiplicación e colonización dos hábitats. As espermatófitas, ou sexa, as plantas que producen flores, presentan varias modalidades de polinización como estratexias reprodutivas:
- Autopolinización - algunhas especies de plantas admiten a xerminación dos grans de pole no estigma da mesma flor que o produciu, ou noutras flores da mesma planta; esta estratexia diminúe as posibiidades de recombinación xenética, mais asegura que maior número de óvulos sexan fecundados.
A maior parte das especies, no entanto, desenvolveu estratexias para aumentar as posibilidades de recombinación - a transferencia dos grans de pole por elementos exteriores á flor:
- Polinización anemófila - realizada polo vento - estas plantas producen gran número de grans de pole, moi leves ou con extensións da exina, como os grans de pole alados dos piñeiros, que lles permiten transportarse para flores de plantas que se encontran a maior distancia da que os produciu, polo tanto con maior probabilidade de teren un xenoma diferente;
- Polinización entomófila - realizada por insectos - as flores posúen características que atraaen os insectos, tales como nectarios, coloración ou cheiro especiais;
- Polinización hidrófila - realizada pola auga - este tipo de polinización é máis frecuente nas plantas acuáticas.
O pole e as abellas
[editar | editar a fonte]Son moi poucos os animais que poden alimentarse do pole, as abellas melíferas están entre eles, isto é posíbel debido a que xeran enzimas capaces de dixerir o mesmo mentres está almacenado nos panais de cera. Non é un proceso inmediato, senón que a abella almacena o pole nos panais, agrega as súas enzimas, tapa este pole cunha capa de mel a fin de que sexa un proceso anaerobio, e tras unhas semanas o pole transfórmase no que os apicultores denominan pan da abella. Nesas condicións o pole resulta dixeríbel, obténdose del todas as proteínas (cos aminoácidos esenciais necesarios), graxas, minerais, oligoelementos etc. O pole é o alimento plástico da abella.
As abellas melíferas desenvolveron no terceiro par de patas unha especie de 'cestas, tamén denominadas corbículas, ás que por medio de peites trasladan os grans de pole que se lle pegan ao seu corpo, os cales son transportados ao trobo, onde se realiza todo o proceso de fermentación. Entre as abellas só as corbiculadas acumulan pole e aliméntanse del, tanto en estado adulto como larvario.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Vexa a entrada do Galizionario acerca de Pole |