Saltar ao contido

Quecemento global

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cambio térmico nos últimos 50 anos. Temperatura global media en 2014-2018 comparada coa media basal entre 1951 e 1980, segundo o Instituto Goddard de Estudos Espaciais da NASA.

O quecemento global[1] é o aumento a longo prazo da temperatura media da atmosfera terrestre e dos océanos. É un aspecto primordial da mudanza do clima actual, segundo a medición directa da temperatura e varios efectos do quecemento.[2][3] O consenso científico do quecemento global afirma que a temperatura se elevou desde final do século XIX debido á actividade humana[4], principalmente polas emisións de dióxido de carbono que incrementaron o efecto invernadoiro. Predí, ademais, que as temperaturas continuarán subindo no futuro se continúan as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Con frecuencia, os termos quecemento global e cambio climático úsanse indistintamente,[5] pero, de forma máis precisa, o quecemento global refírese ao incremento gradual, observado ou proxectado, das temperaturas na superficie terrestre,[6] mentres que o cambio climático é máis preciso cientificamente para describir os diversos efectos no clima, como o clima extremo, as tormentas e os cambios nos padróns de precipitacións, a acidificación dos océanos e o nivel do mar,[7] sen entrar en discusións sobre a súa causa. En cambio para indicar a existencia de influencia humana, ás veces emprégase o termo cambio climático antropoxénico. Se ben houbo períodos prehistóricos de quecemento global,[8] varios dos cambios observados desde mediados do século XX non teñen precedentes desde décadas a milenios.[2][9].

Frecuentemente a discusión céntrase na temperatura, pero o quecemento global ou calquera tipo de cambio climático implican cambios noutras variables: as precipitacións globais e os seus patróns, a cobertura de nubes e todos os demais elementos do noso sistema atmosférico veranse afectados pola diminución da emisión de radiación infravermella para o espazo, debido ós cambios nas concentracións de gases de efecto invernadoiro no ambiente.

O corpo multigobernamental e científico encargado da súa análise global é o Grupo intergobernamental sobre o cambio climático, (GICC) Unha das súas liñas de acción máis visibles é o Protocolo de Kyoto, que promove unha redución de emisións contaminantes (principalmente gas de efecto invernadoiro) por parte dos países industrializados. En 2022 foi publicado o Sexto informe do Grupo intergobernamental sobre o cambio climático sobre o quecemento global e o cambio climático causado pola actividade humana.

No final da década de 2010 o quecemento global xerou diversos movementos de petición de acción, como a folga escolar polo clima, a máis de impulsar partidos ecoloxistas en diversas eleccións, nun movemento de alcance global.[10]

Opinión científica

[editar | editar a fonte]

Xa que se trata dunha cuestión tan importante, os gobernos necesitan predicións da tendencia futura dos cambios globais, de maneira que poidan tomar decisións políticas para evitar efectos non desexables. o GICC está estudando o quecemento global, pero non se encarga da investigación mesma, senón de divulgar o material de investigación publicado. Os seus informes reflicten o consenso científico.

O informe do GICC de 1995 concluíu que "a acumulación de evidencias suxire un influxo comprobable da actividade humana no cambio climático". Isto foi reforzado polo TAR (Terceiro Informe de Avaliación) de 2001, onde se di: "Hai unha evidencia maior e máis seria de que a maior parte do quecemento observado nos últimos 50 anos é atribuíble a actividades humanas".

No 2019 novos estudos agravan a situación para o futuro, con proxeccións para fin do século XXI de quecemento de ata 7 °C de media aínda con accións para diminución da produción de dióxido de carbono.[11]

O quinto e o sexto informe confirmaron e aprofundaron na evidencia sobre o aquecemento e o cambio climático antropoxénico.

Teorías e obxeccións

[editar | editar a fonte]

O debate superou o ámbito das revistas científicas para invadir a área pública. Algúns políticos chegan a convertelo en tema das súas campañas electorais, como Al Gore, autor de Earth in the Balance (‘A Terra no balance’). Porén, o quecemento global é algo que se ten máis en conta na Unión Europea.

En verde, países que asinaron o Protocolo de Kyoto no 2009

Os propoñentes da teoría do quecemento global expresan unha ampla gama de opinións. Algúns simplemente recoñecen a realidade dos incrementos de temperatura observados. Outros apoian medidas como o Protocolo de Kyoto, que tentan ter certo efecto sobre o clima futuro e levar eventualmente a medidas posteriores. Outros pensan que o dano ambiental terá un impacto tan serio que deben darse pasos inmediatamente para reducir as emisións de CO2, a pesar dos custos económicos para as nacións avanzadas, como os Estados Unidos (que produce maiores emisións de gases de efecto invernadoiro ca calquera outro país, en termos absolutos, e é o segundo maior emisor per cápita despois de Australia).[Cómpre referencia] Hai climatólogos[quen?] que apoian este punto de vista.

Rexistros de temperatura

[editar | editar a fonte]
Variación da temperatura desde 1860 ata o ano 2020

O período sobre o que o quecemento pode observarse varía segundo o enfoque: ás veces desde a Revolución Industrial, outras desde o comezo dun rexistro histórico global de temperatura ó redor de 1860; ou sobre o século XX, ou os 50 anos máis recentes.

Nos últimos 20.000 anos o suceso máis importante é o final da Idade do xeo, hai aproximadamente 12.000 anos. (Ver Grida.no/climate/). Desde entón, a temperatura permaneceu relativamente estable, inda que con varias flutuacións, como por exemplo o Período de Quentamento Medieval (ou Pequena Idade de Xeo). Durante o século vinte a temperatura incrementouse en aproximadamente 0,4 a 0,8 °C.

As temperaturas na troposfera inferior incrementáronse entre 0,08 e 0,22 °C por década desde 1979 (ver Medicións de temperatura por satélite). O aumento da temperatura non segue unha lei lineal, senón que presenta flutuacións debidas á variabilidade natural, sendo a máis notable delas o fenómeno de El Niño. Durante o mesmo período as temperaturas na superficie terrestre mostran un incremento de aproximadamente 0,15 °C por década. (ver GHCC.MSFC.nasa.gov/).

Teorías para explicar o cambio de temperatura

[editar | editar a fonte]

O sistema climático varía de dúas formas: a través de procesos naturais internos e en resposta a forzamentos externos. Entre os primeiros destacan as emisións volcánicas, así coma os gases de efecto invernadoiro, e entre os segundos inclúense cambios na órbita da Terra ó redor del Sol (Teoría de Milankovitch), a propia actividade solar. (Ver Cambio climático para unha discusión máis en profundidade sobre as causas que forzan estes procesos).

Os especialistas en climatoloxía aceptan que a Terra se quentou recentemente.

Teoría dos gases do efecto invernadoiro

[editar | editar a fonte]

A hipótese de que os incrementos ou descensos en concentracións de gases de efecto invernadoiro poden dar lugar a unha temperatura global maior ou menor foi postulada extensamente por primeira vez no final do s. XIX por Svante Arrhenius (químico sueco laureado co Premio Nobel de 1903), como un intento de explicar as eras glaciares. Os seus coetáneos refugaron radicalmente a súa teoría.

A teoría de que as emisións de gases de efecto invernadoiro están contribuíndo ó quecemento da atmosfera gañou moitos adeptos na comunidade científica durante o último cuarto de século. O GICC, que se fundou para avaliar os riscos dos cambios climáticos inducidos polos seres humanos, atribúe do quecemento recente ás actividades humanas.[12] A Academia Nacional de Ciencias dos Estados Unidos (National Academy of Sciences) tamén apoiou esa teoría.

Hai moitos aspectos sutís nesta cuestión. Os científicos atmosféricos saben que o feito de engadir dióxido de carbono (CO2) á atmosfera, sen efectuar outros cambios, tenderá a facer máis cálida a superficie do planeta. Pero hai unha cantidade importante de vapor de auga (humidade, nubes) na atmosfera terrestre, e a auga é un gas de efecto invernadoiro. Se a adición de (CO2) á atmosfera cambia os procesos que regulan a cantidade de vapor de auga na atmosfera terrestre, isto podería ter un efecto profundo no clima: máis vapor de auga significa máis calor.

Emisións de CO2 dende o ano 1800 ó 2000

O papel das nubes é tamén crítico. As nubes teñen efectos contraditorios no clima. Calquera persoa notou que a temperatura cae cando pasa unha nube nun día solleiro do verán, que doutro modo sería máis caloroso. É dicir: as nubes arrefrían a superficie reflectindo a luz do Sol de novo ó espazo. Pero tamén se sabe que as noites claras de inverno tenden a ser máis frías cás noites co ceo cuberto. Isto débese a que as nubes tamén devolven algo de calor á superficie da Terra, se o CO2 cambia a cantidade e distribución das nubes podería ter efectos complexos e variados no clima.

Á vista disto, non é correcto imaxinar que existe un debate entre os que "defenden" e os que "se opoñen" á teoría de que a adición de CO2 á atmosfera terrestre dará como resultado que as temperaturas terrestres medias serán máis altas; o debate céntrase sobre o que serán os efectos netos da adición de CO2, e en se os cambios en vapor de auga, nubes e demais poderán compensar e anular este efecto de quecemento. O quecemento observado na Terra durante os últimos 50 anos parece estar en oposición coa teoría dos escépticos de que os mecanismos de autoregulación do clima compensarán o quecemento debido ó CO2.

Os científicos estudaron tamén este tema con modelos computarizados do clima. Estes modelos acéptanse pola comunidade científica como válidos soamente cando demostraron poder simular variacións climáticas coñecidas, como a diferenza entre o verán e o inverno, a Oscilación do Atlántico Norte ou El Niño. Encontráronse universalmente que aqueles modelos climáticos que pasan estes test tamén predín sempre que o efecto neto da adición de CO2 será un clima máis cálido no futuro, incluso tendo en conta todos os cambios no contido de vapor de auga e nas nubes. Porén, a magnitude deste quecemento predito varía segundo o modelo, o cal probablemente reflicte as diferenzas no modo en que os diferentes modelos representan as nubes.

Os escépticos respecto ó quecemento global din que os modelos son inexactos, pero foron incapaces de producir un modelo de clima que non prediga que as temperaturas se elevarán no futuro. É dicir, a teoría dos escépticos de que os sistemas de retroalimentación do clima eliminarán calquera efecto quentador atribuíble ó CO2 non se basea nas observacións nin en ningún modelo crible.

As industrias que utilizan o carbón como fonte de enerxía, os tubos de escape dos automóbiles, as chemineas das fábricas e outros subprodutos gasosos procedentes da actividade humana contribúen con cerca de 22.000 millóns de toneladas de dióxido de carbono (correspondentes a 6.000 millóns de toneladas de carbón puro) e outros gases de efecto invernadoiro á atmosfera terrestre cada ano. A concentración atmosférica de CO2 incrementouse ata un 31% por encima dos niveis pre-industriais, desde 1750. Esta concentración é considerablemente máis alta ca en calquera momento dos últimos 420.000 anos, o período do cal puideron obterse datos fiables a partir de núcleos de xeo. Crese, a raíz dunha evidencia xeolóxica menos directa, que os valores de CO2 estiveron a esta altura por última vez hai 40 millóns de anos. Ó redor de tres cuartos das emisións antropoxénicas de CO2 á atmosfera durante os últimos 20 anos débense ó uso de combustibles fósiles. O resto é predominantemente debido a usos agropecuarios, en especial deforestación (ver Grida.no/climate/ipcc_tar Arquivado 03 de xaneiro de 2004 en Wayback Machine.).

CFCs
CFCs

Os "gases de efecto invernadoiro" toman o seu nome do feito de que non deixan saír ó espazo a enerxía que emite a Terra, en forma de radiación infravermella, cando se quenta coa radiación procedente do Sol, que é o mesmo efecto que producen os vidros dun invernadoiro de xardinería.

O efecto invernadoiro natural que suaviza o clima da Terra non é cuestión que se inclúa no debate sobre o quecemento global. Sen este efecto invernadoiro natural as temperaturas caerían aproximadamente 30 °C., os océanos poderían conxelarse, e a vida, tal como a coñecemos, sería imposible. Para que este efecto se produza, son necesarios estes gases de efecto invernadoiro, pero en proporcións adecuadas. O que preocupa ós climatólogos é que unha elevación desa proporción producirá un aumento da temperatura debido á calor atrapada.

Os incrementos de CO2 medidos desde 1958 en Mauna Loa mostran unha concentración que se incrementa constantemente. De feito, é evidente que o incremento é máis rápido do que sería un incremento lineal. O 21 de marzo do 2004 informouse de que a concentración acadou 376 ppm (partes por millón). Os rexistros do Polo Sur mostran un crecemento similar.

O quecemento global no pasado

[editar | editar a fonte]

Os xeólogos cren que a Terra experimentou un quecemento global durante o Xurásico temperán con elevacións medias de temperatura que chegaron a 5 °C. As investigacións efectuadas pola Universidade Aberta (Open University) publicadas na revista Geology (n.º 32, páx. 157–160, 2004 (Open.ac.uk/Earth-Sciences)indican que isto foi a causa de que se acelerase a erosión das rochas ata nun 400%, un proceso que supuxo que tardasen 150.000 anos en volver aos valores de dióxido de carbono a niveis normais. Posteriormente produciuse tamén outro episodio de quecemento global coñecido como máximo térmico do Paleoceno-Eoceno.

Está comprobado o aumento da temperatura media global, de xeito acelerado a comezos do século XXI, cos efectos correspondentes, como a elevación do nivel do mar ou a diminución da capa de xeo do planeta. Así, en outubro de 2019 deuse un episodio máis de separación dun iceberg xigante da plataforma de xeo Amery na Antártida.[13] O sexto informe de avaliación do GICC reforza o consenso científico en que a actividade humana é causante do aumento da frecuencia e intensidade de fenómenos meteorolóxicos extremos como vagas de calor, secas, inundacións e choivas torrenciais, e prevese que estes eventos continúen a empeorar e aumentar o seu impacto na sociedade. [14] [15] As ameazas de diferentes impactos combinados están clasificadas máis altas que nos informes anteriores. [15]

Modelos climáticos

[editar | editar a fonte]

Os modelos climáticos máis recentes dan unha simulación dos cambios globais de temperatura no século XX. As simulacións non atribúen inequivocamente o quecemento que ocorreu desde 1910 ata 1945 a variacións naturais ou a forzamentos antropoxénicos [Cómpre referencia] . Tódolos modelos mostran que o quecemento habido entre 1975 e 2000 é en gran medida antropoxénico.

A maioría dos científicos concorda en que hai procesos climáticos importantes que están incorrectamente explicados nos modelos climáticos, pero non pensan que outros modelos mellores poidan cambiar a conclusión sobre a orixe do quecemento global actual (fonte GICC). Segundo un estudo publicado en 2021 na revista Nature Communications, a maioría dos modelos sobre cambio climático usados para proxectar escenarios futuros subestiman a gravidade dos impactos.[16]


Véxase tamén: modelo climático.

Efectos potenciais

[editar | editar a fonte]
Central térmica das Pontes de García Rodríguez

Moitas organizacións públicas e privadas, gobernos e persoas están preocupados por que o quecemento global produza danos globais no medio ambiente e a agricultura. Isto é materia de controversia, pois aínda que se acusa a grupos ecoloxistas de esaxerar os danos posibles, os científicos infravaloraron a dimensión do problema para non ser tachados de alarmistas. Grupos próximos á industria cuestionaron os modelos climáticos e as consecuencias do quecemento global -e subvencionaron estudos que minimizaban a contaminación-. Os modelos dos anos 70 resultaron ser moi precisos sobre o quecemento que aconteceu nas décadas seguintes.[17]

Debido ós efectos potenciais na saúde humana e na economía, e debido o seu impacto no ambiente, é motivo de gran preocupación. Certos procesos relaciónanse co quecemento global: diminución da capa de neve e dos glaciares, elevación do nivel dos mares e cambios meteorolóxicos son consecuencias que poden influír nas actividades humanas e nos ecosistemas. Algunhas especies poden ser forzadas a emigrar dos seus hábitats para evitar a súa extinción debido ás condicións cambiantes, mentres outras especies poden estenderse. Poucas das ecorrexións terrestres poden esperar non resultar afectadas.

Elevación do nivel dos mares, medido en 23 estacións fixas, entre 1900 e 2000.

Os mares estanse elevando entre 1 e 2 centímetros por década, e algunhas nacións do océano Pacífico, como Tuvalu están traballando nos detalles da súa eventual evacuación. O quecemento global dá lugar a elevacións do nivel mariño debido a que a auga dos mares se expande cando se quenta, ademais de que se produce un aumento da cantidade de auga líquida procedente do adelgazamento dos casquetes polares, do xeo mariño e da redución dos glaciares. En palabras do TAR do GICC: "Prevese que o nivel medio global do mar se elevará entre 9 e 99 cm entre 1990 e 2100. [...] Isto é debido primariamente á expansión térmica e á perda de masa dos glaciares e casquetes polares.

Á medida que o clima se faga máis cálido, a evaporación se incrementará. Isto causará un aumento das precipitacións chuviosas e máis erosión. Moita xente pensa que podería resultar un tempo meteorolóxico máis extremo conforme progrese o quecemento global. O TAR do GICC di: "prevese que a concentración global de vapor de auga e as precipitacións se incrementarán durante o século XXI. Para a segunda metade do século XXI é probable que as precipitacións se incrementen nas latitudes medio-altas e na Antártida no inverno; nas baixas latitudes haberán tanto incrementos como decrecementos rexionais segundo diferentes áreas. Na maioría das áreas serán probables variacións anuais e espérase un incremento nas precipitacións".

O quecemento global ten outros efectos menos evidentes. A corrente do Atlántico norte, por exemplo, é debida a cambios de temperatura. Parece ser que conforme o clima se fai máis cálido, esta corrente está diminuíndo, e isto quere dicir que áreas como Escandinavia e Gran Bretaña, que son quentadas por esta corrente, poderían presentar un clima máis frío, en lugar do quecemento xeral.

Hoxe témese que o quecemento global sexa capaz de desencadear cambios bruscos masivos de temperatura. A corrente do Atlántico Norte data da época do desxeo da última glaciación (hai 14.000 anos). Hai 11.000 anos esa corrente sufriu unha interrupción que durou 1.000 anos. Isto provocou a pequena glaciación coñecida como Joven Dryas (o nome dunha flor silvestre alpina) que durou 900 anos no noroeste de Norteamérica e o norte de Europa.

(Véxase discusión sobre a teoría do caos para ideas relacionadas.)

O quecemento global modificará a distribución da fauna e flora do planeta. Ese feito comportará a extensión de enfermidades das que algúns destes animais son portadores. Tal é o caso da malaria, o dengue ou a febre amarela cuxos vectores son certas especies de mosquitos que habitan principalmente en zonas tropicais.

Así a todo, o quecemento global tamén pode ter efectos positivos, xa que as maiores temperaturas e maiores concentracións de CO2 poden mellorar a produtividade dos ecosistemas. Os datos achegados por satélites mostran que a produtividade do hemisferio norte incrementouse desde 1982. Por outro lado, un incremento na cantidade total da biomasa producida non é necesariamente bo, xa que pode diminuír a biodiversidade inda que florezan un pequeno número de especies. Similarmente, desde o punto de vista da economía humana, un incremento na biomasa total pero un descenso nas colleitas podería ser unha desvantaxe. Ademais, os modelos do GICC predín que unhas concentracións maiores de CO2 poderían simplemente espolear a flora ata un punto, xa que en moitas rexións os factores limitantes son a auga e os nutrientes, non a temperatura ou o CO2; tras ese punto, incluso inda que os efectos invernadoiro e do quecemento continuasen, podería non haber ningún incremento compensatorio en crecemento.

Outro punto posible de discusión está en como incidirían os efectos do quecemento global no equilibrio económico humano norte-sur: se produciría un aumento da desertización dos países áridos e semiáridos, se se produciría un clima máis benigno nos países fríos ou se o efecto sería diferente.

A relación entre o quecemento global e a deplección de ozono

[editar | editar a fonte]

Inda que si se menciona frecuentemente na prensa popular unha relación entre o quecemento global e a deplección de ozono, esta conexión non é forte. Existen tres áreas de enlace:[Cómpre referencia]

  • O quecemento global producido polo forzamento radioactivo por CO2 espérase que arrefríe (quizais sorprendentemente) a estratosfera. Isto, a cambio, podería darnos lugar a un incremento relativo na deplección de ozono, e na frecuencia de buratos de ozono.
  • Á inversa, a deplección de ozono representa un forzamento radioactivo do sistema climático. Hai dous efectos opostos: a redución da cantidade de ozono permite a penetración dunha maior cantidade de radiación solar, a cal quenta a troposfera. Pero unha estratosfera máis fría emite menos radiacións de onda longa, tendendo a arrefriar a troposfera. En xeral, o arrefriamento predomina. o GICC conclúe que as perdas estratosféricas de ozono durante as dúas décadas pasadas causaron un forzamento negativo do sistema da superficie troposférica.
  • Unha das predicións máis sólidas da teoría do quecemento global é que a estratosfera debería arrefriar. Así e todo, inda que este feito foi observado, é difícil atribuílo ó quecemento global (por exemplo, o quecemento inducido polo incremento de radiación solar podería non ter este efecto de arrefriamento superior), debido a que un arrefriamento similar cáusao deplección de ozono.
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para quecemento.
  2. 2,0 2,1 IPCC AR5 WG1 Summary for Policymakers 2013, p. 4: Warming of the climate system is unequivocal, and since the 1950s, many of the observed changes are unprecedented over decades to millennia. The atmosphere and ocean have warmed, the amounts of snow and ice have diminished, sea level has risen, and the concentrations of greenhouse gases have increased
  3. "Myths vs. Facts: Denial of Petitions for Reconsideration of the Endangerment and Cause or Contribute Findings for Greenhouse Gases under Section 202(a) of the Clean Air Act" (en inglés). U.S. Environmental Protection Agency. 25 de agosto de 2016. Consultado o 7 de agosto de 2017. The U.S. Global Change Research Program, the National Academy of Sciences, and the Intergovernmental Panel on Climate Change (IPCC) have each independently concluded that warming of the climate system in recent decades is "unequivocal". This conclusion is not drawn from any one source of data but is based on multiple lines of evidence, including three worldwide temperature datasets showing nearly identical warming trends as well as numerous other independent indicators of global warming (e.g. rising sea levels, shrinking Arctic sea ice). 
  4. "Skeptical Science Study Finds 97% Consensus on Human-Caused Global Warming in the Peer-Reviewed Literature". Skeptical Science. Consultado o 2022-02-02. 
  5. Shaftel 2016: "'Climate change' and 'global warming' are often used interchangeably but have distinct meanings. … Global warming refers to the upward temperature trend across the entire Earth since the early 20th century … Climate change refers to a broad range of global phenomena … [which] include the increased temperature trends described by global warming."
  6. IPCC AR5 SYR Glossary 2014, p. 124: Global warming refers to the gradual increase, observed or projected, in global surface temperature, as one of the consequences of radiative forcing caused by anthropogenic emissions.; IPCC SR15 Ch1 2018, p. 51: "Global warming is defined in this report as an increase in combined surface air and sea surface temperatures averaged over the globe and over a 30-year period. Unless otherwise specified, warming is expressed relative to the period 1850–1900, used as an approximation of pre-industrial temperatures in AR5.".
  7. Shaftel 2016; Associated Press, 22 September 2015: "The terms global warming and climate change can be used interchangeably. Climate change is more accurate scientifically to describe the various effects of greenhouse gases on the world because it includes extreme weather, storms and changes in rainfall patterns, ocean acidification and sea level.".
  8. IPCC AR5 WG1 Ch5 2013, pp. 389, 399–400: "5: Information from Paleoclimate Archives: The PETM [around 55.5–55.3 million years ago] was marked by … global warming of 4 °C to 7 °C ...Deglacial global warming occurred in two main steps from 17.5 to 14.5 ka [thousand years ago] and 13.0 to 10.0 ka.
  9. IPCC AR5 SYR Summary for Policymakers 2014, p. 2: SPM 1.1 ...Each of the last three decades has been successively warmer at the Earth’s surface than any preceding decade since 1850. The period from 1983 to 2012 was likely the warmest 30-year period of the last 1400 years in the Northern Hemisphere, where such assessment is possible (medium confidence).
  10. "In defence of degrowth". openDemocracy. Consultado o 2019-09-22. 
  11. "Earth warming more quickly than thought, new climate models show". phys.org (en inglés). Consultado o 2019-09-22. 
  12. "Synthesis Report — IPCC". Consultado o 2022-01-10. 
  13. "Amery Iceberg". European Space Agency (en inglés). Consultado o 2019-10-06. 
  14. "Climate change: UN to reveal landmark IPCC report findings". BBC, 09/08/2021
  15. 15,0 15,1 Henson, Bob. "Key takeaways from the new IPCC report » Yale Climate Connections". Yale Climate Connections, 09/09/2021
  16. Mostrador, El (2019-03-13). "Científicos alertan que modelos proyectivos del cambio climático subestiman la gravedad de sus efectos". El Mostrador (en castelán). Consultado o 2022-02-02. 
  17. Nuccitelli, Dana (2019-12-08). "Los estudios climáticos de los últimos 50 años pronosticaron con precisión el calentamiento global de hoy". ElDiario.es (en castelán). Consultado o 2022-02-02. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]