Saltar ao contido

Relixión muisca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A cerimonia relixiosa máis coñecida dos muiscas é a que tiña lugar na lagoa de Guatavita, coñecida como "Cerimonia de El Dorado", da cal a balsa muisca é un dos vestixios arqueolóxicos.
Mural en Bosa, que amosa a Sué, Chía, Bochica, Bachué, os paxaros de Chiminigagua, Huitaca, a fervenza do Tequendama e Chibchacum.

A relixión muisca describe a relixión dos muiscas, un pobo indíxena que habitou as terras altas centrais dos Andes colombianos antes da conquista española das nacións chibchas. Os muiscas formaron unha confederación de gobernantes sagrados e tiñan gran variedade de deidades, templos e rituais incorporados na súa cultura. A deidade suprema dos muiscas era Chiminigagua que creou a luz e a Terra. Non era adorado directamente, senón a través de Chía, deusa da Lúa, e de Sué, deus do Sol. A representación dos dous corpos celestiais como marido e muller amosa o carácter complementario do home e da muller e o status sagrado do matrimonio.[1]

Os muiscas adoraban os seus deuses en lugares sagrados e naturais, como a lagoa de Guatavita, as lagoas de Siecha e o lago de Tota, e construíron o Templo do Sol en Suamox e o Templo da Lúa en Chía, a cidade da Lúa. Durante estes rituais de adoración, os sacerdotes, obgues, realizaban sacrificios, ás veces mesmo sacrificios humanos. A derradeira cerimonia pública dos muiscas realizouse en Ubaque o 27 de decembro de 1563.[2]

O coñecemento sobre a relixión muisca foi levado a Europa polo conquistador Gonzalo Jiménez de Quesada e o soldado Juan de Castellanos no século XVI, e polo bispo Lucas Fernández de Piedrahita e o freire Pedro Simón no século XVII. Entre os estudosos modernos que escribiron sobre a relixión dos habitantes do Altiplano Cundiboyacense son Javier Ocampo López e Eduard Londoño.[3][4]

Unha gran variedade de deidades foron descritas polos cronistas.

Chía uníndose ó seu marido Sué durante un eclipse lunar.
Cuchavira preto da lagoa Guatavita
Cuchavira preto da lagoa Guatavita
Nencatacoa axudou ós muiscas a construír os seus bohíos (casas)
Nencatacoa axudou ós muiscas a construír os seus bohíos (casas)

Chiminigagua

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Chiminigagua.

Era a deidade superama, o deus creados dos muiscas que fixo a luz e a Terra. No comezo dos tempos, todo era escuridade e Chiminigagua enviou dous grandes paxaros negros ós ceos. A través dos seus peteiros creouse a luz e iluminouse o cosmos.[5]

Artigo principal: Chía (deusa).

Era a deusa da Lúa e un dos dous deuses celetiais cos que os muiscas honraban a Chiminigagua. Representaba a fertilidade da Terra e da xente. Chía estaba casada con Súe.[6]

Artigo principal: Sué.

Era o deus do Sol, importante para a agricultura dos muiscas. El e a súa muller Chía séguense o un ó outro a través dos ceos, formando a parella perfecta na Lúa Nova e durante as eclipses solar e lunar.[6]

Artigo principal: Bachué.

O devanceiro de tódolos muiscas era Bachué, nai da humanidade que emerxeu da lagoa de Iguaque cun neno de tres anos no colo. Cando o neno medrou, Bachué casou con el e viaxou a través dos territorios dos muiscas. Cada vez que quedaba embaraza daba a luz entre catro e seis fillos. Os muiscas crían que tódalas persoas tiñan como antepasado común a Bachué. Cando os seus fillos medraron, Bachué regresou á lagoa de Iguague co seu primeiro fillo e despois dun dicursos final converteuse en dúas cobras xigantes e mergullouse na auga, convertendo este sitio nun lugar sagrado para os muiscas.[6]

Artigo principal: Bochica.

Era o mensaxeiro de Chiminigagua e o mestre sagrado dos muiscas. Era un home vello e barbudo enviado dende o ceo para ensinar as persoas a tecer, facer mantos e producir cerámica, así como valores sociais, morais e políticos. Asentouse en Suamox, onde a xente organizaba festividades relixiosas anuais. Na relixión dos muiscas, Bochica creou a fervenza do Tequendama, unhas fervenzas ó sur de Bacatá.[7]

Artigo principal: Huitaca (deusa).

Era a deusa da felicidade, o pracer e a liberación social que se rebelou contra Bochica. Era representada como unha muller fermosa que ensinou á humanidade a vivir unha longa vida chea de arte e danzas. Cando Bochica descubriu a súa rebelión contra o seu poder, converteu a Huitaca nun moucho branco.[7]

Chibchacum

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Chibchacum.

Representaba a chuvia e o trono e era o protector dos comerciantes e dos traballadores en xeral. Era o patrón de Bacatá, onde os muiscas lle ofrecían ouro. A súa vinganza contra a xente que o desobedecía era asulagar a sabana de Bogotá. Bochica interveu e ordenou a Chibchacum a cargar a Terra nos seus ombreiros, ó igual que o Atlas da Grecia antiga. Chibchacum tamén era o deus dos numerosos terremotos dos Andes centrais.[8]

Cuchavira

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Cuchavira.

O arco da vella represeta o deus Cuchavira que naceu cando Bochica creou a fervenza do Tequendama. Era honrado con ouro e outros sacrificios.[8]

Artigo principal: Chaquén.

Era o deus da fertilidade da Terra e dos deportes. Adestrou ós muiscas para preparalos para a guerra, e os guerreiros guechas e os granxeiros honrábano gañando batallas e con boas colleitas. Os rituais sexuais nos que a xente vestía plumas coloridas eran custodiados por Chaquén. Tamén foi o creador do deporte nacional de Colombia, o tejo.[8]

Nencatacoa

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Nencatacoa.

Era o deus protector dos artistas, pintores, construtores e da embriaguez. A xente dos territorios muiscas adorábao en grandes festivais nos que se emborrachaban de chicha. Nencatacoa era representado como un raposo ou oso, vestido de ouro. Axudou ós muiscas a construír os seus fogares ou bohíos.[8]

Lugares sagrados

[editar | editar a fonte]
Reconstrución do Templo do Sol, lugar de adoración de Chiminigagua.

Para honrar os deuses, os muiscas organizaban peregrinacións ós seus templos e outros lugares sagrados. Os peregrinos eran acompañados por música e danzas e eran liderados por un grupo de sacerdotes, ogques en lingua muisca, que os españois chamaban jeques ou xeques.[1][9][10] Os sacerdotes eran adestrados dende novos para converterse en líderes relixiosos do seu pobo.[11] Un importante lugar de peregrinación dos muiscas eran os Coxíns do Zaque, que se atopan na cidade de Hunza.

Os templos máis importantes dos muiscas eran o Templo do Sol na cidade sagrada de Suamox e o Templo da Lúa en Chía, que recibe o seu nome da deusa Lúa. Neses templos, a xente reuníase para adorar a Sué e a Chía.[9] Outros templos importantes foron construídos en Guatavita, Bacatá e Guachetá.[12] Nos templos, había imaxes dos deuses en ouro e en prata. A visión destes ricamente decorados pero fráxiles templos só serviu para fornecer a lenda de El Dorado que atraeu ós conquistadores españois ao interior dende Santa Marta.[13]

Tanto o Templo da Lúa en Chía como o Templo do Sol en Sogamoso foron destruídos. En 1942, o Templo do Sol foi reconstruído polo Museo Arqueolóxico de Sogamoso.

Lugares naturais

[editar | editar a fonte]

Nos territorios muiscas había numerosos lugares naturais que eran considerados sagrados, incluíndo lagoas e lagos, ríos, fragas e grandes pedras. A xente reuníase neses lugares para realizar rituais e sacrificios, a maioría con ouro e esmeraldas. Entre os seus lagos sagrados están a lagoa de Guatavita, a lagoa de Iguaque, a lagoa de Fúquene, o lago de Tota, as lagoas de Siecha, a lagoa de Teusacá e a lagoa de Ubaque.[9]

Prácticas relixiosas

[editar | editar a fonte]
Pratos de ouro decorados. (Museo do Ouro)
Prato de yopo dourado
Prato de yopo dourado
con tubo de inhalación
con tubo de inhalación

Os muiscas eran un pobo profundamente relixioso e os seus gobernantes tiñan un dobre papel, como líderes políticos e relixiosos. A xente facía xaxún e consumía coca, tabaco e yopo para os seus rituais.[14] O yopo era extraído das árbores Anadenanthera que medran nas chairas orientais, ó leste do territorio muisca. As sementes psicoactivas das árbores eran comercializadas cos achaguas, guayupes e teguas, e eran moídas e inhaladas empregando un óso oco de paxaro ou unha culler. Os pratos nos que era inhalado o yopo estaban feitos de ouro e aliaxe tumbaga e eran elaborados e decorados. Moitos destes pratos conservados no presente atópanse no Museo do Ouro.[15] A coca era empregada en rituais de predición e para sandar os doentes. A coca era mesturada con cal para incrementar a eficacia da substancia. A cal era gardada en poporos, tamén feitos de ouro ou tumbaga.

Ritos funerarios

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Momificación muisca.
Momia muisca no Museo do Ouro de Bogotá.

O cronista Pedro Simón relatou como os muiscas: «Non descoidaban os seus doentes como facían outras nacións cando estaban ás portas da morte, pois xuntábanse moitos a velo morrer, até que expirase». Por outra parte, «tiñan por ditoso ó que morría de algún raio ou por accidente ou morte repentina, xa que pasara sen dores esta vida».[16] Este cronista describe ademais diferentes formas de enterramento. Unhas veces, secaban os corpos dos defuntos sobre fogóns; outras, eran enterrados dentro de templos ou bohíos; e outros eran enterrados directamente nos campos, envoltos nunha manta, e sobre a súa sepultura plantaban unha árbore. Juan de Castellanos engade que en sinal de , durante os enterros poñían mantas pintadas de cor vermella, e mesmo moitos tinguían tamén os cabelos desa cor.[17]

O dó continuaba seis días con encontros familiares, en medio de cantos en lembranza do defunto, música, coca, chicha, e bolos de millo, como refire Pedro Simón: «A xente máis honrada choraba os seus defuntos outros seis días despois de enterrados, e aínda lles facían por algún tempo os seus aniversarios, convidando para estes os seus deudos e parentes que xuntos choraban ó defunto ó son duns tristes instrumentos e voces que cantaban en endechas os grandes feitos do defunto. Alegrábanse ó último con chicha e mascando hayo (...) A xente ordinaria convidaba para estes prantos, e con bolos de millo que daban ó fin deles ós convidados, quedaban acabadas as exequias».[18]

Sacrificios

[editar | editar a fonte]
Os muiscas ofrecían tunjos.
Os papagaios eran considerados seres con alma e eran sacrificados ós deuses.
Artigo principal: Tunjo.

Os muiscas ofrecían diversos materiais preciosos ós seus deuses; os tunjos, eran pequenas figuras antropomorfas ou zoomorfas feitas en ouro ou tumbaga (unha aliaxe de ouro, prata e cobre). Moitos dos tunjos que foron recuperadas en diferentes sitios arqueolóxicos muiscas atópanse no Museo do Ouro. Outras pezas ofrecidas eran esmeraldas, caracois, roupa e comida. Os papagaios e outros paxaros coloridos eran empregados en sacrificios rituais xa que eran considerados seres con alma.[19]

Sacrificios humanos

[editar | editar a fonte]

Os sacrificios humanos eran realizados en contadas ocasións, aínda que deixaron de practicarse cando chegaron os conquistadores españois, e só se sabe que os muiscas os practicaban a través da tradición oral. Jiménez de Quesada escribiu que "só capturaban outras tribos, como os panches e outros, e usábanos para sacrificios humanos nas raras ocasións nas que os humanos eran ofrecidos", mentres que Lucas Fernández de Piedrahita decribiu que "os mellores sacrificios ós deuses eran aqueles de sangue humano".[1]

Tódolos cronistas concordan en que na antigüidade as familias ofrecían un fillo ós sacerdotes para que o criasen como unha persoa sagrada (moxas), e cando esta cumpría quince anos (outras fontes falan de doce anos)[12] estes moxas eran sacrificados. Isto era unha grande honra para a familia e para a vítima. O sacrificio realizábase extraendo o corazón do corpo ou penetrando o corpo con lanzas.[1] Nos Coxíns do Zaque, os moxas eran sacrificados a Sué xusto antes do amencer.

Cerimonia de El Dorado

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: El Dorado.

Na cerimonia muisca de El Dorado, que tiña lugar na lagoa de Guatavita, o Psihipqua tomaba posesión do trono do Zipazgo, co que adquiría a dignidade de Zipa. A descrición que en 1636 fixo o cronista Juan Rodríguez Freyle no seu libro Conquista y Descubrimiento del Nuevo Reino de Granada, máis coñecido como El carnero, recolle o testemuño dalgúns muiscas que viviran antes da chegada dos españois.

Despois do proceso previo polo que tiña que pasar o Psihipqua, herdeiro do trono do Zipazgo, este debía ir á lagoa de Guatavita a facer ofrendas ós deuses. Na beira da lagoa estaba preparada unha balsa de xuncos, aderezada e adornada de maneira vistosa. Na balsa había catro braseiros acesos nos que se queimaba moito moque, que era o incenso dos muiscas, e trementina, con outros moitos e diversos perfumes. Arredor da lagoa permanecían, como espectadores, toda a nobreza, os principais gobernantes e moitos vasalos, así como os güechas (guerreiros) e os chyquy (sacerdotes), adornados cada un coas súas mellores galas e con moitos fachos acesos arredor. Cando chegaba o Psihipqua, espíano completamente, untábanlle todo o corpo aceite de trementina e con ouro en po, de tal xeito que o seu corpo quedaba totalmente dourado. Logo subían na balsa, na cal ía de pé, e ós seus pés poñían tunjos de ouro e esmeraldas, como ofrendas para os deuses. Na balsa entraban os catro principais Uzaques (nobres de sangue puro), tamén espidos, e cada cal levaba o seu ofrecemento. Unha vez partía a balsa, moitos homes que estaban na beira comezaban a tocar instrumentos musicais: cornetas, fotutos, entre outros, e todos os asistentes aclamaban ó Psihipqua até que a balsa chegaba ó centro da lagoa. Nese intre, erguíase unha bandeira, que era o sinal para o silencio. Entón o Psihipqua facía o seu ofrecemento ós deuses, guindando todo o ouro e as esmeraldas na lagoa, e os Uzaques que ían canda el facían o mesmo cos seus ofrecementos. Despois, o Psihipqua mergullábase na auga para que o ouro en po se desprendese tamén como ofrecemento ós deuses. Cando remataban, baixaban a bandeira, e partindo a balsa de volta á beira, a música e as danzas comezaban arredor da lagoa, co cal quedaba investido o novo Zipa.[20]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 (en castelán) Muisca religion - Pueblos Originarios - consultado o 04-05-2016
  2. Londoño, 2001, p.4
  3. Ocampo López, 2013
  4. Londoño, 2001
  5. Ocampo López, 2007, Ch.V, p.218
  6. 6,0 6,1 6,2 Ocampo López, 2007, Ch.V, p.220
  7. 7,0 7,1 Ocampo López, 2007, Ch.V, p.221
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Ocampo López, 2007, Ch.V, p.222
  9. 9,0 9,1 9,2 Ocampo López, 2007, Ch.V, p.226
  10. Ocampo López, 2007, Ch.V, p.216
  11. (en castelán) Muisca priests were raised from childhood
  12. 12,0 12,1 Ocampo López, 2013, Ch.1, p.16
  13. (en castelán) Muisca religion - Chía and Zuhé Arquivado 11 de abril de 2020 en Wayback Machine. - Banco da República
  14. (en castelán) Religious rituals of the Muisca - consultado o 04-05-2016
  15. (en castelán) The use of yopo and other plants in the religious rituals of the Muisca Arquivado 11 de abril de 2020 en Wayback Machine. - Museo do Ouro
  16. SIMON, Fray Pedro. Noticias Historiales de las conquistas de Tierra Firme en las Indias Occidentales. Biblioteca Banco Popular T. III. Bogotá. 1981. P. 460
  17. CASTELLANOS, Juan de. Elegías de varones ilustres de Indias. Santa Fe de Bogotá. 1997. Rivas Moreno, Gerardo. Editor. P. 1163
  18. SIMON, Fray Pedro. Noticias Historiales de las conquistas de Tierra Firme en las Indias Occidentales. Biblioteca Banco Popular T. III. Bogotá. 1981. P. 407
  19. Ocampo López, 2007, Ch.V, p.227
  20. Rodríguez Freyle, Juan. Conquista y Descubrimiento del Nuevo Reino de Granada. (Círculo de Lectores; Bogotá, 1985), pp. 28-29

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]