Sarah Winnemucca
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 1844 Humboldt Sink, Estados Unidos de América |
Morte | 17 de outubro de 1891 (46/47 anos) Idaho, Estados Unidos de América |
Causa da morte | tuberculose |
Grupo étnico | Pobo paiute |
Actividade | |
Ocupación | escritora, mestra |
Obra | |
Obras destacables | |
Familia | |
Pai | Winnemucca |
Premios | |
Descrito pola fonte | Native American Women: A Biographical Dictionary American Women Writers (en) Women writers of the American West, 1833-1927 (en) |
Sarah Winnemucca Hopkins, nada como Thocmentony (que é o nome paiute do norte da flor Chelone)[1] c. 1844 e finada o 16 de outubro de 1891, foi unha escritora, educadora e activista paiute.
Winnemucca naceu preto do lago Humboldt, en Nevada, no seo dunha influente familia paiute que liderou á súa comunidade para manter relacións amigables cos grupos de colonos anglo-americanos. Foi enviada a estudar a un colexio católico en Santa Clara, California. Cando estalou a guerra paiute entre os paiutes do lago Pyramid e os colonos, incluíndo algúns que eran amigos da familia Winnemucca, Sarah e algúns membros da súa familia viaxaron até San Francisco e Virginia City para escapar da loita. Gañaron a vida nos escenarios como "Unha familia real paiute." En 1865, mentres a familia Winnemucca estaba fóra, a súa banda tribal foi atacada pola cabalería dos Estados Unidos, que matou 29 paiutes, entre os que estaban a nai de Sarah e outros membros da súa familia política.
Por mor disto, Winnemucca converteuse en defensora dos dereitos dos pobos indíxenas, viaxou por todo o país para contarlles ós anglo-americanos a difícil situación do seu pobo. Cando os paiutes foron internados nun campo de concentración en Yakima, Washington despois da guerra bannock, viaxou a Washington, D.C. para protestar perante o Congreso para a súa liberación. Tamén sirviu ás forzas estadounidenses como mensaxeira, intérprete e guía, e como mestra dos nativos americanos encarcerados.
Winnemucca publicou Life Among the Paiutes: Their Wrongs and Claims (1883), un libro que é ó tempo unhas memorias e a historia do seu pobo durante os primeiros 40 anos de contacto cos colonizadores. Está considerada a "primeira autobiografía coñecida escrita por unha muller indíxena americana."[2] O antropólogo Omer Stewart describiuno como "un dos primeiros e un dos máis perdurables libros etnohistóricos escritos por un indio americano," frecuentemente citado polos estudosos.[3] Despois da publicación do libro, Winnemucca fixo unha xira polos Estados Unidos, ofrecendo lecturas sobre o seu pobo en Nova Inglaterra, Pennsylvania e Washington, D.C. Regresou ó Oeste, fundando unha escola privada para nenos nativos americanos en Lovelock, Nevada.
A partir do século XX, os estudosos prestaron unha atención renovada a Winnemucca polas súas contribucións. En 1993, foi engadida postumamente ó Salón da Fama dos Escritores de Nevada. No ano 2005, o estado de Nevada erixiu unha estatua dela feita polo escultor Benjamin Victor para o Salón Nacional das Estatuas no Capitolio dos Estados Unidos.
O legado de Winnemucca tamén xerou controversia. Algúns biógrafos quixeron lembrala polo seu activismo e traballo social para mellorar as condicións do seu pobo, mentres que outros criticárona pola súa tendencia a esaxerar o seu status social entre os paiutes. Tamén foi criticada polo seu pobo a asistencia ás forzas militares estadounidense nunha época na que os paiute estaban en guerra, así como a súa defensa da asimilación dos nativos na cultura anglo-americana. Porén, os paiutes recoñeceron o seu traballo social e o seu activismo a prol dos dereitos indíxenas.[4]
Obras
[editar | editar a fonte]- 1883, Life Among the Piutes: Their Wrongs and Claims. G.P Putnam's Sons. (nova edición en 1994)
- 1886, folleto "Sarah Winnemucca's Practical Solution to the Indian Problem"[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Canfield 1988, p. 4
- ↑ 2,0 2,1 Voices from the Gaps: "Sarah Winnemucca Hopkins", University of Minnesota website, consultado o 11 de febreiro de 204
- ↑ Omer Stewart, Review: "Gae Whitney Canfield, 'Sarah Winnemucca of the Northern Paiutes', Norman, OK: University of Oklahoma, 1983", Journal of California and Great Basin Anthropology, 5(2), 1983, consultado o 12 de febreiro de 2014
- ↑ Fowler, Catherine. 1994. "Foreword" in Sarah Winnemucca, Life Among the Paiutes: Their Wrongs and Claims, University of Nebraska Press, p. 3
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sarah Winnemucca |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Barry M. A Native American Encyclopedia: History, Culture, and Peoples, (Oxford University Press, 2000). ISBN 978-0-19-513877-1
- Hopkins, Sarah Winnemucca. The Newspaper Warrior: Sarah Winnemucca Hopkins's Campaign for American Indian Rights, 1864-1891 editado por Cari M. Carpenter e Carolyn Sorisio. (U of Nebraska Press, 2015) excerpt Arquivado 21 de decembro de 2016 en Wayback Machine.; antoloxía dos seus escritos dende 1864 até 1891, centrándeose nos anos 1879 a 1887.