Screaming Trees
Screaming Trees | |
---|---|
Orixe | Ellensburg, Washington, Estados Unidos |
Período | 1985 - 2000 |
Xénero(s) | grunge, rock alternativo |
Selo(s) discográfico(s) | Velvetone Records, SST Records, Sub Pop, Epic Records |
Membros | Mark Lanegan Gary Lee Conner Van Conner Mark Pickerel Barrett Martin |
Artistas relacionados | Queens of the Stone Age, Purple Outside, Solomon Grundy, Gardener, VALIS, Musk Ox, Truly, The Dark Fantastic, Mark Pickerel And His Praying Hands, Skin Yard, Mad Season, Tuatara, The Gutter Twins, Kyuss, Alice in Chains |
Na rede | |
http://screamingtrees.net | |
Screaming Trees foi unha banda estadounidense de grunge formada en 1985 polos amigos Mark Lanegan, Mark Pickerel, Van Conner e Gary Lee Conner (estes últimos irmáns), en Ellensburg, unha pequena cidade a 300 Km de Seattle. Pickerel foi substituído polo batería Barrett Martin cando a banda tico o seu período máis exitoso. Aínda que estivo moi asociada ao grunge, o son da banda incorporaba elementos hard rock e psicodélicos. Durante a súa carreira, Screaming Trees editou sete álbums de estudio, cinco EPs e tres recompilatorios.
Biografía
[editar | editar a fonte]Formación e primeiras edicións
[editar | editar a fonte]A banda inicialmente foi ideada na escola onde Mark Lanegan, Van Conner e Gary Lee Conner se coñeceron. Despois dalgún tempo sen verse, Lanegan volveu a atopar aos irmáns, que nese tempo formaran unha banda co batería Mark Pickerel. Lanegan foi entón convidado a participar do grupo, e así formouse Screaming Trees (nome sacado dun pedal de distorsión). Lee encargouse da guitarra, Van do baixo, Lanegan das voces e Pickerel da batería.
En 1985, pouco despois da súa formación, a banda gravou unha demo con seis temas e acabou chamando a atención de Steve Fisk, produtor con certa influencia na recentemente creada discográfica local Velvetone Records. El conseguiu que o selo contratase á banda, e en 1985, Screaming Trees viaxou aos Ánxeles para a gravación do seu primeiro disco. O resultado saíu en 1986 baixo o título Clairvoyance. Coa boa repercusión do disco a banda conseguiu un contrato mellor co selo SST Records.
O primeiro disco pola nova discográfica foi Even If and Especially When, que foi lanzado en 1987. A esas alturas, a banda xa tiña o seu estilo propio: unha mestura da psicodelia dos anos 60 e do hard rock dos anos 70, con toques do rock de garaxe máis agresivo feito por moitas bandas nos anos 70 e 80.
A banda lanzou tres álbums máis coa SST: Other Worlds, que tiña aquelas seis cancións demos gravadas pola banda antes de asinar coa Velvetone e Invisible Lantern, ambos en 1988 e producidos por Steve Fisk; e en 1989, Buzz Factory, baixo a produción de Jack Endino.
A banda chegou a lanzar un EP pola discográfica Sub Pop, chamado Change Has Come, antes de separarse por un tempo. Durante case todo o ano de 1990, os membros da banda participaron en proxectos paralelos, como, no caso de Lanegan, un disco en solitario pola Sub Pop chamado The Winding Sheet, que contaba coas participacións dos aínda non moi coñecidos Kurt Cobain e Krist Novoselic.
Os irmáns Conner tamén se embarcaron nos seus propios proxectos. O baixista Van Conner asumiu o baixo, a guitarra e a voz en Solomon Grundy, lanzando un álbum autotitulado en 1990. No mesmo ano, Gary Lee montou Purple Outside, lanzando o álbum Mistery Lane. Ambos proxectos foron lanzados polo selo New Alliance (de propiedade da SST) e teñen unha sonoridade distinta a Screaming Trees, mergullándose aínda máis na psicodelia garaxeira dos anos 60.
Estrea cun grande selo
[editar | editar a fonte]A finais de 1990 Screaming Trees retomou as actividades, asinando coa discográfica Epic, sendo unha das primeiras bandas de Seattle en conseguir un contrato cun grande selo. O seu primeiro lanzamento con Epic foi o EP Something About Today, e no ano seguinte lanzaríase o álbum Uncle Anesthesia, con Terry Date e Chris Cornell (vocalista de Soundgarden) como produtores. Antes de comezar a xira de divulgación do álbum, o batería Mark Pickerel deixou a banda e volveu a Ellensburg, onde abriu a tenda de discos Rodeo Records.
A xira continuou con dous baterías convidados, e ao final de 1991 a banda incorporou a un batería definitivo, Barrett Martin, ex-membro de Skin Yard (banda de Jack Endino, onde tamén tocou Matt Cameron de Soundgarden).
En 1992 a banda lanzou o álbum Sweet Oblivion, cunha produción máis coidada a cargo de Don Fleming, acentuando o lado melódico da banda. O disco tiña cancións como "Dollar Bill", "Julie Paradise" e "Winter Song", pero foi "Nearly Lost You" a máis importante do disco. Ese tema formou parte da película Singles (onde tamén había canción doutras importantes bandas como Soundgarden, Mudhoney, Pearl Jam e The Smashing Pumpkins), e fixo que Screming Trees fose un nome coñecido en todo o mundo, debido tamén ao seu videoclip. Sweet Oblibion vendeu preto de 300.000 copias nos Estados Unidos.
A banda promocionou Sweet Oblivion cunha longa xira dun ano, durante a cal comezou a haber tensións entre os membros. Despois de que a xira rematase o grupo tomouse un longo descanso. Durante ese tempo, Lanegan gravou o seu segundo álbum en solitario, Whiskey for the Holy Ghost, que foi editado en 1994. O ano seguinte Martin participou como estrela convidada no proxecto paralelo de Layne Staley e Mike McCready Mad Season, para o cal Lanegan co-escribiu e cantou dúas cancións. Mad Season só editaría un álbum debido ao precario estado de saúde de Staley e a súa posterior morte en 2002.
A principios de 1995, Screaming Trees xirou por Australia formando parte do festival Big Day Out, antes de comezar a traballar no seu seguinte disco. Despois dun primeiro intento errado, a banda contratou ao produtor George Drakoulias, que traballara anteriormente con The Black Crowes e The Jayhawks. O álbum resultante, Dust, foi editado en 1996, case catro anos despois do seu predecesor. De Dust sacáronse os sinxelos "All I Know" e "Dying Days", e o álbum acadou o número 134 na Billboard 200, o 32 na lista británica de álbums e o 39 na canadense. A pesar das críticas favorables, o disco non acadou as vendas de Sweet Oblivion. Despois do lanzamento do disco, Josh Homme foi contratado como guitarrista rítmico por un breve período de tempo.
Cando rematou a xira de Dust poslos Estados Unidos, Screaming Trees tomouse outro descanso durante o cal Lanegan comezou a traballar no seu terceiro álbum en solitario, Scraps At Midnight, que aparecería en 1998. O grupo regresou ao estudio en 1999 e gravou varias demos entre as que estaba a canción "Ash Grey Sunday", que intentaron vender a varios selos, pero ningún se interesou por elas. A banda realizou algúns concertos sorpresa a principios do 2000 coa intención de chamar a atención das discográficas pero con pouco éxito. Porén, decidiron editar o tema "One Way Conversation" a través do selo de Internet Musicblitz Records. Ese ano, despois dun concerto celebrado na inauguración do Experience Music Project de Seattle, a banda anunciou a súa separación oficial.
Despois da separación
[editar | editar a fonte]Lanegan editou un álbum en solitario en maio do 2001 titulado Field Songs. Nese mesmo ano pasou a ser membro da banda Queens of the Stone Age con Josh Homme. Lanegan gravou dous discos como un dos tres vocalistas do grupo e deixouno a finais do ano 2005. O seu sexto traballo en solitario, Bubblegum, apareceu no 2004 e converteuse no seu disco máis vendido e no primeiro en entrar nas listas. Dende entón traballou con Greg Dulli en The Gutter Twins e The Twilight Singers. Lanegan tamén recibiu a aclamación da crítica polos seus álbums con Isobel Campbell.
Gary Lee Conner comezou as bandas The Purple Outside e Amanita Caterpillar, nas cales é vocalista. Lee Conner tamén traballou de músico de sesión con outros artistas. En 1999 editou o EP Grasshopper's Daydream/Behind The Smile, que contaba con Josh Homme. Van Conner inicialmente centrouse nos seus proxectos paralelos Solomon Grundy, Gardener, e posteriormente VALIS. Tamén colaborou no álbum de Lanegan Field Songs e foi membro de xira de Dinosaur Jr. durante un tempo.
Barrett Martin foi músico de xira con moitas notables bandas despois da separación de Screaming Trees. Traballou con Stone Temple Pilots e R.E.M., e editou dous álbums en solitario cun éxito limitado. Posteriormente colaborou no álbum de Lanegan I'll Take Care of You e en Rated R de Queens of the Stone Age. Na actualidade é o batería de Tuatara e o batería e vocalista de The Minus 5.
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums de estudio
[editar | editar a fonte]Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Clairvoyance | 1986 | Velvetone |
Even If and Especially When | 1987 | SST |
Invisible Lantern | 1988 | SST |
Buzz Factory | 1989 | SST |
Uncle Anesthesia | 1991 | Epic |
Sweet Oblivion | 1992 | Epic |
Dust | 1996 | Epic |
Last Words: The Final Recordings | 2011 | Sunyata |
Recompilatorios
[editar | editar a fonte]Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Anthology: SST Years 1985-1989 | 1991 | SST Records |
Nearly Lost You | 2001 | Sony Records |
Ocean Of Confusion | 2005 | Epic Records |