Serge Lifar
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (uk) Сергій Михайлович Лифар 20 de marzo de 1905 (Xuliano) Pyrohiv (Imperio Ruso) |
Morte | 15 de decembro de 1986 (81 anos) Lausana (Suíza) |
Lugar de sepultura | Cemitério Russo de Sainte-Geneviève-des-Bois (pt) |
Actividade | |
Campo de traballo | Ballet |
Ocupación | bailarín de ballet, escritor, mestre de ballet, coreógrafo, bailarín |
Profesores | Enrico Cecchetti |
Alumnos | Gilbert Mayer e Enrique Lommi (en) |
Obra | |
Arquivos en |
|
Premios | |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Sitio web | sergelifar.org |
Serge Lifar (en ucraíno: Сергі́й Миха́йлович Ли́фар, Serhiy Myjáylovych Lýfar), nado en Kíiv o 2 de abril de 1905 e finado en Lausana o 15 de decembro de 1986, foi un bailarín, coreógrafo e director de compañía ucraíno, nacionalizado francés. Foi, nos anos vinte, bailarín e logo primeiro bailarín nos Ballets Rusos de Sergei Diagilev e primeiro bailarín e director do Ballet da Ópera de París durante case tres décadas. Lifar está considerado como un renovador e un modernizador do ballet francés e a súa influencia sobre todos os aspectos da danza francesa na segunda metade do século vinte é innegable.[1] Baixo a súa éxida emerxeron non só estrelas do ballet da Ópera como Yvette Chauviré, Lycette Darsonoval, Michel Renault, Solange Schwarz e Liane Daydé senón tamén representantes da xeración máis nova como Roland Petit, Janine Charrat, Nina Vyroubova e outros. Como estudoso da danza e cronista do seu tempo deixou interesantes textos que botan unha luz sempre moi persoal sobre toda unha época.
Os Ballets Rusos
[editar | editar a fonte]Fillo dun funcionario público do Imperio tsarista ruso, Lifar empezou aos dezaseis anos, xa pasada a Revolución rusa de 1917 a estudar danza con Bronislava Nijinska, entón directora do ballet da Ópera de Kíiv. Grazas a ela viaxou a comezos do ano 1923 con outros catro condiscípulos a París para ser presentado a Diáguilev e de alí seguir viaxe a Montecarlo onde os Ballets Rusos tiñan os seus cuarteis de inverno.[2] Polo seu carácter extravertido, o seu sentido competitivo e a súa boa presenza Lifar destacou pronto no corps de ballet e chamou a atención de Diáguilev que lle encomendou pequenos papeis de solista e preocupouse da súa formación.[3] A pesar da opinión tallante de Nijinska de que Lifar nunca sería un premier danseur unha serie de coincidencias como a marcha do primeiro bailarín e favorito de Diáguilev Anton Dolin e a chegada á compañía de George Balanchine, un novo coreógrafo procedente da URSS, converteron a Lifar en primeira figura. A estrea de Apollon musagète con música de Igor Stravinskii e coreografía de Balanchine na primavera de 1928 no Théâtre Sarah Bernhardt de París confirmou a Lifar como estrela da danza --"o Valentino do ballet" como alguén o definiu.[4] Balanchine creou para Apolo un estilo que puña de relevo as calidades de Lifar e disimulaba as súas deficiencias, sobre todo técnicas. Este estilo chamado "neoclásico" tamén definiu Le Fils prodigue (mús. Prokófiev), outro traballo conxunto Lifar/Balanchine que se estreou o 2 de maio de 1929 en París e constituíu un grande éxito para Lifar.[5] A morte de Diáguilev pouco despois en Venecia, o 19 de agosto de 1929 deu un xiro radical á vida de Lifar.
A Ópera de París
[editar | editar a fonte]Mentres se dirimía o futuro dos Ballets Rusos en Montecarlo, Balanchine foi convidado pola Ópera de París para coreografar Lés créatures de Promethée (mús. Beethoven) e levou consigo a Lifar como protagonista. Balanchine caeu enfermo e Lifar terminou o traballo empezado, estreado ese mesmo ano de 1929.[6] A excelente acollida por parte do público e a crítica animou ao entón director da Ópera Jacques Rouché a contratar inmediatamente a Lifar como danseur étoile, e ao ano seguinte como maître de ballet e coreógrafo.[7] Lifar foi fiel ao legado artístico dos Ballets Rusos. Non só bailou Le Spectre de la rose (en galego, O espectro da rosa) (en 1931) e L'après-midi d'un faune (en galego, A sesta dun fauno) (en 1935), tamén nas súas novas creacións Icare (1935), Istar (1941), Suite en blanc (1943), Les Mirages (1944) seguiu os principios de Diáguilev da unidade harmónica entre música, danza e escenografía. No seu afán de dar á danza a dignidade, que segundo el lle correspondía, Lifar obrigou a que se apagasen as luces do patio de butacas durante as funcións, prohibiu ás bailarinas lucir en escena as súas xoias persoais, acabou co costume que no Foyer da danse as bailarinas recibisen aos seus admiradores e introduciu veladas semanais dedicadas por completo á danza.[8]
Ao estalar a Segunda guerra mundial e producirse a Ocupación de París en 1940, Jean Rouché tentou evitar que a Ópera caese baixo a administración militar alemá e que os seus artistas e traballadores fosen vítimas das leis do ocupante. Mantivo a actividade artística e Lifar como director do ballet secundouno.[9] Ao chegar a Liberación en agosto de 1944, tanto Rouché como Lifar foron acusados de "colaborar co inimigo" e destituídos dos seus postos. Lifar refuxiouse en Montecarlo onde asumiu a dirección do ballet da Ópera de 1944 a 1947 transformándoo no Nouveau Ballet de Montecarlo. En 1947, unha vez libre dos cargos que se lle imputaban, Lifar regresou á Ópera de París co apoio decisivo do novo director Georges Hirsch, antigo membro da Resistencia[10]
Na súa segunda etapa na Ópera de París (1947-1958), Lifar seguiu a súa traxectoria con ballets neoclásicos como Phèdre con libreto de Cocteau e música de Auric, reposicións do repertorio dos Ballets Rusos como Zhar-ptitsa (en galego, O paxaro de lume) (1954) e novas creacións como Les Noces fantastiques e Romeu e Xulieta con música de Prokófiev ambas de 1955. Os seus propios ballets dos anos trinta-corenta Suite en blanc, Aubade, Les Mirages e outros entraron no repertorio do ballet da Ópera. Lifar despediuse do público como bailarín en 1956, no papel de Albrecht en Giselle e deixou definitivamente a Ópera en 1958.
A través das súas colaboracións puntuais nos escenarios internacionais, das súas publicacións e da súa pertenza á Académie des Beaux Arts desde 1968, Lifar mantivo certa influencia sobre o mundo do ballet.[11] Ao final da súa vida retirouse a Lausana coa súa compañeira Lillian Ahlefeldt que á morte de Lifar en 1986 converteuse en depositaria do seu patrimonio artístico e contribuíu coas súas desmedidas esixencias a que caese no esquecemento o repertorio lifariano.[12] A Fundación Lifar creada por ela e dirixida posteriormente por Attilio Labis e Charles Jude, antigos primeiros bailaríns da Ópera de París, fomenta a recuperación das obras coreográficas esenciais de Lifar.
Entre as numerosas publicacións de Serge Lifar sobre a danza sobresaen os seus recordos sobre Diáguilev e os Balletes Rusos: Diaghilev e Histoire des Ballets Russes, ambas publicadas en 1939, e as súas memorias: Ma vie de 1965.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Anna Kisselgoff, Serge Lifar, an Unforgettable Star, en: The New York Times, Nova York, 4 de xaneiro de 1987
- ↑ Richard Buckle, Diaghilev, Londres 1979, páx. 408
- ↑ Buckle, páx. 435
- ↑ Buckle, páx. 485
- ↑ Buckle, páx. 523
- ↑ Horst Kögler, The Concise Oxford Dictionary of Ballet, Oxford 1988, páx. 107
- ↑ Alexander J. Balcar, Knauers Ballett-Lexikon, Múnic, 1958, páx.205
- ↑ Anna Kisselgoff, en: The New York Times, Nova York 4 de xaneiro de 1987
- ↑ Balcar, páx. 205
- ↑ Jennifer Dunning, Serge Lifar, 81, is dead, en: The New York Times, Nova York, 17 de decembro de 1986
- ↑ Kögler, páx. 256
- ↑ Raphaël de Gubernatis, Serge Lifar ressucite au Grand-Théâtre de Bordeaux, en: L´Obs, París, 27 de outubro de 2014
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alexander J. Balcar, Knauers Ballett-Lexikon, Múnic, 1958,
- Richard Buckle, Diaghilev, Londres 1979,
- Jennifer Dunning, Serge Lifar, 81, is dead, en: The New York Times, Nova York, 17 de decembro de 1986.
- Raphaël de Gubernatis, Serge Lifar ressuscite au Grand-Théâtre de Bordeaux, en: L´Obs, París, 27 de outubro de 2014.
- Horst Kögler, The Concise Oxford Dictionary of Ballet, Oxford 1988.