Saltar ao contido

Túbulos de Malpighio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Diagrama simplificado da sección final do aparato dixestivo dun insecto mostrando os túbulos de Malpighio de (Orthoptera). Intestino medio, intestino posterior, recto, túbulos de Malpighio

Os túbulos de Malpighio ou tubos de Malpighio (ou de Malpighi) son un sistema excretor e osmorregulador presente en insectos, miriápodos, arácnidos e tardígrados. Recibe o seu nome en honra do anatomista e biólogo italiano Marcello Malpighi, coñecido nas súas obras escritas en latín por Marcellus Malpighius (Malpighio).[1]

Estrutura

[editar | editar a fonte]

O sistema excretor deses artrópodos e tardígrados consiste nunha serie de tubos cegos, longos e estreitos que se desenvolven por evaxinación da parte anterior do último segmento intestinal ou proctodeo.[2] Cada tubo consta dunha soa capa de células cun extremo cego e outro extremo que desemboca no aparato dixestivo. O número total de túbulos varía segundo a especie, en xeral en múltiplos de dous; pode haber máis dun centenar. Son longos e adoitan encontrarse enrolados. Están bañados pola hemolinfa e na proximidade de tecidos adiposos. As células das súas paredes son ricas na proteína actina que serve de soporte e en microfilamentos para a propulsión de substancias. Os tubos de Malpighi da maioría dos insectos posúen musculatura que serve para mesturar o contido dos túbulos e para aumentar o contacto dos túbulos coa hemolinfa. As ordes de insectos Thysanura, Dermaptera e Thysanoptera non posúen tales músculos. Os Collembola (hexápodos relacionados cos insectos) e os Aphididae (insectos da orden Hemiptera) carecen totalmente de tubos de Malpighio.

Aínda non se sabe se os sistemas de arácnidos, insectos e miriápodos teñen a mesma orixe evolutiva (homólogos) ou non.

Outros grupos de invertebrados teñen sistemas excretores doutro tipo, chamados nefridios.

Funcionamento

[editar | editar a fonte]

Eliminan os produtos nitroxenados innecesarios cunha mínima perda de auga, motivo polo cal moitos arácnidos e insectos poden colonizar ambientes moi áridos. A pre-urina fórmase por medio do transporte de electrólitos e residuos nitroxenados a través das paredes permeables dos túbulos. Crese que substancias residuais como a urea e outras como os aminoácidos pasan por difusión mentres que os ións como o sodio e o potasio requiren un mecanismo activo de bombeo. A auga segue a estes ións. A pre-urina xunto cos produtos da dixestión mestúranse no intestino posterior. Neste punto, o ácido úrico cristaliza (precipita) mentres que os ións de sodio e potasio xunto coa auga son reabsorbidos por osmose activa no recto. O ácido úrico que queda é eliminado coas feces. Este é o modo de acción máis simple en insectos como os ortópteros.

Outros usos

[editar | editar a fonte]
Larvas de Arachnocampa luminosa

En raros casos os tubos de Malpighio exercen outras funcións. As larvas da especie Arachnocampa luminosa (un díptero da familia Mycetophilidae) de Nova Zelandia teñen túbulos modificados engrosados que producen unha luz azulada verdosa[3] que serve para atraer presas cara a filamentos de moco pegañento cunha substancia tóxica.

  1. Entomología. Biografías. Marcello Malpighi Arquivado 25 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.
  2. Quintanilla, Raúl H.; Fraga, César P. (1980). Editorial Universitaria de Buenos Aires, ed. Glosario de términos entomológicos (2ª ed.). Buenos Aires. p. 36. 
  3. Green, L.B.S. (1979) The fine structure of the light organ of the New Zealand glow-worm Arachnocampa luminosa (Diptera: Mycetophilidae). Tissue and Cell 11: 457–465.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Gullan, P.J. e Cranston, P.S. (2000) The Insects: An Outline of Entomology. Blackwell Publishing UK ISBN 1-4051-1113-5
  • Romoser, W.S. e Stoffolano Jr., J.G. (1998) The Science of Entomology. McGraw-Hill Singapur ISBN 0-697-22848-7
  • Bradley, T.J. The excretory system: structure and physiology. En: Kerkut, G.A. e Gilbert, L.I. eds. Comprehensive insect physiology, biochemistry and pharmacology. Vol.4 Pergamon Press New York ISBN 0-08-030807-4 pp. 421-465