Terapeuta ocupacional
O terapeuta ocupacional é o profesional sociosanitario que dirixe a súa actuación a persoas que presentan unha discapacidade, de modo permanente ou temporal, impedido nas súas funcións físicas ou mentais.
Obxectivo
[editar | editar a fonte]O obxectivo da terapia ocupacional é axudar ao paciente a mellorar a súa autonomía nas tarefas da vida diaria, e asistir e apoiar o seu desenvolvemento cara a unha vida independente, satisfactoria e produtiva. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) a terapia ocupacional defínese como o conxunto de técnicas, métodos e actuacións que, a través de actividades aplicadas con fins terapéuticos, prevén a enfermidade e mantén a saúde, favorece a restauración das funcións, cumpre as deficiencias incapacitantes e valora os supostos do comportamento e a súa significación profunda para conseguir a maior independencia e reinserción posíbel do individuo en todos os seus aspectos: laboral, mental, físico e social, promovendo o mantemento, desenvolvemento ou recuperación da independencia da persoa.
Algunhas intervencións comúns dos terapeutas ocupacionais inclúen axudar a nenos con discapacidades a participar na escola e en situacións sociais, axudar ás persoas que se están recuperando de lesións, e subministrar servizos para adultos maiores que están experimentando cambios cognitivos e físicos.[1]
Intervencións
[editar | editar a fonte]As intervencións realizadas por terapeutas ocupacionais para conseguir maior grao de independencia nos usuarios inclúen a rehabilitación do déficit neuropsicolóxico (memoria, atención e razoamento complexo), función motora, función sensitiva (visión, tacto e percepción) e relacións interpersoais. O medio do tratamento implica xeralmente o uso das actividades útiles, que teñen certo significado e importancia na forma de vida dos pacientes (estas tamén se chaman "ocupacións" e inclúen os hábitos de comportamento asociados ao coidado dun mesmo e outros, traballo produtivo e lecer).
Outra área de intervención importante é a adaptación ao medio onde se desenvolve o usuario para maximizar a capacidade de independencia (tal como as adaptacións e actividades de accesibilidade para usuarios en cadeira de rodas) ou para facilitar os comportamentos desexados (por exemplo, instalando sinais no medio onde se move o beneficiario para compensar a debilitación da memoria).
Lugar de traballo
[editar | editar a fonte]Os terapeutas ocupacionais poden traballar nun hospital, en residencias de maiores ou en centros de día, centros de lecer, escolas, clínicas de pacientes con ou sen internamento, centros de rehabilitación psicosocial, centros especiais de emprego, centros ocupacionais, enclaves laborais, ortopedias, avaliando e adaptando as ocupacións e postos de traballo en todo tipo de empresas, ou traballar na casa do usuario con tratamento a domicilio. Algúns terapeutas ocupacionais tamén traballan na investigación para determinar novas técnicas, clasificando a eficacia de servizos xa existentes e investigando outras áreas nas cales a terapia ocupacional puidera ser beneficiosa. Ademais, hai algúns papeis non tradicionais tales como consultar cos lexisladores e facer a modificación casiera da accesibilidade e gravames ergonómicos dos ambientes do traballo que están empezando a calar con forza nas comunidades terapéuticas actuais.
Centros de estudos de terapia ocupacional en España
[editar | editar a fonte]O primeiro centro académico en España para formar terapeutas ocupacionais foi a Escuela Nacional de Terapia Ocupacional (ENTO), fundada polo Dr. Ruiz, e creada por decreto do Ministerio da Gobernación, aprobado polo Consello de Ministros (BOE nº 246 de outubro de 1964). O 27 de xuño de 1967 apareceu no BOE nº 152 o Regulamento polo que dabía rexerse a ENTO, adscrita como filial da Escuela Nacional de Sanidad e gobernada por unha Xunta Reitora composta por un presidente, un vicepresidente, cinco vogais e un secretario. Desde un principio foi criterio da ENTO adaptar os seus programas aos que rexen na Federación Mundial de Terapeutas Ocupacionales (WFOT), e manter contacto con dita federación até a súa integración definitiva nela (13 de agosto de 1970), adquirindo así os seus títulos, recoñecemento e validez internacional.[2]
Coa Lei da Reforma Universitaria de 1990, os estudos de TO aparecen por fin recoñecidos como título universitario de nivel medio (BOE 20/10/1990). A primeira escola universitaria créase na Universidade de Zaragoza, e a esta séguena a Universidade Complutense de Madrid, a Escola da Cruz Roja de Terrasa e o CEU de Talavera de la Reina. En 1996 publícase no BOE o Decreto que regula a validación de títulos obtidos na antiga ENTO polo de Grao.[2]
Na actualidade numerosas universidades españolas ofrecen o Grao en terapia ocupacional,[3] entre elas a Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ American Occupational Therapy Association (13 de setembro de 2016). "About occupational therapy. What is Occupational Therapy?". http://www.aota.or1g/11About-Occupational-Therapy.aspx (en inglés). AOTA. Consultado o 19 de marzo de 2018.
- ↑ 2,0 2,1 A terapia ocupacional en España Arquivado 21 de novembro de 2017 en Wayback Machine., na web da Asociación Profesional Española de Terapeutas Ocupacionales.
- ↑ Universidades españolas onde se pode cursar o Grao en terapia ocupacional Arquivado 02 de agosto de 2017 en Wayback Machine..