Tesoira
A tesoira é unha ferramenta de corte usada en amplos ámbitos da actividade humana. Consta de dúas follas metálicas, afiadas polo lado interior, acabadas nun oco onde se poden introducir os dedos, e articuladas nun eixo polos seus extremos. Constitúe un exemplo perfecto de panca de primeira orde dobre.
Tipos e características
[editar | editar a fonte]Entre os tipos de tesoiras destacan as tesoiras de xardinaría (tamén chamadas de poda), de cociña, de salón de peiteado, de papel, de electricista, ou de cirurxián.
Nos talleres mecánicos e na industria en xeral, utilízanse unhas tesoiras máis fortes, para cortar flexes metálicos de embalaxes e chapas metálicas delgadas.
Cómpre ter coidado na súa manipulación, xa que o seu mal uso pode derivar en feridas a quen as usa ou a quen rodean ao usuario, podendo ocasionar cortes (sobre todo nos dedos ou mans) de diversos graos.
Forma e ergonomía
[editar | editar a fonte]As tesoiras constan de 3 pezas principais:
- As follas: As follas son anacos de metal afiados que permiten o corte. Adoitan estár feitas de aceiro inoxidable para impedir que se oxiden facilmente. Nos extremos das follas pode haber uns saíntes que se introducen nun plástico protector. Estes saíntes teñen unha pequena curva para asegurar que estean ben suxeitos ao mango e non salga con facilidade. As follas teñen senllos buracos para introducir un parafuso, que é o eixo entre as dúas follas, e que permite que, presionando os mangos de plástico, estas se xunten e corten os materiais que se atopen entre elas.
As follas das tesoiras teñen unha variante para zurdos, que inviste as follas. Isto débese a que os zurdos estórballes a folla dereita ó impedir a visión da liña de corte.
- O mango: O mango das tesoiras é o extremo polo que se colle. Pode ser a mesma peza metálica das follas, ou ben estar recubertas por un plástico. Neste caso están encaixados a ela mediante uns saíntes nas mesmas. A razón pola que o mango se fai de plástico é para evitar o contacto directo co metal. Os mangos constan dun buraco en cada extremo para introducir os dedos e exercer presión para que o eixo vire.
- O parafuso: Este parafuso une as dúas follas á vez que fai de eixo. Tamén adoita estar feito de aceiro inoxidable.
Historia das tesoiras
[editar | editar a fonte]As tesoiras son unha ferramenta moi antiga que xa se usaba na idade de bronce. Eran en forma de "C" e constaban dun resorte. Usábanse para cortar peles e cabelo.
Os gregos e os romanos tamén as fabricaron, conservándose mostras de gran variedade de empregos, como corte do pelo, esquilado de animais, poda de árbores ou corte de tecidos Adoitaban facerse en bronce ou ferro. Deste material atopouse unha pequena en Elx (València), así como diversos exemplares atopados en León.
As tesoiras foron usadas como elemento suntuoso, como nos toucadores das mulleres romanas, segundo se ve nun fresco Pompeiano do século I, cuns Cupidos cortando ramos de flores cunhas pequenas tesoiras de ferro. Tamén foron atopadas con certa frecuencia entre obxectos funerarios achados en tumbas gregas e romanas.
A forma das tesoiras antigas mantívose na idade Media, até o século XIV, cando se inventaron as tesoiras tal como se coñecen na actualidade, cun pasador entre ámbolos dous brazos ou coitelas. Nun escrito de 1380 do rei francés Carlos V "o Sabio", fálase de "unes forcettes" de prata e ouro con esmaltes, aneladas nos extremos a modo de orellas perforadas. Máis tarde, en 1418, fálase xa de tesoiras de aceiro. Pero distaban moito de ser de uso doméstico. Eran máis ben pequenos útiles de quincalla, case pequenas xoias moi luxosas, con incrustacións de nácar, cargadas de pedraría, que se gardaban en estoxos moi ricos, xunto a outros útiles preciosos destinados ao toucador das grandes señoras.
Había, con todo outro tipo de tesoiras, as profesionais. Aparecen en escudos de armas gremiais, como os do gremio de paneiros e cortadores. O oficial, ou mestre de tesoiras, adoitaba levalas nun peto lateral.
Nos séculos XVI e XVII puxéronse de moda en Europa as tesoiras españolas de pasador, con coitelas moi longas con cabos e ollos ben labrados. Sevilla, pola súa banda, tiña o monopolio de todas as tesoiras que se enviaban a América.
No século XVII xeneralizouse o uso das tesoiras e empezou a empregarse o aceiro na súa construción. Aquí, a fama da cidade inglesa de Sheffield foi grande e chegou a ditar a moda até finais do século pasado, cando a mecanización simplificou os estilos da súa construción e as tesoiras pasaron a ser similares ás de hoxe.
Tesoiras, educación e arte
[editar | editar a fonte]As tesoiras son unha ferramenta moi útil en habilidades manuais e artísticas, entre a que cabe citar o kirigami, que desenvolve o recorte de papel con tesoiras.
No Perú existe a tradicional "Danza das tesoiras", principalmente nos departamentos de Huancavelica e Ayacucho, na que os danzantes desenvolven atléticos pasos sen deixar de facer soar as súas tesoiras.
As variantes empregadas polos infantes nas escolas teñen as puntas das súas follas -por seguridade- redondeadas, e para eles fabrícanse modelos con follas de plástico cunha mínima capacidade de corte.
Fontes
[editar | editar a fonte]- Millán Gómez, Simón: Procedementos de Mecanizado. 2006, Madrid: Editorial Paraninfo; ISBN 84-9732-428-5
- Ruiz Nogueiras, Guillermo: Proxecto de análise: Tesoiras. 2007, Non publicado