Two Gallants
Two Gallants | |
---|---|
Orixe | San Francisco, California, |
Período | 2002 - actualidade |
Xénero(s) | indie rock, lo-fi, folk rock, acoustic-blues |
Selo(s) discográfico(s) | Saddle Creek, Alive Records |
Membros | Adam Stephens Tyson Vogel |
Na rede | |
http://www.twogallants.com/ | |
Two Gallants é un dúo de indie rock procedente de San Francisco, California. A banda está composta por Adam Stephens (guitarra, harmónica, teclados, piano, voces) and Tyson Vogel (batería, guitarra, voces) e formouse no ano 2002.[1] O seu nome está tirado do título dunha historia de James Joyce do libro Dublineses.
Two Gallants e descrita a miúdo como unha banda de folk rock con infusión de punk e blues, desenvolvendo o seu son máis profundamente cara o rock and roll en lanzamentos posteriores.[2] O grupo publicou cinco álbums de estudo, dous EP e varios sinxelos dende 2004, ademais de xirar extensamente.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Formación e The Throes
[editar | editar a fonte]Adam Stephens e Tyson Vogel fixéronse amigos mentres crecían en San Francisco, coñecéronse primeiro aos cinco anos e sendo amigos cando tiñan doce. Cada un deles recibira unha guitarra case ao mesmo tempo, e pronto comezaron a facer música xuntos.[3] Inicialmente versionaban bandas de heavy metal e de grunge da década dos 90, pero descubriron a música blues de forma independente cando tiñan uns dezaoito anos.[4] O blues deixaríalles unha impresión duradeira e gañas de facer música.[5]
Stephens e Vogel tocaron varios instrumentos en varias bandas tanto xuntos como por separado mentres estaban no instituto, pero separáronse despois de graduarse,[5] marchando Vogel a estudar á escola de arte en Portland, Oregón.[4] Ao redor de 2002, cando tiñan vinte e un anos, a parella decidiu facer música xuntos, conectando a guitarra de Stephens ao amplificador de baixo de Vogel para tocar liñas de baixo con melodías. O nome Two Gallants escollérono por unha historia curta co mesmo nome da colección Dublineses de James Joyce, xa que ambos estaban lendo o libro nese momento e o nome "parecía obvio" (en galego pode traducirse como "dous galáns").[6] Con Stephens na guitarra, a harmónica e a voz principal e Vogel na batería e na voz, Two Gallants comezou a tocar na zona da baía de San Francisco e a tocar na rúa fóra das estacións de metro do Bay Area Rapid Transit, especialmente na parada de 16th St Mission.[6][3]
Two Gallants lanzou o seu álbum de estrea, The Throes, a través do selo Alive Records no verán de 2004. Gravado en só nove días,[7] The Throes foi un éxito de crítica, con Jonathan Zwickel de Pitchfork calificando o álbum de "unha escoita eléctrica e inesquecible", dicindo ademais: "sufrindo só na súa produción un tanto discreta, The Throes podería considerarse unha obra mestra da nova música de raíz estadounidense. É un gran investimento emocional, unha loita do tipo máis gratificante", e dándolle unha puntuación de 8,5 sobre 10.[8] The Throes mostra o estilo de composición de Stephen, escribindo letras con influencia do blues. As cancións deste e dos futuros álbums tocarían temas sociais e persoais como a violencia doméstica, o suicidio, o abandono, o alcoholismo e as referencias a fábulas do Vello Oeste e do Sur antes da guerra.[8][9] A banda lanzou un sinxelo de vinilo de 7", "I'm Her Man", e ampliou a xira para promocionar The Throes.[10]
What the Toll Tells e Two Gallants
[editar | editar a fonte]A principios de xullo de 2005 a banda fichou polo selo independente de Omaha Saddle Creek Records, e ese mesmo mes comezou a gravación do seu segundo álbum nos Tiny Telephone Studios en San Francisco. No mes de agosto dese ano fixeron o seu primeiro concerto no outro lado do Atlántico, en Londres, pasando despois tamén polos festivais de Leeds e Reading, e no escaparate CMJ de Saddle Creek no Bowery Ballroom de Nova York.[10]
En febreiro do 2006 editaron What the Toll Tells a través de Saddle Creek. What the Toll Tells gravouse en tres semanas e continuou mesturando o son punk/folk rock co blues, e as letras de Stephens abordaban temas semellantes aos de The Throes: violencia doméstica, o vello oeste, racismo, alcoholismo e o mito percibido do soño americano.[11][12] Del sacáronse dous sinxelos: "Las Cruces Jail" e "Steady Rollin'". En xeral, What the Toll Tells recibiu unha puntuación de "media ponderada" de 71 sobre 100 no agregador de críticas Metacritic, o que indica "críticas xeralmente favorables".[13] A narración do álbum recibiu algunhas críticas duras, con Brian Howe de Pitchfork dicindo que a música "manexa a historia como quincalla" e dándolle ao álbum un 4,5 sobre 10,[12] e un escritor de Under the Radar dicindo do álbum, "Todo o que se canta aquí está fabricado para evocar a mesma sensación de nostalxia de merda que se supón que ten que facer a banda co nome inspirado en James Joyce".[14] Por outra banda, Sharon O'Connell, da revista Collective da BBC, eloxiou este aspecto do álbum, dicindo que a música está "chea dunha crudeza case brutal e delata o sorprendente talento da parella para a narración".[15]
Two Gallants xirou por Europa a principios de 2006 despois do lanzamento do álbum, e polos Estados Unidos e o Canadá en maio e xuño. No verán foron convidados a numerosos festivais europeos, e en setembro volverían a saír de xira polos Estados Unidos e Europa, sumando máis de 200 concertos ese ano.[16] Durante a xira de outono os medios prestáronlle moita atención a un incidente nunha actuación en Houston, Texas, cando un policía investigando unha denuncia por ruído no club Walter's de Washington supostamente atacou á banda e a varios seareiros cun táser.[17][18] A banda continuou compoñendo e tocando material novo ao longo da xira de 2006, ás veces tardando meses en conseguir unha canción mentres a tocaba en directo. Two Gallants comezaron a gravar cancións para o seu seguinte álbum durante entrevistas e probas de son. Estas cancións eran principalmente acústicas, con pouca batería e ocasionalmente piano. Despois de completar nove cancións, a banda decidiu que o álbum era demasiado escuro, deprimente e "pesado", lanzando cinco das cancións comoo EP The Scenery of Farewell a través de Saddle Creek en xullo de 2007.[19]
A banda editou o seu terceiro álbum, Two Gallants, en setembro do 2007 novamente a través de Saddle Creek, e incluía o sinxelo "Despite What You've Been Told". O disco estreouse no número 29 na lista Top Heatseeker da Billboard.[20] Producido por Alex Newport e Two Gallants en Hyde Street Studios e mesturado en Talking House Productions, o álbum homónimo da banda destacou por ser moito máis rico sonoramente que os álbums anteriores, aínda que aínda conserva o mesmo son básico de guitarra/batería e os mesmos temas narrativos, aínda que Two Gallants ten temas máis persoais.[19][21] Two Gallants recibiu unha puntuación de 69 sobre 100 en Metacritic, "críticas xeralmente favorables".[22] Un escritor de Alternative Press comentou que "a súa visión do Delta blues e do folk retorcido é continuamente acertada, caendo igual de ben cunha mala ruptura ou cunha cervexa fría con amigos".[23] Amanda Petrusich de Pitchfork deulle ao álbum 6,9 sobre 10, eloxiando o álbum por "ofrecer musicalmente a mesma mestura de pseudo-americana na que a banda construíu a súa reputación: unha mestura granulada de blues clásico, folk e guitarra eléctrica", pero criticando as letras de Stephens, calificando a escrita de "ambiciosa, embriagadora e chea de histriónica".[21] Two Gallants fixo o seu debut televisivo aparecendo no programa Jimmy Kimmel Live! para interpretar "Despite What You've Been Told", e a banda realizou unha xira durante o outono de 2007 e na primavera e verán de 2008 para promocionar o álbum.
Hiato
[editar | editar a fonte]Despois de seis anos de gravación e xira constantes, Two Gallants fixo unha pausa a partir do verán de 2008, citando esgotamento tanto mental como físico.[24] Stephens e Vogel pasaron o tempo escribindo material por conta propia.
Stephens lanzou o seu álbum de estrea en solitario, We Live on Cliffs, en setembro de 2010 a través de Saddle Creek Records. We Live on Cliffs recibiu críticas mixtas, e moitos críticos sinalaron que o álbum non estaba mal pero carecía do impulso que tiñan os discos de Two Gallants.[25][26][27]
Vogel formou un grupo instrumental chamado Devotionals co violinista Anton Patzner, o violonchelista Lewis Patzner, o vibrafonista Andrew Maguire e o batería Jeff Blair. Devotionals é esencialmente un proxecto en solitario, con Vogel escribindo e interpretando as cancións. A banda publicou un álbum homónimo en 2010 a traväes de Alive Records.[4][28]
O parón ía ser inicialmente dun ano mentres os dous traballaban en material en solitario para atopar as súas propias direccións, pero estendeuse un tempo máis debido a problemas persoais de Vogel e a Stephens resultou ferido nun accidente automovilístico mentres estaba de xira promocionando We Live on Cliffs en 2011. A furgoneta na que viaxaban Stephens e os seus compañeiros de xira envorcou varias veces, inmobilizando o ombreiro de Stephens contra o teito da furgoneta e dislocándoo gravemente. Stephens non puido sequera soster unha guitarra durante varios meses despois, e a banda finalmente puido reunirse a principios de 2012.[29]
The Bloom and Blight
[editar | editar a fonte]Two Gallants publicou The Bloom and the Blight o 4 de setembro do 2012. É o seu primeiro traballo en cinco anos e o primeiro tamén co selo ATO Records. Producido por John Congleton, The Bloom and the Blight é notablemente moito máis pesado, cunha dinámica sonora máis pronunciada que o seu traballo anterior.[30] O álbum recibiu unha puntuación de 71 sobre 100 en Metacritic por "críticas xeralmente favorables".[31] Mark Deming de AllMusic describiu o novo son da banda como "claramente o traballo de só dous músicos, e as interpretacións revelan elementos da elegancia formal dos seus primeiros traballos, como se a gran escala do son só reforzase a dinámica da banda de dous homes" e que a "música é tan íntima coma sempre, e máis poderosa para iso".[32]
We Are Undone
[editar | editar a fonte]We Are Undone, o quinto álbum de estudo de Two Gallants e o segundo para ATO Records, foi lanzado en febreiro de 2015 e estivo dispoñible en streaming na súa totalidade no sitio web de The New York Times.[33] A diferenza das cancións dos catro primeiros álbums, as de We Are Undone foron escritas case na súa totalidade no estudo. O álbum foi escrito e gravado no estudo Panoramic House na zona rural de Stinson Beach, California, unha casa convertida nun estudo onde a banda tamén se hospedou mentres gravaba. Anteriormente, a banda escribía cancións e traballaba nelas mentres realizaba concertos, ás veces ao longo dos anos, pero escribir e gravar ao mesmo tempo era algo "realmente refrescante", segundo Stephens.[34]
We Are Undone continuou co estilo de The Bloom e Blight, centrándose nun son simplificado e cambios dinámicos altos/suaves, afastándose máis do blues de inspiración punk dos discos anteriores e dirixíndose máis cara ao rock and roll.[35] Do mesmo xeito que con The Bloom and Blight, os críticos continuaron eloxiando este cambio no son ou desexando as narrativas e a composición dos álbums anteriores. Jonathan Zwickel de Pitchfork observou que "no seu ruxido a miúdo incipiente, We Are Undone ten pouco parecido co punk-blues centrado en láser dos seus traballos anteriores. As cancións non son tan boas".[36] Porén, Neil McCormack de The Telegraph sinalou que "a amplitude estilística e os cambios dinámicos compensan a brutal brutalidade do seu son" e que "hai compaixón e intelixencia traballando en cancións de vidas duras vividas ao bordo do colapso, romántica, financeira e socialmente".[35] We Are Undone recibiu unha puntuación media ponderada de 68 sobre 100 en Metacritic, "críticas xeralmente favorables", como recibiron os seus tres lanzamentos anteriores.
Segundo hiato
[editar | editar a fonte]Despois de rematar a xira por Estados Unidos e Europa promocionando We Are Undone case non houbo noticias oficiais da banda ata setembro de 2016. Un comunicado na súa páxina de Facebook dicía, "As nosas desculpas por estar desconectados durante un tempo. O inverno pasado, despois duns anos de xira aparentemente incesante, decidimos facer un pequeno descanso e dedicar un tempo a outras cousas. En realidade, foi máis unha inacción tácita que unha decisión. Non era nada que parecese digno de anunciar no seu momento e aínda non o é. Só queriamos saudar e dicirlles aos que escribichedes que estivemos ao día e lemos as vosas mensaxes. Nós tamén vos botamos de menos. Non hai novidades polo momento, pero os dous temos outros proxectos en marcha, así que mantede os oídos abertos". A páxina tivo algunhas actualizacións sobre o novo proxecto Devotionals de Tyson Vogel desde entón, pero non hai noticias sobre Adam Stephens ou o futuro da banda dende setembro de 2023.[37]
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums de estudio
[editar | editar a fonte]Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
The Throes | 2004 | Alive Records |
What the Toll Tells | 2006 | Saddle Creek |
Two Gallants | 2007 | Saddle Creek |
The Bloom and the Blight | 2012 | ATO Records |
We Are Undone | 2015 | ATO Records |
EPs
[editar | editar a fonte]Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Nothing to You (re-mix) + 3 | 2006 | Alive Records |
The Scenery of Farewell | 2007 | Saddle Creek |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Meline, Gabe (2015-01-29). "KQED Exclusive: Watch Two Gallants Debut Songs from Their New Album". www.kqed.org (en inglés). Consultado o 2024-07-07.
- ↑ "Album Premiere: Two Gallants, 'The Bloom and the Blight'". Rolling Stone. Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2018. Consultado o 7 de xullo de 2024.
- ↑ 3,0 3,1 "Two Gallants, up from the streets". SFGate. Consultado o 7 de xullo de 2024.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "Interview with Devotionals: the Drummer of Two Gallants Releases Instrumental Project". The Deli Magazine
- ↑ 5,0 5,1 Ali, Reyan (2013-01-24). "Two Gallants Find the Bright Side In Heavy Blues – OC Weekly" (en inglés). Consultado o 2024-07-07.
- ↑ 6,0 6,1 "True Fictions: An Interview with Two Gallants' Adam Stephens". PopMatters
- ↑ "Lazy-i: Column 44 -- Two Gallants are welcomed into the fold" (en inglés). Consultado o 2024-07-07.
- ↑ 8,0 8,1 Zwickel, Jonathan. "Two Gallants: The Throes". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2024-07-08.
- ↑ "The Throes - Two Gallants". AllMusic (en inglés). Consultado o 2024-07-08.
- ↑ 10,0 10,1 "Two Gallants sign to Saddle Creek". Punknews (en inglés). 2005-07-11. Consultado o 2024-07-08.
- ↑ "Two Gallants: What The Toll Tells". NME (en inglés). 2006-02-10. Consultado o 2024-07-08.
- ↑ 12,0 12,1 Howe, Brian. "Two Gallants: What the Toll Tells". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2024-07-08.
- ↑ "What The Toll Tells by Two Gallants" (en inglés). Consultado o 2024-07-08.
- ↑ "What the Toll Tells". Under the Radar (12): 93. 2006
- ↑ O'Connell, Sharon (16 de febreiro de 2006). "Blast From the Past". Collective: The Interactive Culture Magazine (191)
- ↑ "New Two Gallants – “Seems Like Home To Me”". Stereogum (en inglés). 2007-05-08. Consultado o 2024-07-08.
- ↑ "Pitchfork: Two Gallants Speak Out About Houston Incident". web.archive.org. 2007-02-20. Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2007. Consultado o 2024-07-09.
- ↑ "When a Texas Cop Attacks: Two Gallants Reveal the Bizarre, Alarming and Even Amusing Details : Rolling Stone : Rock and Roll Daily". web.archive.org. 2009-01-22. Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2009. Consultado o 2024-07-09.
- ↑ 19,0 19,1 "Two Gallants: Despite What You've Been Told". JamBase (en inglés). Consultado o 2024-07-09.
- ↑ "Two Gallants, One Rock Band". Billboard (en inglés). 2007-10-22. Consultado o 2024-07-09.
- ↑ 21,0 21,1 Petrusich, Amanda. "Two Gallants: Two Gallants". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2024-07-09.
- ↑ "Two Gallants by Two Gallants" (en inglés). Consultado o 2024-07-09.
- ↑ "Two Gallants". Alternative Press: 192. Novembro de 2007
- ↑ "S.F.'s Two Gallants: Back After a Long Break, and Better Than Ever". SF Weekly. 2015-12-26. Arquivado dende o orixinal o 26 de decembro de 2015. Consultado o 2024-07-09.
- ↑ "Adam Haworth Stephens: We Live on Cliffs, PopMatters". www.popmatters.com (en inglés). 2010-09-27. Consultado o 2024-07-10.
- ↑ "Adam Haworth Stephens - We Live on Cliffs (album review)". Sputnikmusic. Consultado o 2024-07-10.
- ↑ Cataldo, Jesse (2010-09-27). "Review: Adam Haworth Stephens, We Live on Cliffs". Slant Magazine (en inglés). Consultado o 2024-07-10.
- ↑ "Interview - Tyson Vogel of Two Gallants". Goodnight, Neverland! (en inglés). Consultado o 2024-07-10.
- ↑ Humphrey, Jenna. "A Q&A with Two Gallants' Tyson Vogel". Creative Loafing (en inglés). Consultado o 2024-07-10.
- ↑ "Two Gallants - The Boom And The Blight". DIY (en inglés). 2012-10-08. Consultado o 2024-07-09.
- ↑ "The Bloom and the Blight by Two Gallants" (en inglés). Consultado o 2024-07-10.
- ↑ "The Bloom and the Blight - Two Gallants". AllMusic (en inglés). Consultado o 2024-07-10.
- ↑ "Stream Two Gallants’ New Album In Full - Billions". web.archive.org. 2016-06-25. Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2016. Consultado o 2024-07-11.
- ↑ "Two Gallants Come Undone: On Their Fifth Full-Length, S.F.'s Hard-Living City Boys Take to the Sea". SF Weekly. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 11 de xullo de 2024.
- ↑ 35,0 35,1 "We Are Undone, Two Gallants, review: 'a bleeding intensity'". The Telegraph (en inglés). 2015-01-31. Consultado o 2024-07-11.
- ↑ Zwickel, Jonathan. "Two Gallants: We Are Undone". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2024-07-12.
- ↑ "Two Gallants". Facebook. Consultado o 2024-07-12.