Saltar ao contido

UCAM Murcia Club de Fútbol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «UCAM Murcia CF»)
UCAM Murcia
NomeUniversidad Católica de Murcia Club de Fútbol
Fundación1999
EstadioLa Condomina,
Murcia, España
Inauguración1924
Capacidade17.500
PresidenteEspaña José Luis Mendoza Pérez
AdestradorEspaña José María Salmerón
Liga2ªB - Grupo IV
2016–1719º (Segunda División)
Na rede
http://ucamcf.es/
Titular
Alternativo
Terceiro

O Universidad Católica de Murcia Club de Fútbol, coñecido como UCAM Murcia, é un club de fútbol español da cidade de Murcia. Foi fundado en 1999 e dende 2011 pertence á Universidade Católica San Antonio. Xoga actualmente na Segunda División B, logo de descender na tempada 2016/17.

En 1999 fúndase o Universidad Católica San Antonio de Murcia C.F., club que compite en Terceira División varias tempadas ata 2005 que deixa de competir o primeiro equipo. Paralelamente fúndase o Club de Fútbol Los Garres en 2004, competindo en fútbol base durante varias tempadas.

Na campaña 2005/06 o club participa xunto ao seu equipo filial en Primeira Territorial, conseguindo o ascenso a Preferente. Na tempada 2006/2007 o equipo filial desaparece e o primeiro equipo é vendido a outro club de fútbol base, o Murcia Deportivo Club de Fútbol. Esta denominación foi mantida durante tres tempadas nas que disputaron os seus partidos como local en Santiago el Mayor, Rincón de Seca (baixo o amparo da A.D. Rincón de Seca) e a capital. Na tempada 2007/2008 o club acaba en cuarta posición en Territorial Preferente, o que lle vale o ascenso á Terceira División.

Na tempada 2008/2009 o club debuta na Terceira División do fútbol español. Esta tempada o club trasládase da pedanía de Los Garres ao estadio José Barnés da cidade de Murcia. Esta tempada o club acaba na décimo segunda posición da clasificación.

Na tempada 2009/2010 o club trasládase a Beniaján e pasa a denominarse como Costa Cálida Beniaján Club de Fútbol. Nesta primeira tempada en Beniaján o club acaba en cuarta posición no Grupo XIII da Terceira División, converténdose no equipo revelación da liga e xogando os playoff de ascenso a Segunda División B. Na primeira rolda dos playoff enfróntase ao Cerceda CF, caendo o Costa Cálida tanto no partido de ida en Los Marques de Beniaján por un 1-3 e no de volta en Galicia por un 1-0.

Na tempada 2010/2011 o equipo abandona a pedanía de Beniaján para trasladarse a Sangonera la Verde. No verán de 2010 o presidente do equipo pide o José Barnés ao Concello de Murcia, pero debido ao traslado do Sangonera a Lorca o campo de El Mayayo de Sangonera la Verde queda libre. O Concello ofrécello ao Costa Cálida e o equipo acepta e trasládase á pedanía de Sangonera la Verde, xa que El Mayayo é un campo máis amplo e mellor preparado que o Estadio de Los Marques de Beniaján para acoller partidos de Terceira ou ata de Segunda B. Tamén cambia de nome a Costa Cálida Sangonera Club de Fútbol. No deportivo o club continua no Grupo XIII da Terceira División no que acaba en primeira posición e isto permítelle xogar o playoff de ascenso a Segunda B. Na primeira rolda dos playoff de ascenso a enfrontouse ao Marino de Luanco, no partido de ida o resultado foi de 2-2, e no partido de volta o Marino de Luanco gañou cun contundente 3-0 que lle valeu o pase á segunda rolda e supuxo a eliminación do Costa Cálida.

Na tempada 2011/2012 a Universidade Católica San Antonio de Murcia chega a un acordo de patrocinio e colaboración pasando o equipo a chamarse Universidad Católica de Murcia Club de Fútbol. A partir dese momento José Luis Mendoza pasou a ser o presidente do equipo e Juan Nicolás, ata entón presidente do club, pasou a ser vicepresidente do UCAM Murcia CF. Nesta primeira tempada coa UCAM como patrocinador principal o club acaba sexto no Grupo XIII da Terceira División Española. Este ano o club debuta na Copa do Rei e chega ata a segunda rolda onde cae eliminado ante o Deportivo Alavés.

Na tempada 2012/2013 xoga en Segunda División B ocupando a vacante deixada polo Orihuela CF tras o seu descenso administrativo.[1] O equipo dirixido por Luis García Tevenet está moi preto de lograr a permanencia, chegando á última xornada con opcións de salvación. Con todo, non se se produce a combinación de resultados necesaria e confírmase o descenso do conxunto universitario.

Na tempada 2013/2014, con Gabi Correa no banco, o Universidad Católica de Murcia C. F. comeza unha nova etapa na Terceira División, proclamándose campión do grupo XIII o 17 de abril de 2014 no seu partido contra o Olímpico de Totana. Ese logro chegaba a falta de tres xornadas para que acabase a liga. Tras lograr o primeiro posto, o UCAM Murcia CF afrontaba a súa eliminatoria de ascenso directo a Segunda B fronte ao Real Betis B, logrando o salto de categoría despois de impoñerse ao filial verdibranco por 2-1 no partido de ida e empatando, 1-1, no encontro de volta disputado na Cidade Deportiva Luis del Sol.

A tempada 2014/15 comeza coa contratación de Pedro Luis Reverte Carrión como director deportivo e Eloy Jiménez como adestrador do Universidad Católica de Murcia C.F. Posteriormente, alcánzase un acordo co Concello de Murcia mediante o cal, o Estadio de La Condomina pasa a converterse no novo escenario do club para a disputa dos seus partidos oficiais. Esa campaña, o equipo termina en segunda posición no Grupo IV de Segunda División B. Na fase de ascenso a Segunda, tras eliminar a Real Unión de Irún cae contra o Bilbao Athletic, que posteriormente subiría en Cádiz.

Na campaña 2015/16 o adestrador pasa a ser José María Salmerón. Esta campaña o equipo termina en primeira posición, o que lle permite xogar o playoff de ascenso a Segunda novamente. Xógao contra o Real Madrid Castilla, ao que elimina tras gañar 2-1 na Condomina e empatar 2-2 no estadio Alfredo Di Stéfano logrando así o seu primeiro ascenso a Segunda División. Proclámase, ademais, campión absoluto da categoría ao gañar nos penaltis ao Reus Deportiu despois de dous empates a cero.

Datos do club

[editar | editar a fonte]
  • Tempadas en : 0
  • Tempadas en : 1
  • Tempadas en 2ªB: 4 (incluída a 2017/18)
  • Tempadas en : 5
  • Participacións na Copa do Rei: 5

Historial na liga

[editar | editar a fonte]
Tempada Categoría Posto
2008/09 16º
2009/10
2010/11
2011/12
2012/13 2ªB 17°
2013/14
2014/15 2ªB
2015/16 2ªB
2016/17 19º
2017/18 2ªB

Palmarés

[editar | editar a fonte]

Torneos nacionais

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]