Virus da leucemia felina
Virus da leucemia felina | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Micrografía electrónica de transmisión do Virus da leucemia felina | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
|
O virus da leucemia felina (VLFe, FeLV en inglés) é un retrovirus que infecta os gatos. O VLFe transmítese entre os gatos infectados a través da saliva ou das secrecións nasais. Este virus causa un tipo de cancro das células sanguíneas, os linfocitos, é dicir, leucemia.
Signos e síntomas
[editar | editar a fonte]Os signos e síntomas da infección do virus da leucemia felina son bastante variados. Inclúen:
- Perda de apetito
- Deficiencias na pelame
- Infeccións da pel, a vexiga e o tracto respiratorio
- Enfermidades bucodentais
- Convulsións
- Linfadenopatía (aumento de tamaño dos ganglios linfáticos)
- Lesións na pel
- Fatiga
- Febre
- Perda de peso
- Estomatite
- Xinxivite
- Deixar de usar a caixa de area
- Pancitopenia
- Aseo pobre
- Doenzas bacterianas e virais recorrentes
- Anemia
- Diarrea
- Ictericia
Transmisión
[editar | editar a fonte]Os gatos infectados pódense transmitir o virus entre eles a través da saliva durante comportamentos agresivos, o contacto sexual, as mordeduras, a través da caixa de area ou, raramente, dun prato de comida usado por un gato infectado. Amais, a femia pode transmitir o virus ás crías durante a xestación e a lactación. A transmisión está relacionada co subgrupo ao que pertenza o virus.
Inicialmente críase que o virus VLFe podería sobrevivir só 2 horas nun ambiente seco e 48 horas nun ambiente húmido (por exemplo, a caixa de area). Un novo relatorio publicado polos veterinarios da Universidade Cornell, titulada "Pode o virus VLFe sobrevivir no ambiente?" estabeleceu unha relación entre o VLFe e o VIH (que pode sobrevivir durante semanas e é estruturalmente similar ao VLFe).[1] Pola ausencia de investigacións relevantes respecto da supervivencia do virus no ambiente, cómpre ter precaución, aínda que a supervivencia non sexa longa. A leucemia felina non se transmite ao ser humano.
O VLFe causa inmunosupresión en gatos domésticos. Hai tamén evidencias da existencia do virus en grandes poboacións de felinos salvaxes, como o lince, o guepardo ou o león. Son definitivas as evidencias epidemiolóxicas de que o VLFe non se transmite ao ser humano nin aos cans. Por unha banda, aproximadamente un de cada cinco cans domésticos vive cun gato. Por outra banda, todos os gatos domésticos viven con seres humanos. En ningunha das casuísticas se coñecen casos de infeccións.
Arredor do 0,5 % dos gatos domésticos portan permanentemente o VLFe. Porén, moitos máis gatos (>35%) teñen anticorpos IgG específicos, o cal indica que estiveron expostos anteriormente ao virus, mais desenvolveron inmunidade no canto da infección.
A incidencia da infección é moito maior nos gatos de cidade, da rúa ou mascotas, ca nos gatos rurais. Isto débese á densidade de poboación e a cantidade de contacto duns gatos con outros.
Existen catro subgrupos de VLFe: A, B, C e T, mais só o subgrupo A se transmite entre os gatos. Os outros subgrupos xorden como resultado da recombinación cunha secuencia de ADN felino endóxena. Isto que indica que este virus é moi antigo e puido adaptarse aos gatos hai máis de 10 millóns de anos.
Os subgrupos defínense con base na interferencia viral e na gama in vitro de hóspedes. As diferenzas débense ao polimorfismo na glicoproteína gp70 co máis alto nivel de diverxencia situado na rexión de gp70, que se cre que é o que interactúa co receptor celular. Nunha célula infectada, crese que o gp70 bloquea os receptores virais, polo que prevén novas infeccións do mesmo subgrupo.
Progresión
[editar | editar a fonte]A enfermidade pode producir moi diversos efectos. O gato pode loitar contra a infección e volverse totalmente inmune. Converteríase nun portador san, mais si podería infectar outros gatos ou mesmo enfermar. O desenvolvemento de linfomas considérase a última etapa da doenza. Co virus dentro do gato, hai seis fases na infección de VLFe:
- Fase 1: O virus entra no gato, xeralmente a través da farinxe. Infecta as células epiteliais, os B-linfocitos e os macrófagos. Estes glóbulos brancos fíltranse aos ganglios linfáticos e comezan a replicarse.
- Fase 2: O virus entra no torrente sanguíneo e comeza a distribuírse por todo o corpo.
- Fase 3: Inféctase o sistema linfático, o cal produce anticorpos que atacan as células infectadas e cancerosas. A difusión polo corpo aumenta.
- Fase 4: É o punto principal da infección. O virus pode tomar o control do sistema inmunolóxico do corpo e causar viremia. Nesta etapa inféctanse o sistema hemolinfático e os intestinos.
De o sistema inmunolóxico do gato non eliminar o virus, pasaríase á:
- Fase 5: Inféctase a medula ósea, co que o virus quedará no gato para o resto da súa vida. Nesta fase, o virus replícase. De catro a sete días despois liberaranse neutrófilos infectados (glóbulos brancos) e, en ocasións, linfocitos, monocitos (glóbulos brancos formados na medula ósea) e eosinófiloss (outro glóbulo branco).
- Fase 6: O corpo do gato queda a mercé da infección e inféctanse as células das mucosas e as glándulas epiteliais. O virus replícase nos tecidos epiteliais: as glándulas salivais, a orofarinxe, o estómago, o esófago, os intestinos, a traquea, a nasofarinxe, os túbulos renais, a vexiga, o páncreas, os condutos alveolares e os condutos sebáceos do fociño.
Os gatos diagnosticados con infección persistente polas probas ELISA poden morrer aos poucos meses ou ficar asintomáticos durante máis tempo. As enfermidades mortais son leucemias, linfomas e anemias non rexenerativas. Malia non coñecerse cura para a infección do virus, en 2006 o departamento de agricultura dos Estados Unidos aprobou un inmunomodulador dos linfocitos T como axuda no tratamento de infeccións do VLFe e o VIF.
Críase que a proteína do virus tiña que estar presente para inducir linfomas nos gatos. Porén, os novos datos mostran que unha alta porcentaxe de linfomas antíxeno VLFe negativos conteñen ADN de VLFe. Isto indicaría un mecanismo de "golpe e fuga" do desenvolvemento dos tumores inducidos polo virus.[2]
Prevención
[editar | editar a fonte]Existen vacinas contra o VLFe (Código ATCvet QI06AA01 e varias vacinas combinadas), aínda que ningunha da vacinas actualmente dispoñíbeis ofrece o 100% de protección contra o virus.[3] Téñense rexistrado efectos secundarios graves como consecuencia da vacinación contra o VSFe. Unha pequena porcentaxe dos gatos vacinados desenvolveu posteriormente sarcomas asociados á vacina, un tumor agresivo no lugar da inxección.[4]
O desenvolvemento de sarcomas coa antiga vacina contra a VLFe e outras pode deberse á inflamación causada por adxuvantes de aluminio das vacinas.[5] Con todo, non se demostrou a causalidade entre os sarcomas e a vacinación, e non hai ningunha diferenza estatística demostrada entre a prevalencia de sarcomas nos animais vacinados coas vacinas adxuvadas ou as non adxuvadas. A incidencia dos sarcomas é significativamente máis baixa en Europa que nos EUA, malia usaren vacinas similares.
O laboratorio veterinario Merial produce unha vacina recombinante, baseada en virus da varíola do canario con xenes gag e env de VLFe. Considérase máis segura cá antiga vacina, xa que non require un adxuvante para ser eficaz. Malia tratarse dun virus vivo, ao ser unha ave o anfitrión orixinal, non se replica en mamíferos.[6] Con todo, non demostrou reducir a incidencia de sarcomas en calquera estudo clínico ou de campo.
O virus da leucemia felina é moi feble e morre ás dúas horas nun ambiente seco. Xa que logo, a incidencia de transmisión reducirase considerablemente se se mantén a caixa de area sen restos húmidos. Estes pódense quitar despois de cada uso, malia que isto ás veces non é práctico. Outra opción é un areeiro de tres partes que utilice, ou ben un substrato de mazaroca de millo, ou ben area de semente de cártamo nunha unidade ranurada na parte superior. Isto permite que o líquido drene nun depósito que se baleire con regularidade. O material da cama seca ao aire, co que o virus morre decontado.
Este areeiro foi orixinalmente deseñado para gatos con diabetes, co fin de permitir as inspeccións periódicas dos niveis de azucre no sistema do gato. Por coincidencia, a caixa tamén axuda a previr a infección por VLFe entre os gatos domésticos.
Estrutura viral
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Retrovirus.
O Virus da Leucemia Felina (FeLV) é un retrovirus de ARN ou oncornavirus. Foi descrito por primeira vez en 1964 por W. Jarrett (et al., Nature 202:566) na Universidade de Glasgow, na Escola de Medicina Veterinaria. O virus consta de LTRs 5′ e 3′ e tres xenes: Gag (estrutural), Pol (enzimas) e Env (envoltura e transmembrana). O xenoma total é de aproximadamente 9600 pares de bases.
Tratamentos aprobados en Europa
[editar | editar a fonte]En Europa véndese interferón-ω (omega) polo menos co nome de Virbagen Omega e fabricado por Virbac. Cando se utiliza no tratamento de gatos infectados con FeLV en fases clínicas non terminais (maiores de 9 semanas) producíronse melloras substanciais nas taxas de mortalidade. En gatos non anémicos, a taxa de mortalidade do 50 % reduciuse en arredor dun 20 % tras o tratamento.[7]
Comparación co VIF
[editar | editar a fonte]O virus da inmunodeficiencia felina e o VLFe son da mesma familia. Con todo, ambos diferéncianse en moitos aspectos. Canto á forma, o VLFe é máis circular, mentres que o VIF é alongado. Os dous virus teñen tamén bastantes diferenzas xenéticas. As capas de proteínas difiren en tamaño e composición.
Aínda que moitas das enfermidades causadas polo VLFe e VIF son similares, as formas específicas en que son causadas tamén son distintas. Amais, o VLFe xeralmente causa unha doenza sintomática, o gato infectado por VIF pode permanecer completamente asintomático toda a vida.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ ¿"Puede el virus FeLV sobrevivir en el ambiente?
- ↑ Weiss AT, Klopfleisch R, Gruber AD. (2010). "Prevalence of feline leukaemia provirus DNA in feline lymphomas." 12 (12): 929–35. PMID 21036089.
- ↑ "Feline Leukemia Virus: A Cause of Immunodeficiency in Cats".
- ↑ "Feline Leukemia Virus Diseases". Arquivado dende o orixinal o 10 de decembro de 2007.
- ↑ Richards, J., Elston, T., Ford, R., Gaskell, R., Hartmann, K., Hurley, K., Lappin, M., Levy, J., Rodan, I., Scherk, M., Schultz, R., Sparkes, A. (2006). "The 2006 American Association of Feline Practitioners Feline Vaccine Advisory Panel report" 229 (9): 1405–41. PMID 17078805. doi:10.2460/javma.229.9.1405.
- ↑ Poulet, H., Brunet, S., Boularand, C., Guiot, A. L., Leroy, V., Tartaglia, J., Minke, J., Audonnet, J. C., Desmettre, P. (2003). "Efficacy of a canarypox virus-vectored vaccine against feline leukaemia" 153 (5): 141–5. PMID 12934796. doi:10.1136/vr.153.5.141.
- ↑ "Veterinary medicine. European public assessment report (EPAR): Virbagen Omega. ANEXO I RESUMEN DE LAS CARACTERÍSTICAS DEL PRODUCTO fechaacceso=4 de xullo de 2019" (en castelán). pp. 2–3. Archived from the original on 23 de decembro de 2021. Consultado o 23 de decembro de 2021. Carácter salto de liña en
|título=
na posición 88 (Axuda)