Wang Yangming
Nome póstumo | 文成 |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 31 de outubro de 1472 Yuyao City, República Popular da China (en) |
Morte | 9 de xaneiro de 1529 (56 anos) Ganzhou, República Popular da China (pt) |
Lugar de sepultura | Tomb of Wang Shouren (en) |
Relixión | Confucianismo |
Actividade | |
Campo de traballo | Filosofía |
Ocupación | filósofo, escritor |
Movemento | Neoconfucionismo (pt) |
Familia | |
Fillos | Wang Zhengyi |
Pai | Wang Hua |
Descrito pola fonte | Wanxiaotang Huazhuan (en) Obálky knih, Guochao xianzheng lu (en) |
Wang Shouren (chinés tradicional e simplificado: 王守仁; pinyin: Wáng Shǒurén; Wade-Giles: Wang2 Shou3-jen2), máis coñecido como Wang Yangming (chinés tradicional: 王陽明; chinés simplificado: 王阳明; pinyin: Wáng Yángmíng; Wade-Giles: Wang2 Yang2-ming2)[1], nome de cortesía Bo'an (伯安), nado en Yuyao o 26 de outubro de 1472 e finado en Ganzhou o 9 de xaneiro de 1529, foi un filósofo neoconfucianista, oficial, educador, calígrafo e xeneral chinés da dinastía Ming. Despois de Zhu Xi, é habitualmente considerado o máis importante pensador neoconfucianista, con interpretacións do confucianismo que negan o dualismo racionalista da filosofía ortodoxa de Zhu Xi.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Wang Yangming naceu en Yuyao, provincia de Zhejiang, nunha familia de estudosos cunha tradición no servizo burocrático. O seu pai, Wang Hua, foi primeiro (Zhuangyuan, 狀元) no Exame Imperial de 1481, e ascendeu ata chegar a ser viceministro no Ministerio de Ritos, mais logo degradárono e finalmente foi expulsado do servizo gobernamental debido a que ofendeu o eunuco Liu Jin.
Wang gañou o grao de juren en 1492 e o de jinshi en 1499. Máis adiante serviu como axudante executivo en varios departamentos do goberno ata o seu exilio por ofender o eunuco en 1506.[2] Non obstante, a súa carreira profesional recuperouse, converténdose en gobernador de Jiangxi.[3]
Proezas militrares
[editar | editar a fonte]Wang converteuse nun xeneral de éxito e foi coñecido pola estrita disciplina que impuña ás súas tropas. En 1517 e 1518, foi enviado en resposta ás peticións de suprimir as revoltas campesiñas en Jiangxi, Fujian e Guangdong. Preocupado pola destrución que veu coa guerra, pediu á corte que permitise unha amnistía, e destruíu con éxito as forzas rebeldes militares.
Supresión do príncipe de Ning
[editar | editar a fonte]En 1519, mentres era gobernador da provincia de Jiangxi e no seu camiño para suprimir as revoltas en Fujian, Wang atopouse de súpeto coa rebelión do príncipe Ning, liderada por Zhu Chenhao, cuarto príncipe de Ning. Dado que a base do príncipe en Nanchang lle permitía baixar polo río Yangtze e capturar a capital sureña de Nanjing, Wang preparou activamente a batalla para previr esa posibilidade, mentres engañaba o príncipe para convencelo de que os exércitos se estaban movendo para rodealo. O príncipe, crendo isto, dubidou e deu tempo a que Nanjing fose reforzada. Finalmente, obrigado a enfrontarse ás forzas gobernamentais, o príncipe de Ning foi derrotado e capturado.
Nesta campaña, Wang tamén fixo as primeiras referencias ao uso do fo-lang-ji na batalla, un canón culebrina importado dos portugueses que acababan de chegar á China.[3] Como gobernador de Jiangxi tamén construíu escolas, rehabilitou os rebeldes e reconstruíu o que se perdera polo inimigo durante a revolta. Aínda que foi nomeado conde, foi desterrado por oporse a Zhu Xi.[2]
Trinta e oito anos despois da súa morte, recibiu os títulos de marqués e finalizador da cultura. En 1584 ofrecéronlle un sacrificio no templo de Confucio, a maior honra para un estudoso.[2]
Filosofía
[editar | editar a fonte]Wang foi a figura líder da Escola do Corazón neoconfucianista, fundada por 陸九淵 Lu Jiuyuan. Esta escola defendía unha interpretación de Mencio, confucianista clásico que se converteu no centro da interpretación posterior, que unificou o coñecemento coa acción. A súa escola rival, a Escola do Principio (Li) trataba de gañar coñecemento como un xeito de preparación que, cando se completase, podía guiar a acción.
Coñecemento innato
[editar | editar a fonte]Wang Yangming desenvolveu a idea do "coñecemento innato", sostendo que cada persoa coñece dende o seu nacemento a diferenza entre o ben e o mal. Tal coñecemento é intuitivo e non racional. Estas ideas revolucionarias naquel momento inspiraron máis tarde pensadores xaponeses prominentes como Motoori Norinaga, quen argumentaba que polas deidades do xintoísmo, os xaponeses tiñan a habilidade intuitiva para distinguir entre o ben e o mal sen unha racionalización complexa. Aquela escola de pensamento (Ōyōmei-gaku) tamén influíu en gran medida a ética samurai.
O coñecemento como acción
[editar | editar a fonte]O rexeitamento da investigación do coñecemento por parte de Wang débese ao feito de que, nesa época, a visión tradicional do pensamento chinés declaraba que unha vez que unha persoa obtiña coñecemento, tiña o deber de pór ese coñecemento en acción.
Isto presupuña dúas posibilidades:
- Un pode ter coñecemento sen/antes da acción correspondente
- Un pode coñecer cal é a acción apropiada, pero aínda así non actuar
Wang rexeitou ambos os presupostos, razón pola cal puido desenvolver a súa propia filosofía da acción. Cría que só por medio da acción simultánea podía obterse coñecemento e negou calquera outro medio para conseguilo. Segundo a súa opinión, era imposible empregar o coñecemento despois de obterlo, porque cría que o coñecemento e a acción estaban unificados, que eran un só. Calquera coñecemento que se obtivese e despois se puxese en acción era considerado unha ilusión ou unha falsidade.
A mente e os obxectos
[editar | editar a fonte]Wang Yangming afirmaba que os obxectos non existen por completo fóra da mente, porque a mente lles dá forma. Cría que non é o mundo o que dá forma á mente, senón que é a mente á que dá razón ao mundo, antecedendo nisto a Inmanuel Kant. En consecuencia, cada mente por ela mesma é a fonte de toda razón. Entendía a mente como unha luz interior, unha bondade moral e coñecemento do que é bo, innatos. Este pensamento é bastante similar ao do grego Sócrates, quen argumentaba que o coñecemento é virtude.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Chan, Wing-tsit. Sourcebook in Chinese Philosophy. Greenwood Publishing Group, 1 de marzo de 2002. xii. Consultado o 1 de abril de 2012. ISBN 1-4008-0964-9, ISBN 978-1-4008-0964-6.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Chan 1963: 654.
- ↑ 3,0 3,1 Needham, Volume 5, Part 7, 372.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Wang Yangming |
A Galipedia ten un portal sobre: China |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Chang, Carsun (1962), Wang Yang-ming: idealist philosopher of sixteenth-century China, Nova York: St. John's University Press.
- Gillin, Donald G. (1967), Warlord: Yen Hsi-shan in Shansi Province 1911-1949, Princeton, New Jersey: Princeton University Press. LCCN 66014308
- Ivanhoe, Philip J. (2002), Ethics in the Confucian Tradition: The Thought of Mengzi and Wang Yangming, rev. 2nd edition, Indianápolis: Hackett Publishing.
- Кобзев А.И. Учение Ван Янмина и классическая китайская философия. М., 1983.
- Nivison, David S. (1967), "The Problem of 'Knowledge' and 'Action' in Chinese Thought since Wang Yang–ming," in Arthur F. Wright, ed., Studies in Chinese Thought, Chicago: University of Chicago Press, pp. 112–45.
- Nivison, David S. (1996), "The Philosophy of Wang Yangming," in The Ways of Confucianism, Chicago: Open Court Press, pp. 217–231
- Needham, Joseph (1986). Science and Civilisation in China: Volume 5, Part 7. Taipei: Caves Books, Ltd
- Oleg Benesch. "Wang Yangming and Bushidō: Japanese Nativization and its Influences in Modern China." Journal of Chinese Philosophy 36 (3):439-454.[1]