Wikipedia:Sobre Galicia/novembro 2007
O Castro de Santa Trega, situado no monte de Santa Trega, de 341 metros de altitude, no extremo máis sudoccidental de Galicia, é un castro pertencente á cultura castrexa, o máis emblemático e visitado dos galegos. Foi declarado Monumento Histórico Artístico Nacional no ano 1931 e tamén ten a consideración de Ben de Interese Cultural. Tamén se atopan petróglifos en varias das pedras do monte, elaborados 2.000 anos antes da ocupación do castro, que, seguindo a tese mantida por de la Peña Santos, director das últimas campañas de escavacións sistemáticas na década dos oitenta, tivo unha ocupación continuada entre o século I a.C., ao pouco de comezar o proceso de romanización de Galicia, e o século I d.C., e a partir dese momento comezou un lento proceso de abandono, que ben puido ter sido interrompido con reocupacións esporádicas temporais en época tardorromana.