Zooplancto
Tradicionalmente dividiuse a comunidade planctónica en fitoplancto ou plancto vexetal e en zooplancto ou plancto animal.[1]
Denomínase zooplancto[2] á fracción do plancto constituída por seres que se alimentan por inxestión, de materia orgánica xa elaborada. Intégrana protozoos, é dicir, protistas diversos, fagótrofos que engloban o alimento fagocitándoo, e tamén por larvas de animais máis grandes, como esponxas, vermes, equinodermos, moluscos ou crustáceos e doutros artrópodos acuáticos, así como formas adultas de pequeno tamaño de crustáceos como copépodos ou cladóceros, rotíferos e fases xuvenís de peixes.
Son heterótrofos que oupan na cadea trófica as primeiras posicións de consumidores, alimentándose dos produtores primarios (compoñentes do fitoplancto), de organismos descompoñedores (como bacterias) ou doutros compoñentes do zooplancto. Algúns se alimentan de residuos orgánicos particulados.
En moitos casos os integrantes do zooplancto gardan unha gran proximidade sistemática con outros do fitoplancto, ás veces incluso son do mesmo xénero. Por exemplo, moitas algas unicelulares flaxeladas simultanean ou alternan a fotosíntese coa inxestión de alimentos orgánicos.
Integrantes do holoplancto
[editar | editar a fonte]- Protozoarios
- Foraminiferos: Teñen unha casca de carbonato de calcio con perforacións por onde xorden prolongamentos para capturar o seu alimento. Son heterótrofos.
- Radiolarios: Móvense por pseudópodos. Posúen un esqueleto de sílice e teñen simetría radial.
- Ciliados: Presentan no seu corpo unha multitude de pequenos filamentos denominados cilios. Os ciliados mariños encóntranse xeralmente sobre as algas, nos sedimentos, e tamén sobre a pel dos peixes e no intestino de ourizos de mar[Cómpre referencia].
- Tintínidos: Posúen unha cuberta orgánica, unha testa e, ao igual que os outros ciliados, móvense utilizando os cilios.
- Pluricelulares
- Medusas: Unha medusa pode ser un estado de desenvolvemento doutro pluricelular sésil, é dicir, que non ten mobilidade, polo que se relaciona co bentos, ou ser un organismo libre adulto. Logra a súa flotación grazas á súa forma de paracaídas. O seu corpo está formado fundamentalmente por auga (até o 98 %).
- Sifonóforos: Entre outras especies, as do xénero Physalia (fragata portuguesa).
- Copépodos: Son crustáceos que constitúen case o 70 % do zooplancto. Posúen dous pares de antenas (como todos os crustáceos), e o tórax está dividido en seis segmentos, cada un cun par de apéndices aplanados, e o abdome presenta cinco segmentos desprovistos de apéndices.
- Eufausiáceos: Nalgunhas latitudes forman o que se coñece co nome de krill (principal alimento das baleas).
Integrantes do meroplancto ou plancto temporal
[editar | editar a fonte]- Larvas de invertebrados (non crustáceos nin equinodermos)
- Larvas de crustáceos
- Nauplio, zoea, megalopa, cipris etc.
- Larvas de equinodermos
- Pluteus
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "zooplancto no dicionario da [[RAG]].". Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2013. Consultado o 18 de xaneiro de 2013. Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine.
- ↑ Do grego ζωον zōon, "animal", e plancto.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Zooplancto |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Plancton du monde en Océanopolis. (en francés) Consultada o8/01/2013.