Saltar ao contido

Ángel Amor Ruibal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaÁngel Amor Ruibal

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento11 de marzo de 1869 Editar o valor en Wikidata
Cangrallo, España Editar o valor en Wikidata
Morte4 de novembro de 1930 Editar o valor en Wikidata (61 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa católica Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoMetafísica, Filosofía da relixión, Hermenéutica e filoloxía Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónfilósofo, escritor, profesor universitario, autor Editar o valor en Wikidata
Membro de
Influencias

Galiciana: 27837 BNE: XX852671 BUSC: amor-ruibal-angel-1869-1930

Ángel María José Amor Ruibal, nado en Cangrallo (Barro)[1] o 11 de marzo de 1869 e finado en Santiago o 4 de novembro de 1930, foi un destacado pensador galego.

Malia as múltiplas preocupacións e unha precaria saúde, logrou unha extensa produción apoiada na súa enorme erudición novecentista que abranguía a lingüística, a historia, a canonística teórica e práctica, a teoloxía e sobre todo a filosofía. Posuidor dunha prodixiosa memoria, a súa tenacidade superou a dificultade que existía no afastamento de Santiago respecto dos centros culturais e do ambiente cultural en xeral, sobre todo para a xente que o rodeaba.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Casa natal en Porráns.
Placa.

Nace no lugar de Cangrallo, parroquia de San Breixo (Barro); no seo dunha familia labrega acomodada.[1] A pesar dos seus éxitos posteriores, non comezou os estudos con bo pé: os seus suspensos no acceso ó Seminario en xuño e setembro de 1879 e na convocatoria extraordinaria de setembro de 1880 probablemente non se deban á ignorancia, senón ó seu desacordo co ambiente intelectual romano e ós seus ataques contra o cardeal Billot, paladín da restauración escolástica. Mais logo comezaron os "benemeritus" (notables) entre 1880 e 1882 e sobe ós "meritissimus" a partir de entón (agás o derradeiro suspenso en Dereito romano en 1886). Os seus estudos comezaron en Herbón (tres cursos de 1880 a 1884) e só logo foi ó Seminario central de Santiago: alí permaneceu ata completar Teoloxía, Filosofía e Canons, ben complementadas con Humanidades e Ciencias. Nos anos 1895 e 1896 residiu en Roma coa idea de facer o doutoramento na Pontificia Universidade Gregoriana, mais axiña volveu a Santiago de Compostela, onde rematou a súa preparación.[1] O exame de grao para o título de Doutor en Teoloxía tivo por tema "Deus é inmenso e eterno" e realizouno en latín con citas hebreas e gregas. Á parte do currículo oficial, sempre cultivou a investigación filolóxica, chegando a dominar moitas das linguas biblicas e antigas, tales coma o grego, sánscrito, hebreo, persa, copto, árabe, latín e siríaco.[1] Tamén dominou e cultivou varias linguas modernas.

En 1890 é premiado pola Sociedade Oriental Xermánica de Berlín pola tradución da gramática sirio-caldea. Posteriormente volveu ser premiado por esta sociedade no 1893,[1] sendo decisivo para el o terceiro premio obtido na categoría Altorientalische Geschellschaft, cando era aínda seminarista, cunha Memoria sobre as orixes e formas do caldeo. O propio Ramón Cabanillas foi quen pasou a limpo o texto latino, cuxa existencia foi por fin confirmada no ano 2004 grazas ó libro de Lemos Montanet. A correspondencia habitual entre Amor Ruibal e Leipzig ou Friburgo de libros tanto mercados coma en empréstito confirma a atención e prestixio dos que gozaba no estranxeiro: Amor Ruibal recibiu a encarga da tradución e adaptación ao castelán do Kirchliches Handlexikon. Máis tarde expresou o seu desgusto contra o Manifesto que os seus amigos e inspiradores alemáns (Herder) asinaron en 1914 en apoio ó Kaiser Guillerme II no empezo da Primeira guerra mundial.

Infrutuosas as súas aspiracións a coenxías en Santiago de Compostela, Ourense e Granada (a onde nin foi), conseguiu a santiaguesa en 1902. En 1916 presentouse para o Senado español sen quitar escano, máis ben como método para prestixiar algunha candidatura. Nunca aceptou ser declarado bispo e sempre preferiu centrarse no seu labor de profesor de Teoloxía Fundamental e Dereito canónico.

Considérase un dos creadores e teóricos dunha nova área de coñecementeo, a da lingüística comparada[1]. Pediúselle axuda para dous proxectos internacionais: o Novo código de Dereito canónico e os traballos de preparación para a posible definición dogmática da Mediación universal de María. Só deste se conserva o texto, latino, da súa primeira parte (publicado por Rey Martínez na revista Compostellanum), pero non da segunda (Hymnologia graecorum pro thesi) nin do Código.[2]

Dende párrocos ata o propio cardeal Tedeschini, fixéronlle consultas sobre problemas canónicos, e xornalistas e institucións pedíanlle informes (entre eles as recensións da Dogmática de P. I. Hermann ou o Dereito penal do seu curmán Constante Amor Neveiro), mesmo algúns deles sobre temas fóra do que oficialmente era a súa especialidade, como a etimoloxía de "Compostela" e de "Libredón" ou a historia de Santiago, da súa catedral ou do Hospital Xeral. Algunhas das súas obras recentemente reeditadas (no mencionado libro de Lemos) son:

  • Constituciones de la S. A. M. I. Catedral de Santiago adaptadas a la legislación canónica vigente y derecho concordado (procedente dun libreto);
  • Las peregrinaciones a Santiago. Los nombres de Libredón y Compostela;
  • La Capilla del Gran Hospital. Sus privilegios;
  • Una carta del autor de "Ne temere";
  • Rúa del Villar. Examen glotológico de sus denominaciones en el siglo XII;
  • La lengua gallega y su léxico etimológico;
  • Galicia y sus hombres. Una entrevista con el sabio políglota Dr. Amor Ruibal;
  • La cruz svástica en Galicia. La cruz svástica no es celta (procedentes de artigos en xornais);

Porén, séguese sen saber nada do proxecto Los problemas fundamentales de la Filosofía y el Dogma, previsto para 17 tomos, unha das súas obras fundamentais. A súa obra Los problemas de la Filología comparada foi traducida no seu tempo a varios idiomas modernos.

Especial atención merece a súa preocupación filolóxica polo galego, alén da reclusión á lírica: xa daquela afirmaba que "tiña aptitudes para todos os xéneros de forma literaria". Sen perder o tempo en disquisicións terminolóxicas sobre se o galego é lingua ou dialecto, o seu magno proxecto inacabado era un estudo científico do galego cun dicionario etimolóxico que profundaría mesmo ata o sánscrito, para o que afirmaba "ter recollido bos materiais".[3][4] Sen caer nos extremos da controversia imperante verbo do celtismo lingüístico e cultural, pon equilibrio na disputa, que dalgún modo se corresponde coa actual arredor do reintegracionismo. Defende que o galego, dende a perspectiva da lexicoloxía, ten forte preponderancia da asimilación galaico-portuguesa, e esta é lexítima se non se cae no abuso e se se recoñece a singular evolución histórica do galego. Á vista disto pode verse o gran sentido práctico de quen podería estar vivindo nun aparte especulativo.[Cómpre referencia]

Neste aspecto de coidado ós asuntos máis concretos, o seu labor persoal estendíase mesmo á realización e composición material dos libros escritos en alfabetos non latinos na prensa. No ano 1927 cobre a praza de vigairo capitular, publicando 17 circulares, polas que resolve preitos xurídicos e administrativos, organiza como Gobernador eclesiástico e Provisor do arcebispo, e aborda temas tan dispares coma o precepto pascual ou a casuística das bulas, a formación seminarista, a organización das mocidades, a prensa católica, a promulgación e levantamento de excomuñóns para o enterramento dun suicida ou a renovación do edificio do Seminario.

Influencia

[editar | editar a fonte]

Á parte de ser unha das figuras clave da filoloxía e lingüística coas que a Igrexa católica contribuíu ó galeguismo (xunto con Sarmiento, Antonio Noriega Varela e en xeral toda a xeración do seminario de Mondoñedo), mantén unha posición orixinal na resolución da crise modernista, sen darse ó historicismo relativizador nin á ortodoxia fosilizada nun pensamento ahistórico e inxenuamente realista. En boa parte, hai que interpretalo en relación coa Teoloxía liberal protestante (cuxos maiores exponentes españois son Miguel de Unamuno e mais Amor Ruibal) paralela ó proxecto de Harnack, independentemente da controversia pro- ou anti-escolasticista. Por moito que esta sexa a súa formación, o seu pensamento renovador e a súa fonda intuición non se restrinxiron a este encadramento.

No ano 2004 instituíuse o Arquivo Amor Ruibal (en formación no Instituto Teológico Compostelano) que conta con correspondencia, escritos menores do autor, anotacións, fotos e noticias xornalísticas.

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Allegue, Pilar (21/4/2020). "Amor Ruibal, un sabio políglota". Nós Diario. 
  2. Lemos Montanet 2004, p. 281, 284.
  3. Alonso Montero, Xesús (9 de agosto de 2019). "Sesquicentenario de Amor Ruibal". La Voz de Galicia. Consultado o 15 de novembro de 2021. 
  4. "Amor Ruibal, Ángel, "La lengua gallega y su léxico etimológico", en Faro de Vigo, (1, xaneiro, 1927)". Galiciana. 2016. Consultado o 3/10/2019. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]