Samuel Johnson
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 18 de setembro de 1709 Lichfield, Reino Unido |
Morte | 13 de decembro de 1784 (75 anos) Londres, Reino Unido |
Causa da morte | complicacións dunha cirurxía |
Lugar de sepultura | Abadía de Westminster |
Relixión | Anglicanismo |
Educación | Pembroke College (en) (1728–1731) King Edward VI College Stourbridge (en) King Edward VI School (en) |
Actividade | |
Ocupación | lexicógrafo, ensaísta, biógrafo, político, libreiro, tradutor, crítico, crítico literario, escritor, lingüista, mestre, poeta, historiador da literatura, prosista |
Partido político | Tory (pt) |
Profesores | William Adams (en) |
Alumnos | David Garrick |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Elizabeth Porter (1736–) |
Pais | Michael Johnson e Sarah Ford |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Джонсон Сэмюэл) Dictionary of National Biography Dictionary of African Biography, |
|
Samuel Johnson, nado en Lichfield (Staffordshire) o 18 de setembro de 1709 e finado en Londres o 13 de decembro de 1784, foi unha das figuras literarias máis importantes de Inglaterra: poeta, ensaísta, biógrafo e lexicógrafo e é considerado por moitos como o mellor crítico literario en lingua inglesa. Johnson era posuidor dun gran talento e dunha prosa cun estilo inigualable.
Devoto anglicano e politicamente conservador, o Dr. Johnson foi descrito como «sen dúbida, o home de letras máis distinguido da historia inglesa».[1] A pesar da gran calidade da súa obra e a súa enorme celebridade en vida, Johnson é principalmente lembrado por ser o obxecto de «o máis notable exemplo de arte biográfico nas letras inglesas», a biografía escrita polo seu amigo James Boswell, The Life of Samuel Johnson, á que quedou inevitablemente ligado.[2] Famoso pola súa brillante conversa, e grazas aos seus múltiples biógrafos contemporáneos, coñécense gran cantidade de anécdotas do Dr. Johnson. Igualmente, o seu estilo aforístico, a súa filosofía baseada sobre todo no sentido común, e a súa elegancia escrita, fixeron que sexa o segundo autor máis citado da lingua inglesa tras Shakespeare.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo dun humilde libreiro, Johnson naceu en Lichfield, Staffordshire e educouse na Lichfield Grammar School; o 31 de outubro de 1728, pouco despois de cumprir os dezanove anos, ingresou no Pembroke College, de Oxford. Pasados só trece meses, con todo, a súa precaria situación económica obrigouno a deixar Oxford sen ningún título. Tentou entón traballar como instrutor e mestre de escola, pero foi rexeitado polo director da Adam´s Grammar School, o reverendo Samuel Lee, atopando traballo logo nunha escola de Stourbridge. Aos vinte e cinco anos contraeu matrimonio con Elizabeth "Tetty" Porter, unha viúva que lle leva vinte e un anos de idade.
En 1737, Johnson, sen un penique, mudouse a Londres xunto ao seu exalumno David Garrick, e comezou a escribir para The Gentleman´s Magazine, baixo a dirección de Edward Cave. Durante as seguintes tres décadas, Johnnson escribiu copiosamente: ensaios, poesía, biografías, informes parlamentarios e mesmo o catálogo da Harlein Library. Continuou a vivir na pobreza. Os seus traballos máis importantes deste período son o poema London (1738) e Life of Savage (1745). Este último conta a vida dun amigo seu, o escritor Richard Savage, quen compartira con Johnson a súa pobreza e morrera o ano anterior.
Entre 1747 e 1755, Johnson compuxo a súa obra máis coñecida, A Dictionary of the English Language. Aínda que é moi eloxiada e incalculablemente influente, Johnson non gañou moito diñeiro dela, tan só 1575 libras, por ter que custear o longo proceso de escritura. Durante este tempo tamén publicou unha serie de traballos case semanais titulados The Rambler ("O divagador"). Xeralmente de temática moral ou relixiosa, estes ensaios son máis serios do que o seu título suxire, e continuaron a aparecer até 1752. O seu mozo amigo James Elphinstone (1721-1809) publicounos semanalmente tamén en Edimburgo. Non foron moi populares, pero unha vez que foron compilados nun único volume tiveron unha grande aceptación. A esposa de Johnson morreu pouco despois de aparecer a última entrega, e viuse sumamente afectado por esta perda.
Johnson comezou a escribir outra serie, The Idler ("O ocioso"), en 1758. Estes ensaios son máis breves e menos serios que os anteriores, e publicáronse semanalmente durante dous anos. A diferenza de The Rambler, publicado de maneira independente, The Idler apareceu nunha publicación semanal.
En 1759 publicou a novela filosófica The History of Rasselas, Prince of Abissinia, segundo dixo, escrita en dúas semanas para custear o funeral da súa nai; o éxito foi rotundo, recibindo encomios mesmo no estranxeiro, onde foi e segue a ser comparada co Cándido de Voltaire, novela de temática parecida e escrita case á vez. Nesta época, estreouse grazas a David Garrick a súa obra de teatro Irene, que foi un rotundo fracaso: Johnson foi repudiado como dramaturgo pola súa linguaxe, que acusaron de dilatado. Tamén publicou un plan de subscrición para a edición das obras de Shakespeare, que non viron a luz até dez anos despois; o poeta contemporáneo Charles Churchill aludiu a este feito ao escribir: "Hei for subscribers baits his hook / and takes your cash, but where's the book?" (Para os subscritores prepara a súa carnada/ e toma o seu diñeiro, pero, onde está o libro?)
En 1762, Johnson recibiu unha pensión gobernamental de trescentas libras anuais, principalmente grazas aos esforzos de Thomas Sheridan e o duque de Bute. O ano seguinte coñeceu a James Boswell, o seu futuro biógrafo. Máis ou menos ao mesmo tempo, en 1764, fundou “The Club”, un grupo literario que incluía a Joshua Reynolds, Edmund Burke, David Garrick, Edward Gibbon e Oliver Goldsmith, entre outros. Para entón, Johnson xa era unha celebridade; en 1765 recibiu un doutoramento honorífico do Trinity College en Dublín, seguido por un de Oxford dez anos despois. A partir deste momento, pasou a ser referido como o doutor Johnson.
En 1765 coñeceu a Henry Thrale, un opulento cervexeiro e membro do parlamento. Ao pouco tempo fixéronse amigos, e Johnson integrouse na familia: viviu cos Thrales os seguintes quince anos, até a morte de Henry en 1781. Os diarios e a correspondencia de Hester Thrale son, despois do material de Boswell, a fonte de información máis importante que hai sobre Johnson. Xeralmente sinalouse que Johnson dificilmente alcanzaría os 75 anos de idade de non ser pola axuda e os coidados que recibiu cos Thrale, polo menos até a morte de Henry Thrale en 1782. A axuda económica que recibiu dos mesmos permitiulle manterse máis dignamente do que os seus escasos ingresos e a súa pobre pensión lle permitían.
En 1773, dez anos despois de coñecérense, Boswell e Johnson embarcáronse nunha viaxe polas illas occidentais de Escocia, cuxo testemuño quedou plasmado no libro A Journey to the Western Islands of Scotland (1775).[4] A súa visita ás terras altas de Escocia e ás illas Hébridas tivo lugar durante a pacificación posterior á era xacobina, cando o sistema de clans escocés estaba a ser obliterado e a cultura gaélica romantizada. Johnson atacou duramente a quen aseveraron que os poemas sobre Ossian de James Macpherson eran traducións da literatura escocesa antiga, afirmando que non había probas de que a linguaxe escocesa gaélica (erse) “fose unha lingua escrita”; Johnson non deixou de convencerse diso ao pedir a McPherson que mostrase o manuscrito do que dicía obter o poema, algo que este nunca fixo, e acabou concluíndo que o máis probable era que McPherson adaptase poemas da tradición oral gaélica e os refundise a modo de saga. No entanto, foi especialmente hostil contra McPherson e os poemas de Ossian, dos que dixo que eran vulgares e de baixa calidade; ademais, partindo dun moderado non hai probas acabou proclamando que o erse nunca fora unha lingua escrita. Con todo, Johnson contribuíu ao fomento desta lingua pedindo que se traducise a Biblia a este idioma, o que se fixo ao pouco tempo. Até entón, os galos escoceses dependeran da versión gaélica irlandesa de Bedell.
Igualmente, interesouse por outras linguas minoritarias e a súa tradición escrita: pediu que as linguas gaélicas fosen comparadas coa lingua de Biscaia (éuscaro) para ver se podía trazarse algún parentesco entre ambas, ao saber que se dicía que non había outro idioma igual a aquel; o seu interese polo sardo levouno a encargar que lle trouxesen libros escritos naquel idioma; e sempre manifestou un vivo interese polo frisón, a lingua de Frisia, da que sinalou o gran parecido co inglés, e coa que sufriu unha viva decepción ao ver a pobreza da súa tradición escrita. En todos os casos, parece ser que animou ao desenvolvemento dunha cultura escrita neses idiomas.
Durante a década de 1770 Johnson visitou a miúdo Edimburgo xunto a Boswell, Lord Kames e Lord Monboddo, con quen se escribiu profusamente e intercambiaba críticas literarias. Accedeu a revisar a Historia de Escocia que Lord Kames estaba a preparar.
O último traballo importante de Johnson é o seu Lives of the English Poets, proxecto comisionado por un consorcio de libreiros londiniense. Este libro compila unha serie de estudos críticos e biográficos que serven de prefacio a diversas antoloxías poéticas, e están considerados como a base da crítica literaria moderna a estes poetas.
A saúde de Johnson comezou a resentirse por mor da morte do seu amigo e patrón Henry Thrale. As súas amizades esperaran que este deixase unha pensión a Johnson, pero non o fixo. A súa relación coa viúva de Thrale comezou a deteriorarse até romper con ela, por mor da súa voda co cantante italiano Piozzi; dende ese momento, Johnson perdeu todo padroádego, e tivo que vivir dos seus recursos, que eran escasos. Aínda que a imaxe de Johnson sempre quedou ligada á do gran sabio encomiado que dá Boswell na súa biografía, o certo é que durante a maior parte da súa vida Johnson viviu nunha gran penuria económica. Os seus escritos e ensaios eran moi mal pagos, e apenas gañou nada deles. Agás a breve visita a París cos Thrale, non realizou máis viaxes ao continente porque non tiña os medios. Basicamente, vivía da pensión de 300 libras anuais que recibía do goberno e da xenerosidade dos seus amigos, e ata que non lle foi concedida a pensión, a súa situación económica foi tremendamente precaria e causa de moitas das súas depresións. Sábese que Samuel Richardson pagou unha vez unha débeda de Johnson de 18 libras para sacalo da prisión de debedores en que o confinaran, e que Reynolds e Boswell adoitaban emprestarlle diñeiro, sen pretender que lles fose devolto. Isto era, ao parecer, algo bastante penoso para Johnson.
En 1784 sufriu unha serie de ataques que fixeron que Boswell e Reynolds, temendo por el, planeasen conseguirlle que se lle dobrase a súa pensión estatal para que puidese custear unha viaxe a Italia ou a algún lugar do sur de Europa, onde pasar o resto dos seus días. Johnson, ante a noticia desta xestión, sentiuse tremendamente emocionado e case se botou a chorar de agradecemento, pensando no gran luxo co que podería vivir cunha pensión de 600 libras anuais (cantidade bastante modesta para unha vida de luxo naquela época). Con todo, o novo goberno de Pitt “o Mozo”, pouco favorable ao ancián Johnson, negoullo. A partir do verán de 1784 Johnson viviu nun estado de depresión e certa amargura, ao sentirse morrer abandonado. Tras unha breve visita ás Midlands, Johnson regresou en outubro de 1784 a Londres, onde a súa saúde o obrigou a gardar cama ata que, rodeado dos seus amigos e admiradores, morreu o 13 de decembro de 1784, e foi enterrado na abadía de Westminster, no Poet’s Corner, xunto aos grandes homes de letras de Inglaterra.
Tras a súa morte, recibiu multitude de homenaxes, e erixíuse na súa honra un gran monumento funerario na catedral de San Paulo en Londres.
Personalidade
[editar | editar a fonte]Dunha gran contextura física, Johnson tiña a vista e o oído moi débiles; o seu rostro presentaba varias cicatrices, por padecer escrófula cando era un neno, e tamén sufría de varios tics e movementos involuntarios. Os síntomas descritos polos seus contemporáneos suxiren que Johnson puido sufrir posiblemente de trastornos obsesivo-compulsivos. Tendía ao que entón se chamaba melancolía.
Johnson era un anglicano devoto e conservador, un acérrimo tory, e un home compasivo, que aloxou varios dos seus amigos en dificultades económicas. Aínda que apoiou a causa xacobita, terminou aceptando a sucesión hannoveriana na época de Xurxo III. Johnson foi un pensador en extremo orixinal e independente durante toda a súa vida, o que explica a súa profunda afinidade cara á obra de John Milton, a pesar da visión tan radical (e para Johnson, intolerable) que tiña Milton en asuntos de política e relixión.
A fama de Johnson débese en gran parte á exitosa biografía escrita por Boswell, Life of Johnson. Con todo, cómpre notar que Boswell o coñeceu despois de que este alcanzase xa a fama e unha certa estabilidade económica, polo que o libro tende a retratar esta última etapa. Explícase entón que Johnson sexa comunmente coñecido como unha acerba pero entrañable personaxe de alta sociedade, a pesar de vivir na pobreza durante gran parte da súa vida.
Antes de asentarse en Londres, Johnson residiu en Birmingham; un friso na Old Square inmortalizou a súa estancia alí. A Birmingham Central Library posúe unha importantísima colección da súa obra, cuns dous mil volumes, incluíndo moitas primeiras edicións, ademais de numerosos xornais literarios e libros sobre el.
Obras selectas
[editar | editar a fonte]
Biografías, críticas, traballos lexicográficos[editar | editar a fonte] | |
1745 | Life of Richard Savage |
1755 | A Dictionary of the English Language |
1765 | The Plays of William Shakespeare |
1775 | A Journey to the Western Islands of Scotland |
1781 | Lives of the English Poets |
Ensaios, panfletos, revistas[editar | editar a fonte] | |
1747 | Plan for a Dictionary of the English Language |
1750-1752 | The Rambler |
1758-1760 | The Idler |
1770 | The False Alarm |
1774 | The Patriot |
Poesía[editar | editar a fonte] | |
1738 | London |
1747 | Prologue at the Opening of the Theatre in Drury Lane |
1749 | The Vanity of Human Wishes |
Irene, a Tragedy | |
Novela curta[editar | editar a fonte] | |
1759 | The History of Rasselas, Prince of Abissinia |
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Samuel Johnson |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bate, Walter Jackson (1977). Samuel Johnson. New York: Harcourt Brace Jovanovich. ISBN 0-15-179260-7..
- Bate, Walter Jackson (1955). The Achievement of Samuel Johnson. Oxford: Oxford University Press. OCLC 355413..
- Broadley, A. M. (1909). Doctor Johnson and Mrs Thrale : Including Mrs Thrale's unpublished Journal of the Welsh Tour Made in 1774 and Much Hitherto Unpublished Correspondence of the Streatham Coterie. Londres: John Lane The Bodley Head.
- Fine, LG (maio-xuño 2006). Samuel Johnson's illnesses. J Nephrol 19. pp. S110–4. PMID 16874722..
- Gopnik, Adam (8 de decembro de 2008). The Critics: A Critic at Large: Man of Fetters: Dr. Johnson and Mrs. Thrale. The New Yorker 84. pp. 90–96. Consultado o 9 de xullo de 2011.
- Johnson, Samuel (1952). Chapman, R. W., ed. Letters. Oxford: Clarendon. ISBN 0-19-818538-3..
- Johnson, Samuel (2000). Greene, Donald, ed. Major Works. Oxford: Oxford University Press. ISBN 0-19-284042-8..
- Kammer, Thomas (2007). "Mozart in the Neurological Department: Who has the Tic?". En Bogousslavsky, Julien; Hennerici, M. Neurological Disorders in Famous Artists, Part 2. Frontiers of Neurology and Neuroscience 22. Basel: Karger. pp. 184–92. ISBN 978-3-8055-8265-0. PMID 17495512. doi:10.1159/000102880..
- Lane, Margaret (1975). Samuel Johnson & his World. Nova York: Harper & Row Publishers. ISBN 0-06-012496-2..
- Leavis, FR (1944). Johnson as Critic. Scrutiny 12. pp. 187–204..
- Murray, TJ (xullo-agosto de 2003). Samuel Johnson: his ills, his pills and his physician friends. Clin Med 3. pp. 368–72. PMID 12938754. doi:10.7861/clinmedicine.3-4-368..
- Sacks, Oliver (19–26 de decembro de 1992). Tourette's syndrome and creativity. British Medical Journal 305. pp. 1515–16. PMC 1884721. PMID 1286364. doi:10.1136/bmj.305.6868.1515.
... the case for Samuel Johnson having the syndrome, though [...] circumstantial, is extremely strong and, to my mind, entirely convincing
. - Stephen, Leslie (1898). "Johnsoniana". Studies of a Biographer 1. Londres: Duckworth and Co. pp. 105–146.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Samuel Johnson at the Eighteenth-Century Poetry Archive (ECPA)
- Samuel Johnson and Hodge his Cat* Full text of Johnson's essays arranged chronologically
- Programs de BBC Radio 4:In Our Time e Great Lives
- A Monument More Durable Than Brass: The Donald and Mary Hyde Collection of Dr. Samuel Johnson – online exhibition from Houghton Library, Harvard University
- The Samuel Johnson Sound Bite Page, colección de citas
- Samuel Johnson na National Portrait Gallery