Saltar ao contido

Antropoceno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Antropoceno[1] é o nome que se lle deu a unha nova época xeolóxica proposta por algúns científicos. Esta época comezaría cando as actividades humanas empezaron a ter un impacto global significativo sobre os ecosistemas e a xeoloxía da Terra.[2][3][4] Con todo, esta proposta foi rexeitada pola Comisión Internacional de Estratigrafía e a Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas en 2024, polo que o nome non foi recoñecido oficialmente en xeoloxía.[5]

O proceso da proposta comezara en 2008, cando se presentou unha proposta na Comisión de Estratigrafía da Sociedade Xeolóxica de Londres para facer do Antropoceno unha unidade formal na división das épocas xeolóxicas.[4][6] Por ampla maioría, a Comisión decidiu que a proposta merecía ser examinada. Daquela fixéronse traballos por grupos científicos que traballaron de xeito independente en varias sociedades xeolóxicas para determinar se o Antropoceno debería ser aceptado ou non formalmente na escala de tempo xeolóxica.[7]

O Grupo de Traballo do Antropoceno (AWG) reuniuse a mediados de 2016 para analizar as probas e valorar se o Antropoceno era unha verdadeira época xeolóxica.[8] A proposta foi revisada pola Comisión Internacional de Estratigrafía ese mesmo ano. Unha vez aprobada alí, a proposta para adoptar o termo tería que ser ratificada pola Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas antes da súa adopción formal como parte da escala de tempo xeolóxico.[9] En maio de 2019, o Grupo de Traballo do Antropoceno (AWG) votou a favor de enviar unha proposta formal á Comisión Internacional de Estratigrafía (ICS) en 2021,[10] situando os posibles marcadores estratigráficos na metade do século XX.[11][10][12] Este período coincide co inicio da chamada Grande aceleración, un período de tempo posterior á segunda guerra mundial durante o cal as tendencias dos sistemas da Terra e socioeconómicos se incrementaron de xeito drástico,[13] e co da era atómica.

O termo "Antropoceno", xa utilizado por científicos soviéticos na década de 1960[14] para referirse ao Cuaternario, o período xeolóxico máis recente, foi acuñado cun sentido distinto na década de 1980[15] polo ecólogo Eugene F. Stoermer. Foi popularizado posteriormente polo químico atmosférico Paul J. Crutzen. Este consideraba que a influencia do comportamento humano sobre a atmosfera da Terra nos séculos recentes é tan significativa que permite constituír unha nova época xeolóxica. Un artigo de xaneiro de 2016 da revista Science, no que se investigaba as sinaturas climáticas, biolóxicas e xeoquímicas da actividade humana nos sedimentos e núcleos de mostras de xeo, suxerían que o intervalo desde mediados do século XX debería ser recoñecido como unha época xeolóxica distinta do holoceno.[16]

Malia non estar oficializado, na literatura científica empezou a estenderse o uso do termo "Antropoceno",[17] e a Geological Society of America titulou a súa xuntanza anual de 2011 Archean to Anthropocene: The past is the key to the future.[18] Non hai acordo sobre a data en que comeza o Antropoceno, mais algúns científicos propuxeron baseándose base nas evidencias atmosféricas, que se pode considerar que empeza coa Revolución Industrial, a finais do século XVIII.[6][19] Outras teorías ligan o termo a eventos máis antigos, como a Revolución Neolítica, hai arredor de 12.000 anos. As probas sobre o impacto humano relativo, como a influencia do aumento do uso da terra, os ecosistemas, a biodiversidade e a extinción de especies, son controvertidas. Tamén se cre que o impacto humano cambiou significativamente o crecemento da biodiversidade, ou mesmo chegou a detela.[20] Quen consideran que empeza en datas máis antigas sitúan o inicio do Antropoceno entre 14.000 a 15.000 anos atrás, segundo probas litosféricas. Isto fixo tamén suxerir que "o comezo do Antropoceno debería retrotraerse moitos miles de anos";[21]:1 de modo que sería case síncrono co termo actual holoceno (practicamente serían sinónimos).

En xaneiro de 2015, 26 dos 38 membros do Grupo Internacional de Traballo do Antropoceno (International Anthropocene Working Group, IAWG) publicaron un artigo no que se propoñía que a proba nuclear Trinity, realizada o 16 de xullo de 1945, fose o punto de inicio da nova época.[22] Porén, unha significativa minoría apoia algunha das diversas datas alternativas que tamén se propuxeron.[22] En marzo de 2015, un artigo publicado en Nature suxería que os anos 1610 ou 1964 poderían tomarse como o inicio do Antropoceno.[23] Outros expertos sinalaron o carácter diacrónico dos estratos físicos do Antropoceno e argumentaron que o comezo e o impacto se estenden no tempo e non son reducíbles a unha soa data de comezo.[24]

Dos doce sitios candidatos seleccionados como posibles "cravos de ouro" ou Sección Estratotipo e Punto Límite Global (Global Boundary Stratotype Section and Point, GSSP), escolleuse propoñer finalmente os sedimentos de Crawford Lake do Canadá, en xullo de 2023, para marcar os límites do Antropoceno, que empezaría co piso/idade Crawfordiano en 1950.[25][26] En marzo de 2024, despois de 15 anos de deliberación, a proposta para oficializar a época Antropoceno da AWG foi votada e rexeitada por ampla marxe pola Subcomisión de Estratigrafía do Cuaternario (SQS), debido principalmente ao seu escaso rexistro sedimentario e a data de comezo proposta extremadamente recente.[27][28] A Comisión Internacional de Estratigrafía (ICS) e a Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas (IUGS) confirmaron despois formalmente, en votación case unánime, o rexeitamento da proposta da AWG de que se incluíse a época do Antropoceno na escala de tempo xeolóxica.[5][29][30] A declaración da IUGS sobre o rexeitamento concluía o seguinte: "Malia o seu rexeitamento como unidade formal da escala de tempo xeolóxica, o Antropoceno continuará, non obstante, usándose non só polos científicos ambientais e da Terra, senón tamén polos científicos sociais, políticos e economistas, así como polo público en xeral. Permanecerá como un valioso descritor do impacto humano no sistema Terra."[30]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome Antropoceno é unha combinación das raíces gregas: anthropo- (ἄνθρωπος [31]) que significa "ser humano" e -ceno (de kainos), que significa "novo". Todas as épocas da era cenozoica rematan en "-ceno".

O biólogo Eugene Stoermer acuñou orixinalmentre o termo, pero Paul J. Crutzen reinventouno independentemente e popularizouno. Stoermer escribiu, "Empecei a usar o termo 'Antropoceno' na década de 1980, pero nunca o formalicei ata que Paul contactou comigo".[32] Crutzen explicou, "Foi nunha conferencia onde alguén dixo algo sobre o holoceno. De repente pensei que estaba errado. O mundo cambiara demasiado. Así que dixen: 'Non, estamos no Antropoceno.' Simplemente, inventei a palabra de improviso. Todo o mundo quedou estupefacto. Pero parecía que impactara."[33] O termo usouse primeiro en 2000 por Crutzen e Stoermer nun boletín do Programa Biosfera-Xeosfera Internacional (International Geosphere-Biosphere Programme).[19] En 2008, Zalasiewicz suxeriu en GSA Today que unha época co nome Antropoceno é agora apropiada.[6]

Xa en 1873, o xeólogo italiano Antonio Stoppani decatándose do incremento do poder e do efecto da humanidade sobre os sistemas da Terra denominouna 'era antropozoica'.[34] Un termo similar, homoxenoceno (do grego antigo homo-, igual, e xeno-, tipo, kainos-, -ceno, novo [período]), foi usado por primeira vez por Michael Samways no seu artigo editorial no Journal of Insect Conservation (1999) titulado "Translocating fauna to foreign lands: here comes the Homogenocene".[35] Samways usou o termo para definir a nosa época xeolóxica actual, na cal a biodiversidade está diminuíndo e os ecosistemas arredor do globo fixéronse máis similares entre si. O termo foi utilizado por John L. Curnutt en 2000 en Ecology, nunha curta lista titulada, "A Guide to the Homogenocene."[36] Curnutt estaba facendo unha revisión do traballo de George Cox titulado Alien species in North America and Hawaii: impacts on natural ecosystems. Andrew Revkin acuñou o termo antroceno no seu libro Global Warming: Understanding the Forecast (1992),[37] no cal escribiu: "estamos entrando nunha idade que podería algún día ser denominada, digamos, o antroceno. Despois de todo, é unha idade xeolóxica da nosa propia creación." O nome evolucionou a "Antropoceno", que parece un termo máis axeitado para o seu uso técnico.[38]

Natureza dos efectos humanos

[editar | editar a fonte]
A Terra de noite, unha imaxe nocturna composta do mundo durante o Antropoceno.

Biodiversidade

[editar | editar a fonte]

O impacto humano sobre a biodiversidade é un dos atributos principais do Antropoceno. A actuación da humanidade deu inicio ao que ás veces se chama a sexta grande extinción da Terra.[39][40] A maioría dos expertos concordan en que as actividades humanas aceleraron a taxa de extinción de especies. A taxa exacta é discutida, quizais é de 100 a 1000 veces maior á taxa de fondo de extinción normal.[41] En 2010 un estudo publicado en Nature atopou que o "fitoplancto mariño – a gran variedade de especies de algas que supoñen aproximadamente a metade do total da biomasa fotosintética da Terra – diminuíu substancialmente nos océanos do mundo durante o pasado século. Só desde 1950, a biomasa de algas decreceu un 40%, probablmente en resposta ao quecemento do océano, e este declive aumentou o seu ritmo nos anos recentes.[42] Algúns autores postularon que sen o impacto do home a biodiversidade do planeta continuaría crecendo a un ritmo exponencial,[20] o que implica que as actividades humanas aceleran ou exacerban o quecemento global. Os incrementos nas taxas globais de extinción empezaron a elevarse desde polo menos o ano 1500, e parece que se aceleraron desde o século XIX en adiante.[3]

Un artigo de opinión publicado o 13 de xullo de 2012 en New York Times polo ecoloxista Roger Bradbury predicía o fin da biodiversidade nos océanos, sinalando que os arrecifes de coral están condenados: "Os arrecifes de coral serán os primeiros, pero de seguro que non os últimos grandes ecosistemas que sucumbirán ao Antropoceno."[43] Este artigo axiña xerou grandes discusións entre os conservacionistas; The Nature Conservancy rebateu a Bradbury na súa páxina web, defendendo a súa posición de protexer os arrecifes de coral a pesar dos impactos humanos continuados que causan a súa decadencia.[44]

Nun par de estudos publicados en 2015, a extrapolación da extinción observada nos caracois de Hawai levou á conclusión de que "a crise de biodiversidade é real", e que o 7% de todas as especies da Terra puideron ter desaparecido xa.[45][46] A predación humana pode considerarse como algo único na historia da vida na Terra, xa que está globalmente distribuída e o home funciona como un gran "superdepredador", que mesmo depreda os adultos doutros superdepredadores e con amplos impactos sobre as redes tróficas en todo o mundo.[47]

Bioxeografía

[editar | editar a fonte]

Os cambios permanentes na distribución dos organismos debido á influencia humana serán identificables no rexistro fósil xeolóxico. Está documentado que moitas especies se moveron a rexións que antes eran demasiado frías para elas, a miúdo a velocidades maiores do agardado inicialmente.[48] Isto ocorreu en parte como resultado da evolución do clima, mais tamén en resposta á agricultura e pesca, e á introdución accidental de especies non nativas en novas áreas debido ás viaxes e transporte global.[3]

Un síntoma xeolóxico que é resultado das actividades humanas é o incremento do contido de dióxido de carbono atmosférico (CO2). Durante os ciclos glaciais–interglaciais dos pasados millóns de anos, os procesos naturais fixeron variar o nivel de CO2 en aproximadamente 100 ppm (desde 180 ppm a 280 ppm). En 2013, as emisións netas antropoxénicas de CO2 incrementaron a concentración atmosférica deste gas nunha cantidade comparable, desde 280 ppm ("equilibrio" do holoceno ou pre-industrial) ata aproximadamente 397 ppm.[49] Este sinal no sistema climático da Terra é especialmente significativo porque está ocorrendo máis rápido,[50] e nunha extensión enormemente máis grande, que os cambios similares acontecidos anteriormente. A maioría deste incremento débese á combustión de combustibles fósiles como o carbón, petróleo, e gas natural, aínda que fraccións menores son o resultado da produción de cemento e cambios no uso da terra (por exemplo, deforestación).

Xeomorfoloxía

[editar | editar a fonte]

Os cambios no patrón de drenaxe imputables á actividade humana persistirán no tempo xeolóxico en grandes partes dos continentes onde o réxime xeolóxico é erosivo. Isto inclúe as rutas por onde se trazaron as autoestradas definidas pola súa nivelación e control de drenaxe. Os cambios directos na forma da superficie da Terra causados polas actividades humanas (por exemplo, canteiras, escavacións, paisaxismo) tamén quedarán rexistrados como impactos humanos.

Estratigrafía

[editar | editar a fonte]

Rexistro sedimentolóxico

[editar | editar a fonte]

As actividades humanas como a deforestación e a construción de estradas crese que elevaron os fluxos medios sedimentarios totais en toda a superficie da Terra.[3] Porén, isto podequedar en parte enmascarado por outras causas; por exemplo, a construción de presas en moitos ríos implica que as taxas de depósitos de sedimentos nun determinado lugar non sempre parecen incrementarse no Antropoceno. Por exemplo, moitos deltas fluviais por todo o mundo están actualmente privados por causa das presas de boa parte dos sedimentos que antes lles chegaban, e están sufrindo subsidencia e non poden igualar o ascenso do nivel do mar que se está a producir.[3] O incremento da erosión debido á agricultura e outras operacións hase reflectir en cambios na composición dos sedimentos e un incremento do seu depósito nalgún outro sitio.

Rexistro fósil

[editar | editar a fonte]

En áreas continentais cun réxime deposicional, as estruturas de grandes construcións de enxeñaría tenden a quedar enterradas e conservadas, xunto con residuos e cascallos. Os residuos e lastre botados polos barcos ou transportados polos ríos e regatos acumúlanse no ambiente mariño, especialmente nas zonas costeiras. Estes artefactos producidos polo ser humano quedan conservados na estrtigrafía e denomínanse "tecnofósiles".[3]

Os cambios na biodiversidade quedan tamén preservados no rexistro fósil, e igualmente a introdución de novas especies.

Elementos traza

[editar | editar a fonte]

En termos de elementos traza, as sociedades modernas deixan tamén claras sinaturas. Por exemplo, no glaciar Fremont superior de Wyoming, hai unha capa de cloro nos núcleos de mostras de xeo desde a época dos programas de probas atómicas da década de 1960, e tamén unha capa de mercurio asociada coas centrais térmicas de carbón da década de 1980. Desde 1945 a 1951, produciuse chuvia radioactiva localmente arredor dos sitios onde se fixeron probas atómicas, mentres que desde 1952 a 1980, as bombas termonucleares deixaron un claro sinal global de exceso de 14C, 239Pu, e outros radionúclidos artificiais. As concentracións deses radionúclidos teñen un pico en 1964, unha das datas que se propuxeron como posible marca que sinala o punto de partida do Antropoceno definido formalmente.[3]

A queima humana de combustibles fósiles tamén deixou claramente elevadas concentracións de carbono negro, cinzas inorgánicas e partículas carbonosas esféricas en sedimentos recentes por todo o mundo. As concentracións destes compoñentes increméntanse marcadamente e case simultaneamente por todo o mundo comezando en 1950.[3]

Límite temporal do Antropoceno

[editar | editar a fonte]

Modelo do "Antropoceno temperán"

[editar | editar a fonte]

Aínda que unha gran parte dos cambios ambientais ocorridos na Terra crese que son unha consecuencia directa da Revolución Industrial, William Ruddiman argumentou que a época proposta do Antropoceno empezou antes, aproximadamente hai 8.000 anos co desenvolvemento das culturas agrícolas e sedentarias. Nese momento, os humanos estaban dispersos por todos os continentes menos pola Antártida, e a Revolución Neolítica estaba en marcha. Durante este período, os humanos desenvolveron a agricultura e a gandería para suplementar ou substituír a súa forma de subsistencia anterior de cazador-recadador. A esas innovacións seguíronlles unha onda de extincións, empezando polas de grandes mamíferos e aves non voadoras. Esta onda foi impulsada pola actividade directa do home (por exemplo, a caza) e as consecuencias indirectas do cambio no uso da terra para a agricultura.

Este período (iniciado hai 10.000 anos) é o que os xeólogos denominan normalmente holoceno. Durante a maior parte do holoceno as poboacións humanas eran relativamente pouco numerosas e as súas actividades eran considerablemente tenues comparadas coas dos últimos séculos. Non obstante, moitos dos procesos que actualmente alteran o medio ambiente da Terra estaban xa ocorrendo durante este período. En canto á mellor data para marcar o comezo do Antropoceno fixéronse varias propostas. Algúns autores consideran que o Antropoceno e o holoceno son un mesmo espazo de tempo xeolóxico,[51][52] e outros pensan que o comezo do Antropoceno é un pouco máis recente.[53] De feito, William Ruddiman na súa argumentación da hipótese do Antropoceno considera que o Antropoceno está definido por un impacto significativo sobre as emisións de gases de efecto invernadoiro, e que non empezou na era industrial senón hai 8,000 anos, cando os primeiros agricultores roturaron os bosques para plantaren as súas colleitas.[54][55][56] O traballo de Ruddiman foi, á súa vez, discutido baseándose nunha comparación cunha interglaciación máis temperá (o "Estadio 11", aproximadamente hai 400.000 anos), que suxire que deben pasar outros 16.000 anos antes de que a actual interglaciación do holoceno chegue ao seu fin, e que por esa razón a hipótese antropoxénica temperá non é válida. Ruddiman argüíu para rebater esa postura que, iso é o resultado de facer un aliñamento non válido da insolación máxima recente cunha insolación mínima do pasado, entre outras irregularidades, o cal invalidaría estas críticas. Ademais, o argumento de que cómpre que haxa "algo" que explique as diferenzas en canto ao interglacial no holoceno é posto en dúbida por investigacións máis recentes que mostran que todos os interglaciais presentan diferenzas.[57]

Aínda que hai 8.000 anos o planeta mantiña só a uns poucos millóns de persoas e estaba aínda esencialmente prístino,[58] algúns consideran que unha data temperá para o termo proposto do Antropoceno é axeitada, xa que foi o comezo do que despois serían impactos maiores.[59]

Antigüidade

[editar | editar a fonte]

Outros poñen un momento da Antigüidade como comezo do Antropoceno. Un momento de inicio plausible para do Antropoceno podería ser hai uns 2.000 anos, que coincide co comezo da fase final do holoceno ou fase subatlántica.[60]

Nese momento o Imperio Romano abranguía unha gran parte de Europa, Oriente Próximo e Norte de África. Na China as dinastías clásicas estaban florecendo. Os reinos medios da India desenvolveran xa a economía de maior tamaño do mundo antigo e medieval. O reino Napata/Meroítico estendíase polos actuais Sudán e Etiopía. Os olmecas controlaban o centro de México e Guatemala, e o pobo preincaico chavín controlaba grandes áreas do norte do Perú. Aínda que a miúdo estes reinos vivían de costas aos outros reinos máis afastados e separados por ecosistemas tampón, as áreas directamente impactadas por estas civilizacións e outras eran grandes. Ademais, algunhas actividades, como a minería, implicaban unha perturbación moito máis ampla das condicións naturais.[61]

Revolución Industrial

[editar | editar a fonte]

Crutzen propuxo a Revolución Industrial como comezo do Antropoceno.[34] Aínda que é evidente que a Revolución Industrial foi acompañada por un impacto humano global sen precedentes sobre o planeta,[62] moitas das paisaxes da Terra xa foran profundamente modificadas antes polas actividades humanas.[63] Por tanto, a datación do comezo dun período co nome de Antropoceno debería asignarse ao momento no que a humanidade se sumou ás outras forzas ambientais con capacidade de darlle forma ao planeta. Pero identificar ese momento é difícil, e mesmo é pouco realista querer identificar un Ano Cero para o comezo do Antropoceno. De feito, o impacto humano sobre a Terra foi crecendo progresivamente, con poucos períodos máis lentos substanciais. Lovelock propuxo que o Antropoceno empezou coa primeira aplicación do motor atmosférico de Newcomen (motor de vapor) en 1712. Ata entón, o nivel máximo de enerxía dispoñible en toda a historia humana estivera limitado a 1 kW por metro cadrado, procedente do sol.

Marcador do Antropoceno

[editar | editar a fonte]

Para caracterizar o Antropoceno cómpre utilizar un marcador que indique un impacto global substancial dos humanos no medio ambiente total, comparable en escala aos que están asociados con perturbacións significativas no pasado xeolóxico, en lugar de cambios menores na composición da atmosfera.[64][65]

Unha candidata útil para este propósito é a edafosfera ou pedosfera (os solos), que pode reter información da súa historia climática e xeoquimica indicando características que duran séculos ou milenios.[66] A actividade humana está agora firmemente establecida como o sesto factor da formación dos solos.[67] Afecta á pedoxénese de forma directa por medio, por exemplo, da nivelación de terras, construción de trincheiras ou terrapléns en obras para varios propósitos, enriquecemento de materia orgánica debido á adición de esterco ou lixo, empobrecemento en materia orgánica debido a un cultivo continuado, compactación por exceso de pastoreo ou, afecta de forma indirecta por medio da acumulación de materiais erosionados ou de contaminantes. Os solos antropoxénicos son os que están marcadamente afectados polas actividades humanas, como o arado repetido, a adición de fertilizantes, a contaminación, selaxe ou enriquecemento con artefactos (na Base de Referencia Mundial para Recursos do Solo este tipo de solos clasifícase como antrosol e tecnosol). Son depósitos persistentes de artefactos e propiedades que testemuñan a dominancia do impacto humano, e, por tanto, parecen ser marcadores fiables para o Antropoceno. Algúns solos antropoxénicos deberían ser vistos como marcas características polos xeólogos, xa que son localizacións cunha sucesión de estratos con claras evidencias dun evento a escala mundial, incluíndo a aparición de fósiles distintivos.[60] A perforación para a procura de xacementos de combustibles fósiles creou tamén buratos e tubos na codia terrestre que se cre serán detectables dentro de millóns de anos.[68]

En abril de 2019, o Grupo de Traballo do Antropoceno (AWG) anunciou que votarían unha proposta formal para enviar á Comisión Estratigráfica Internacional, para continuar o proceso que iniciaran en 2016.[12] En maio de 2019, 29 membros do total de 34 persoas que formaban parte do panel do AWG votaron a favor de facer unha proposta oficial en 2021. O AWG tamén adoptou por votación con 29 votos a favor que a data de comezo do Antropoceno se situase na metade do século XX. Identificáronse dez candidatos que podían ser considerados un estratotipo límite mundial ou GSSP (do inglés Global Boundary Stratotype Section and Point), un dos cales terá que ser elixido para incluílo na proposta final.[10][11] Posibles marcadores son os microplásticos, os metais pesados ou os núcleos radioactivos deixados polas probas de bombas termonucleares.[69]

O Antropoceno na cultura

[editar | editar a fonte]

O concepto de Antropoceno foi tamén abordado desde o punto de vista das humanidades, a filosofía, a literatura e as artes. No mundo erudito, foi suxeito dunha crecente atención en números especiais de revistas,[70] conferencias,[71][72] e informes académicos.[73] O Antropoceno, a súa duración, e implicacións ecolóxicas formula cuestións sobre a morte e o fin da civilización,[74] a memoria e arquivos,[75] os obxectivos e métodos da investigación humanística,[76] e as respostas emocionais ao "fin da natureza".[77] Porén, tamén foi criticado como unha construción ideolóxica.[78]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para antropoceno.
  2. Borenstein, Seth (14 de outubro de 2014). "With their mark on Earth, humans may name era, too". AP News. Consultado o 14 de outubro de 2014. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 The Anthropocene is functionally and stratigraphically distinct from the Holocene, Science, vol. 351 no. 6269, do: 10.1126/science.aad2622 (2016)
  4. 4,0 4,1 Edwards, Lucy E. "What is the anthropocene?". Eos 96. pp. 6–7. doi:10.1029/2015EO040297. 
  5. 5,0 5,1 "International Chronostratigraphic Chart". International Commission on Stratigraphy. Consultado o 7 de abril de 2024. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Zalasiewicz, Jan; et al. (2008). "Are we now living in the Anthropocene?" (PDF). GSA Today 18 (2): 4–8. doi:10.1130/GSAT01802A.1. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de setembro de 2015. Consultado o 26 de febreiro de 2016. 
  7. Zalasiewicz, J.; et al. (2010). "The New World of the Anthropocene". Environment Science & Technology 44 (7): 2228–2231. Bibcode:2010EnST...44.2228Z. doi:10.1021/es903118j. 
  8. "Subcommission on Quaternary Stratigraphy – Working Group on the 'Anthropocene'". International Commission on Stratigraphy. Consultado o 28 de novembro de 2015. 
  9. http://gizmodo.com/new-evidence-suggests-human-beings-are-a-geological-for-1751429480
  10. 10,0 10,1 10,2 Subramanian, Meera (21 de maio de 2019). "Anthropocene now: Influential panel votes to recognize Earth's new epoch". Nature. PMID 32433629. doi:10.1038/d41586-019-01641-5. Consultado o 5 de xuño de 2019. 
  11. 11,0 11,1 "Results of binding vote by AWG". Anthropocene Working Group. International Commission on Stratigraphy. 21 de maio de 2019. Arquivado dende o orixinal o 5 de xuño de 2019. 
  12. 12,0 12,1 Meyer, Robinson (16 de abril de 2019). "The cataclysmic break that (maybe) occurred in 1950". The Atlantic. Consultado o 5 de xuño de 2019. 
  13. "The Anthropocene". The Geological Society. 
  14. Akademii͡a nauk SSSR. "Doklady: Biological sciences sections, Volumes 132-135". google books. Consultado o 28 de outubro de 2014. 
  15. Revkin, Andrew C. (11 de maio de 2011). "Confronting the ‘Anthropocene’". New York Times. Consultado o 25 de marzo de 2014. 
  16. Waters, Colin N.; Zalasiewicz, Jan; Summerhayes, Colin; Barnosky, Anthony D.; Poirier, Clément; Gałuszka, Agnieszka; Cearreta, Alejandro; Edgeworth, Matt; Ellis, Erle C. (2016-01-08). "The Anthropocene is functionally and stratigraphically distinct from the Holocene". Science 351 (6269): aad2622. ISSN 0036-8075. PMID 26744408. doi:10.1126/science.aad2622. 
  17. Ehlers, Eckart; Moss, C.; Krafft, Thomas (2006). Earth System Science in the Anthropocene: Emerging Issues and Problems. Springer Science+Business Media. 
  18. "2011 GSA Annual Meeting". geosociety.org. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 28 de novembro de 2015. 
  19. 19,0 19,1 Crutzen, P. J. & E. F. Stoermer (2000). "The 'Anthropocene'". Global Change Newsletter 41: 17–18. 
  20. 20,0 20,1 Sahney, S.; Benton, M. J. & Ferry, P. A. (2010). "Links between global taxonomic diversity, ecological diversity and the expansion of vertebrates on land" (PDF). Biology Letters 6 (4): 544–547. PMC 2936204. PMID 20106856. doi:10.1098/rsbl.2009.1024. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de novembro de 2015. Consultado o 26 de febreiro de 2016. 
  21. Doughty, C. E.; Wolf, A.; Field, C. B. (2010). "Biophysical feedbacks between the Pleistocene megafauna extinction and climate: The first human-induced global warming?". Geophysical Research Letters 37 (L15703): 1–5. Bibcode:2010GeoRL..3715703D. doi:10.1029/2010GL043985. 
  22. 22,0 22,1 Was first nuclear test the start of new human-dominated epoch, the Anthropocene? Universidade de California, Berkeley News Centre, 2015-1-16
  23. Lewis, Simon L.; Maslin, Mark A. (marzo de 2015). "Defining the Anthropocene" (PDF). Nature 519: 171–180. Bibcode:2015Natur.519..171L. doi:10.1038/nature14258. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de decembro de 2015. Consultado o 26 de febreiro de 2016. 
  24. Edgeworth, Matt; Richter, Dan deB; Waters, Colin; Haff, Peter; Neal, Cath; Price, Simon James (2015-04-01). "Diachronous beginnings of the Anthropocene: The lower bounding surface of anthropogenic deposits". The Anthropocene Review 2 (1): 33–58. ISSN 2053-0196. doi:10.1177/2053019614565394. Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2016. Consultado o 26 de febreiro de 2016. 
  25. Waters, Colin N; Turner, Simon D; Zalasiewicz, Jan; Head, Martin J (abril de 2023). "Candidate sites and other reference sections for the Global boundary Stratotype Section and Point of the Anthropocene series". The Anthropocene Review 10 (1): 3–24. Bibcode:2023AntRv..10....3W. doi:10.1177/20530196221136422. 
  26. Voosen, Paul (11 de xullo de 2023). "Pond mud proposed as Anthropocene's 'golden spike,' defining human-altered geological age". Science 381 (6654): 114–115. doi:10.1126/science.adj6978. Consultado o 23 de abril de 2024. 
  27. Zhong, Raymond (2024-03-05). "Are We in the 'Anthropocene,' the Human Age? Nope, Scientists Say.". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2024-03-05. 
  28. Zhong, Raymond (2024-03-20). "Geologists Make It Official: We're Not in an 'Anthropocene' Epoch". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2024-04-19. 
  29. "What is the Anthropocene? – current definition and status". quaternary.stratigraphy.org. Subcommission on Quaternary Stratigraphy, Working Group on the 'Anthropocene'. Consultado o 7 de abril de 2024. 
  30. 30,0 30,1 [The Anthropocene: IUGS-ICS Statement. 20 de marzo de 2024 https://www.iugs.org/_files/ugd/f1fc07_ebe2e2b94c35491c8efe570cd2c5a1bf.pdf]
  31. "Greek Word Study Tool". Consultado o 2014-09-09. 
  32. Steffen, Will; Grinevald, Jacques; Crutzen, Paul; McNeill, John (2011). "The Anthropocene: conceptual and historical perspectives" (PDF). Phil. Trans. R. Soc. A 369: 843. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de maio de 2020. Consultado o 31 de decembro de 2014. 
  33. Pearce, Fred (2007). With Speed and Violence: Why Scientists fear tipping points in Climate Change. [Malaysia?]: Beacon Press. p. 21. ISBN 0-8070-8576-6. 
  34. 34,0 34,1 Crutzen, P. J. (2002). "Geology of mankind". Nature 415 (6867): 23. Bibcode:2002Natur.415...23C. PMID 11780095. doi:10.1038/415023a. 
  35. Samways, Michael (1999). ""Translocating fauna to foreign lands: here comes the Homogenocene"". Journal of Insect Conservation 3 (2): 65–66. doi:10.1023/A:1017267807870. 
  36. Curnutt J. L. (xuño de 2000). "Book Review: A Guide to the Homogenocene". Ecology 81 (6): 1756–7. ISSN 0012-9658. doi:10.1890/0012-9658(2000)081[1756:AGTTH]2.0.CO;2. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2019. Consultado o 06 de outubro de 2018. (require subscrición (?)). 
  37. Revkin, Andrew C. (1992). Global Warming: Understanding the Forecast. Abbeville Press, Incorporated. ISBN 1558593136. 
  38. Revkin, A. (1992). The "Anthrocene" era of a human-shaped Earth. 
  39. Leakey, Richard, and Roger Lewin. "The sixth extinction." Weidenfeld and Nicolson, Londres (1995).
  40. Alan Boyle. "Scientists Build Case for 'Sixth Extinction' ... and Say It Could Kill Us". NBC News. Consultado o 28 de novembro de 2015. 
  41. "Anthropocene: Have humans created a new geological age?". BBC News. 10 de maio de 2011. 
  42. "Ocean greenery under warming stress". nature.com. Consultado o 28 de novembro de 2015. 
  43. Bradbury, Roger (13 de xullo de 2012). "A World Without Coral Reefs". The New York Times. Consultado o 22 de xullo de 2012. 
  44. Wear, Stephanie (20 de xullo de 2012). "Coral Reefs: The Living Dead, Or A Comeback Kid?". nature.org. Arquivado dende o orixinal o 12 de novembro de 2013. Consultado o 22 de xullo de 2012. 
  45. "Research shows catastrophic invertebrate extinction in Hawai'i and globally". Phys.org. 10 de agosto de 2015. Consultado o 29 de novembro de 2015. 
  46. Claire Régnier; Guillaume Achaz; Amaury Lambert; Robert H. Cowie; Philippe Bouchet & Benoît Fontaine (5 de maio de 2015). "Mass extinction in poorly known taxa". PNAS 112: 7761–7766. doi:10.1073/pnas.1502350112. 
  47. Darimont, Chris T.; Fox, Caroline H.; Bryan, Heather M.; Reimchen, Thomas E. (2015-08-21). "The unique ecology of human predators". Science 349 (6250): 858–860. ISSN 0036-8075. PMID 26293961. doi:10.1126/science.aac4249. 
  48. Harvey, Fiona; Correspondent, Environment. "Climate change driving species out of habitats much faster than expected". the Guardian. Consultado o 2015-11-08. 
  49. ESRL Web Team. "ESRL Global Monitoring Division - Global Greenhouse Gas Reference Network". noaa.gov. Consultado o 28 de novembro de 2015. 
  50. "BBC NEWS - Science/Nature - Deep ice tells long climate story". bbc.co.uk. Consultado o 28 de novembro de 2015. 
  51. Smith, B.D. & Zeder, M.A. (2013). "The onset of the Anthropocene". Anthropocene 4: 8–13. doi:10.1016/j.ancene.2013.05.001. 
  52. Certini, G. & Scalenghe, R. (2014). "Is the Anthropocene really worthy of a formal geologic definition?". The Anthropocene Review 2: 77–80. doi:10.1177/2053019614563840. 
  53. Ruddiman, WF. (2013). "The Anthropocene". Annual Review of Earth and Planetary Sciences 41: 45–68. Bibcode:2013AREPS..41...45R. doi:10.1146/annurev-earth-050212-123944. 
  54. Mason, Betsy (2003). "Man has been changing climate for 8,000 years". Nature. doi:10.1038/news031208-7. 
  55. Adler, Robert (11 de decembro de 2003). "Early farmers warmed Earth's climate". New Scientist. Consultado o 11 de outubro de 2021. 
  56. Ruddiman, William F. (2003). "The anthropogenic greenhouse era began thousands of years ago" (PDF). Climatic Change 61 (3): 261–293. doi:10.1023/B:CLIM.0000004577.17928.fa. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16 de abril de 2014. Consultado o 26 de febreiro de 2016. 
  57. "Interglacial diversity : Abstract : Nature Geoscience". nature.com. Consultado o 28 de novembro de 2015. 
  58. Boyle, J. F.; Gaillard, M.-J.; Kaplan, J. O. & Dearing, J. A. (2011). "Modelling prehistoric land use and carbon budgets: A critical review". The Holocene 21: 715–722. doi:10.1177/0959683610386984. 
  59. Certini, G. & Scalenghe, R. (2015). "Holocene as Anthropocene". Science 349: 246. doi:10.1126/science.349.6245.246-a. 
  60. 60,0 60,1 Certini, G. & Scalenghe, R. (2011). "Anthropogenic soils are the golden spikes for the Anthropocene". The Holocene 21 (8): 1269–74. doi:10.1177/0959683611408454. 
  61. Hong, S.; Candelone, J-P.; Patterson, C. C. & Boutron C. F. (1994). "Greenland ice evidence of hemispheric lead pollution two millennia ago by Greek and Roman civilizations". Science 265 (5180): 1841–1843. Bibcode:1994Sci...265.1841H. PMID 17797222. doi:10.1126/science.265.5180.1841. 
  62. Douglas, I.; Hodgson, R. & Lawson, N. (2002). "Industry, environment and health through 200 years in Manchester". Ecological Economics 41 (2): 235–55. doi:10.1016/S0921-8009(02)00029-0. 
  63. Kirch, P. V. (2005). "The Holocene record". Annual Review of Environment and Resources 30 (1): 409–40. doi:10.1146/annurev.energy.29.102403.140700. 
  64. Zalasiewicz, J.; Williams, M.; Steffen, W. & Crutzen, P. J. (2010). "Response to "The Anthropocene forces us to reconsider adaptationist models of human-environment interactions"". Environmental Science Technology 44 (16): 6008. Bibcode:2010EnST...44.6008Z. doi:10.1021/es102062w. 
  65. Zalasiewicz, J.; et al. (2011). "Stratigraphy of the Anthropocene". Philosophical Transactions of the Royal Society A 369 (1938): 1036–55. Bibcode:2011RSPTA.369.1036Z. doi:10.1098/rsta.2010.0315. 
  66. Richter, D. deB. (2007). "Humanity’s transformation of Earth’s soil: pedology’s new frontier". Soil Science 172 (12): 957–67. doi:10.1097/ss.0b013e3181586bb7. 
  67. Amundson, R. & Jenny, H. (1991). "The place of humans in the state factor theory of ecosystems and their soils". Soil Science 151 (1): 99–109. doi:10.1097/00010694-199101000-00012. 
  68. "The Advent of the Anthropocene: Was That the Big Story of the 20th Century?". worldofideas. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 28 de novembro de 2015. 
  69. Davison, Nicola (30 de maio de 2019). "The Anthropocene epoch: Have we entered a new phase of planetary history?". The Guardian. Consultado o 5 de xuño de 2019. 
  70. Timothy Clark, ed. (2012-12-01). "Special Issue: Deconstruction in the Anthropocene". Oxford Literary Review 34 (2): v–vi. doi:10.3366/olr.2012.0039. Consultado o 2014-07-21. 
  71. Humanities Research Centre, Australian National University (2012-06-13). Anthropocene Humanities: The 2012 Annual Meeting of the Consortium of Humanities Centers and Institutes. Canberra, Australia. Arquivado dende o orixinal o 31 de agosto de 2014. Consultado o 2014-07-21. 
  72. Rachel Carson Center for Environment and Society at LMU-Munich; Alexander von Humboldt Transatlantic Network in the Environmental Humanities (2013-06-14). Culture and the Anthropocene. Múnic, Alemaña. Consultado o 2014-07-21. 
  73. Wenzel, Jennifer (2014-03-14). "Climate Change". State of the Discipline Report: Ideas of the Decade. American Comparative Literature Association. Consultado o 2014-07-21. 
  74. Scranton, Roy (2013-11-10). "Learning How to Die in the Anthropocene". New York Times: Opinionator. Consultado o 2014-07-17. 
  75. Colebrook, Claire (2014-01-27). "The Anthropocene and the Archive". The Memory Network: Exchanges. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 2014-07-21. 
  76. Nowviskie, Bethany (2014-07-10). "digital humanities in the anthropocene". nowviskie.org. Consultado o 2014-07-10. 
  77. Ronda, Margaret (2013-06-10). "Mourning and Melancholia in the Anthropocene". Post45. Consultado o 2014-07-21. 
  78. Andreas Malm, The Anthropocene Myth, The Jacobin, (marzo de 2015)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]
Vídeos externos
Welcome to the Anthropocene
YouTube

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]