Saltar ao contido

Cedro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Véxase tamén: Cedro (foguete).
Cedros (xénero Cedrus)

Cedro do Líbano en Pontevedra
Clasificación científica
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Pinophyta
Clase: Pinopsida
Orde: Pinales
Familia: Pinaceae
Xénero: Cedrus
Especies
  • Ver texto

O cedro (Cedrus sp) é, estritamente, un xénero de coníferas (pináceas) orixinario de Oriente Próximo e do Himalaia. Tódalas especies de cedro son grandes árbores, de madeira olorosa e de copa cónica ou vertical.

Agullas novas do cedro do Atlas.

Características

[editar | editar a fonte]

Os cedros son grandes árbores, de vinte e cinco a cincuenta metros de alto, coas follas (agullas) perennes e curtas, de dous a catro centímetros, un pouco puntiagudas; pero máis longas, de tres a seis centímetros e máis flexibles no caso do cedro do Himalaia, reunidas en ramiños sobre as pólas máis curtas. A súa copa, afiada durante a súa xuventude, toma unha forma tabular característica a partir dos trinta anos. As súas pólas son moi horizontais.

Vista do cedro do Líbano.

As piñas femia son ovoides oblongas, de seis a once centímetros de longo e catro a seis de diámetro, da que medran piñóns delgados, separándose antes da súa caída da árbore. As sementes triangulares teñen ás.

Calcúlase que os cedros poden vivir máis de dous mil anos, aínda que os máis antigos da actualidade teñen unha idade estimada de arredor de mil anos.

Vista dun corte de madeira de cedro.

Clasificación

[editar | editar a fonte]

A especie coñecida vulgarmente coma Cedro de California non é unha especie do xénero Cedrus senón Calocedrus (Calocedrus decurrens).

Árbores ornamentais

[editar | editar a fonte]

Os cedros foron introducidos en Europa, onde son amplamente utilizados coma árbores ornamentais en parques públicos e xardíns.

Especie de repoblación

[editar | editar a fonte]

O cedro do Atlas foi moi empregado durante o século XIX para repoboar as ladeiras espidas dos Pireneos e outros montes. Logra constituír poboacións notables entre os oitocentos e os mil metros de altitude, rexenerándose abundantemente.

Hai que cita-lo uso da madeira do cedro do Líbano para a construción do primeiro Templo de Xerusalén cara ao 976 antes de Cristo. A súa madeira ten a calidade, á parte do seu olor particular, de repeler os insectos e vermes. O cedro, erez en hebreo, é a árbore máis citada da Biblia.

Aínda así, é unha madeira bastante fráxil, o cal limita o seu emprego en carpintería. A súa resistencia á putrefacción fano tamén ideal para ser usado na construción naval e para a fabricación de sarcófagos desde a antigüidade, de feito, o rei Salomón posuía unha grande frota mercantil de barcos de madeira desta árbore.

A madeira preciosa do cedro do Líbano serve ós artesáns para a confección de xoieiros, cofres e outros produtos deste tipo.

Hoxe utilízase para a construción, sobre todo no recubrimento de muros exteriores ou tellas, ou para a construción de vivendas de madeira.

Esencia e resina

[editar | editar a fonte]

O aceite natural aromático do cedro do Atlas ten propiedades antisépticas (non confundir este aceite co aceite de cedro utilizado para a observación microscópica, extraído do xenebreiro de Virxinia, por iso chamado cedro de Virginia).

Ns antigo Exipto, a esencia do cedro utilizábase na preparación do embalsamento de momias.