Saltar ao contido

Galiña

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Galiña

Un galo (esquerda) e unha galiña (dereita)
Estado de conservación
Domesticado
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Galiformes
Familia: Phasianidae
Subfamilia: Phasianinae
Xénero: 'Gallus'
Especie: 'Gallus gallus'
Subespecie: ''G. g. domesticus''
Nome trinomial
Gallus gallus domesticus
(Linnaeus, 1758)
Sinonimia

Galiña : Galo

Galiña,[1] ou pita (familiarmente tamén chucha[2] ou churra[3]), e galo[4] (Gallus gallus domesticus) son os nomes dados, respectivamente, á femia e macho da especie Gallus gallus domesticus de aves galiformes e fasiánidos. Os xuvenís coñécense co nome de polo ou pito. Estas aves posúen bico pequeno, crista carnuda e ás curtas e largas. A galiña ten unha enorme importancia para os seres humanos pois é o animal doméstico máis difundido e abundante do planeta e unha das fontes de proteína máis baratas. Alén da súa carne, as galiñas fornecen ovos. Segundo datos de 2003, hai cerca de 24.000 millóns de galiñas no mundo. Nalgúns países da África moderna, o 90% dos fogares crían galiñas. As galiñas son aves omnívoras, mais teñen preferencia por sementes e pequenos invertebrados.

As primeiras referencias a galiñas domesticadas xorden en cerámicas corintias datadas do século VII a.C. A introdución desta ave como animal doméstico xurdiu probabelmente en Asia, de onde é nativa a especie Gallus gallus. A pesar de que os romanos desenvolveron a primeira raza diferenciada de galiñas, os rexistros antigos mostran a presenza de aves salvaxes asiáticas na China desde -1400. Da Grecia antiga as galiñas espalláronse por Europa e os navegantes polinesios levaron estes animais nas súas viaxes de colonización do océano Pacífico, incluíndo a Illa da Pascua. A proximidade ancestral co ser humano permitiu o cruzamento destinado á crianza de diversas razas, adaptadas ás diferentes necesidades. Son tamén unha fonte de doenzas virais.

Descrición

[editar | editar a fonte]
Cabeza dun galo.
Galiña da raza Orpington dourada.

Posúen dous tipos de protuberancias carunculares na cabeza: unha crista no píleo e uns lóbulos que colgan a ambos os dous lados do bico. O dorso cóbreo unha capa de plumas douradas desde o pescozo até as costas.

Os galos e as galiñas mostran un evidente dimorfismo sexual,[5] e poden distinguirse ambos a primeira vista. Os machos son máis grandes, miden aproximadamente 50 cm de altura e chegan a pesar até 4 kg. Posúen unha gran crista avermellada na cabeza, a cal se interpreta como símbolo de dominancia. A cola está composta por plumas escuras grandes e arqueadas que brillan de cor azul, púrpura ou verde baixo a luz. A ambos os dous lados da súa cabeza aparecen dúas manchas brancas, que o distinguen doutras especies próximas, ademais das patas agrisadas. Nalgunhas razas as patas están provistas tamén de esporóns.

As galiñas son máis pequenas. Non adoitan medir máis de 40 cm de altura e apenas chegan a 2 kg de peso.[6] Posúen unhas cores notablemente menos rechamantes que os galos. Os seus apéndices carnosos da cabeza son tamén moito menos prominentes.

Na estación de muda (de xuño a outubro), os machos adquiren unha plumaxe composto por plumas longas e negras cara á metade do dorso, e o resto do corpo está cuberto de plumas alaranxadas. Nas femias non é apreciable ningún cambio, aínda que igualmente mudan de plumas.

Comportamento

[editar | editar a fonte]
Un galo branco de 4 meses de idade.

Son aves naturalmente gregarias, que perderon gran parte da facultade do voo debido á selección artificial do ser humano.[7] O galo vermello salvaxe voa ben, cara a un lugar máis elevado, para pórse a salvo ou para fuxir de posibles depredadores, aínda que tamén se lle pode ver voando a ramas altas de árbores para descansar. Aínda que os exemplares domésticos case nunca fan uso da súa facultade de voo, as galiñas domésticas criadas en semi-liberdade voan a sitios elevados para pasar a noite. Os galos domésticos poden chegar a ser territoriais e violentos nalgunhas razas, aínda que normalmente son bos animais de compañía, fáciles de domesticar mediante alimentación a man.

Posúen un sistema social característico cunha orde xerárquica que comeza a desenvolverse á semana de vida, e que ás sete semanas xa está completamente establecida. Hai un macho dominante, que domina sobre todos os demais, e un macho sometido a todos. As galiñas teñen unha orde xerárquica independente e non entran na dominancia dos machos.

A acción física de dominancia consiste na elevación da cola e a cabeza. A submisión móstrase de forma oposta, baixando a cabeza e a cola, agachándose e inclinando a cabeza cara a un lado. As galiñas séntense a salvo baixo a dominancia dun galo, e só se defenderán se se atopan afastadas do galo dominante. Se morre o galo dominante, o seguinte na orde xerárquica toma o cargo inmediatamente.

Na cría extensiva estes animais teñen hábitos caníbales; se ven a cor vermella debido a unha ferida noutra galiña, as demais non deixan de picala, e cáusanlle graves danos.[8]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

É unha ave omnívora, aínda que principalmente come grans e herbas.

Galo cantando.

O galo produce un son chamado canto (descrito mediante a onomatopea "quiquiriquí" ou "cacaracá"[9]), sempre que non estea castrado (capón). O galo canta durante todo o día, aínda que concentra os seus cantos en certos períodos do día, como son o amencer, para o que está programado xeneticamente,[10] o mediodía, a media tarde e a metade da noite, entre as tres e as cinco da mañá.[11] Estes cantos e os esporádicos que se adoitan dar ao longo do día, fóra dos períodos descritos, serven como desafío territorial a outros galos, para atraer ás femias próximas e como sinal de aviso en xeral. Tamén pode deberse a algún disturbio ao seu ao redor. Normalmente é un son máis de tipo violento ou alerta.

O galo emite ademais outros sons, esta vez xa parecidos aos que emite a femia da súa especie, chamados cacarexos, e a onomatopea usada para describilos é cloc[12]. Este son emíteo sobre todo cando se propón fecundar a algunha femia, ou cando atopa comida, para chamar ao resto do galiñeiro.[13]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

A estación de reprodución comeza na primavera e prolóngase até o verán, coa intención de que os pitos nazan baixo a calor estival.

Incubación

[editar | editar a fonte]
Os poliños nacen totalmente recubertos de penuxe, que pode ser de tons amarelos, pardos ou de ambos.
Os ovos poden ter diversas tonalidades, segundo a raza.

As galiñas poñen cada día durante varios días un ovo, no que se desenvolve o embrión,[14] que incubarán ata que naza, daranlle calor e rotarán a súa posición durante 21 días. Coñécese como galiña choca a aquela que deixa de pór ovos e céntrase en incubalos e protexelos.

O embrión nútrese da xema, que penetra no seu interior por medio do embigo. Ao termo do primeiro día o sistema circulatorio xa será operativo dentro do ovo, e a cabeza comezará a tomar forma. Ao quinto día fórmanse os órganos sexuais, ao décimo terceiro comézase a calcificar o esqueleto usando o calcio da casca do ovo, e aos 21 días o pito está completamente desenvolvido para comezar a romper a casca, o cal lles pode levar de 10 a 20 horas. A galiña cacarexará ao ouvir piar aos pitos, para motivalos a saír do ovo.

Como non todos os ovos eclosionan ao mesmo tempo, a nai continúa incubando durante dous días desde o nacemento do primeiro dos pitos, os cales esgotan os nutrientes da xema que absorberon antes de nacer. Entre as 2 e 4 semanas despois de nacer os pitos xa teñen plumas, e ás 8 semanas xa teñen a plumaxe do adulto. Ás 8 ou 10 semanas son expulsados do grupo polas súas nais para que formen o seu propio ou se unan a outro. Aos 5 meses de idade alcanzan a madurez sexual, e adoitan ser os machos quen antes a alcanzan.[15]

Incubación artificial

[editar | editar a fonte]
Incubadora de ovos.

Os ovos de galiña poden incubarse de maneira artificial con resultados satisfactorios.[16] Practicamente todos os pitos sairán do ovo en aproximadamente 21 días en condicións apropiadas de temperatura (37 °C) e humidade relativa (55%; elévase até o 70% nos tres últimos días, a fin de abrandar a casca).

Moitas incubadoras artificiais de tamaño industrial poden incubar miles de ovos ao mesmo tempo, incluíndo rotacións totalmente automatizadas para os ovos.

Enfermidades

[editar | editar a fonte]

As galiñas son altamente susceptibles a moitos parasitos, coma os piollos, os ácaros, as carrachas, as pulgas e os nematodos. Algunhas das enfermidades que afectan ás galiñas son as seguintes:

Nome Nome común Causado por
gripe aviaria gripe do polo Influenzavirus A da familia Orthomixoviridae
botulismo toxina botulínica de Clostridium Botulinum
coccidiosis Coccidiasina
arrefriado común arrefriado Rhinovirus, Coronavirus
retención de ovos ovo moi grande
erisipela Erisipelothrix Rhusiopathiae
virus da leucose aviar AlphaRetrovirus
enfermidade de Marek Herpes virus
candidiasis Candida albicans
Micoplasma Mycoplasma
enfermidade de Newcastle Paramixovirus
psitacosis ornitosis, enfermidade dos loros Clamidophyla psitacci
Salmonela salmonelose[17] Salmonella
perna escamosa parasitos
Toxoplasmose Toxoplasma gondii

Historia da súa domesticación

[editar | editar a fonte]
Os pitos domésticos son descendentes dos galos silvestres do sueste asiático.

Considérase ao galo bankiva (Gallus gallus), do sueste asiático, como o devanceiro dos galos e galiñas domésticos, con algo de hibridación do galo gris (Gallus sonneratii).[18] A domesticación produciuse no sueste asiático polo menos hai 7.400 anos a partir do grupo nativo, e difundiuse en ondas tanto ao leste como ao oeste.[19] Os primeiros restos arqueolóxicos indiscutidos de pitos domésticos corresponden a uns ósos de aproximadamente 5400 a.C. asociados a un sitio arqueolóxico en Chishan, na provincia chinesa de Hebei. Na rexión do Ganxes, na India, os galos bankiva eran usados polos humanos xa hai 7000 anos. En cambio, non se identificaron pitos domésticos máis antigos de 4000 anos no val do Indo, aínda que aínda se debate a antigüidade dos pitos atopados nas escavacións de Mohenjodaro.[19]

Galo nunha moeda grega do século III a. C.

É moi probable que os primeiros galos e galiñas chegasen a occidente a través da ruta da seda. Aproximadamente no 2000 a. C. chegaron a oriente medio. En 1500 a. C., os pitos chegaran a Exipto. Existe evidencia de que os exipcios foron os primeiros en occidente en criar pitos, e este costume estendeuse despois ao redor do Mediterráneo polo mundo grecolatino. Nese momento, ademais de consumirse a súa carne e os seus ovos, usábase como ofrenda ritual nos cultos relixiosos. Hipócrates fala sobre os animais consumidos en Grecia, onde menciona aos porcos, xabarís, cervos, ourizos, galiñas, pombas e patos.[20] Á remota Iberia os pitos chegaron de mans de comerciantes fenicios a comezos do primeiro milenio a. C.[19] Aproximadamente a partir do 600 a. C. os pitos foron levados máis aló dos Alpes e estendéronse polo resto de Europa.

Na baixa Idade Media considerábase ás galiñas como carne fina. O pobo tamén comía desta carne. A finais da Idade Media e no Renacemento europeo as galiñas teñen unha grande importancia na alimentación.[21]

Crese que a galiña foi o primeiro animal europeo que pisou o continente americano, dado que Cristovo Colón embarcou galiñas na súa segunda viaxe. As razóns polas cales Colón levou á galiña na súa viaxe foron porque ocupaba pouco espazo, a súa alimentación non era complicada e ademais producía ovos.[22]

No entanto, hai antecedentes de que en Chile, antes da chegada dos europeos, os mapuches criaban unha galiña con características especiais, a galiña araucana.[23]

Explotación polo ser humano

[editar | editar a fonte]
Galiñas de crianza.

O polo é un dos animais máis explotados a nivel mundial, debido á súa relativa eficiencia, en termos de cantidade de alimento e tempo de desenvolvemento, en comparación con outros tipos de animais consumidos polos seres humanos. É tan popular que cada ano se consomen máis de 33 millóns de toneladas dos seus músculos, tendóns e graxa, e prodúcense uns 600 000 millóns de ovos.[24] O capón, a pularda, o polo picantón e o polo tomateiro son hoxe especialidades na produción de carne destas aves, moi apreciadas na gastronomía.

O polo como alimento

[editar | editar a fonte]
Polo asado.

A carne de polo é unha das máis consumidas en todo o mundo e isto débese ao seu baixo custo. O polo tamén é moi utilizado nos restaurantes de comida rápida. Cabe destacar que adquire un gran valor nutricional debido a que se dixire máis facilmente que as carnes vermellas. Con todo, é moi rico en purinas (como todos os produtos cárnicos), polo cal debe evitarse en caso de gota ou de ácido úrico elevado. Tamén se adoita consumir a carne de galiña, pero é máis dura e precisa máis tempo para cocerse que a do pito.

Pelexa de galos

[editar | editar a fonte]
Unha pelexa de galos (óleo).
Un galo de pelexa.

As pelexas de galos son legais na maioría de países latinoamericanos, en rexións concretas de España e en Francia, e en países de Asia como Filipinas. En moitos outros lugares, as pelexas están estritamente fóra da lei. Normalmente lévase a cabo nunha área habilitada onde a ave que ten mellores calidades no combate declárase como gañadora, para o que debe deixar ao seu adversario inhabilitado para seguir pelexando. A orixe destas pelexas está en Asia. Na China xa se celebraban hai 2.500 anos e é posible que mil anos antes xa se fixese na India.[25] Na antiga Roma eran presenciadas para adquirir valentía. Posteriormente, esta práctica foi levada a América polos conquistadores españois.[25] Moitas persoas defensoras dos animais rexeitan totalmente este tipo de accións, posto que en lugares como A Florida[26] creáronse leis en defensa destes animais co argumento de que, por ser animais, son tamén seres vivos, e débeselles respecto.

Como mascotas

[editar | editar a fonte]

As galiñas son excelentes animais de compañía, dado que son moi nobres e nada agresivos. Os galos adestrados para pelexas adoitan ser agresivos con outros galos e en moi poucas ocasións cos seres humanos. Nalgunhas cidades dos Estados Unidos permítese ter pitos como mascotas, pero esta práctica non está autorizada en todo o país. Os pitos xeralmente son moi fáciles de coidar, dado que a súa comida é barata; o reto maior é o coidalos do ataque de depredadores como os mustélidos, os raposos, os cans, os lobos, os coiotes, os mapaches e os gatos.

Arte e cultura

[editar | editar a fonte]

Esopo escribiu unha fábula titulada A galiña dos ovos de ouro, acerca dunha galiña que puña un ovo de ouro diario; o seu propietario, como era tan cobizoso, matouna pensando que ía ser millonario ao instante, porque dentro ía atopar un tesouro, pero descubriu que era igual que todas as demais galiñas e a consecuencia perdeu o froito abundante que lle daba.

Simbolismo

[editar | editar a fonte]
Mercurio con galo e caduceo

O galo é símbolo da vixilancia e da actividade. Por esta razón atópase nos monumentos antigos entre os atributos de Minerva e Mercurio. Indica tamén os combates e a vitoria, porque prefire morrer que ceder. Inmolábase aos Lares e a Priapo. Ofrecíase tamén a Esculapio para a curación dos enfermos.

Mercurialis refire que, dirixíndose a este deus un soldado cego chamado Valerio Aper para recuperar a vista, o deus respondeulle que era mester tomar o sangue dun galo branco, facer un colirio con mel e fregarse con el os ollos tres días consecutivos. O soldado obedeceu, sandou e deu grazas publicamente ao deus. Quizais por isto, afirma Mercurialis, os antigos representaron a Esculapio cun galo sobre o puño. As estatuas de Baco representábano algunha vez cun galo aos seus pés porque eran sacrificados para a conservación da viña.

Os galos tomaran o galo nas súas insignias; pode ser a causa do equívoco latino do seu nome. Os franceses tivérono moito tempo por emblema.[27]

[editar | editar a fonte]
Pitos a nacer

En Galicia os nomes tradicionais da especie son cronoloxicamente: pito, polo/pola, galiña/pita ou galo/pito (dende un ano en adiante); fálase tamén de galiña poñedora (de ovos) ou de carne, e ten moita tradición a cría de capón (galo para carne, cebado e castrado).

Crese que as galiñas vellas cantan como o faría un galo, polo que esta forma de cantar, actitude propia da vellez, agoira a morte de alguén da casa. Para espanta-lo agoiro hai que dicir: Pasa, mala cousa, pasa,/ San Xuan bendiga nuestra casa/ cunha palanca/ por riba da casa. Outras informacións van máis lonxe e aconsellan que cando tal aconteza hai que mata-la galiña de contado e, deste xeito, a desgraza que agoiraba recaerá sobre ela. Rivas Quintas engade que, á vez que se lle retorce o pescozo, hai que dicirlle: Morte por morte, en ti cai a sorte.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para galiña.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para chucha.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para churra.
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para galo.
  5. "O galo Bankiva manifesta plenamente o dimorfismo sexual. Consultado o 24 de xaneiro de 2009.". Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2013. Consultado o 01 de outubro de 2015. 
  6. "A galiña doméstica non adoita medir máis de 50 cm de altura e apenas chega a 1 kg de peso. Consultado o 24 de xaneiro do 2009.". Arquivado dende o orixinal o 09 de abril de 2009. Consultado o 01 de outubro de 2015. 
  7. "Son aves naturalmente gregarias. Consultado o 25 de xaneiro do 2009.". Arquivado dende o orixinal o 24 de outubro de 2015. Consultado o 01 de outubro de 2015. 
  8. Programa Especial para la Seguridad Alimentaria (PESA), Nicaragua (xaneiro de 2008). "Manejo Eficiente de Gallinas de Patio" (PDF). Organización de las Naciones Unidas para la Agricultura y la Alimentación (FAO) (publicado o setembro de 2010). p. 20. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de setembro de 2021. Consultado o 17 de abril de 2022. 
  9. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para quiquiriquí.
  10. «Os xenes, e non a luz, fan cantar aos galos ao amencer». Arquivado 25 de marzo de 2013 en Wayback Machine. El País
  11. "Consultado o 25 de xaneiro do 2009.". Arquivado dende o orixinal o 08 de abril de 2009. Consultado o 01 de outubro de 2015. 
  12. Na entrada chocar en Gran Dicionaio Século XXI da Lingua Galega. María Cruz López, Galaxia/Cumio, 2005. 2ª ed. agosto 2006, páx. 300
  13. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cacarexo.
  14. "Consultado o 24 de xaneiro de 2009". Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2013. Consultado o 01 de outubro de 2015. 
  15. Diccionario enciclopédico interactivo. Grupo Océano: Océano, pp. 51-52. Consultado o 25 de xaneiro do 2009.
  16. "Consultado o 24 de xaneiro do 2009." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19/01/2012. Consultado o 01/10/2015. 
  17. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 15 de novembro de 2015. Consultado o 01 de outubro de 2015. 
  18. Eriksson, Jonas; Larson, Greger; Gunnarsson, Ulrika; Bed'hom, Bertrand; Tixier-Boichard, Michele; Strömstedt, Lina; Wright, Dominic; Eriksson J, Larson G, Gunnarsson U, Bed'hom B, Tixier-Boichard M; et al. (23 de enero de 2008). "Identification of the Yellow Skin Gene Reveals a Hybrid Origin of the Domestic Chicken". PLOS Genetics. PLoS Genet. pp. e10. doi:10.1371/journal.pgen.1000010.eor. Arquivado dende o orixinal o 25 de maio de 2012. Consultado o 02 de outubro de 2015. 
  19. 19,0 19,1 19,2 Investigating the Global Dispersal of Chickens in Prehistory Using Ancient Mitochondrial DNA Signatures, Alice A. Storey et al; PLOS ONE, julio de 2012, Volumen 7, número 7, e39171; Consultado el 6 de agosto del 2012.
  20. Hai evidencia de que os... Consultado o 25 de xaneiro do 2009.
  21. Na Idade Media as galiñas... Consultado o 25 de xaneiro de 2009.
  22. Pénsase que a galiña foi o primeiro animal... Consultado o 25 de xaneiro de 2009.
  23. Investigadores da Universidade de Auckland e da Universidade de Chile, dirixidos por Elizabeth Matisoo-Smith, atoparon na costa chilena -provincia de Arauco- ósos de polo precolombianos que, segundo probas de carbono radioactivo, datan do século XIV, e comprobaron que as secuencias de ADN dos ósos coinciden coas de galiñas polinesias de Tonga, de hai 2000 anos. Cando o conquistador Pizarro chegou a Perú en 1532, informou que os incas usaban galiñas como parte das súas cerimonias relixiosas. Ver: [1]
  24. "Consultado o 26 de xaneiro do 2009.". Arquivado dende o orixinal o 11 de agosto de 2009. Consultado o 02 de outubro de 2015. 
  25. 25,0 25,1 http://www.linktopr.com/gallos.html Consultado o 26 de xaneiro do 2009.
  26. "Cinco persoas arrestadas por pelexa de galos". El Nuevo Herald (en español). 5 de xuño de 2012. Consultado o 9 de xuño de 2012. [Ligazón morta]
  27. Diccionario universal de mitología

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]