Imperio Carolinxio
Epónimo | Carlomagno | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
Capital | Aquisgrán Metz | |||
Poboación | ||||
Lingua usada | francés antigo | |||
Datos históricos | ||||
Precedido por | ||||
Creación | 768 | |||
Disolución | 887 | |||
Sucedido por | Andorra, Middle Francia (en) e Francia orientalis | |||
Organización política | ||||
Forma de goberno | monarquía absoluta | |||
Imperio Carolinxio[1] é un termo historiográfico, usado para se referir ao reino dos francos baixo a dinastía carolinxia. Esta dinastía é vista tradicionalmente como o fundadora de Francia e de Alemaña. Dependendo do punto de vista, este Imperio se pode ver como a historia recente do reino franco ou o inicio da historia de Francia e do Sacro Imperio Romano.
O seu inicio atribúese tradicionalmente coa coroación de Carlomagno como emperador en 800 polo Papa León III. Se ben é certo que Carlos e os seus devanceiros xa foran gobernantes dun reino franco anterior (o seu avó Carlos Martel fundou esencialmente o Imperio durante a súa vida), polo que a coroación en si non constitúe realmente un novo imperio. É por iso que gran parte dos historiadores prefire empregar o termo "reinos francos" ou "estado franco" para referirse á área que abranguía partes das actuais Alemaña e Francia, a partir do século V ata o século IX.
Historia
[editar | editar a fonte]Antecedentes: o reino franco
[editar | editar a fonte]Os francos, pobo xermano da zona do río Rin que se estableceu na Galia no século V, estiveron gobernados por reis durante anos ata a unificación que fixo Clodoveo. Baixo o seu mando estendeu o reino por toda Francia e expulsou do reino de Tolosa aos visigodos.
Os sucesores de Clodoveo foron chamados reis folgazáns, posto que se despreocuparon dos temas de goberno e deixáronos en mans de mordomos de palacio, que asumiron os poderes administrativo e militar, constituíndose nunha dinastía paralela á que reinaba.
En 732, o mordomo Carlos Martel ("O martelo") freou a invasión musulmá a Occidente na batalla de Poitiers. O seu fillo Pipino o Breve proclamouse rei dos francos, iniciando a dinastía carolinxia. Ademais, enfrontouse aos longobardos, que invadiron Italia sobre o ano 750, e conquistou unhas terras que entregou ao papa e que desde entón constitúen os Estados Pontificios, tendo así a bendición da Igrexa para o seu Imperio.
O Imperio
[editar | editar a fonte]Pipino deixou en herdanza o reino aos seus dous fillos, Carlos e Carlomán, pero este último retirouse a un mosteiro e morreu moi pronto (771), co que quedou Carlomagno como único soberano do Imperio.
Carlomagno, que era neto de Carlos Martel, iniciou unha política de expansión territorial para intentar restaurar o antigo Imperio Romano de Occidente, o que lle fixo enfrontarse a bizantinos, musulmáns e xermanos. Estendeu o seu Imperio por Francia, Italia, Alemaña e mesmo parte de Hispania (Cataluña). Estableceu a capital en Aquisgrán, na zona oeste de Alemaña.
O papa León III proclamou a Carlomagno emperador na igrexa de San Pedro (Roma) o día de Nadal do ano 800.
Tralo seu falecemento en 814, o seu fillo Ludovico Pío (ou Lois o Piadoso), que era de carácter débil e moi manipulábel, asumiu a coroa do Imperio. O Imperio forte e consolidado que herdou entrou en decadencia tralas loitas internas polo poder, fomentadas en parte polos seus fillos.
Á morte de Lois o Piadoso (840), os seus fillos Carlos o Calvo, Lois o Xermánico e Lotario asinaron o Tratado de Verdún, repartíndose o Imperio carolinxio. A Carlos o Calvo correspondeulle a Galia; a Lois o Xermánico, Alemaña; e a Lotario, a Lotarinxia.
Púxose fin así ao Imperio carolinxio, que se desfixo aínda máis tras novas invasións de pobos bárbaros: árabes, húngaros e normandos.
Política interior
[editar | editar a fonte]Carlomagno dividiu o territorio en marcas e condados:
- Marcas: territorios defensivos localizados nas fronteiras do Imperio. Estaban gobernadas por duques ou marqueses, que tiñan o mando dun exército. As marcas eran a Marca Hispánica, a Marca Saxoa, a Marca Bretoa, a Marca Longobarda e a Marca Ávara.
- Condados: zonas gobernadas por condes, que nomeaba o rei e outorgáballes poder militar, administrativo e xudicial. Todo o que non eran marcas eran condados, correspondendo a toda a zona non fronteiriza do imperio.
O máximo poder do Imperio residía no emperador, que tiña poder para convocar as armas, administrar xustiza e designar aos nobres que gobernaban os territorios.
Os inspectores de palacio ou missi dominici eran os encargados de que os marqueses e os condes gobernasen segundo as directrices do Emperador. Para iso acudían en parellas aos territorios a comprobar o cumprimento das leis.
O palacio ou corte era o núcleo da Administración e estaba dirixido por un chambelán, sucesor do cargo de mordomo de palacio. Ao seu cargo estaban o copeiro, responsábel da bodega; o mariscal, responsábel da cabalaría e a corte; e o senescal, responsable dos asuntos da corte.
As outras institucións da Administración eran a chancelería, que dirixía os asuntos civís e eclesiásticos, así como o tribunal palatino, que aplicaba as leis aos habitantes do Imperio.
Vida económica e social
[editar | editar a fonte]A principal actividade económica do Imperio carolinxio era a agricultura, que obtiña rendementos escasos pola falla de innovacións técnicas. Practicábase tamén a artesanía, realizada en pequenos obradoiros.
As actividades comerciais eran modestas, e concentrábanse nas escasas cidades importantes, coma París, Aquisgrán ou Marsella.
A meirande parte da poboación era labrega, e pouco a pouco foi sufrindo a explotación dos nobres. Estes gozaron de crecentes privilexios, e para garantir a súa fidelidade, os reis carolinxios tiveron que cederlles grandes propiedades. Con isto sentaron as bases do sistema coñecido coma feudalismo.
Cultura e arte
[editar | editar a fonte]Adóitase coñecer a este período da contorna do ano 800 co nome de Renacemento carolinxio, non tanto porque dese orixe a algo similar ao Renacemento do século XV, senón por comparación coa decadencia cultural do período anterior, ao que adoita chamarse Idade Escura.
Carlomagno (como a maioría dos homes do seu tempo, incluídos os nobres e moitos clérigos) non sabía ler, nin escribir, nin sequera aritmética. No entanto, intentou elevar o nivel cultural do Imperio creando a Escola Palatina de Aquisgrán, e puxo na súa dirección ao soado Alcuíno de York. Nela formáronse el, os seus fillos e todos os funcionarios da corte.
Esta Escola converteuse en modelo para a fundación doutras en toda Europa. Divulgou as artes, as ciencias, as letras e todo o coñecemento da Antigüidade coas súas materias:
A arte carolinxia estaba baseado fundamentalmente en dous estilos: a arte clásica grega e a arte cristiá, pero con algunhas influencias dos seus veciños bizantinos e islámicos.
Escultura: Os exemplos conservados son moi escasos, aínda que as esculturas de marfil sobreviviron e son dunha gran beleza.
Arquitectura: A arquitectura carolinxia reflectíase en edificios relixiosos de pedra e algúns palacios. Caracterízase por usar a planta de cruz latina de tres naves; arcos de medio punto, de herdanza romana; cubertas de madeira; columnas con capiteis esquemáticos e alicerces cadrados e cruciformes. O máis importante foi o pazo de Aquisgrán, do que se conserva a capela palatina.
Mosaicos e miniaturas: Entre as obras de arte máis notábeis desta época, sobresaen os mosaicos e as miniaturas que ilustran os Evanxeos, ademais da ourivaría que decoraba todos os seus templos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carolinxio.