Saltar ao contido

Leonard Cornwell Mitchell

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaLeonard Cornwell Mitchell
Biografía
Nacemento25 de abril de 1901.
Wellington.
Morte1971
País de nacionalidade Neozelandés
EducaciónEscola Técnica de Palmerston North.
Actividade
OcupaciónDeseñador de carteis, moedas, medallas e selos postais.
Familia
FillosVictor Leonard Mitchell.
Frank Mitchell.
Alan Gordon Mitchell. Editar o valor en Wikidata

Leonard Cornwell Mitchell (en ocasións escrito Cornwall), nado en Wellington o 25 de abril de 1901 e finado en 1971,[1][2] foi un artista e deseñador gráfico neozelandés, coñecido polos seus deseños de carteis, selos postais e moedas do seu país.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Leonard Cornwell Mitchell formouse en rotulaxe na Escola Técnica de Palmerston North,[2] e tamén seguiu un curso por correspondencia de deseño de debuxos animados e caricaturas nos Estados Unidos.[3]

Cartel da Exposición do Centenario de Nova Zelandia (1939-1940).[4]

Mitchell foi o artista principal da compañía Filmcraft, baixo a dirección de McKenzie a finais dos anos vinte, e durante a década de 1930 desenvolveu o seu labor profesional no Departamento de Publicidade do Goberno, onde deseñou un bo número de carteis e folletos turísticos e promocionais.[2][5] Tamén traballou no departamento de arte da compañía W D & H O Wills, con Ernest Mervyn Taylor, e pintou numerosas reconstruciíns de escenas históricas. Na década de 1940 traballou con Coulls Somerville Wilkie.[3]

Tamén foi o autor do deseño dos reversos das moedas de bronce (medio penique e un penique)[6][7] da serie ordinaria da libra neozelandesa emitidas entre 1940 e 1965, así como do reverso específico da moeda de media coroa conmemorativa do centenario de Nova Zelandia (1940).[1][8]

Mitchell deseñou tamén diversas medallas, e entre 1931 e 1970 creou os deseños de varias decenas de selos postais de Nova Zelandia.[1][3]

Leonard Cornwell Mitchell foi o pai dos artistas Victor Leonard, Frank e Alan Gordon Mitchell, e na derradeira década da súa vida traballou de xeito independente xunto con este último.[3]