Moedas da libra neozelandesa
As moedas da libra neozelandesa comezaron a introducirse en Nova Zelandia en virtude da Lei da Moeda de 1933, en resposta ao contrabando a gran escala de moedas imperiais británicas anteriores que se estaba a producir, como consecuencia da desvalorización dos tipos de cambio de Nova Zelandia en relación coa libra esterlina e a grande afluencia doutras moedas estranxeiras á circulación.
A Lei da moeda de 1933 estableceu os pesos e as composicións das denominacións monetarias do novo sistema, das cales as cinco de prata —3 e 6 peniques, xilin, florín e media coroa— entraron en circulación xa no ano seguinte, logo dun forte desacordo entre comités rivais de deseño de moedas. Pola súa banda, o penique e o medio penique de bronce entraron en circulación en 1940, coincidindo coa celebración do centenario de Nova Zelandia. Unha oitava denominación de moeda, a peza dunha coroa ou cinco xilins, produciuse unicamente en forma de tres emisións de carácter conmemorativo; a primeira delas, coñecida como a "coroa de Waitangi", cuñouse cunha tiraxe extremadamente limitada e só para a súa venda a coleccionistas numismáticos, en tanto que as dúas seguintes se produciron en máis cantidade en 1949 e 1953, e foron postas en circulación.
A utilización de aliaxe de prata na moeda neozelandesa abandonouse en 1947 en favor do cuproníquel, coa excepción da coroa conmemorativa de 1949.
Coa decimalización do sistema monetario en 1967, logo de varios intentos anteriores de instaurar na moeda o sistema decimal, púxose fin á libra neozelandesa, xunto coas denominacións das súas moedas divisionarias —penique, xilin e coroa— e introduciuse o novo sistema do dólar neozelandés, dividido en 100 centavos.
Antecedentes e contexto
[editar | editar a fonte]O uso da moeda en Nova Zelandia fora introducido a principios do século XIX da man dos baleeiros e dos comerciantes. Logo do establecemento da Colonia de Nova Zelandia na década de 1840, as moedas de prata españolas e hispanoamericanas pasaron a constituír a maior parte da moeda en circulación, aínda que tamén circularon pezas de prata e de ouro dos Estados Unidos, de Portugal, de Francia e dos Países Baixos. Supúñase que a moeda de curso legal oficial era a libra esterlina, malia non existir lexislación de ningún xénero que así o determinase, ata a aprobación da Lei das Leis Inglesas de 1858, que aclaraba o status da lexislación inglesa en Nova Zelandia.[1]
Por mor da escaseza de moedas de valores faciais pequenos, a partir de 1857 comezaron a emitirse fichas de bronce e de cobre de emisión privada cos valores dun penique e de medio penique, o que consistía na época aproximadamente a metade das moedas de cobre en circulación local. A cuñaxe destas fichas cesou en 1881 e foron desmonetizadas oficialmente en 1897.[3]
Tamén houbo varios billetes de emisión privada, trocables en libras neozelandesas, que circularon na colonia durante o resto do século XIX logo da quebra do Colonial Bank of Issue. Unha crise bancaria da década de 1890 levou a que a Lei de Emisión de Billetes Bancarios de 1893 exixise que o papel moeda privado estivese baseado en moedas de ouro. A Lei da Moeda de 1870, introducida en Nova Zelandia en 1898, formalizou o monopolio exclusivo da Coroa sobre a cuñaxe.[1] A principios do século XX entraran xa en circulación suficientes moedas británicas como para satisfacer a demanda de Nova Zelandia.[4] Malia estar aínda ligada á libra esterlina, a libra neozelandesa comezou a diverxer logo da readopción británica do padrón ouro despois da primeira guerra mundial; de xeito diferente ao Reino Unido, a norma non se restableceu en Nova Zelandia durante o período de posguerra.[1]
Entre as primeiras propostas para unha moeda neozelandesa totalmente independente están unha declaración de 1910 ao Parlamento do ministro de Finanzas, Joseph Ward, na que afirmaba que o ministerio estaba a considerar cuñar moedas de prata de Nova Zelandia en Londres. A presenza de grandes cantidades de moedas imperiais e de billetes de banco nacionais provocou unha falta de interese na poboación acerca das propostas de emisións nacionais antes da década de 1930.[5]
A introdución da libra australiana en 1910 provocou a circulación dunha cantidade limitada de moedas australianas en Nova Zelandia, aínda que esta moeda nunca chegou a ser recoñecida formalmente como moeda de curso legal no territorio neozelandés. Nun intento de estabilizar a posición económica australiana durante a Gran Depresión, Australia desvalorizou a súa libra nun dez por cento en 1930, o que provocou unha afluencia extremadamente grande de moedas australianas a Nova Zelandia.[6] En outubro de 1931, entre o trinta e o corenta por cento de todas as moedas en circulación en Nova Zelandia eran australianas.[5] En resposta a estas grandes cantidades de moedas non recoñecidas, o político Charles Wilkinson propuxo a creación dunha moeda independente de Nova Zelandia, e formulou a posibilidade dunha cuñaxe local en Wellington. O Alto Comisionado Thomas Wilford contactou coa Royal Mint en Londres para comentar esta posibilidade, e o que subdirector da ceca londiniense, Robert Johnson, desaconsellou tal proposta, afirmando que nin Australia nin o Reino Unido poderían repatriar grandes cantidades de moeda.[6]
Introdución da moeda nacional
[editar | editar a fonte]Proceso lexislativo
[editar | editar a fonte]En xaneiro de 1933, o ministro de Finanzas e exprimeiro ministro Gordon Coates desvalorizou a libra neozelandesa nun 14 por cento fronte á libra esterlina británica,[6] o que serviu de grande axuda para os agricultores, xa que as exportacións vendidas en libras esterlinas podían converterse nunha maior cantidade de moeda nacional.[7] No entanto, á medida que as moedas da libra esterlina en Nova Zelandia se desvalorizaron en relación co valor das mesmas moedas en Gran Bretaña, unha onda resultante de contrabando de divisas provocou unha diminución masiva da cantidade de moedas de prata británicas dispoñibles en Nova Zelandia. As moedas desvalorizadas da libra esterlina en circulación en Nova Zelandia foron introducidas de contrabando en Australia e no Reino Unido a través de diversos medios, entre outros en cilindros de gas baleiros,[8] nos cárters de aceite de automóbiles e motocicletase ou en caixas dentro de refrixeradores etiquetadas como "parrulo conxelado".[6] En xuño de 1933, as moedas de vinte e cinco centavos estadounidenses e canadenses entraran en circulación para substituír o baleiro deixado polos ausentes xilins británicos.[5]
Ante esta situación creada pola desvalorización da libra neozelandesa, a Alta Comisión, instada por Coates, dirixiuse novamente á Royal Mint de Londres en abril de 1933 para consultar canto se alongaría o proceso de creación dunha nova moeda. O subdirector Robert Johnson recoñeceu a urxencia da situación económica e calculou un tempo aproximado de seis meses para comezar a cuñar a moeda, de maneira que esta podería chegar a Nova Zelandia en xaneiro de 1934.[6] Así as cousas, o Goberno anunciou a inminente creación da nove moeda nacional da libra neozelandesa, e nomeou un Comité de Cuñaxe para organizar e coordinar coa Royal Mint o seu deseño e a súa produción.[5]
Os anuncios dunha moeda nacional e un acordo coa Royal Mint, aprobado na Lei de Finanzas de 1932-1933,[6] deron lugar a chamamentos de varios políticos e organizacións locais, entre elas a Federación de Fabricantes de Nova Zelandia, para que as moedas se producisen no país, para proporcionar unha fonte estable de emprego para os traballadores locais. As declaracións do Comité de Cuñaxe de que non existían instalacións nacionais para a capacidade de cuñaxe foron refutadas por empresas de enxeñaría locais, e unha delas citou a súa propia produción de 750.000 fichas para o seu uso en Wellington.[5] Walter Nash avogou no Parlamento a favor da cuñaxe nacional argumentando o potencial de proporcionar o emprego local. Tales propostas foron desacreditadas pola Royal Mint, que suxeriu que cambiar a unha cuñaxe local ou privada causaría atrasos e custos significativos. Robert Johnson describiu a proposta dunha casa de moeda en Nova Zelandia como "un nacionalismo económico entolecido".[6]
O Comité de Cuñaxe considerou inicialmente recomendar unha cuñaxe decimalizada, mais finalmente optou por continuar coas mesmas denominacións que as moedas de prata imperiais en circulación: 3 peniques, 6 peniques, xilin, florín e media coroa. A Lei da Moeda de 1933 determinaría as denominacións, así como o seu peso e outras especificacións.[9] Na lei recollíase a posibilidade dunha unha sexta denominación de prata, a coroa, aínda que esta non se cuñaría moedas ata a aparición en 1935 da coroa de Waitangi,[10] e ningunha entraría en circulación ata unha nova emisión conmemorativa en 1949.[5]
Conflitos de deseño
[editar | editar a fonte]Aínda que a Asociación de Sociedades de Arte de Nova Zelandia se ofreceu a facilitar un concurso nacional para o deseño das novas moedas, o Goberno de Nova Zelandia contratou os artistas da Royal Mint para este labor. En todos os casos, para o anverso da serie de moedas escolleuse inicialmente un busto coroado de Xurxo V (1910-1936) creado por Percy Metcalfe, que xa fora utilizado anteriormente nas cuñaxes para o territorio de Rodesia do Sur. Este busto viuse substituído polo dos sucesivos monarcas reinantes durante a vixencia da libra neozelandesa: Xurxo VI (1936-1952) —deseñado por Thomas Humphrey Paget— e Isabel II (1952-2022) —deseñado por Mary Gillick—.[6][11]
Canto aos reversos, o comité asesor da Royal Mint revisou varios deseños presentados por Metcalfe e George K. Gray. Os deseños de Metcalfe foron rexeitados principalmente polo comité asesor en favor dos traballos de Gray, aínda que este tivo que repetir algunha das súas propostas.[6][11]
-
Cuñaxe en proba de Metcalfe para os 6 peniques.[12]
-
Proposta de Metcalfe para o xilin.[15]
-
Modelo en escaiola de Gray para a media coroa.[17]
-
Modelo en escaiola de Gray para a coroa de Waitangi.[18]
O ministro Gordon Coates exerceu de facto como primeiro ministro durante as prolongadas estadías do primeiro ministro oficial George Forbes en Gran Bretaña.[19] O conflito político entre os dous levou á creación de comités separados: o Comité de Cuñaxe, con sede en Nova Zelandia, nomeado por Coates, aprobou por separado varios deseños para os reversos das moedas, procurando crear un carácter nacional distintivo nas moedas. A isto seguiu un prolongado desacordo entre Coates e o subdirector da Royal Mint, Robert Johnson, sobre que serie de deseños se producirían, e este último intentou deter o proceso de deseño ata o regreso de Forbes a Nova Zelandia en outubro de 1933. Así e todo, Coates aceptou as recomendacións do Comité de Cuñaxe e os deseños dos reversos puxéronse en produción a partir dos meses seguintes.[6]
Primeiras moedas de prata
[editar | editar a fonte]As primeiras moedas nacionais que chegaron ao país foron un envío de medias coroas que comezou a circular en Auckland e Wellington a finais de novembro de 1933. Durante os meses seguintes seguiron outras denominacións, todas datadas en 1933, e os xilins finalmente chegaron ao país o 3 de abril de 1934.[5] Nova Zelandia foi o derradeiro dominio británico en emitir a súa propia moeda nacional,[6] e as moedas británicas —ademais dos peniques e os medios peniques— en circulación, perderon a súa condición de moeda de curso legal o 1 de febreiro de 1935.[20]
Moedas de cobre e cuproníquel
[editar | editar a fonte]Coincidindo coa celebración do centenario do Tratado de Waitangi en 1940, introducíronse na circulación tres novas moedas: o medio penique e o penique de bronce, e unha moeda de media coroa de prata conmemorativa do centenario. A introdución das moedas de bronce estaba xa recollida na Lei de cuñaxe de 1933, mais o Goberno non considerara ata entón que tivesen unha alta prioridade por mor da abundante presenza de moedas dun penique e de medio penique imperiais. En 1936, a Real Sociedade Numismática de Nova Zelandia acordara facer presión para que se introducisen tales moedas no marco das celebracións do centenario de Waitangi, e convocouse un concurso de deseño tanto para as moedas de bronce como para a media coroa conmemorativa que foi gañado polo artista neozelandés Leonard C. Mitchell.[11] Logo dunha revisión destes deseños por parte de Percy Metcalfe, estas moedas emitíronse en 1940, aínda que se sabe que algúns peniques con data de 1940 entraron realmente en circulación xa a finais de 1939 para resolver a crecente escaseza de moedas de cobre.[21]
En 1947, o aumento dos prezos da prata e os correspondentes gastos de cuñaxe levaron a que as moedas que ata daquela se cuñaran en aliaxe de prata comezasen a cuñarse en cuproníquel. Unha emisión da coroa de 1949, que circulou para conmemorar unha visita real prevista mais finalmente non realizada polo rei Xurxo VI, foi a derradeira moeda de prata emitida para a circulación en Nova Zelandia. En 1953 emitiuse outra coroa conmemorativa circulante, cuñada en cuproníquel, para conmemorar a coroación de Isabel II.[3][11]
Emisións con acabamento proof
[editar | editar a fonte]Paralelamente ás emisións ordinarias para a súa posta en circulación, distribuíronse para o ámbito do coleccionismo numismático dous xogos de moedas cun acabamento especial proof —fondo espello e relevo mate— da serie de moedas da libra neozelandesa, que contiñan unha moeda de cada moeda circulante, xunto cunha moeda dunha coroa conmemorativa. Inicialmente pretendíase que o primeiro destes xogos tivese a data de 1933, mais finalmente atrasouse ata 1935 polos conflitos de deseño xurdidos en relación coa coroa de Waitangi. Este primeiro xogo proof de 1935 produciuse cunha exigua tiraxe de só 364 series, das que 100 se comercializaron en estoxos de coiro, en tanto que o resto se vendeu en simples caixas de cartón. Os xogos con acabamento especial vendéronse tanto en Gran Bretaña como en Nova Zelandia —aínda que todas as moedas de Nova Zelandia se dispuxeron en caixas de cartón— a uns prezos considerablemente altos para Nova Zelandia, que atravesaba os derradeiros anos da Gran Depresión, o que provocou un escaso interese entre o coleccionismo local. Pola súa banda, a segunda serie do xogo en versión proof inclúe a coroa conmemorativa da coroación de Isabel II,[22] e tivo unha tiraxe superior, que acadou os 7.000 exemplares.[23]
Moedas e especificacións
[editar | editar a fonte]Primeira serie de moedas circulantes
[editar | editar a fonte]Valor facial | Imaxe | Período | Reverso | Especificacións técnicas | ||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Anverso | Reverso | Motivo | Deseñador | Diámetro | Peso | Composición | ||
½ penique [24] |
1940-1965 | Figura maorí hei tiki | Leonard C. Mitchell | 25,50 mm | 5,67 g | 97% Cu, 2,5% Zn, 0,5% Sn | ||
Penique [25] |
Paxaro tūī e flores de kōwhai. | 31,75 mm | 9,45 g | |||||
3 peniques [26] |
1933-1965 | Paus patu cruzados | George Kruger Gray | 16,30 mm | 1,41 g | 1933-1946: 50% Ag, 50% varios 1947-1965: 75% Cu, 25% Ni | ||
6 peniques [27] |
Huia | 19,43 mm | 2,83 g | |||||
Xilin (12 peniques) [28] |
Guerreiro maorí con taiaha | 23,65 mm | 5,66 g | |||||
Florín (2 xilins) [29] |
Kiwi | 28,60 mm | 11,31 g | |||||
½ coroa (2,5 xilins) [30] |
Escudo de Nova Zelandia | 32,30 mm | 14,14 g |
Emisións conmemorativas
[editar | editar a fonte]Producíronse catro emisións conmemorativas; todas elas, bardante a coroa de Waitangui, entraron na circulación xeral. Pola súa banda, a coroa de Waitangi cuñouse nunha tiraxe extremadamente limitada e vendeuse exclusivamente a coleccionistas, soa ou como parte do conxunto de 1935 en versión proof.[5][10][22][23]
Valor facial | Imaxe | Data | Reverso | Especificacións técnicas | Tiraxe | ||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Anverso | Reverso | Motivo | Deseñador | Diámetro | Peso | Aliaxe | |||
½ coroa centenario [31] |
1940 | Muller maorí | Leonard C. Mitchell | 32,30 mm | 14,14 g | 50% Ag, 50% varios | 100.800 | ||
Coroa Waitangi [32] |
1935 | Tāmati Wāka Nene e W. Hobson | Percy Metcalfe | 38,74 mm | 28,28 g | 1.128 | |||
Coroa visita real [33] |
1949 | Folla de fento e Crux | James Berry | 200.020 | |||||
Coroa coroación de Isabel II [34] |
1953 | Iniciais EIIR coroadas e Crux | Robert M. Conly | 75% Cu, 25% Ni | 257.000 |
Decimalización do sistema
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dólar neozelandés.
A primeira vez que se propuxo a creación dunha moeda para Nova Zelandia baseada no sistema decimal foi en agosto de 1908, nun discurso pronunciado no Instituto Otago de Artes e Ciencias no que se demandaba un sistema coa libra como unidade nacional, dividida en 10 floríns, cada un deles composto por 10 brons, e cada bron dividido en 10 tennies. Aínda que se tomou en consideración a posibilidade de asumir esta proposta, finalmente a Lei da Moeda de 1933 frustrou tales intentos.[9] Así e todo, mantívose aberta as posibilidade futura de decimalización ao manter a coroa como denominación nominal, debido á posibilidade dun sistema decimal baseado na coroa e o centavo.[5][35]
O deputado laborista Rex Mason presentou varios proxectos de lei que apoiaban a decimalización durante a década de 1950, mentres estaba na oposición. O Partido Nacional uniuse ás entidades que apoiaban a decimalización a finais dos anos 50 e, xunto co Partido Laborista, fixeron campaña a favor durante as eleccións xerais de 1960. En 1957, un comité gobernamental creado para investigar a posibilidade da decimalización do sistema informou favorablemente acerca dos posibles efectos económicos, e salientou a maior eficiencia como un dos principais factores para o cambio, aínda que compensado polo custo das campañas de información pública e a produción das novas moedas. O Partido Nacional anunciou que a decimalización se levaría a cabo en 1963,[1] e aprobou a Lei da Moeda Decimal en 1964.[37]
A nova lei estandarizou unha nova moeda: o dólar neozelandés, dividido en 100 centavos. O seu valor baseouse no da moeda anterior, de xeito que a moeda dun xilin pasou a equivaler á nova de 10 centavos. Definíronse oito valores faciais no novo sistema, que ían desde o dólar ata o medio centavo.[38] Ao entrar en vigor o 10 de xullo de 1967, a lei aboliu a libra neozelandesa. Aínda que se retiraron inmediatamente as anteriores moedas de medio penique, dun penique e de tres peniques, as moedas de seis peniques, os xilins e os floríns seguiron a ter curso legal ata o 31 de outubro de 2006, cando se retiraron da circulación as moedas de cinco centavos e se reduciu o tamaño das moedas divisionarias de 10, 20 e 50 centavos.[37]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Matthews, K. (2003).
- ↑ "1 Penny -Gilmour, John New Plymouth". Numista.com
- ↑ 3,0 3,1 Familton, R. J.; McLintock, A. H. (1966). "Coinage". En An Encyclopaedia of New Zealand.
- ↑ "Victorian Coinage". En Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 91-101.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 5,8 "New Zealand Coinage". En Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 141-160.
- ↑ 6,00 6,01 6,02 6,03 6,04 6,05 6,06 6,07 6,08 6,09 6,10 Stocker, M. (2005).
- ↑ Singleton, J. (2008). "An Economic History of New Zealand in the Nineteenth and Twentieth Centuries". En Encyclopedia of Economic and Business History (EH.Net). 10 de febreiro.
- ↑ "No Mystery Now: The Famous Cylinder, Extraordinary Structure, for Illegal Use". En Evening Post. 24 de novembro de 1933. Páxina 8.
- ↑ 9,0 9,1 "An act to make Provision with respect to Currency, Coinage, and Legal Tender in New Zealand (Coinage Act 1933)". New Zealand Acts As Enacted (nzlii.org).
- ↑ 10,0 10,1 Stocker, M. (2010).
- ↑ 11,0 11,1 11,2 11,3 "Designs on New Zealand Coins". En New Zealand Numismatic Journal. 10 (3). Páxinas 74-77. Febreiro de 1961.
- ↑ Stocker, M. (2004). Páxina 13.
- ↑ Stocker, M. (2004). Páxina 21.
- ↑ "1 Shilling - George V Kiwi Shilling; pattern". Numista.com
- ↑ 15,0 15,1 Stocker, M. (2004). Páxina 12.
- ↑ Stocker, M. (2004). Páxina 15.
- ↑ Stocker, M. (2004). Páxina 10.
- ↑ Stocker, M. (2010). Páxina 180.
- ↑ Gardner, W. J. (1996). "Forbes, George William". En Dictionary of New Zealand Biography (Teara.govt.nz).
- ↑ Pollock, K. (2012). "Coins and banknotes". En The Encyclopedia of New Zealand. 20 de xuño.
- ↑ Stocker, M. (2011).
- ↑ 22,0 22,1 Humble, M. (1992). "The Waitangi Proof Set Revisited". En New Zealand Numismatic Journal (70). Páxinas 13-17.
- ↑ 23,0 23,1 Cuhaj, G. S. (2014). Páxina 1.633.
- ↑ "½ Penny - George VI 1st type" / "2nd type". Numista.com
- ↑ "1 Penny - George VI 1st type" / "2nd type". Numista.com
- ↑ "3 Pence - George V". Numista.com
- ↑ "6 Pence - George V". Numista.com
- ↑ "6 Shilling - George V". Numista.com
- ↑ "1 Florin - George V". Numista.com
- ↑ "½ Crown - George V". Numista.com
- ↑ "½ Crown - George V Centennial issue". Numista.com
- ↑ "1 Crown - George V 95 Years of the Treaty of Waitangi". Numista.com
- ↑ "1 Crown - George VI Royal Visit". Numista.com
- ↑ "1 Crown - Elizabeth II 1st portrait; Coronation". Numista.com
- ↑ "Decimal Currency". En Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 170-190.
- ↑ "1 Dollar - Elizabeth II 2nd portrait; Shield of Arms". Numista.com
- ↑ 37,0 37,1 Pollock, K. (2012). "Decimal currency, 1960s to 2000s". En Encyclopedia of New Zealand (Teara.govt.nz). 20 de xuño
- ↑ "An Act to provide for a system of decimal currency, and to make provision with respect to coinage, legal tender, and matters incidental to the foregoing purposes. 1964". New Zealand Acts As Enacted (nzlii.org).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cuhaj, G. S. (2014). Standard Catalog of World Coins 1901-2000 (41ª ed.). Krause Publications, Iola. ISBN 978-1440235672
- Hargreaves, R. P. (1972). From Beads to Bank Notes. John McIndoe, Dunedin.
- Matthews, K. (2003). "The Legal History of Money in New Zealand". En Reserve Bank of New Zealand Bulletin. 66 (1). Páxinas 40-49.
- Stocker, M. (2004). The Numismatic Birth of the Dominion’ The 1933 New Zealand Coinage Designs. Royal Numismatic Society of New Zealand, Wellington. ISBN 0-476-01614-2
- Stocker, M. (2005). "'A Very Satisfactory Series': The 1933 New Zealand Coinage Designs". En British Numismatic Journal. 75. British Numismatic Society. Páxinas 142-160.
- Stocker, M. (2010). "The New Zealand 'Waitangi' Crown of 1935". En British Numismatic Journal. British Numismatic Society. 80. Páxinas 176-188.
- Stocker, M. (2011). "Completing the Change: The New Zealand Coin Reverses of 1940". En British Numismatic Journal. British Numismatic Society. 81. Páxinas 203-222.