N-550
N-550 Estrada A Coruña - Tui | |
---|---|
Estrada N-550 ao seu paso por Paredes (Vilaboa) | |
Tipoloxía | Estrada convencional |
Rede | Rede de estradas do Estado |
Lonxitude | 180 km |
Localización | |
Inicio | A Coruña |
Fin | Tui |
Circulación | |
Velocidade máxima | 90 km/h |
A N-550 é unha estrada nacional que parte da Coruña e remata en Tui. A nomenclatura desta vía, así como do resto das estradas nacionais de España, estableceuse no cuarto plan xeral de estradas de 1939-41 (Plan Peña). Orixinariamente o seu percorrido era entre A Coruña e Vigo. Despois fíxose a variante desde Redondela até Tui, que quedou como trazado definitivo.
Discorre pola depresión meridiana e vertebra os principais núcleos de poboación de Galicia. O seu trazado correspóndese en parte coa Vía XIX do itinerario de Antonino, entre Tui e Iria Flavia, por onde discorre tamén a vía portuguesa do Camiño de Santiago. Na década de 1970 construíuse a autoestrada AP-9, que vai paralela a esta estrada.
Traxecto
[editar | editar a fonte]Sae da Coruña pola avenida Alfonso Molina cara ao concello de Culleredo. Atravesa os lugares do Portádego, A Corveira, Vilaboa e Alvedro. Xa en Cambre pasa por Sigrás e Altamira. En Carral pasa por Tabeaio e a propia vila de Carral (pola Costa do Pincho). A estrada discorre entre eucaliptos e piñeiros, mentres sobe cara ao punto máis alto da mesma, O Mesón do Vento, xa no concello de Ordes.
Cruza a vila de Ordes pola avenida de Alfonso Senra, deixando á dereita a casa do Concello. Atravesa Santa Cruz de Montaos e chega ó concello de Oroso. Aquí pasa por Deixebre e Oroso, antes de chegar a Ponte Sigüeiro, onde cruza o río Tambre a través dunha ponte medieval reformada pouco antes de chegar a Santiago de Compostela.
Antigamente a estrada atravesaba a cidade polo centro (rúas de Basquiños, Santa Clara, Rodas, Porta do Camiño, Virxe da Cerca, Ensinanza, Fonte de Santo Antón, Senra e Rosalía de Castro), pero na actualidade existe a estrada SC-20 que enlaza coa N-550 no Polígono do Tambre e que leva á avenida de Lugo, que conecta coa avenida de Antón Fraguas, saída de Santiago cara ao sur.
Pouco despois de saír de Compostela, pasando por Conxo, chega ao Milladoiro, vila-dormitorio do concello de Ames. Logo de pasar polos concellos de Teo e Rois chega ó de Padrón, polos lugares da Picaraña, A Escravitude (a carón do santuario da Nosa Señora da Escravitude) e Iria Flavia (entre a colexiata de Iria Flavia e a sede da fundación Camilo José Cela). A vila de Padrón é atravesada pola avenida de Compostela, deixando á esquerda o xardín botánico e á dereita o centro histórico. Cruza o río Ulla e chega á provincia de Pontevedra.
Atravesa as vilas de Pontecesures e Valga, capitais dos seus respectivos concellos, e chega a Caldas de Reis. A comezos do século XXI construíuse unha circunvalación, polo cal a estrada xa non atravesa a vila. Logo de cruzar a N-640 e o río Umia, atravesa as terras de Barro. En Porráns pasa a carón da casa natal de Ángel Amor Ruibal. Ao seu paso por Cerponzóns (xa no concello de Pontevedra) cruza o río Rons. En 1997 construíuse unha ponte nova que viu substituír a que mandara facer en 1797 o arcebispo Malvar mentres se construía o camiño real de Pontevedra a Santiago de Compostela[1].
Até a década de 1970 a entrada á cidade de Pontevedra facíase pola ponte do Burgo, logo de pasar por diante da casa natal de Valentín Paz-Andrade e polo estadio de Pasarón. Despois íase pola avenida do Arcebispo Malvar (por diante da basílica de Santa María) e pola rúa Michelena até a igrexa da Virxe Peregrina. Na actualidade a estrada cruza o río Lérez pola ponte de Santiago, e segue polas avenidas de Uruguai e das Corvaceiras, pola rúa Manuel del Palacio e polas Avenidas María Victoria Moreno e Josefina Arruti, até chegar ao nó do Pino. O percorrido segue a través do concello de Pontevedra e o de Vilaboa.
En Figueirido e Paredes había senllos pasos a nivel, así como nos Valos (Redondela). Despois de ligar coa N-554, que vai cara á ponte de Rande, segue cara a Arcade, (xa no concello de Soutomaior) logo de cruzar o río Oitavén. Despois de atravesar Cesantes, chega a Redondela, vila que é circunvalada.
Ó saír de Redondela deixa á dereita a desviación a Vigo (N-552), e pouco despois a desviación ó aeroporto de Peinador (N-555), chegando ó concello de Mos e logo á localidade do Porriño, onde é cruzada pola autovía A-52. Pouco despois chega a Tui a través da Avenida da Concordia e atravesa a vila até chegar á antiga aduana e á Ponte Vella Internacional Tui-Valença, construción de ferro mixta para ferrocarril e turismos, rematando a estrada oficialmente á entrada da beira española da ponte.
Fitos
[editar | editar a fonte]A N-550 construíuse a partir do Camiño e Plantío Real, construído a finais do século XVIII entre Pontevedra a Compostela, o cal á súa vez construíuse a partir da rede viaria romana e os camiños castrexos. No tramo entre Tui e Santiago de Compostela consérvanse seis leguarios, fitos situados cada legua. Foron instalados cando se construíu o camiño real. A obra foi promovida e financiada polo arcebispado, primeiro por Bartolomé de Raxoi e despois por Sebastián Malvar Pinto, baixo a dirección do arquitecto José Pérez Machado e o aparellador Melchor de Ricoy.[2] Estes leguarios están realizados en granito e situados á beira esquerda en dirección norte, con forma troncopiramidal e asentados sobre pedestais de sección cuadrangular. Algúns deles na cara leste teñen gravado o número de leguas que distan até Santiago e A Coruña e na cara sur teñen un reloxo de sol, con ortomeridianos e numeración romana para as horas.[3] De sur a norte, consérvanse leguarios no km 130 (O Marco, Figueirido, Vilaboa), km 114 (O Cunchido, Cerponzóns, Pontevedra), km 107 (A Gándara, Perdecanai, Barro), km 101 (Tivo, Santa María de Caldas de Reis, Caldas de Reis), 93 (O Cruceiro, Carracedo, Caldas de Reis) e km 87 (Ponte Valga, Valga).
Amais consérvanse varios fitos quilométricos correspondentes ao plan de Instrución de Estradas de 1939, nos km 3, 4 (A Coruña), km 109 (Santo Antoniño, Barro) e 129 (Paredes, Vilaboa). En Louredo (Mos) e Guillarei (Tui) consérvanse os fitos número 7 e 24, contando a numeración desde Redondela. En Ordes consérvase un fito miriamétrico, do km 30.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Fito do quilómetro 2 na Coruña.
-
N-550 ó seu paso por Barro
-
Ó seu paso polo concello de Santiago de Compostela
-
N-550 ó seu paso por Sigüeiro
-
Concello de Oroso
-
Gasolineira na N-550 ao seu paso por Redondela
-
Fito de legua no Cunchido (Cerponzóns, Pontevedra)
-
Fito en Santo Antoniño (Perdecanai, Barro)
-
Vídeo cruzando Carral.
-
Vídeo cruzando O Mesón do Vento, Ordes.
-
Vídeo cruzando Ordes.
-
Vídeo atravesando Oroso.
-
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "El puente de Cerponzóns", artigo de Milagros Bará en Diario de Pontevedra, 28 de outubro de 2015.
- ↑ MACEDO CORDAL, C; OTERO ROBERES, C. (2004): "Melchor Ricoy, mestre de obras", en Cátedra nº 11, pp. 271-281.
- ↑ BASANTA CAMPOS, J. L. (2003): Relojes de Piedra en Galicia. Fundación Barrié de la Maza.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: N-550 |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Turnes Vieito, X., Viéitez Rodríguez, R. e Díaz Patiño, N. (2012): N-550. Da estrada á rúa: km 0. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. ISBN 978-84-615-7797-2
- Turnes Vieito, X., Viéitez Rodríguez, R. e Díaz Patiño, N. (2012): N-550. Da estrada á rúa: km 36. As vivendas illadas. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. ISBN 978-84-615-7873-3