Oímbra
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | provincia de Ourense | ||||
Capital | Oímbra | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 1.730 (2023) (24,06 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 71,9 km² | ||||
Altitude | 419 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcaldesa | Ana María Villarino Pardo (2015–) | ||||
Eleccións municipais en Oímbra | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 32... | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 32053 | ||||
Oímbra é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca de Verín. Segundo o IGE en 2014 tiña 2020 habitantes (1991 en 2003).
Xeografía
[editar | editar a fonte]O concello limita ao norte co concello de Monterrei, ao leste con Verín, e ao sur e o oeste co concello de Chaves (Portugal). A vila de Oímbra sitúase na aba do monte Outeiro, a 400 m sobre o nivel do mar. Boa parte dos seus regos van dar ao río Támega.
Poboación
[editar | editar a fonte]Censo total (Habitantes) | 2020 (2014) |
Menores de 15 anos | 137 (6.78 %) |
Entre 15 e 64 anos | 1248 (61.78 %) |
Maiores de 65 anos | 635 (31.43 %) |
Evolución da poboación de Oímbra Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
2682 | 3000 | 3498 | 2148 | 1984 | 2032 | 2062 | ||||||||||||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Historia
[editar | editar a fonte]O achado arqueolóxico máis antigo do concello apareceu na poboación de Espiño, tratase dun “biface” pertencente ó Paleolítico inferior/medio que foi producido como utensilio lítico polo home de Neanderthal[1].
Da época calcolítica téñense achado numerosos anacos de cerámica nos arredores do lugar da Ceada/Castelo de Lobarzán[2].
Segundo o bispo Idacio a zona estaba ocupada polos avobriguenses, pobo prerromano galaico pertencente ao convento xurídico bracarense.[3]
Despois da romanización estableceuse o poboado de Coelobriga na beira dereita do río Támega, preto da actual situación de Oímbra (no lugar coñecido como As Raposeiras), comunicado a través dunha ponte con outra poboación, Muradella, situada entre as parroquias de Mourazos e Tamagos (Verín), onde se atopou a estatua de Dioniso e Ampelos, unha estatua marmórea conservada no museo de Ourense.
A vía romana XIII do itinerario de Antonino ía desde Chaves até Iria Flavia, pasando por Carregal, preto de Oímbra, cruzando o río Búbal cara a Guimarei (Monterrei) e Ourense. No século III unha vía secundaria ía por Rabal, ao leste de San Cibrao, Coelobriga (As Raposeiras), o leste de Oímbra, Portela e Vagoeira (Vilaza), uníndose á vía XIII na ponte Búbal.[4]
Foi coa romanización cando o territorio que hoxe pertence o concello de Oímbra comeza a despuntar, atopándose restos desta etapa en todas as aldeas. Destaca desta época:
- Ara a Marte de Espiño.
- Ara os deuses Lares de Rabal[5].
- Lápida de mármore de Rabal[6].
- Miliario de Flavio Dalmacio de S. Cibrao.
- Estatua menhir do Muíño de San Pedro.
Así como bases de columnas e outros restos que aparecen por toda a contorna, destacando o sitio arqueolóxico da Ceada/Castelo de Lobarzán.
Trala chegada dos suevos a comezos do século V foron destruídas algunhas desas vilas, como a devandita de Vagoeira.[7]
Durante o reinado de Leovixildo, no século VI, asentouse un poboado en Ribeira de Fornos ou Carregal. Debido ás continuas guerras, os habitantes mudáronse cara ao monte Outeiro, onde na actualidade se sitúa Oímbra, con mellores condicións de defensa, e fortificaron a poboación.
Durante a idade media chegaron a existir dous castelos en Oímbra: o Castelo de Lobarzán (hoxe no territorio do concello de Monterrei máis pegado á linde coa parroquia das Chas) e a torre de Oímbra, situado no que aínda hoxe chaman o “Barrio do Castelo” en Oímbra. Do primeiro só quedan as bases da torre e da muralla que o protexía, mentres que do segundo só se conservan algúns documentos, pois a pedra deste castelo foi aproveitada como recheo para a torre da Homenaxe de Monterrei.[4]
Entre os séculos XV e XVII establecéronse tribunais do Santo Oficio en Granxiña - Tamagos (Verín) e en Videferre, debido á crenza en meigas e ao celo das autoridades eclesiásticas por velar co cumprimento dos dogmas católicos.[4] Para comunicar esas dependencias con Oímbra construíuse unha ponte de madeira sobre o Támega. Tras desaparecer nunha riada, foi reconstruído a finais do século XIX.
Cara a 1630 chegou á vila o nobre Juan Yáñez de Lugo, fillo de Alonso Yánez de Lugo, que promoveu unhas serie de obras e construcións que marcaron unha época de grande esplendor.
No pazo de Oímbra pasaban o tempo de lecer os condes de Monterrei,[4] sendo Manuel Fonseca de Zúñiga grande amigo de Juan Yáñez de Lugo. O pazo tivo esplendor até finais do século XIX, estando na actualidade bastante deteriorado.
A vila tiña un castelo fortificado, pero foi incendiado e destruído en 1641 tras unha incursión portuguesa.[4] Tralo incidente, os veciños refuxiáronse na capela de Santa Ana, no monte de Soutullo.
Ao finalizar en 1668 a guerra entre España e Portugal, asínase o Tratado de Lisboa co cal as partes galegas de Cambedo e Souteliño seguirían pertencendo a Oímbra. En 1864 os dous países acadaron un novo acordo, pasando esas aldeas (xunto con Lamadarcos) a formar parte de Portugal a cambio dos lugares do Couto Mixto: Santiago, As Maus e Rubiás.
Durante a Guerra da Independencia Española, as tropas do Marqués de la Romana que levaban na zona desde xaneiro, retiráronse o 6 de marzo ante a chegada das tropas do mariscal Soult. O Marqués de la Romana refuxiárase no castelo de Pobra de Sanabria debido á súa inferioridade, pois foron vencidas en Osoño e A Trepa. O día 10, tras varias xornadas de combate, as tropas francesas retoman a marcha cara a Portugal, sendo derrotadas o 2 de maio en Amarante.
Ata 1868 pertenceron o concello de Oímbra os pobos promiscuos de Cambedo e Souteliño, chamados así por pasar a fronteira entre Galicia e Portugal polo medio de ditas aldeas. A partir dese ano un acordo de lindes entre Portugal e España provocou que a totalidade das dúas aldeas pasaran a pertencer a Portugal, aínda que os veciños seguiron conservando a nacionalidade que xa tiñan antes do acordo
Patrimonio
[editar | editar a fonte]Fonte de Soutullo
[editar | editar a fonte]A fonte de Soutullo foi construída en 1637 sobre o manancial da cara leste do monte Soutullo. Erguida en granito tallado a man, inclúe unha inscrición na parte superior cun escudo que inclúe unha cruz da casa de Ribadeneira, as armas dos Bahamonde, os lobos rampantes e os acivros da casa de Acevedo, e as estrelas dos Fonseca, estes últimos vencellados aos Condes de Monterrei. A fonte abastecía, mediante un cano de pedra que cruzaba o rego do Carregal por unha pontela, unha casa señorial do barrio da Lavandeira, a uns 300 metros da vila. A fonte foi trasladada trala súa compra en 1988 polo veciño de Verín Sergio Núñez Balboa.
Lagares rupestres
[editar | editar a fonte]Oímbra destaca por ser o concello de Galicia con maior concentración de lagares rupestres[8], existindo unha ruta sinalizada na parroquia de Oímbra para visitar algúns dos máis impoñentes.
Adega-lagar das Barrocas
[editar | editar a fonte]Adega rehabilitada para a ruta dos Lagares Rupestres. Posúe tres andares, unha primeira enterrada onde o teito se sustenta por pórticos de pedra, unha segunda co lagar que desaugaba directamente para a adega e unha terceira que podía valer de vivenda ou de almacén.
Igrexa de Santa María de Oímbra
[editar | editar a fonte]Aínda que amplamente reformada no século XVII conserva restos dun pasado románico e ten unha capela de estilo barroco onde os Yañez de Lugo foron enterrados.
Castro das laxes/Castelo de Lobarzán
[editar | editar a fonte]Recinto arqueolóxico de grandes dimensións que esta a ser investigado pola Universidade de Vigo e no que se teñen atopado restos calcolíticos, romanos e medievais. Está situado entre as parroquias das Chás e Vilaza.[9]
Pazo de Oímbra
[editar | editar a fonte]O pazo de Oímbra está situado na praza Maior, facendo esquina coa rúa maior. A construción inicial foi ampliada en tres ocasións, unha delas en 1786, segundo unha inscrición no exterior da parede. No pazo de Oímbra pasaban o tempo de lecer os condes de Monterrei, sendo Manuel Fonseca de Zúñiga grande amigo de Juan Yáñez de Lugo. O pazo tivo esplendor até finais do século XIX, estando na actualidade bastante deteriorado. chegando a estar deshabitado e en ruína. Tras ser vendido a David Fernández Osorio, este deixoullo á súa irmá Albina, e esta repartiuno entre seus fillos Antonio, José, Juan e Concepción. Na actualidade está bastante deteriorado.
Nunha parede do interior consérvase un escudo acuartelado, con cimeira á dereita. Noutra parte do pazo, nun patio ao que se accede pola rúa da capela, hai unha escaleira de pedra cara a un corredor de madeira, no que hai un escudo similar ao anterior.
Preto do pazo está a capela do Carme, de planta rectangular, que forma parte do conxunto. Construída en granito, ten fachada de perpiaños encintados, con portada en forma de arco. Conta con espadana e campá. O templo tamén é coñecido como capela dos Mansos, debido a que nela está soterrado Luis Manso, herdeiro da casa de Viana. Casado en Albarellos (Monterrei) con Josefa Pérez, herdara o morgado do seu pai, o Xeneral Manso, quen casara en Oímbra coa filla da familia Rojas Cirvacas.
Castro da Ceada
[editar | editar a fonte]Recinto fortificado en altura que esta sendo investigado nestes momentos pola Universidade de Vigo e do que se descoñece a súa adscrición temporal. Está situado no lugar de Espiño.
Igrexa parroquial de San Xoán
[editar | editar a fonte]Igrexa de estilo barroco con reformas no S. XIX situada na parroquia (da Granxa).
Igrexa parroquial de Santa Baia
[editar | editar a fonte]Igrexa do S. XVIII que pasa por ser unha das máis grandes da contorna, está situada na parroquia de Bouses.
Igrexa parroquial de Santa María
[editar | editar a fonte]A igrexa de Santa María de Oímbra foi ampliada e reformada en 1634. Ten unha capela pegada á nave central, á que se accede desde o interior da igrexa, onde está o sartego de Juan Yáñez de Lugo, da súa familia e de Luis Manos, xunto cun escudo familiar.
Cruceiro de San Cibrao
[editar | editar a fonte]Cruceiro coa representación da paixón de cristo, pasa por ser un dos cruceiros máis importantes da diocese de Ourense[10], foi feito en 1754. Atópase en San Cibrao.
Casa con escudo da Inquisición
[editar | editar a fonte]Casa de planta rectangular con muros de bo cadeirado granítico, na fachada ten unha porta con arco de medio punto e sobe el o escudo de armas da inquisición. Está situada en Videferre.
Capela de Santa Ana
[editar | editar a fonte]Posiblemente naceu como eremitorio medieval, foi reformada no século XVII[11]. Ten unha xanela seteira na ábsida, e diversos relevos no muro norte, do Sol, a Lúa e un castelo labrado. En 2022 a capela ardeu por mor dun incendio forestal[12][13].
Economía
[editar | editar a fonte]O sustento económico dos habitantes do concello procede en gran parte do sector primario, especialmente da agricultura e da gandería.
En Oímbra viuse utilizando o arado romano e o carro até ben entrado o século XX. Coa chegada dos tractores aumentou a produtividade agrícola. Ademais dos cultivos típicos de Galiza, coma cereais, patacas, hortalizas e legumes, árbores froiteiras e viñedos, teñen sona as oliveiras da zona. Cultivadas desde a romanización, a súa produción de aceite perdeuse en gran medida a mediados do século XX, estando na actualidade en proceso de recuperación.
Destacan os produtos da horta, sendo o produto estrela o pemento branco, que conta con denominación de orixe[14]. En agosto celébrase a Festa do pemento de Oímbra, de interese turístico galego.
Política e goberno
[editar | editar a fonte]Toda a corporación municipal está formada por mulleres.[cando?][15]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Oímbra.
-
O Támega ó seu paso por Rabal.
-
Igrexa de Santa María de Oímbra.
-
Igrexa de Videferre.
-
Casa do concello.
-
Placa altimétrica na casa do concello.
-
Bandeira de Oímbra.[16]
-
Capela de Santa Ana.
Parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Oímbra
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Oímbra vexa: Lugares de Oímbra.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Reboreda Carreira, Alberte; Amado Rolán, Nieves (2019). A historia de Verín en 100 obxectos. Concello de Verín.
- ↑ "“Cabezas reticuladas”". Castelo de Lobarzán. Sitio Arqueolóxico. Consultado o 28 de outubro do 2019.
- ↑ "Oímbra". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Ed. Silverio Cañada. Editorial Novos Vieiros. Grupo El Progreso.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 "Informe do proxecto “Investigación Arqueolóxica e Histórica sobre as orixes do Concello de Oímbra”" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de outubro de 2019. Consultado o 28 de outubro de 2019.
- ↑ "Red Digital de Colecciones de Museos de España". Consultado o 28 de outubro do 2019.
- ↑ "Red Digital de Colecciones de Museos de España". Consultado o 28 de outubro de 2019.
- ↑ La historia de una muralla
- ↑ "Oímbra regresó a la pisa tradicional de las uvas". La Voz de Galicia.
- ↑ "Castelo de Lobarzán. Sitio Arqueolóxico".
- ↑ "PXOM Oímbra" (PDF).
- ↑ "Capela de Santa Ana". Concello de Oímbra. Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2022. Consultado o 15 de agosto de 2022.
- ↑ "Fotogalería: A capela de Santa Ana, calcinada". Diario do Támega. 14 de agosto de 2022.
- ↑ "O incendio de Oímbra calcina a capela de Santa Ana: "Só quedaron as paredes"". Nós Diario. 15 de agosto de 2022.
- ↑ "I.G.P. Pemento de Oímbra". Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2019.
- ↑ La Región (ed.). "En Oímbra sí mandan ellas". Consultado o 20190607.
- ↑ Decreto 440/1996, do 13 de decembro DOG núm. 254 (31 de decembro de 1996)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Oímbra |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web do concello de Oímbra Arquivado 28 de outubro de 2019 en Wayback Machine.
- Páxina web do Colectivo Cultural Olimbria
- Publicación sobre o Castro da Cerca
- Páxina web do patrimonio do concello de Oímbra Arquivado 28 de outubro de 2019 en Wayback Machine.