Saltar ao contido

RMS Carpathia

Este é un artigo bo da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

RMS Carpathia
Historial
Estaleiro Swam Hunter & Wigham Richardson, Wallsend, Tyne e Wear, Reino Unido Reino Unido
Clase Clase Ivernia
Tipo Transatlántico
Operador Cunard Line
Porto de rexistro Liverpool (Inglaterra)
Posta en grella 10 de setembro de 1901
Botado 6 de agosto de 1902
Viaxe inaugural 5 de maio de 1903
Baixa 17 de xullo de 1918
Destino Afundido polo SM U-55 ao sur da costa irlandesa
Características xerais
Desprazamento 13555 toneladas[1]
Eslora 170 metros (557,7 pés)[1]
Manga 19,63 metros (64,4 pés)[1]
Calado 12,19 metros (40 pés)[2]
Cubertas 7
Propulsión Máquinas de 8 cilindros de expansión cuádrupla e dúas hélices
Potencia 10 000 HP (10 139 CV)
Velocidade • De deseño: 14 nós (26 km/h)
• Máxima: 17,5 nós (32,4 km/h)
Tripulación 307 tripulantes[3]
Capacidade • En 1903: 1704 pasaxeiros[3]
• En 1905: 2550 pasaxeiros[3]
  • Primeira clase: 100
  • Segunda clase: 200
  • Terceira clase: 2250

O RMS Carpathia (Royal Mail Steamship Carpathia) foi un transatlántico británico da compañía navieira Cunard Line que foi construído nos estaleiros de Swan Hunter & Wigham Richardson. A súa construción foi iniciada en setembro de 1901, foi botado ao mar en agosto de 1902 e realizou a súa viaxe inaugural en maio de 1903. O Carpathia foi deseñado para transportar inmigrantes do leste europeo e persoas de clase media, ofrecendo un confort maior que o doutros buques da época. En 1905 foi engadida unha primeira clase e aumentáronse as instalacións da terceira clase.

Despois de nove anos en servizo sen ningún incidente destacado, o Carpathia recibiu as chamadas de socorro do Titanic na madrugada do 15 de abril de 1912 mentres realizaba a súa rutineira travesía dende Nova York cara a Fiume (Austria-Hungría) —na actualidade Rijeka (Croacia)—. O capitán Arthur Rostron cambiou o rumbo do barco para ir ao rescate do Titanic, preparou a toda a súa tripulación e conseguiu facer que o buque lograse o seu propio récord de velocidade. O Carpathia rescatou 712 sobreviventes[4] ao amencer e regresou a Nova York o 18 de abril. A prensa da época e varios pasaxeiros do Titanic consideraron heroes ao capitán Rostron e a súa tripulación.

O Carpathia continuou o seu servizo comercial durante a primeira guerra mundial, actuando tamén como buque de transporte de tropas. Durante a guerra, o 17 de xullo de 1918 foi torpedeado polo submarino alemán SM U-55 e afundiuse, morrendo cinco persoas no naufraxio. Os restos do Carpathia foron achados no 2000 polo explorador Clive Cussler e a súa compañía, a National Underwater and Marine Agency (NUMA).

Construción e características

[editar | editar a fonte]

O Carpathia (cuxo nome provén dos Montes Cárpatos[5]) foi construído polos estaleiros Swan Hunter & Wigham Richardson, en Wallsend (Tyne e WearInglaterraReino Unido). O Carpathia foi o terceiro e derradeiro buque dunha serie de tres transatlánticos; os seus irmáns xemelgos eran o SS Ivernia e o RMS Saxonia. A construción do Carpathia comezou o 10 de setembro de 1901.[1] Durante a súa construción, o seu casco foi pintado de cor cinsenta clara para que saíse con maior nitidez nas fotografías. O Carpathia foi botado ao mar o 6 de agosto de 1902, sendo despois remolcado a un dique seco para o seu acondicionamento, durante os seguintes oito meses. Unha vez rematada a súa construción, o buque realizou as súas probas de mar entre o 22 e o 25 de abril de 1903.[6]

O casco do Carpathia, pintado de cor cinsenta clara, agarda no estaleiro para a súa botadura.

O Carpathia non foi concibido como un transatlántico de luxo, senón para transportar principalmente pasaxeiros de segunda e terceira clase, as cales proporcionaban un confort considerábel nesa época. Os pasaxeiros da segunda clase tiñan acceso a unha biblioteca, unha sala de fumadores e un comedor; instalacións coas que tamén contaba a terceira clase, exceptuando a biblioteca.[7] Unha pequena área para pasaxeiros de primeira clase foi engadida posteriormente en 1905,[2] sendo tamén aumentadas considerabelmente as instalacións da terceira clase.[3]

A súa capacidade orixinal era de 1704 pasaxeiros,[3] porén tras as reformas efectuadas en 1905 a súa capacidade aumentou até os 2550 pasaxeiros.[2] Como posterior barco de transporte de tropas durante a primeira guerra mundial, foi adaptado para transportar até tres mil homes e mil toneladas de abastecementos, ou mil homes con cabalos.[2] A embarcación tamén tiña unha pequena orquestra, da cal dous dos seus músicos, Theodore Brailey e Robert Bricoux, posteriormente integraríanse á orquestra do Titanic.[8] O Carpathia tiña 170 metros de eslora, 19 metros de manga, unha tonelaxe de 13 555 toneladas, e era propulsado por dúas hélices de tres pas movidas por dúas máquinas de vapor de oito cilindros e cuádrupla expansión que lle permitían acadar unha velocidade media de 14 nós (26 km/h). Porén, na noite do naufraxio do Titanic, o buque logrou acadar unha velocidade máxima de 17,5 nós (32,4 km/h).[9]

Primeiros anos en servizo

[editar | editar a fonte]

O Carpathia fixo a súa viaxe inaugural o 5 de maio de 1903, partindo dende Liverpool (Reino Unido) rumbo a Boston (Estados Unidos), facendo escala en Queenstown (Irlanda); a viaxe, porén, viuse atrasada por mor dunha folga durante o período final da súa construción.[7] Despois diso, o barco serviu na ruta Nova York-Liverpool durante o verán, e na ruta Nova York-Fiume (Austria-Hungría) e despois até Trieste (Italia) na época de inverno.[10] O Carpathia serviu á Cunard Line durante os seus primeiros nove anos de carreira de maneira tranquila e eficiente, sen involucrarse en ningún incidente digno de destacar. Dende a súa botadura, o buque recibiu pouca atención por parte da prensa, estando á sombra dos grandes transatlánticos da época como os Catro Grandes, a Clase Kaiser, o RMS Oceanic, o RMS Lusitania, o RMS Mauretania, e a Clase Olympic.[7]

Intervención na traxedia do Titanic

[editar | editar a fonte]
O capitán Rostron e Molly Brown tras a traxedia do Titanic.
Rescate do bote nº 12 do Titanic.

O Carpathia deixou Nova York o 11 de abril de 1912 con destino a Fiume (Austria-Hungría), ao mando do capitán Arthur Rostron (que asumira o mando do barco o 18 de xaneiro[11]); a bordo viaxaban apenas 743 pasaxeiros, coa súa segunda e terceira clases estando medio baleiras, xa que había só 50 pasaxeiros en segunda clase e 565 en terceira.[3] Entre os pasaxeiros estaban o pintor Colin Campbell Cooper,[12] o xornalista Lewis P. Skidmore, o fotógrafo Dr. Francis H. Blackmarr e Charles H. Marshall.

Aproximadamente ás 0:26 a. m. do 15 de abril, recibiuse a angustiosa chamada de auxilio (CQD) do RMS Titanic na sala de telégrafo do Carpathia, a cargo do operador de radio Harold Cottam (que aínda estaba de servizo e preparábase para ir durmir). Cottam informou ao primeiro oficial e ambos foron a espertar ao capitán Rostron no seu camarote para darlle a noticia.[9] Rostron, que estaba a unhas 58 millas (93 km) ao sur da posición radiada, cambiou de rumbo, ordenou máxima velocidade á sala de máquinas (convocando a todos os fogueiros para traballar) e preparou a toda a tripulación para o rescate. Tamén ordenou apagar a calefacción do barco para que as máquinas utilizasen todo o vapor dispoñíbel, e o transatlántico logrou acadar unha velocidade de 17,5 nós (32,4 km/h) durante o seu traxecto en dirección ao Titanic, máis de tres nós por enriba da súa velocidade habitual;[13] pero mesmo así, o buque tardou catro horas en chegar ao lugar do naufraxio.

Após atravesar perigosos campos de xeo, o Carpathia logrou chegar case dúas horas despois do afundimento (aproximadamente ás 4 da mañá). Cando o Carpathia chegou ao lugar, avistou o primeiro bote salvavidas ás 4:00 a. m.; este era o bote n.º 2, que foi rescatado dez minutos despois. O primeiro sobrevivente que embarcou no Carpathia foi o cuarto oficial Joseph Boxhall, quen anunciou oficialmente a Rostron a perda do Titanic.[14] O rescate continuou durante as catro horas seguintes, con trece botes recuperados e pouco máis de setecentas persoas; o derradeiro sobrevivente en embarcar foi o segundo oficial Charles Lightoller.[3]

Tras o rescate, Rostron logo percibiu que o Carpathia non estaba en condicións de continuar a súa viaxe cara a Europa cos sobreviventes a bordo, decidindo entón regresar a Nova York. No seu traxecto, o Carpathia entrou en contacto con outros barcos que estaban na área, incluíndo o RMS Olympic, buque xemelgo do Titanic.[15] Durante a viaxe de regreso o capitán Rostron rexeitou a proposta do capitán do Olympic, Herbert Haddock, de transferir aos sobreviventes ao seu barco,[16] xa que o naufraxio era aínda recente e os sobreviventes aínda se atopaban traumatizados cos feitos que acababan de vivir, e que lles provocaría maior angustia o feito de pedirlles embarcar a bordo dun barco practicamente idéntico ao que viron naufragar, pois temerían que a mesma situación volvese repetirse. A bordo do Carpathia, Harold Cottam foi axudado polo operador sobrevivente do Titanic, Harold Bride, no seu traballo de enviar mensaxes persoais e a lista de nomes dos sobreviventes.[17] O Carpathia chegou a Nova York o 18 de abril, sendo recibido por milleiros de persoas.[7]

Polo seu labor de rescate, a tripulación do Carpathia foi condecorada polos sobreviventes: os membros da tripulación foron condecorados con medallas de bronce, os oficiais con medallas de prata e o capitán Rostron cunha medalla de ouro e unha copa de prata, que lle entregou Margaret Brown.[18] Posteriormente, Rostron foi hóspede do presidente William Howard Taft na Casa Branca e foi obsequiado cunha medalla de ouro do Congreso, a honra máis alta que lle podía atribuír o Congreso dos Estados Unidos.[19] Anos despois, cando se lle preguntou como o Carpathia conseguiu atravesar un campo de xeo a unha velocidade moi por enriba da que fora orixinalmente planeada na súa construción, Rostron respondeu dicindo que «Outra man diferente da miña estaba ao temón aquela noite».[20]

O afundimento do Carpathia

[editar | editar a fonte]
O Carpathia afundíndose o 17 de xullo de 1918, após ser torpedeado polo submarino alemán SM U-55.

O Carpathia continuou o seu servizo comercial durante a primeira guerra mundial entre Liverpool, Boston e Nova York, realizando tamén viaxes de transporte de tropas dende América do Norte a Europa.[3] Frecuentemente viaxaba en convois con varios buques, escapando en moitas ocasións de situacións perigosas e ataques de submarinos U-Boot alemáns.[7]

O Carpathia deixou Liverpool o 15 de xullo de 1918 nun convoi. As embarcacións dividíronse dous días despois, o 17 de xullo, e o Carpathia liderou un grupo de sete buques. Naquel mesmo día foi avistado polo submarino alemán SM U-55, que estaba a navegar preto da costa de Irlanda.[7] O U-55 disparou dous torpedos contra a embarcación; o primeiro acertou entre o almacén de carga n.º 4 e o almacén de carbón, e o segundo alcanzou a sala de máquinas matando a cinco persoas e ferindo seriamente a outras dúas. Ademais, as explosións destruíron os sistemas eléctricos e de radio, e dous botes salvavidas.[7]

O capitán William Prothero ordenou unha evacuación inmediata, sinalizou con bandeiras a súa situación para que os outros barcos fuxisen e lanzou fogos artificiais co fin de chamar aos barcos de patrulla. O Carpathia comezou a afundirse pola proa. Once botes salvavidas foron arriados con todos os pasaxeiros e tripulantes a bordo, con excepción dos oficiais sénior e os artilleiros, que ficaron atrás destruíndo documentos importantes.[7] Prothero chamou a un bote para que se achegase despois de completar as súas tarefas e as persoas restantes tamén se salvaron.[7]

Unha hora despois, o U-55 foi avistado novamente e disparou un terceiro torpedo, acertando ao compartimento n.º 5. O Carpathia afundiuse totalmente dez minutos despois, dúas horas e trinta minutos despois do primeiro impacto. O submarino foi avistado unha vez máis quince minutos despois, esta vez indo en dirección aos botes, porén o HMS Snowdrop chegou e escorrentou ao submarino, rescatando aos sobreviventes.[7] Das 280 persoas que estaban a bordo, sobreviviron 275.[3]

Procuras e traballos de salvamento

[editar | editar a fonte]

O 9 de setembro de 1999 as axencias de noticias Reuters e AP informaron que Argosy International Ltd., dirixida por Graham Jessop, fillo do internacionalmente coñecido explorador submario Keith Jessop, atopara os restos do Carpathia no fondo do océano Atlántico, naquela semana, ao redor de 185 millas (298 km) ao suroeste da costa inglesa. "Está en condicións moi boas para un barco naufragado coa antigüidade que ten", afirmou Jessop.[21] "Está nunha soa peza e en posición vertical".[21] Con todo, o mal tempo forzou a Jessop a abandonar os restos iñantes de poder verificar o descubrimento con cámaras subacuáticas. Ao volver posteriormente ao lugar, descubriuse que os restos en realidade pertencían ao SS Isis da navieira alemá HAPAG, que se afundiu o 8 de novembro de 1936.[22]

Na primavera de 2000, o arqueólogo mariño e escritor estadounidense Clive Cussler anunciou que a súa organización, a National Underwater and Marine Agency (NUMA), atopara os verdadeiros restos do Carpathia,[23][24] a unha profundidade de 500 pés (150 metros).[25] Segundo a NUMA, os restos atópanse ao sur de FastnetIrlanda.[26]

Un ano despois do achado, os restos do Carpathia foron comprados por RMS Titanic Inc. (a empresa que posúe os dereitos de exploración dos restos do Titanic), que posteriormente os revendeu en 2007 a Seaventures.[3]

Os restos do Carpathia xacen no fondo do mar, nas coordenadas 49°12′01.72″N 10°32′58.89″O / 49.2004778, -10.5496917. O barco atópase lixeiramente inclinado cara a estribor.

Actualmente estase empezando a esboroar, coa súa proa estando apenas a algúns metros por enriba do solo oceánico. As partes centrais están en mellores condicións e a popa está case intacta. Por estar nun lugar remoto, os restos foron explorados moi poucas veces dende o seu descubrimento, porén algúns obxectos conseguiron ser recuperados.[27]

Perfil do RMS Carpathia

[editar | editar a fonte]
Perfil en cor do RMS Carpathia.
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Carpathia (1903). MaritimeQuest. Consultado o 12 de decembro de 2022.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Cunard Line: Carpathia. Encyclopedia Titanica (en inglés). Consultado o 12 de decembro de 2022.
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 «Le R.M.S. Carpathia ou le "bateau des veuves"» Arquivado 12 de decembro de 2022 en Wayback Machine.. Le Site du Titanic (en francés). Consultado o 12 de decembro de 2022.
  4. Los 10 sobrevivientes del Titanic y sus historias. www.lifeder.com. Consultado o 6 de xaneiro de 2021.
  5. Ludowyke, Jay (2018). Carpathia: The Extraordinary Story of the Ship that Rescued the Survivors of the Titanic. Sydney, NSW: Hachette. pp. 31–32. ISBN 978-0-7336-4067-4. OCLC 1024080123. 
  6. "Carpathia". Titanic Inquiry Project (en inglés). Consultado o 13 de decembro de 2022. 
  7. 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 Ljungström, Henrik. "Carpathia". The Great Ocean Liners (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 6 de setembro de 2015. Consultado o 12 de decembro de 2022. 
  8. "L'Orchestre du Titanic". Le Site du Titanic (en francés). Consultado o 13 de decembro de 2022. 
  9. 9,0 9,1 Chirnside, Mark (2004. pp. 185–186). The ‘Olympic’ Class Ships: Olympic, Titanic & Britannic (en inglés). Tempus. ISBN 0-7524-2868-3. 
  10. "R.M.S. Carpathia". Great Ships (en inglés). Consultado o 12 de decembro de 2022. 
  11. "RMS Carpathia" (en inglés). www.sorbie.net. Consultado o 31 de maio de 2016.
  12. Wall, Pamela; Arnold, Sara (11th Anniversary, 2011). "Outside Perspectives: Visiting Artists in Charleston" (en inglés). Antiques & Fine Art, p. 305. Consultado o 10 de agosto de 2011.
  13. Piouffre 2009, p. 188.
  14. Piouffre 2009, p. 194.
  15. "United States Senate Inquiry Day 18 - Proces-Verbal (SS Olympic), cont.". Titanic Inquiry Project (en inglés). Consultado o 15 de agosto de 2016. 
  16. Masson, Phillipe (1998). Le Drame du Titanic (en francés). Tallandier. p. 87. ISBN 9782266085199. 
  17. "Mr Harold Sydney Bride". Encyclopedia Titanica (en inglés). Consultado o 14 de agosto de 2016. 
  18. Medal awarded to the Titanic's rescuer, RMS Carpathia, sells for £6,000 (en inglés). www.justcollecting.com. Consultado o 28 de maio de 2016.
  19. "Captain Arthur Henry Rostron". Encyclopedia Titanica (en inglés). Consultado o 27 de maio de 2016. 
  20. "Guided by a greater hand…". Cunard Line (en inglés). 5 de abril de 2012. Consultado o 28 de maio de 2016. 
  21. 21,0 21,1 UK Titanic rescue ship 'found'" (en inglés). 8 de setembro de 1999. News.bbc.co.uk. Consultado o 13 de decembro de 2022.
  22. Cussler, Clive; Delgado, James P. (2004). Adventures of a Sea Hunter: In Search of Famous Shipwrecks (en inglés). Douglas & McIntyre. p. 85. ISBN 978-1-55365-071-3. 
  23. "Wreck of the Carpathia, Titanic's Rescuer, Found". Numa.net (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2011. Consultado o 13 de decembro de 2022. 
  24. Discovery of the R.M.S. Carpathia Arquivado 22 de outubro de 2007 en Wayback Machine. (en inglés). Titanic-Titanic.com. Consultado o 13 de decembro de 2022.
  25. Dive to film Titanic rescue ship (en inglés), 27 de agosto de 2007. News.bbc.co.uk. Consultado o 13 de decembro de 2022.
  26. "Carpathia Rescue". Numa.net (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de xuño de 2011. Consultado o 12 de decembro de 2022. 
  27. "Deep Wreck DPV dive RMS Carpathia". Silent-submersion.com (en inglés). Setembro de 2007. Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2022. Consultado o 12 de decembro de 2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]