Robert M. Patterson
- Para o artigo referido ao seu pai, tamén director da Casa da Moeda dos EEUU, véxase Robert Patterson
Retrato e sinatura de Robert M. Patterson Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos (1835-1851) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 23 de marzo de 1787 Filadelfia Pensilvania. |
Morte | 5 de setembro de 1854 (67 anos) Filadelfia Pensilvania. |
País de nacionalidade | Estadounidense |
Educación | Universidade de Pensilvania. |
Actividade | |
Ocupación | Químico, matemático, médico e director da US Mint |
Empregador | Universidade de Virxinia Universidade de Pensilvania |
Membro de | |
Familia | |
Fillos | Helen Hamilton Patterson |
Premios | |
Robert Maskell Patterson, nado en Filadelfia o 23 de marzo de 1787 e finado na mesma cidade o 5 de setembro de 1854, foi un químico, matemático e médico estadounidense, profesor das Universidades de Pensilvania e de Virxinia.
Patterson desempeñou o posto de director da Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1835 e 1851.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Robert M. Patterson naceu en Filadelfia o 23 de marzo de 1787, un dos oito fillos de Amy Hunter Ewing e de Robert Patterson,[1] un profesor de Matemáticas na Universidade de Pensilvania e director da Casa da Moeda entre 1806 e 1824,[2][3] que emigrara ás colonias de Norteamérica desde a súa Irlanda natal.
Patterson cursou os seus estudos superiores de Artes na Universidade de Pensilvania, onde se graduou en 1804. Posteriormente formouse en Medicina baixo a dirección do doutor Benjamin S. Barton, e acadou o seu doutoramento en Medicina en 1808.[2][1][4][5]
Os anos seguintes viaxou por Europa para proseguir os seus estudos de Medicina, Matemáticas e diversas disciplinas científicas. En París formouse en1809 e 1810 con Haüy, Vauquelin, Legendre e Poisson. En 1811, en Inglaterra estudou Química con Humphry Davy.[2][1][6]
Carreira académica e científica
[editar | editar a fonte]De regreso nos Estados Unidos en 1812, acadou un posto como profesor de Matemáticas, Filosofía Natural e Química na Universidade de Pensilvania, que mantivo ata 1828, cando se trasladou a exercer a docencia na Universidade de Virxinia.[2][1][4]
En 1834 foi elixido membro asociado da Sociedade das Artes e das Ciencias dos EEUU,[7] e o ano seguinte deixou a universidade e regresou a Filadelfia para ocupar o posto de director da US Mint.[8] En 1836, un comité da Sociedade Filosófica Americana pediulle que redactase un breve informe para as observacións astronómicas e físicas que debería levar a cabo a Expedición Exploradora dos Estados Unidos, que partiu en 1838. Patterson foi a persoa máis nova en formar parte da Sociedade Filosófica Americana, con só 22 anos, en 1809.[9] Despois foi secretario e da sociedade en 1813, vicepresidente en 1825 e finalmente presidente a partir de 1849.[2][4][10]
Robert M Patterson interesouse sinaladamente pola cifraxe e intercambia adoito correspondencia cifrada con Thomas Jefferson. Un dos seus escritos cifrados, incluído nunha carta datada o 19 de decembro de 1801 dirixida a Jefferson, non foi descifrado ata 2007, por Lawren Smithline.[11] O texto cifrado, que consta de sete bloques de díxitos e que se descifra desencriptando sete bloques á vez, é a Declaración de Independencia, da que Jefferson fora o principal autor.[12] Patterson considerábaa a súa "cifraxe perfecta" e Jefferson considerou a posibilidade de adoptala para uso gobernamental.[13]
Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos.
Robert Maskell Patterson foi nomeado director da Casa da Moeda dos Estados Unidos polo presidente Andrew Jackson, e o nomeamento foi confirmado polo Senado o 5 de xaneiro de 1835. Patterson ocupou o posto durante 15 anos, xa que dimitiu por problemas de saúde en xullo de 1851.[1] O seu pai xa ocupara o mesmo posto entre 1806 e 1824, e o seu predecesor inmediato fora o seu cuñado, Samuel Moore (1824-1835).[14]
Durante o seu mandato introduciuse na ceca a enexía de vapor e outras innovacións que igualaron a calidade da cuñaxe coa das casas de moeda máis prestixiosas de Europa. Patterson supervisou tamén a saída á circulación de varias emisións novas, como os vinte dólares e o dólar de ouro en 1849 e 1850, ou a moeda de tres centavos en 1851.[1][14]
Vida familiar
[editar | editar a fonte]Patterson casou o 20 de abril de 1814 con Helen Hamilton Leiper[15] (1792-1874) filla de Thomas Leiper, un comerciante e político local que participara na Guerra de Independencia.
A doenza que o obrigara a dimitir como director da Casa da Moeda causoulle a morte o 5 de setembro de 1854.[1] O seu corpo foi soterrado no cemiterio Laurel Hill, de Filadelfia.[16]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Robert Maskell Patterson, M. D. Director of the Mint". En Failor, K. M.; Hayden, E. (1969). Medals of the United States Mint. US Government Printing Office. Páxina 131.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Obituario de Patterson, en Proceedings of the American Philosophical Society Held at Philadelphia for Promoting Useful Knowledge. American Philosophical Society. 6 (52): 60–65. 1854
- ↑ Breck, S. (1854). Páxina 8.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "Robert Maskell Patterson. 1787-1854". En Addison, A. (1940). Portraits in the University of Pennsylvania. University of Pennsylvania Press. Páxina 12.
- ↑ Breck, S. (1854). Páxina 9.
- ↑ Breck, S. (1854). Páxinas 9-11.
- ↑ "Members: Robert Maskell Patterson". American Academy of Arts & Sciencies.
- ↑ Breck, S. (1854). Páxina 14.
- ↑ "Member History (2)". American Philosophical Society.
- ↑ Breck, S. (1854). Páxinas 12-13.
- ↑ Lambert, C. (2009). "Coded to Last. Jefferson's Conundrum". En Harvard Magazine. Xullo-agosto.
- ↑ "Encrypt text like Robert Patterson. An explanation and a demonstration of the Patterson cipher". En Magicode.org. 3 de xullo de 2009.
- ↑ Silverman, R. E. (2009). "Two Centuries On, a Cryptologist Cracks a Presidential Code". En The Wall Street Journal. 2 de xullo.
- ↑ 14,0 14,1 "U. S. Mint Medals Presented to Mint Director Robert M. Patterson". NGC Collectors Society. 27 de novembro de 2012.
- ↑ Breck, S. (1854). Páxina 12.
- ↑ "Robert Maskell Patterson". Ancestry.com
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Breck, S. (1854). A short biography of Robert M. Patterson, M.D. Clark & Son. Filadelfia.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]
Predecesor: Samuel Moore |
Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos 1835 - 1851 |
Sucesor: George Nicholas Eckert |
- Nados en 1787
- Finados en 1854
- Nados en Filadelfia, Pensilvania
- Directores da Casa da Moeda dos Estados Unidos
- Químicos dos Estados Unidos de América
- Médicos dos Estados Unidos de América
- Matemáticos dos Estados Unidos de América
- Alumnos da Universidade de Pensilvania
- Profesores da Universidade de Pensilvania
- Profesores da Universidade de Virxinia
- Membros da Academia das Artes e das Ciencias dos Estados Unidos de América