Sumatra
(id) Sumatra | |||||
Tipo | illa | ||||
---|---|---|---|---|---|
Parte de | Illas maiores da Sonda | ||||
Situado na entidade xeográfica | Illas maiores da Sonda | ||||
Localización | |||||
Continente | Asia | ||||
División administrativa | Indonesia | ||||
| |||||
Bañado por | Océano Índico | ||||
Características | |||||
Altitude | 12 m | ||||
Dimensións | 370 () × 1.700 () km | ||||
Perímetro | 4.869 km | ||||
Punto máis alto | Kerintji (pt) (3.805 m ) | ||||
Superficie | 473.481 km² | ||||
Sumatra (en indonesio: Sumatera) é unha illa no oeste de Indonesia, a máis occidental das Illas da Sonda. É a illa máis grande de todo Indonesia (as dúas illas maiores, Borneo e Nova Guinea, compártense entre Indonesia e outros países), e a sexta illa máis grande do mundo con 473.481 km² cunha poboación de 50.365.538 habitantes. A súa cidade máis grande é Medan cunha poboación de 2.109.330.
O 87% da poboación de Sumatra son musulmáns. A illa é o fogar do 22% da poboación total de Indonesia e fálanse máis de 50 linguas.
Xeografía
[editar | editar a fonte]O eixo da illa vai aproximadamente de noroeste a suroeste, cruzando o ecuador cerca do centro. O interior da illa está dominado por dúas rexións xeográficas: as Montañas Barisan no oeste e chairas pantanosas no leste.
Ao sueste está a illa de Xava, separada polo Estreito de Sonda. Ao norte está a Península Malaia, separada polos Estreitos de Malaca. Ao leste está Borneo, alén do Estreito de Karimata. Ao oeste da illa está o océano Índico.
A espiña dorsal da illa é a cadea das Montañas Barisan. A actividade volcánica desta rexión dótaa de terra fértil e belos paisaxes, por exemplo, os arredores do Lago Toba. Tamén contén depósitos de carbón e de ouro.
Ao leste, grandes ríos levan limo das montañas formando a vasta terra baixa salpicada de charcas. A pesar de ser na súa maioría inadecuada para o cultivo, a zona é actualmente de grande importancia económica para Indonesia. Produce aceite "de encima do chan e de debaixo": o aceite de palma e o petróleo.
Sumatra ten unha gran variedade de especies vexetais e animais, pero perdeu case o 50% da súa selva tropical nos últimos 35 anos e moitas especies están perigo de extinción como o Tigre de Sumatra, o rinoceronte de Sumatra e o orangután de Sumatra, e algunhas plantas únicas, como a rafflesia. O desenvolvemento económico xunto coa corrupción e os cortes ilegais de árbores ameazan gravemente a súa existencia. Nin as áreas de conservación se salvaron da destrución.
Administración
[editar | editar a fonte]As dez provincias (provinsi) de Sumatra, incluíndo as illas próximas máis pequenas, se enumeran abaixo coas súas poboacións nos censos de 2000 e 2010.[1] Uns 4 millóns destes residentes de Sumatra non viven na propia illa, pero as illas próximas son administradas colectivamente como "Sumatra". As últimas dúas provincias non teñen territorio na propia illa.
Nome | Area (km2) | Poboación censo 2000 |
Poboación censo 2010 |
Poboación estimada 2014 |
Capital |
---|---|---|---|---|---|
Aceh | 57.956´00 | 4.073.006 | 4.486.570 | 4.731.705 | Banda Aceh |
Sumatra Setentrional (Sumatera Utara) |
72.981´23 | 11.642.488 | 12.326.678 | 13.527.937 | Medan |
Sumatra Occidental (Sumatera Barat) |
42.012´89 | 4.248.515 | 4.845.998 | 5.098.790 | Padang |
Riau | 87.023´66 | 3,907,763 | 5,543,031 | 6,359,790 | Pekanbaru |
Jambi | 50.058´16 | 2.407.166 | 3.088.618 | 3.412-459 | Jambi |
Sumatra Meridional (Sumatera Selatan) |
91.592´43 | 6.210.800 | 7.446.401 | 7.996.535 | Palembang |
Bengkulu | 19-919´33 | 1.455.500 | 1.713.393 | 1.828.291 | Bengkulu |
Lampung | 34.623´80 | 6.730.751 | 7.596.115 | 7.972.246 | Bandar Lampung |
Bangka-Belitung (Kepulauan Bangka Belitung) |
16.424´14 | 899.968 | 1.223.048 | 1.380.762 | Pangkal Pinang |
Riau (Kepulauan Riau) |
8.256´10 | 1.040.207 | 1.685.698 | 2.031.895 | Tanjung Pinang |
Totais | 480,847.74 | 42.616.164 | 50.613.947 | 54.339.256 |
Historia
[editar | editar a fonte]Un antigo nome de Sumatra foi Swarna Dwipa, ou Illa de Ouro, aparentemente baseado no feito de que minas das terras altas de Sumatra exportaban ouro desde épocas bastante temperás.
Os asentamentos de colonos chegaron a Sumatra no ano 500 AC e varios reinos importantes floreceron alí. Coa súa localización na ruta comercial entre a India e a China, floreceron varias vilas comerciais, especialmente na costa leste, e foron influenciadas polas relixións indias. A máis notable delas é a Srivijaya, unha monarquía budista con centro no que agora é Palembang. I Ching, un monxe budista chinés, estudou sánscrito e pasou catro anos da súa vida traballando en Palembang. Dominando a rexión mediante o comercio e a conquista durante os séculos do VII ao IX, o reino axudou a estender a cultura malaia por todo Sumatra, a Península Malaia e o oeste de Borneo. O imperio é talasocrático, significando que non estendía a súa influencia moi lonxe da zona costeira.
A influencia de Srivijaya desvaneceuse no século XI. A illa foi suxeita a conquista desde os reinos xavaneses, primeiro Singhasari e despois Majapahit. Ao mesmo tempo, o islam viaxou ata Sumatra, estendéndose a través de contactos con comerciantes árabes e indios. O explorador Marco Polo tamén visitou Sumatra en 1292.
Ao final do século XIII, o monarca do reino de Samudra (agora en Aceh) converteuse ao islam. Ibn Battuta, que visitou o reino durante a súa viaxe, pronunciou o nome do reino "Sumatra", de aí o nome da illa. Samudra foi sucedido polo poderoso sultanato de Aceh, que sobreviviu ata o século XX.
No ano 1509 chegaron á illa os portugueses baixo as ordes de Figueira. E en 1511 logo da conquista de Malaca, os portugueses fundaron algúns establecementos, pero os sultáns de Achim e Padang destruíron ditas colonias en 1523.
O navegante holandés Hautman intentara establecer relacións en 1599 con Achim, pero este empeño custoulle a vida.
En 1600 a Compañía Holandesa das Indias Orientais apoderouse dalgúns puntos da illa, establecendo en 1618 a factoría de Djambai, e dous anos despois outras no reino de Palembang.
En 1662 a Compañía Holandesa impuxo un tratado coa raíña de Achim co obxectivo de formar un protectorado naquela rexión. Deste xeito a compañía reservouse o exclusivo comercio da costa suroeste da illa.
Máis tarde, entre 1664 e 1669, construíronse as factorías de Padang, Baros, Adjis e Lampong.
Mentres tanto os ingleses, que xa en 1685 establecéronse en Benkulen, tiveron que soportar numerosos conflitos armados cos holandeses e nativos do lugar.
No ano 1811 foron asasinados os empregados e soldados holandeses do forte de Palembang. Este atentado cometido pola xente do sultán de Palembang tivo como consecuencia unha sanguenta guerra. A loita durou ata 1821, perdendo o sultán a súa liberdade e todos os seus estados. En 1824 Inglaterra renunciou ás súas posesións de Sumatra, a cambio do territorio que Holanda posuía en Malaca.
En 1835 volveu turbarse a paz na illa como consecuencia das predicións de tres peregrinos de A Meca. O goberno holandés acabou cos insurxentes, e esta guerra arruinou definitivamente o xa minguado poder político dos sultáns de Menangkabo. En 1850 someteuse Palembang, en 1856 a provincia de Lampong, en 1857 os países de Djambi e Indraguiri, en 1861 Labong e de 1864 a 1868 os territorios do lago Rendau e Pasunrah.
Holanda sostivo unha guerra ata 1874 co obxectivo de someter o reino de Achim, protexido por Inglaterra ata 1872, e cedido a cambio das posesións de Guinea. Aceh, no norte, foi o maior obstáculo, polo que os holandeses víronse involucrados nunha longa e custosa guerra en Aceh de (1873 a 1903).
Tras tres séculos e medio de colonialismo neerlandés, Indonesia obtivo a súa independencia pouco despois da segunda guerra mundial.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Biro Pusat Statistik, Jakarta.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sumatra |
- William Marsden, The History of Sumatra, (1783); 3ª ed. (1811) on line.