Saltar ao contido

Tralee

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaTralee
Trá Lí (ga) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

Localización
Mapa
 52°16′03″N 9°41′46″O / 52.2675, -9.6962
EstadoIrlanda
ProvinciasMunster
CondadosCondado de Kerry Editar o valor en Wikidata
Capital de
Xeografía
Altitude37 m Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario

Sitio webtralee.ie Editar o valor en Wikidata

Tralee [1](Trá Lí en irlandés), é a capital do Condado de Kerry, en Irlanda, situada ao suroeste da illa. Segundo o censo de 2006, contaba con 22.556 habitantes. Foi fundada polos anglo-normandos no século XII.

Atópase a uns 90 km ao noroeste da cidade de Cork. É un centro turístico e industrial, unido ao mar por medio dunha canle. A cidade está emprazada na baía de Tralee, con vistas ao mar e ás montañas que se estenden cara ao oeste.

As temperaturas máis baixas acádanse nos meses de decembro e xaneiro, onde as máximas apenas acadan os 10 °C e as mínimas non baixan dos 5 °C, mentres que os veráns son moi suaves durante os meses de xullo e agosto, con máximas de 18 °C e mínimas de 13 °C. En inverno a neve non é frecuente, a excepción dos cumios das montañas do Condado de Kerry, ao suroeste, que superan os 1.000 metros de altura.

É tradición subir ao Carrantuohill, o cumio máis alto, de 1.040 metros de altitude, mais hai que informarse das condicións meteorolóxicas, xa que houbo accidentes a causa de bruscos cambios do tempo. Nas costas suroccidentais, batidas polos temporais, hai paisaxes de encanto. David Lean rodou alí, en 1970, A filla de Ryan. O realizador contactou co servizo meteorolóxico para que lle avisaran da chegada dunha potente borrasca que empregou nunhas arriscadas escenas e chegou a exasperar ao seu equipo: estiveron encerrados doce días esperando que parase de chover para rodar un plano de sete segundos.

Toma o seu nome do Río Lee, que desemboca na baía de Tralee. A cidade posúe numerosos monumentos que constitúen a testemuña dos seus máis de oito séculos de historia, coma o Kerry The Kingdom Museum, a igrexa de Saint John, o Town Park, ou o Siamsa Tíre Theatre, onde se realizan importantes espectáculos de folclore irlandés.

Roger Casement (1864-1916), funcionario consular británico, foi capturado en 1916 no forte de McKenna, un terraplén na baía de Tralee, cando desembarcou alí logo de ter tentado obter axuda dos alemáns polos nacionalistas irlandeses na primeira guerra mundial. Foi executado por traizón en Londres.

A través deste recuncho de Irlanda adoitaban establecerse os principais canles de comunicación coa Europa Continental. O Condado de Kerry coñécese coma "o Reino" pola súa tradición independentista e a súa rivalidade cos dublineses. Por outra banda, está considerada como unha das cidades máis hospitalarias de Irlanda, con algunhas das paisaxes máis fermosas e espectaculares de Éire na súa contorna. Tralee ademais constitúese como a porta de entrada á Península Dingle, un dos lugares máis fermosos da illa.

Tralee sobre todo é famosa por albergar o festival "Rose of Tralee", que ten lugar a finais de agosto. Neste festival faise un encontro de bandas de música, bailes folclóricos e prodúcese a elección da "rosa" da rexión, un particular concurso de beleza para as rapazas da zona.

Museos e patrimonio

[editar | editar a fonte]

O maior atractivo da cidade é o County Kerry Museum, cun bonito parque temático "Kerry, o reino". En Tralee tamén se encontra o teatro Folclórico "Siamsa Tire", en honra ao mellor embaixador da cultura irlandesa. Durante o Verán se celebran representacións de danza e cancións populares.

Á saída de Tralee atópase o "Blennerville Windmill", o muíño máis grande do país, que aínda segue en funcionamento dende a súa construción en 1800. Un bonito e pintoresco ferrocarril de vapor une Blennerville e Tralee.

Comunicacións

[editar | editar a fonte]

Á cidade pódese chegar en tren ou autobús dende Cork ou Dublín. Existe tamén un aeroporto no condado, o Aeroporto de Kerry, onde principalmente operan as compañías Ryanair e AerArann. Tamén se encontra preto o Aeroporto de Cork. Ademais a cidade de Tralee posúe o seu propio porto, o Fenit Harbour. O seu obxectivo principal é prestar servizos portuarios de frota pesqueira e dispón de instalacións de manipulación de carga industrial. O porto ofrece numerosos atraques para embarcacións de case tódolos tamaños.

A Rosa de Tralee

[editar | editar a fonte]

Se hai un acontecemento especial e importante en Irlanda, é o que sucede cada agosto na cidade de Tralee, onde dende 1959 elíxese á Rosa de entre todas as mozas da comunidade irlandesa de todo o mundo. As candidatas non só deben posuír beleza física senón tamén outras calidades, polo que resulta ser algo máis que un concurso de beleza. O Festival de Tralee inclúe feiras, cabalgadas e concertos. Non é só un acontecemento social senón tamén un moi popular, con dous programas de TV na cadea nacional RTÉ que mostra as "calidades" das candidatas, cuxa Rosa será elixida para representar a beleza dunha irlandesa ou dunha descendente dela.

Educación

[editar | editar a fonte]

O Institute of Technology, Tralee (ITT), é o principal centro de ensino de terceiro nivel situado en Tralee. Conta con dous campus (North Campus) situado en Dromtacker e o (South Campus) situado en Clash. Conta aproximadamente cuns 3.500 estudantes. Ofrece unha ampla gama de cursos e programas coma o Certificado Superior, Licenciaturas e programas de doutoramento. O North Campus é un dos edificios máis futurísticos de Tralee. Está en servizo dende 1977.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]