Saltar ao contido

Xildas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaXildas

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento500 Editar o valor en Wikidata
Dumbarton, Reino Unido Editar o valor en Wikidata
Morte29 de xaneiro de 570 Editar o valor en Wikidata (69/70 anos)
Península de Rhuys, Francia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Abade
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónIgrexa católica Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónhistoriador, misioneiro, escritor, monxe Editar o valor en Wikidata
ProfesoresSan Illtud Editar o valor en Wikidata
Enaltecemento
Día de festividade relixiosa29 de xaneiro Editar o valor en Wikidata
Familia
FillosSaint Eigrad, Gwynog, Allgo Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDictionary of National Biography
The Nuttall Encyclopædia >>>:Gildas
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1188819 WikiTree: Ap_Caunus-1

Xildas, nado cara ao 496 ou o 516 e finado cara ao 570, foi un membro salientado da igrexa celto-cristiá en Britania cuxo coñecemento e estilo literario fixéronlle gañarse a designación de Gildas Sapiens -"Xildas o Sabio"-. Foi ordenado sacerdote e nos seus escritos mostra a súa preferencia polo ideal monástico. Fragmentos de cartas escritas por el revelan que creou unha Regra para a vida monástica, que era máis austera cá Regra escrita polo seu contemporáneo San David, e que establecía as oportunas penitencias polo seu incumprimento.

Existen dous textos sobre a súa vida: o primeiro foi escrito por un monxe de Rhuys na Bretaña, probablemente no século IX; o segundo, escrito por Caradoc de Llancarfan, contemporáneo e amigo de Godofredo de Monmouth, creado na metade do século XII. Caradoc non menciona ningunha relación coa Bretaña. Polo tanto, moitos estudosos consideraron que os dous Xildas son personaxes distintos. Porén, noutros detalles, os dous textos compleméntanse.

O texto de Rhuys

[editar | editar a fonte]

Este texto, realizado por un escriba anónimo, sinala que Xildas era fillo de Caunus -Caw, en inglés- e que naceu no distrito de Arecluta -Alt Clut ou Strathclyde-. Foi entregado ao coidado de San Hildutus -Illtud, en inglés-, xunto con Samson e Paulo, para ser educado. Máis tarde marcharíase a Iren -Irlanda- para continuar os seus estudos. Xa como sacerdote, viaxaría a Britania Norte a predicar aos non conversos. Santa Bríxida, falecida en 524, pediulle un símbolo e Xildas construíu unha campá que lle enviou. Ainmericus, Rei de toda Irlanda, -Ainmere, en inglés-, pediu a Xildas que restablecese o poder da igrexa, o cal el fixo. Foi a Roma e despois a Rávena. Estableceuse na illa de Rhuys, onde levou unha vida solitaria. Máis tarde, construiría un mosteiro alí. Tamén construíu un oratorio na beira do río Blavet. Dez anos despois da súa saída de Britania, escribiu un libro de xénero epistolar, no cal criticaba a cinco dos reis britanos. Morreu o 29 de xaneiro e, o seu corpo, de acordo cos seus desexos, foi colocado nun bote e deixado á deriva. Tres meses máis tarde, o 11 de maio, habitantes de Rhuys atoparon o seu bote nunha rúa co seu corpo aínda intacto. Levárono a Rhuys e soterrárono alí.

O texto de Llancarfan

[editar | editar a fonte]

Influído por Godofredo de Monmouth e o seu estilo normando, Caradoc de Llancarfan fixo unha descrición da vida de Xildas un tanto distinta. Segundo el, Xildas foi educado na Galia, retirouse a unha vida de ermitán preto de Glastonbury, sendo enterrado na abadía desta localidade. Algúns expertos que estudaron o texto, sospeitan que isto último pode ser un fragmento para dar publicidade a Glastonbury.

Caradoc conta unha historia de como Xildas intervén entre o Rei Artur e un tal Rei Melwas do "País do Verán", quen raptara a Xenevra levándoa a un bastión en Glastonbury. Pronto chegaría Artur para cercalo. Xildas logra convencer a Melwas para que libere a Xenevra e os dous reis asinan un acordo de paz. Caradoc tamén relata como o irmán de Xildas, Huail ap Caw, se subleva contra Artur, non recoñecéndoo como o seu señor. Artur persegue a Huail e asasínao. Nese momento, Xildas estaba predicando en Armagh e sufriu moito pola noticia.

Outras tradicións

[editar | editar a fonte]

En Gales Norte, existe unha forte tradición que coloca a decapitación de Huail, o irmán de Xildas, en Ruthin, ao norte de Gales, onde se cre que está a verdadeira pedra da execución, na praza da vila. Outro irmán de Xildas, Celyn ap Caw, tiña a súa base en Garth Celyn na costa norte de Gwynedd.

A Xildas atribúenlle un himno chamado "Lorica", unha oración para liberarse do demo, a cal ten interesantes mostras de hiberno-latín. Atribúenlle ademais o proverbio "Mab y Gaw" que se atopa no "Libro Vermello de Talgarth" -manuscrito 27 Llanstephan-.

Noutra fonte histórica, Bonedd y Saint, indícase que Xildas tivo tres fillos e unha filla. Gwynnog ap Gildas e Noethon ap Gildas son nomeados ao principio desta fonte, xunto coa súa irmá Dolgar. Outro fillo, chamado Tydech, é nomeado máis adiante. Iolo Morganwg, poeta, coleccionista, anticuario e falsificador do século XIX, e cuxas fontes son pouco fiábeis, engade á lista o santo Cenydd.

Por outra banda, o experto no mundo celta e medievalista británico David Durnville, suxire que Xildas foi mestre de Vennianus de Findbarr, quen asemade foi mestre de San Columba de Iona.

"De Excidio Britanniae" ou "Sobre a Ruína de Britania", é un sermón que consta de tres partes no cal Xildas condena os actos dos seus contemporáneos, tanto laicos como relixiosos. Na primeira parte, Xildas narra, de forma breve, a historia da Britania romana, desde a súa conquista ata os tempos nos que el vive:

Respecto á súa obstinación, sometemento e rebelión, sobre o seu segundo sometemento e a súa dura servidume; respecto á relixión, de acoso, os santos mártires, moitas herexías, de tiranos, de dúas razzias saqueadoras, respecto á defensa e a posterior devastación, dunha segunda vinganza e unha terceira devastación, respecto á fame, da carta a Agitio -normalmente identificado co patricio Aecio-, de vitoria, de crimes, de inimigos declarados de repente, unha praga memorábel, un consello, un inimigo máis salvaxe que o primeiro, a subversión das cidades, respecto a aqueles que sobreviviron, e respecto á vitoria final do noso país garantida pola vontade de Deus.

Na segunda parte, que comeza coa aseveración: "Britania ten reis que, porén, son tiranos; ten xuíces que, porén, son todos impíos". Xildas narra a vida e accións de cinco gobernantes contemporáneos:

Sen excepción, descríbeos como crueis, cobizosos e que viven en pecado.

A terceira parte comeza coas palabras: "Britania ten predicadores, sendo todos mentiráns; numerosos pastores, sendo uns desvergonzados; clérigos que son todos astutos saqueadores". Xildas continúa co seu "Jeremiad" contra o clero da súa época, pero non usa nomes nesta parte e, polo tanto, non bota moita luz sobre a historia da igrexa cristiá desta época.

A visión que se presenta neste traballo sobre unha terra devastada por invasores saqueadores e o desgoberno de funcionarios corruptos, foi amplamente aceptada polos expertos durante séculos, debido a que nela non só conta a idea aceptada da invasión, bárbaros que acabaron coa civilización romana dentro dos límites do antigo imperio, senón porque tamén explica a difícil cuestión de por que a antiga Britania foi unha das poucas partes do Imperio Romano que non adquiriu unha lingua romance como fixeron a Galia ou Hispania. Porén, hai que lembrar que a intención de Xildas é a de predicar aos seus contemporáneos á maneira dun profeta do Antigo Testamento, e non a deixar constancia de feitos históricos: se ben Xildas fai unha das primeiras descricións do Muro de Hadrián, omite os detalles alí onde non contribúen á súa mensaxe. Con todo, "de excidio Britanniae" trátase dun dos traballos máis importantes non só sobre a Idade Media senón da Historia de Inglaterra, xa que é un os poucos traballos escritos na antiga provincia romana que logrou chegar ata a nosa época.

En "De Excidio Britanniae", Xildas menciona que o ano do seu nacemento foi o mesmo no que tivo lugar a Batalla do Monte Badon, preto do ano 500. Os Annales Cambriae indican que a súa morte foi no ano 570, mentres que os Anais de Tigernach, din que foi no 569.

Legado no período anglosaxón

[editar | editar a fonte]

Trala conquista de Britania descrita en De Excidio, Xildas foi un importante modelo para escritores anglosaxóns, escribisen en latín ou en inglés. A Historia ecclesiastica gentis Anglorum de Beda, está baseada en gran parte no traballo de Xildas polas súas anotacións acerca das invasións anglosaxoas, e desenvolve a tese de Xildas acerca da perda do favor divino por parte dos britanos, para suxerir que dito favor pasara aos, por entón, xa cristianizados anglosaxóns.

No período posterior a Beda, os escritos de Xildas proveron o máis importante modelo para o tratamento que fixo Alcuíno de York sobre as invasións viquingas, e en particular as súas cartas sobre o saqueo de Lindisfarne no 793. A acción de invocar a Xildas como exemplo histórico, suxire a idea dunha reforma moral e relixiosa como remedio ás invasións. De igual maneira, Wulfstan de York baseouse en Xildas á hora de realizar os seus sermóns.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • COSTA, Ricardo da, e OLIVEIRA, Bruno. "Visões do apocalipse anglo-saxão na Destruição Britânica e sua Conquista (c. 540), de S. Gildas". In: Brathair, 1 (2), 2001: p. 19-41 (ISSN 1519-9053) [1]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]