Ota Benga
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 1883 Río Kasai (Estado Libre do Congo) |
Morte | 20 de marzo de 1916 (32/33 anos) Lynchburg, Estados Unidos de América (pt) |
Causa da morte | suicidio, ferida por arma de fogo |
Lugar de sepultura | Lynchburg (pt) 37°23′56″N 79°07′58″O / 37.398953, -79.132892 |
Grupo étnico | Povo Mbuti (pt) |
Altura | 150 cm |
Actividade | |
Ocupación | sideshow performer (en) , exhibit (en) |
Ota Benga, nado c. 1883 no bosque de Ituri, Estado Libre do Congo, e finado o 20 de marzo de 1916 en Lynchburg, Virxinia,[1] foi un home de etnia mbuti (un dos pobos pigmeos), coñecido por ser exhibido na Exposición Universal de St. Louis de 1904, e tamén nun zoolóxico humano no Bronx en 1906.
Benga fora mercado a comerciantes de escravos africanos polo explorador Samuel Phillips Verner,[2] un empresario americano que buscaba persoas africanas para a Exposición Universal. Trala exposición foi levado ao zoo do Bronx, onde se lle permitía camiñar polos terreos antes e despois de ser exposto na Casa dos Monos. Agás por unha breve visita a África con Verner despois do peche da feira de St. Louis, Benga viviu nos Estados Unidos, principalmente en Virxinia, o resto da súa vida.
Os xornais afroamericanos de todo o país publicaron editoriais que se opoñían firmemente ao tratamento de Benga. Robert Stuart MacArthur, voceiro dunha delegación de igrexas negras, solicitou ao alcalde de Nova York George B. McClellan Jr. a súa liberación do zoo do Bronx. A finais de 1906, o alcalde liberou a Benga baixo a custodia de James M. Gordon, que supervisaba o Howard Colored Orphan Asylum en Brooklyn.
En 1910 Gordon conseguiu que Benga fose atendido en Lynchburg, Virxinia, onde lle mercou roupa americana e fixo que lle empastasen os seus dentes limados. Isto permitiulle a Benga ser máis facilmente aceptado na sociedade local. Recibiu clases de inglés e comezou a traballar nunha fábrica de tabaco de Lynchburg.
Tentou regresar a África, pero o estalido da primeira guerra mundial en 1914 detivo todas as viaxes de pasaxeiros en barco. Benga caeu nunha depresión e suicidouse en 1916.[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Infancia
[editar | editar a fonte]Como membro do pobo mbuti, Ota Benga vivía en bosques ecuatoriais preto do río Kasai no que entón era o Estado Libre do Congo. A súa vila foi atacada pola Force Publique, establecida polo rei Leopoldo II de Bélxica como milicia para controlar aos nativos, a maioría dos cales foron empregados para man de obra co fin de explotar a grande oferta de caucho no Congo. A muller de Benga e dous fillos foron asasinados; mentres que el sobreviviu porque estaba nunha expedición de caza cando a Force Publique atacou a vila. Máis tarde foi capturado por comerciantes de etnia baschelel.[4][5]
En 1904, o empresario e explorador estadounidense Samuel Phillips Verner viaxou a África,[6] baixo contrato da Exposición Universal de St. Louis, co obxectivo de capturar e levar para América un grupo de pigmeos para formar parte da exposición.[7] Verner descubriu a Benga mentres se dirixía a unha aldea pigmea batwa e comprouno aos comerciantes de escravos que o levaban, por un quilo de sal e un pano de tea.[8][4] Máis tarde Verner afirmou que rescatara a Benga de caníbales.[9]
Os dous pasaron varias semanas xuntos antes de chegar á aldea batwa. Os veciños desenvolveron un prexuízo racial contra o muzungu ("home branco"). Verner non puido recrutar a ningún habitante para que se unise a el para viaxar aos Estados Unidos ata que Benga dixo que o muzungu lle salvara a vida e falou do vínculo que creceu entre eles e da súa propia curiosidade polo mundo de onde proviña Verner. Catro batwa, todos homes, finalmente decidiron acompañalos. Verner tamén recrutou a outros africanos que non eran pigmeos: cinco homes dos Bakuba, incluído o fillo do rei Ndombe, gobernante dos Bakuba; e outros pobos.[10][11]
Exposicións
[editar | editar a fonte]Exposición Universal de St. Louis
[editar | editar a fonte]O grupo foi levado a St. Louis, Missouri, a finais de xuño de 1904 sen Verner, xa que estaba enfermo de malaria. A Exposición Universal de Louisiana xa comezara e os africanos convertéronse de inmediato no centro de atención. Benga era particularmente popular e o seu nome foi anunciado pola prensa como Artiba, Autobank,[12], Ota Bang e Otabenga. Tiña unha personalidade amable, e os visitantes estaban ansiosos por ver os seus dentes que foran afiados en punta na súa mocidade como decoración ritual. Os africanos aprenderon a cobrar por fotografías e actuacións. Unha conta dun xornal promocionou a Benga como "o único caníbal africano xenuíno en América" e afirmou que os seus dentes "valían os cinco centavos que cobraba por amosalos aos visitantes".[10][11]
Cando Verner chegou un mes despois, deuse conta de que os pigmeos eran máis prisioneiros que artistas. Os seus intentos de congregarse pacificamente no bosque os domingos víronse frustrados pola fascinación da xente por eles. Os intentos de McGee de presentar unha exposición científica "seria" tamén foron anulados. O 28 de xullo de 1904, os africanos actuaron ante o público como "salvaxes", interpretando a idea preconcibida que a xente tiña deles, o que provocou que o Primeiro Rexemento de Illinois fose chamado para controlar á multitude. Benga e os outros africanos acabaron actuando de xeito bélico, imitando aos nativos americanos que viron na exposición.[13] Alí fixo amizade co xefe apache Gerónimo, que tamén estaba exposto.[14]
Museo Americano de Historia Natural
[editar | editar a fonte]Benga acompañou a Verner cando devolveu aos outros africanos ao Congo. Viviu brevemente entre os batwa mentres seguía acompañando a Verner nas súas aventuras africanas. Casou cunha muller batwa que máis tarde morreu pola mordedura dunha serpe. Sen sentir que pertencía aos batwa, Benga optou por volver con Verner aos Estados Unidos.[15]
Verner conseguille a Benga unha habitación libre no Museo Americano de Historia Natural de Nova York mentres atendía os seus outros negocios. Verner negociou co comisario do museo, Henry Bumpus, a presentación das súas adquisicións de África e un posible emprego. A petición de salario de Verner pareceulle excesivamente alta pero interesouse por Benga. Benga gozou ao principio do seu tempo no museo, onde lle deron un traxe de liño ao estilo do sur, pero co tempo foi sentindo morriña pola súa propia cultura.[16]
Zoo do Bronx
[editar | editar a fonte]Por suxestión de Bumpus, Verner levou a Benga ao zoo do Bronx en 1906. O director do zoolóxico, William Hornaday, puxo a Benga nun principio a axudar a manter os hábitats dos animais. Con todo, deuse conta que a xente prestaba máis atención a Benga que aos animais do zoo, e finalmente comezou a exhibilo xunto aos animais.[17] Permitíaselle andar libremente polos terreos do zoo, pero non hai constancia de que lle pagaran polo seu traballo.[4] Afeccionouse a un orangután chamado Dohong, ao que lle ensinaran a facer trucos e imitar o comportamento humano.[18]
Os acontecementos que levaron á súa "exposición" xunto a Dohong foron paulatinos:[4] Benga pasaba parte do seu tempo na exposición da Casa dos Monos e o zoolóxico animouno a colgar alí a súa hamaca e a disparar o arco e a frecha contra un branco. O primeiro día da exposición, o 8 de setembro de 1906, os visitantes atoparon a Benga na Casa dos Monos.[4]
Hornaday considerou a exposición un espectáculo valioso para os visitantes e foi apoiado por Madison Grant, secretario da New York Zoological Society, que fixo presión para que Ota Benga estivese exposto xunto aos simios no zoo do Bronx. Unha década despois, Grant convertérase nun prominente antropólogo racista e euxenésico.[20] Os clérigos afroamericanos protestaron inmediatamente ante os funcionarios do zoo pola exposición. Un deles, James H. Gordon, declarou:
A nosa raza, pensamos, xa está o suficientemente deprimida, sen nos exhibir cos simios. Pensamos que somos dignos de ser considerados seres humanos, con almas.[4]
Gordon pensaba que a exposición era hostil ao cristianismo e era unha promoción do darwinismo:
A teoría darwiniana oponse absolutamente ao cristianismo e non se debería permitir unha manifestación pública ao seu favor.[4]
Varios clérigos apoiaron a Gordon.[21] En defensa da representación de Benga como un ser humano inferior, unha editorial do New York Times suxeriu:
Non entendemos ben toda a emoción que outros están expresando no asunto. [...] É absurdo queixarse pola imaxinación e degradación que sofre Benga. Os pigmeos [...] son moi baixos na escala humana, e a idea de que Benga debería estar nunha escola en vez dunha gaiola ignora a alta probabilidade de que a escola fose un lugar [...] do que non podería sacar ningún proveito. A idea de que os homes son todos iguais, excepto porque tiveron ou careceron de oportunidades para ter unha mellor educación, xa está moi anticuada.[22]
Despois da polémica, a Benga permitíuselle percorrer os xardíns do xardín zoolóxico. En resposta á situación, así como ás presións verbais e físicas das multitudes, volveuse máis problemático e algo violento.[23] Nesta época, un artigo do New York Times citaba a Robert Stuart MacArthur dicindo: "Mágoa que non haxa algunha sociedade como a Society for the Prevention of Cruelty to Children. Enviamos aos nosos misioneiros a África para cristianizar á xente e logo traemos un aquí para brutalizalo".[24]
O zoolóxico finalmente retirou a Benga do recinto. Verner non tivo éxito na súa busca de emprego, pero ás veces falaba con Benga. Os dous acordaran que era mellor para Benga permanecer nos Estados Unidos a pesar do trato no zoo.[25] Cara a finais de 1906, Benga foi liberado baixo custodia do reverendo Gordon.
Últimos anos
[editar | editar a fonte]Gordon colocou a Benga no Howard Colored Orphan Asylum, un orfanato patrocinado pola igrexa en Brooklyn que Gordon supervisaba. Como a prensa continuba sendo unha molestia, en xaneiro de 1910, Gordon organizou o traslado de Benga a Lynchburg, Virxinia, onde viviu coa familia McCray.[26]
Para que fose máis doado formar parte da sociedade local, Gordon dispuxo o empaste dos dentes de Benga e comproulle roupa ao estilo americano. Recibiu clases da poeta de Lynchburg Anne Spencer para mellorar o seu inglés e comezou a asistir á escola primaria no Seminario Baptista de Lynchburg.[27][28]
Unha vez que sentiu que o seu inglés mellorara o suficiente, Benga deixou a súa educación formal. Comezou a traballar nunha fábrica de tabaco de Lynchburg e comezou a planificar o seu regreso a África.[22]
Morte
[editar | editar a fonte]En 1914, cando estalou a primeira guerra mundial, o regreso ao Congo fíxose imposible ao paralizarse o tráfico de buques de pasaxeiros. Benga entrou nunha depresión ao ver que as súas esperanzas de regreso á súa terra se esvaecían.[27] O 20 de marzo de 1916, aos 32 ou 33 anos, fixo un lume cerimonial, arrincou os empastes dos dentes e disparouse no corazón cunha pistola prestada.[29]
Foi enterrado nunha tumba sen nome na sección negra do Cemiterio da Cidade Vella de Lynchburg, preto do seu benefactor, Gregory Hayes. Nalgún momento, os restos de ambos homes desapareceron. A historia oral local indica que Hayes e Benga foron finalmente trasladados do cemiterio vello ao cemiterio de White Rock Hill, un cemiterio que máis tarde caeu en mal estado.[30] Benga recibiu un marcador histórico en Lynchburg en 2017.[31]
Legado
[editar | editar a fonte]Phillips Verner Bradford, neto de Samuel Phillips Verner, escribiu un libro sobre o home mbuti, titulado Ota Benga: The Pygmy in the Zoo (1992). En 2020 a Wildlife Conservation Society, encargada do zoolóxico do Bronx, pediu desculpas polo tratamento dado a Benga polo zoo e a promoción da euxenesia.[32][33]
A publicación do libro de Bradford en 1992 inspirou un grande interese pola historia de Ota Benga e estimulou a creación doutras moitas obras, tanto de ficción como de non ficción, como:
- 1994 - O Signature Theatre de Arlington produciu a obra de John Strand, Ota Benga.
- 1997 - A obra Ota Benga, Elegy for the Elephant, de Ben B. Halm, foi representada na Universidade de Fairfield en Connecticut.
- 2002 - Ota Benga foi obxecto do curto documental, Ota Benga: A Pygmy in America, dirixido polo brasileiro Alfeu França. Incorporou películas orixinais gravadas por Verner a principios do século XX.[34]
- 2005 - Un relato ficticio da súa vida retrátase na película Man to Man, protagonizada por Joseph Fiennes e Kristin Scott Thomas.
- 2006 - A banda Piñataland de Brooklyn lanzou unha canción titulada "Ota Benga's Name" no seu álbum Songs from the Forgotten Future Volume 1, que narra a historia de Ota Benga.[4]
- 2006 - Ota Benga é un personaxe de The Fall (filme do 2006).
- 2007 - Os primeiros poemas de McCray sobre Benga foron adaptados como peza de performance; a obra debutou no Columbia Museum of Art en 2007, con McCray como narrador e música orixinal de Kevin Simmonds.
- 2008 - Benga inspirou ao personaxe de Ngunda Oti na película O curioso caso de Benjamin Button.[35]
- 2010 - A historia de Ota Benga foi a inspiración para un álbum conceptual do conxunto musical de St. Louis[36]
- 2011 - A banda italiana Mamuthones gravou a canción "Ota Benga" no seu álbum Mamuthones.
- 2012 - Carrie Allen McCray, cuxa familia coidara de Benga , publicou Ota Benga Under My Mother's Roof, unha colección de poesía.
- 2015 - A xornalista Pamela Newkirk publicou a biografía Spectacle: The Astonishing Life of Ota Benga[37]
- 2019 - A Universidade de Alabama de Birmingham adaptou a historia de Ota Benga no musical Savage.[38]
- 2019 - O Festival de Teatro de Williamstown estreou A Human Being, of a Sort, unha obra baseada na historia de Ota Benga, escrita por Jonathan Payne.[39]
Caso semellante
[editar | editar a fonte]Observáronse similitudes entre o tratamento de Ota Benga e o de Ishi. Este último era o único membro con vida da tribo indíxena americana dos Yahi, e foi exhibido en California ao redor do mesmo período. Ishi morreu o 25 de marzo de 1916, cinco días despois de Ota.[40]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Bradford & Blume 1992, p. 54.
- ↑ Crawford, John R. (1982). "Pioneer African Missionary: Samuel Phillips Verner". Journal of Presbyterian History (1962-1985) (en inglés) 60: 42–57. JSTOR 23328464.
- ↑ Evanzz, Karl (1999). The Messenger: The Rise and Fall of Elijah Muhammad (en inglés). Nova York: Pantheon Books. ISBN 978-0679442608.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 Keller, Mitch (6 de agosto de 2006). "The Scandal at the Zoo". The New York Times (en inglés). Consultado o 3 de setembro de 2021.
- ↑ "From the Belgian Congo to the Bronx Zoo" (en inglés). 8 de setembro de 2006. Consultado o 3 de setembro de 2021.
- ↑ "Caged Congolese teen: Why a zoo took 114 years to apologise". BBC (en inglés). 27 de agosto de 2020. Consultado o 4 de setembro de 2021.
- ↑ Bradford & Blume 1992, pp. 97–98.
- ↑ Bradford & Blume 1992, pp. 102–103.
- ↑ "Row Over a Pygmy". Wilkes-Barre Record (en inglés) (Wilkes-Barre, Pensilvania). 11 de setembro de 1906.
- ↑ 10,0 10,1 Parezo & Fowler 2007, p. 204.
- ↑ 11,0 11,1 Bradford & Blume 1992, pp. 109–110.
- ↑ Bradford & Blume 1992, pp. 12–16 .
- ↑ Bradford & Blume 1992, pp. 118–121.
- ↑ Bradford & Blume 1992, pp. 12–16.
- ↑ Bradford & Blume 1992, pp. 151–158.
- ↑ Bradford & Blume 1992, pp. 159–168.
- ↑ "Looking Back at the Strange Case of Ota Benga". npr.org (en inglés). Consultado o 4 de setembro de 2021.
- ↑ Bradford & Blume 1992, pp. 172–174.
- ↑ Bradford & Blume 1992.
- ↑ Bradford and Blume 1992
- ↑ Spiro 2008, p. 47
- ↑ 22,0 22,1 Spiro 2008, p. 48
- ↑ Smith (1998).
- ↑ "Man and Monkey Show Disapproved by Clergy". The New York Times (en inglés). 10 de setembro de 1906. p. 1.
- ↑ Bradford & Blume 1992, pp. 187–190.
- ↑ Bradford & Blume 1992, pp. 191–204.
- ↑ 27,0 27,1 Spiro 2008, p. 49.
- ↑ Bradford & Blume 1992, pp. 212–213.
- ↑ "Benga, Ota (ca. 1883–1916)". encyclopediavirginia.org (en inglés). Consultado o 4 de setembro de 2021.
- ↑ Bradford and Blume 1992, p. 231
- ↑ "Man caged in NYC zoo to receive historical marker in Lynchburg" (en inglés). 12 de setembro de 2017. Consultado o 4 de setembro de 2021.
- ↑ "Racist Incident From Bronx Zoo’s Past Draws Apology". The New York Times (en inglés). 29 de xullo de 2020. ISSN 0362-4331. Consultado o 4 de setembro de 2021.
- ↑ "WCS Bronx Zoo Apologizes For ‘Disgraceful’ Treatment Of Ota Benga, African Man Displayed In Monkey House 114 Years Ago" (en inglés). 30 de xullo de 2020. Consultado o 4 de setembro de 2021.
- ↑ "Ota Benga, un pigmeo en América (C)". Filmaffinity (en castelán). Consultado o 4 de setembro de 2021.
- ↑ Hornaday, Ann (3 de xaneiro de 2009). ""Basest Instinct: Case of the Zoo Pygmy Exhibited a Familiar Face of Human Nature" (en inglés). Consultado o 4 de setembro de 2021.
- ↑ "Ota Benga". allmusic.com (en inglés). Consultado o 4 de setembro de 2021.
- ↑ Newkirk, Pamela (June 2, 2015). Spectacle: The Astonishing Life of Ota Benga (en inglés). Amistad. ISBN 978-0062201003.
- ↑ Thomason, Shannon (27 de marzo de 2019). "Theatre UAB presents new, original musical “Savage” from April 10-14". Consultado o 4 de setembro de 2021.
- ↑ "A Human Being, of a Sort". wtfestival.org (en inglés). Consultado o 4 de setembro de 2021.
- ↑ Kroeber, Karl; Kroeber, Clifton B. (2003). Kroeber, ed. Ishi in Three Centuries (en inglés). Lincoln: University of Nebraska Press. p. 41. ISBN 978-0-8032-2757-6.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Adams, Rachel (2001). Sideshow U.S.A: Freaks and the American Cultural Imagination (en inglés). Chicago: University of Chicago Press. ISBN 978-0-226-00539-3.
- Bradford, Phillips Verner; Blume, Harvey (1992). Ota Benga: The Pygmy in the Zoo (en inglés). Nova York: St. Martins Press. ISBN 978-0-312-08276-5.
- McCray, Carrie Allen (2012). Kevin Simmonds, ed. Ota Benga under My Mother's Roof (en inglés). Columbia: University of South Carolina Press. ISBN 978-1-61117-085-6.
- Newkirk, Pamela (2015). Spectacle: The Astonishing Life of Ota Benga (en inglés). Amistad. ISBN 978-0-06-220100-3.
- Parezo, Nancy J.; Fowler, Don D. (2007). Anthropology Goes to the Fair: The 1904 Louisiana Purchase Exposition (en inglés). University of Nebraska Press. ISBN 978-0-8032-3759-9.
- Smith, Ken (1998). Raw Deal: Horrible and Ironic Stories of Forgotten Americans (en inglés). Blast Books. ISBN 978-0-922233-20-5.
- Spiro, Jonathan Peter (2008). Defending the Master Race: Conservation, Eugenics, and the Legacy of Madison Grant (en inglés). Burlington: University of Vermont Press. pp. 43–51. ISBN 978-1-58465-715-6.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ota Benga Alliance for Peace, Healing and Dignity Arquivado 13 de abril de 2021 en Wayback Machine. (en inglés).