Saltar ao contido

Vilasobroso, Mondariz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Entidade local menor
Vilasobroso
ConcelloMondariz[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°12′07″N 8°27′12″O / 42.20206898, -8.45325193
Área5,18 km²
Poboación366 hab. (2013)
Densidade70,66 hab./km²
Entidades de poboación5[1]
editar datos en Wikidata ]

San Martiño de Vilasobroso (antes coñecido co nome de San Martiño de Portela) é unha vila e parroquia do concello de Mondariz, na Comarca do Condado. Segundo o padrón municipal tiña en 2013 366 habitantes (165 homes e 201 mulleres), distribuídos en 5 lugares, o que supón unha diminución continuada en relación ós anos 2004, cando tiña 380 habitantes, e 1999, con 416. Hoxe é unha das nove entidades locais menores que existen en Galiza. Foi recoñecida o 13 de setembro de 1924 polo concello de Mondariz, e considerada a segunda vila do Concello. Conserva os seus históricos símbolos identificadores, como o seu escudo de armas e a súa bandeira.

Xeografía

[editar | editar a fonte]

En Vilasobroso atópase o outeiro de Landín, onde está situado o castelo de Sobroso. O territorio parroquial está cruzado polo antigo camiño real ou de postas a Castela, que serve de guía de peregrinos ao santuario cisterciense de Santa María da Franqueira. Dende mediados do século XIX Vilasobroso foi un nó de comunicacións comarcal, ao cruzar por ela a estrada N-120 que unía Vigo con Logroño e que aproveitaba parte do itinerario do antigo camiño real. Pasan tamén pola vila outras estradas provinciais, como a PO-262 de Vilasobroso a Mondariz, a PO-402 de Vilasobroso a Salvaterra e ás Neves, a PO 4402 de Vilasobroso a Mondariz-Balneario e tamén outras estradas locais menores, na sombra de todas estas estradas configurouse o núcleo actual.

O territorio de Vilasobroso ten unha extensión de 5,18 km². O río principal é o Xabriña, que en parte do seu curso serve de límite parroquial con Queimadelos e Mondariz.

Os primeiros habitantes que deixaron pegada foron os castrexos, concretamente no lugar das Chans. O castelo de Sobroso foi construído nun esporón do Monte Landín, tendo como precedente un castelo altomedieval nun outeiro mais arriba, do que só quedan unha fonte e un muro.

O castelo de Sobroso foi un centro de poder feudal no sur de Galicia. Vilasobroso aparece citada por primeira vez no ano 1170 nun documento de doazón real outorgado polo rei Fernando II de León ao bispo de Tui. Nela, esta poboación aparece escrita baixo o título de Vila San Martini de Portela subcastelo de Sobroso, xa que ao seu pé pasaba o vello camiño Real entre Vigo e Castela e se cobraba o portádego aos transeúntes.

Vilasobroso foi a orixe e cabeza do señorío do seu nome. O marquesado de Sobroso foi concedido o 18 de maio de 1625 polo rei Filipe IV ao señor de Sobroso, García Sarmiento de Sotomayor. Daquela época queda o castelo, restaurado sen axuda económica do Estado entre 1923 e 1967 baixo a dirección do daquela propietario o xornalista local Alejo Carrera Muñoz, que tamén conseguiu mudarlle o nome ao lugar. Así, en 1924 San Martiño da Portela constituíuse como entidade local menor,[2] e en 1926 pasou a se denominar Vilasobroso.[3][4]

Cultura e deporte

[editar | editar a fonte]

Monumentos

[editar | editar a fonte]
Igrexa parroquial de San Martiño.
Eucalipto e palco da música.

Consérvanse os seguintes monumentos:

  • Castelo de Sobroso, século XI;
  • Igrexa de San Martiño, século XVIII;
  • Cruceiro de Vilasobroso, século XIX;
  • Fonte da Vila, situada na Vila Queimada, antiga poboación matriz de Vilasobroso;
  • Palco da Música (monumento adicado as bandas de Música e Gaiteiros de Galicia), século XX;
  • Cemiterio de Vilasobroso, século XX;
  • Centro Veciñal, sede da Xunta Veciñal da Entidade Local Menor de Vilasobroso
  • Capela Veciñal de Santa Lucia de Vilasobroso
  • Capela de Fátima, século XX.

Festas e romarías

[editar | editar a fonte]

En Vilasobroso celébranse ao longo do ano diversas romarías.

  • O luns de Pentecoste ten lugar unha peregrinación á romaría das Pascuillas, da Franqueira. Nese día hai procesión ata a capela de Santa Lucía e súbese cara a Cumiar e Mouriscados ata chegar ao mosteiro de Santa María da Franqueira. Á tardiña retórnase polo mesmo vieiro e celébrase unha romaría ao pé da capela.
  • O derradeiro domingo de agosto, Santa Lucía de verán, ao pé da súa capela celébrase dende 1932 unha romaría con misa e procesión. É de destacar a súa faceta gastronómica, cos produtos máis populares da terra.
  • O día do patrón, San Martiño, o día 11 de novembro, celébrase outra romaría popularmente coñecida como festa do patrón e das castañas.
  • O 13 de decembro celébrase a festa de Santa Lucía na súa capela, no parque veciñal de Valiño.

En 1931 Vilasobroso tivo o seu primeiro xornal, titulado El Sobroso. Tivo unha duración de tres anos, era distribuído pola bisbarra e na numerosa colonia de sobroseños de Lisboa. Foi fundado polo xornalista de Vilasobroso Alejo Carrera Muñoz, e José Estévez Alfaya e Ramiro Vidal Carrera.

A Asociación Cultural Recreativa Casino de Vilasobroso, nos anos da posguerra (1949), publicaba o Boletín de información do Casino de Vilasobroso, con información da asociación e máis datos de interese para a toda a colectividade.

No ano 2000 publicouse O Sobroso de información diversa, foron publicados varios números.

Entidades culturais e deportivas

[editar | editar a fonte]
  • Asociación Cultural Recreativa Casino de Vilasobroso (fundado en 1924).
  • Agrupación Deportiva Vilasobroso (Club de Fútbol).
  • A.C.D. Sobroso (Fútbol Sala).
  • Asociación Cultural Santa Lucia de Vilasobroso.
  • Sociedade Folclórica Cultural Sonatas Sobroseñas.

Rutas de sendeirismo

[editar | editar a fonte]

No territorio de Vilasobroso atópanse diferentes rutas, tales como o camiño dende o Castelo de Soutomaior a Vilasobroso, do Castelo de Sobroso ao santuario da Franqueira, o Camiño Real de Sobroso e outros como o da Picaraña e o de Mondariz-Balneario tamén á fortaleza de Sobroso.

[editar | editar a fonte]
  • Imos con ledicia/ que vén a par noso/ a Virxe bendita/ de Vilasobroso [5].

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias

[editar | editar a fonte]

Lugares de Vilasobroso

[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Vilasobroso no concello de Mondariz (Pontevedra)

O Cruceiro | A Pena | Saniñáns | Veigadraga | Vilasobroso

Parroquias de Mondariz

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Mondariz

Frades (San Martiño) | Gargamala (Santa María) | Lougares (San Fiz) | Meirol (Santo André) | Mondariz (Santa Baia) | Mouriscados (San Cibrán) | Queimadelos (Santa María) | Riofrío (San Miguel) | Sabaxáns (San Mamede) | Toutón (San Mateo) | Vilar (San Mamede) | Vilasobroso (San Martiño)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • GARRIDO RODRÍGUEZ, J. Fortalezas de la antigua provincia de Tuy, 252 paxs., ISBN 84-505-7053-0, Pontevedra (en castelán).
  • GUTIÉRREZ, A. (1963): El Castillo de Sobroso, 136 páxs., Vigo (en castelán).
  • GONZÁLEZ PÉREZ, C. (1969): Tierra del Condado, 47 páxs., Vigo (en castelán).
  • PINO PIÑEIRO, M. (1988): El Castillo de Villasobroso y su historia, 43 páxs., Vigo (en castelán).
  • MÁRQUEZ PARAMÉS, J. Sobroso Baluarte Historico de Galicia, 352 páxs., ISBN 84-88272-29-4, Vigo (en castelán).
  • RISCO, Vicente: (1962): "Cultura espritual", en Historia de Galiza tomo I, (reed. Akal 1979, 255-777).

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]