Saltar ao contido

Papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Bispo de Roma»)
Papa
O Papa Francisco, actual Papa da Igrexa Católica Editar o valor en Wikidata
Tipocargo, cargo episcopal, cargo electo e oficial
Campo de traballopapacy
PaísCidade do Vaticano
Na rede
https://www.vatican.va/holy_father/index.htm, https://www.vatican.va/holy_father/index_it.htm, https://www.vatican.va/holy_father/index_ge.htm, https://www.vatican.va/holy_father/index_sp.htm, https://www.vatican.va/holy_father/index_po.htm, https://www.vatican.va/holy_father/index_fr.htm e https://www.vatican.va/latin/latin_popes.html
Twitter: Pontifex BNE: XX525846 Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Papa é como se coñece ao bispo e patriarca de Roma, supremo líder espiritual da Igrexa católica e tamén xefe do Estado do Vaticano. Papa é tamén o título dos patriarcas da Igrexa copta e da Igrexa apostólica armenia.

O Papa formalmente ten os títulos de

  • Bispo de Roma,
  • Vigairo de Cristo,
  • Sucesor do príncipe dos apóstolos,
  • Sumo Pontífice,
  • Primado de Italia,
  • Arcebispo e metropolita da provincia romana,
  • Soberano do Estado do Vaticano e
  • Servidor dos servidores de Deus,

aínda que no dereito canónico sexa apenas referido como pontífice romano.

Elección

[editar | editar a fonte]

Nos comezos da Igrexa, os sucesores de san Pedro eran simplemente os bispos de Roma e vigairos de Pedro, a partir do 495 comeza a empregarse o título de vigairo de Cristo. O título de papa non existía antes de 306 e durante moito tempo foi tan só un título e de respecto e cortesía, ata 325, o vigairo de Pedro, co Concilio de Nicea exercía tan só a función dun metropolita como bispo de Roma. A fins do século VIII o título estaba xeneralizado para designar os bispos de Roma, pero non foi ata Gregorio IX (1073 - 1085) que se oficializou como o título formal para os sucesores de Pedro.

Nos primeiros tempos os papas eran elixidos por aclamación do pobo de Roma (e nalgúns casos por imposición de certos reis), coas consecuentes discusións e problemas (chegou a haber ata 3 papas ao tempo). Actualmente a elección dun papa faise a través de votación (secreta desde 1274) dos cardeais con menos de 80 anos e reunidos nun conclave. En teoría, calquera home bautizado pode ser elixido papa, aínda que se escolla sempre un dos cardeais. O cargo é vitalicio, aínda que houbo renuncias, como a do papa Celestino V.

O papa está auxiliado pola Curia romana, o goberno da Igrexa católica. A presenza tradicional do papa en Roma non obriga a que o papa resida na cidade. Tal aconteceu cando, entre 1309 e 1378, a residencia papal estableceuse en Aviñón (sur de Francia).

Fundación da Igrexa

[editar | editar a fonte]
Pintura do martirio de san Pedro - a Igrexa católica considera o momento da súa fundación cando Pedro, despois bispo de Roma, foi elixido por Xesús como xefe dos apóstolos.

A tradición católica afirma que, o primeiro xefe da Igrexa católica (o primeiro papa) foi san Pedro, a quen, Xesucristo dixo Ti es Pedro e sobre esta pedra construirei a miña Igrexa (Mateu XVI:18-19).

O evanxeo reflicte a vontade de Xesus de que os seus discípulos permanecesen unidos baixo a dirección de Pedro, a quen Cristo deu o nome nun momento solemne, levando os seus apóstolos á cidade de Cesarea de Filipo: "Ti és Pedro e sobre esta pedra, edificarei a miña Igrexa. A ti che darei as chaves do reino dos ceos; e todo o que ligares na terra será ligado nos ceos, e todo o que desligares na terra será desligado nos ceos" (Evanxeo segundo san Mateu, 16, 13-20).

O goberno xerárquico da Igrexa católica baséase posteriormente na autoridade dos sucesores dos Apóstolos, chamados Bispos, reunidos en concilio baixo a autoridade do primaz de todos os Bispos, o Bispo de Roma, porque tanto san Pedro como san Paulo morreran en Roma, e de aí a igrexa da cidade ser recoñecida como cabeza das demais. Para o caso de san Paulo, alén do testemuño das súas cartas desde a prisión en Roma, existen testemuños arqueolóxicos e escritos do seu martirio en Roma.

Máis importante é o caso de san Pedro, de quen propiamente se considera que suceden os outros 264 papas. Das escavacións arqueolóxicas realizadas na segunda metade do século XX por baixo do altar maior da basílica de San Pedro no Vaticano parece probarse que o túmulo principal alí situado, xunto a varias inscricións co nome "Petrus", contén vestixios do século I. Existen adicionalmente testemuños escritos. De entre os máis importantes están:

  • A carta de Clemente Romano (terceiro sucesor de Pedro), dirixida no ano 98 aos fieis de Corinto. Nela mencionase o martirio de Pedro en Roma no ano 64, e tamén o de Paulo. O feito de que se dirixa con autoridade a unha Igrexa distante (grega) deixa claro que os cristiáns recoñecían a autoridade do sucesor de Pedro.
  • Vinte anos despois (117), o Bispo Ignacio de Antioquía (Igrexa que tamén fora presidida por Pedro), escribiu sete cartas aos seus fieis mentres viaxaba para Roma, como condenado á morte. Nunha delas pide aos cristiáns romanos que non intercedan pola súa liberación, esclarecendo que "Non os mando como Pedro e Paulo". Alén do testemuño do martirio romano dos principais apóstolos, parece mostrar a submisión das demais igrexas á de Roma.

Papel político

[editar | editar a fonte]
Papa Gregorio VII

Hoxe en día, o papel político do papa tradúcese principalmente no exercicio dun cargo cerimonial, relixioso e diplomático, aínda que ata 1870 a autoridade temporal do papa se exercía sobre un territorio no centro de Italia, denominado Estados Pontificios, aos que os papas non quixeron renunciar ata seren forzados cando a reunificación italiana.

A antigüidade do estatuto secular e de condución de asuntos de estado do papa é demostrada xa na confrontación do papa León I con Atila en 452 e aumentou substancialmente en 754, cando o líder dos francos Pipino, o Breve doou ao papa un territorio que formaría a base dos futuros Estados Papais. No ano 800, o papa León III coroou a Carlos Magno como Emperador, paso decisivo no camiño para o Sacro Imperio Romano. Desde esa data tornouse unha tradición a coroación dos emperadores polo papa, ata Carlos V. Napoleón Bonaparte fixo revivir esa tradición facéndose coroar do mesmo modo.

Conxuntamente coa posición do papa como rexente territorial e príncipe da Cristiandade (especialmente preeminente cos papas do Renacemento como Alexandre VI e Xulio II), e como líder espiritual do Sacro Imperio Romano (máis relevante con papas como Gregorio VII e Alexandre III), o papa, como supremo pontífice, ten autoridade política e temporal. Algúns dos exemplos ao longo da historia son a bula Laudabiliter en 1155 (que autoriza a Henrique II de Inglaterra a invadir Irlanda), a bula Manifestus Probatum que recoñece a independencia de Portugal, a bula Inter Caeteras en 1493 (que conduce ao Tratado de Tordesillas no ano seguinte, dividindo o mundo entre Portugal e España) ou a bula Inter Gravissimas de 1582 (que establece o calendario gregoriano, actualmente en uso).

Papel relixioso

[editar | editar a fonte]
Papa Clemente VIII. Estatua sobre a súa tumba.

O papa dispón, para os católicos, de autoridade relixiosa en materia de fe. É igualmente quen aproba e preside ás cerimonias de beatificación ou canonización, e á nomeación de Cardeais. O Concilio do Vaticano I de 1869-1870 definiu o dogma da "Infalibilidade Papal", polo cal pronunciamentos solemnes ("ex-catedra") do papa a respecto da fe e da moral non presentan posibilidade de erro. Desde que foi establecida, a infalibilidade papal só foi usada unha vez, polo papa Pío XII, nos anos 50.

Sucesores

[editar | editar a fonte]

Entre os sucesores de San Pedro foron elixidos 212 italianos, 17 franceses, 11 gregos, 6 sirios, 6 alemáns, 3 españois, 3 norte-africanos, 2 da antiga Dalmacia, 1 portugués, 1 inglés, 1 neerlandés, 1 cretense e dende o século XX 1 polaco, 1 alemán e, dende 2013, 1 arxentino.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]